Kouros
O kouros -plural, kouroi-, (en grego antigo κοῦρος - mozo-, plural κοῦροι) é un tipo de escultura exenta típica da Grecia Arcaica (séculos VII - V a.C.).
Características
[editar | editar a fonte]Consistían nun rapaz novo visto frontalmente de pé, coa perna esquerda lixeiramente máis avanzada, os brazos pegados ao corpo, ás veces algo dobrados á altura dos cóbados e as mans pechadas. Resulta característico o seu sorriso, denominado sorriso arcaico, que máis que unha expresión de xovialidade debe interpretarse como produto dun certo xeito de esculpir a cara. Posúen unha clara influencia exipcia, con dous trazos característicos gregos: o feito de se representaren espidos e a carencia dun alicerce de apoio na parte posterior.
Eran erixidas por familias de clase alta como monumentos funerarios ou a modo de ofrendas nos santuarios dos deuses. Adoitaban levar unha inscrición co nome do doante, polo que servían como unha especie de anuncio do alto rango do que gozaban este e a súa familia dentro da comunidade.
Evolución
[editar | editar a fonte]Os kouroi experimentaron unha evolución dende as primeiras esculturas ás últimas. Así, os primeiros presentaban un aspecto moi ríxido, como de bloque, cunha influencia exipcia moi nítida, exemplificada nun tratamento sumamente estereotipado da cabeleira (Cleobis e Bitón, foto na marxe). Posteriormente, vaise abandonando timidamente esa rixidez en favor dunha postura algo máis natural, aínda que os elementos arcaicos seguen a ser notables (kouros de Anavysos, foto na marxe). Finalmente, xa finalizando a época arcaica grega, os kouroi parécense xa bastante a un rapaz de verdade, cos detalles anatómicos definidos con precisión e unhas proporcións ben coidadas, constituíndo a todas luces un antecdente do ideal clásico da figura humana (Critios, foto na marxe).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Koré.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pomeroy, S.; Burnstein, S.; Donlan, W. e Tolbert, J. (2011). La Antigua Grecia. Ed. Crítica, Barcelona.
- Zarzalejos, M.; Guiral, C. e San Nicolás, M. P. (2010). Historia de la Cultura Material del Mundo Clásico. Universidad Nacional de Educación a Distancia. Madrid.