Jane Goodall
(2019) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Valerie Jane Morris-Goodall 3 de abril de 1934 (90 anos) Hampstead, Reino Unido (pt) |
Educación | Newnham College (en) |
Director de tese | Robert Hinde (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Activismo |
Lugar de traballo | Bournemouth |
Ocupación | activista, etóloga |
Membro de | |
Interesada en | Chimpancé |
Profesores | Robert Hinde (pt) |
Influencias | |
Participou en | |
20 de xaneiro de 2020 | Encontro Anual do Foro Económico Mundial de 2020 |
22 de xaneiro de 2019 | Encontro Anual do Foro Económico Mundial de 2019 |
2005 | commencement at the Syracuse University (en) |
Familia | |
Cónxuxe | Derek Bryceson (1975–1980), morte do cónxuxe Hugo van Lawick (1964–1974), divorcio |
Fillos | Hugo Eric Louis van Lawick () Hugo Van Laere |
Pais | Mortimer Herbert Morris-Goodall e Margaret Myfanwe Joseph |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Medvik >>>:Goodall, Jane, 1934-, Women In Science (en) , (p.90-91) |
Páxina web | janegoodall.org |
|
Dame Valerie Jane Goodall (PhD, DBE), nada como Valerie Jane Morris-Goodall en Londres o 3 de abril de 1934, máis coñecida como Jane Goodall é unha primatóloga, etóloga antropóloga e activista medioambiental británica.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou o comportamento social e familiar dos chimpancés no Gombe National Park en Tanzania. Fixo o recoñecemento da aprendizaxe social, o pensamento, actividade e cultura dos chimpancés salvaxes, a súa diferenciación dos bonobos e a inclusión de ambas as especies co gorila como homínidos.
Unha das súas maiores contribucións á primatoloxía foi o descubrimento do uso de ferramentas polos chimpancés: observou que algúns exemplares introducían ramiñas nos furados dos termiteiros, co que algúns térmites agarraban o pau coas súas mandíbulas e ó retirar o pau podían ser comidas polo animal.[4]
No seu método de estudo dos primates introduciu unha compoñente humana nomeando os animais en troques de asignarlles un número, práctica habitual ata entón.[4]
Pertence ao comité do proxecto dos Dereitos Non-humanos das Nacións Unidas dende a súa creación en 1996 e foi nomeada mensaxeira da paz pola ONU en 2002. No ano 2003 foi recoñecida co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica.
África
[editar | editar a fonte]Goodall sempre foi unha apaixonada dos animais e África, o cal a levou á granxa dun amigo seu nas terras altas de Kenya en 1957[5]. Alí conseguiu traballo de secretaria e seguindo o consello do seu amigo chamou por teléfono ao paleontólogo e arqueólogo kenyano, Louis Leakey, para concertar unha cita para discutir de animais. Leakey, que cría que o estudo dos grandes simios podería dar indicacións da conduta dos primeiros homínidos, estaba en busca dun investigador de chimpancés, aínda que esta idea gardouna para si mesmo. No canto do anterior, propuxo a Goodall que traballase para el como secretaria. Despois de que a súa esposa Mary Leakey aprobara, Louis mandou a Goodall á Garganta de Olduvai en Tanzania, onde puxo en marcha os seus plans.
En 1958, Leakey enviou a Goodall a Londres para estudar a conduta dos primates con Osman Hill e anatomía dos primates con John R. Napier.[6] Leakey recadou fondos e o 14 de xullo de 1960, Goodall foi ao Parque nacional Gombe Stream, converténdose na primeira das Trimates. A súa nai acompañouna -a súa presenza era necesaria para satisfacer os requirimentos de David Antsey, xefe dos gardiáns, quen estaba preocupado pola súa seguridade- Tanzania era Tanganica nese tempo e era un protectorado británico.
Leakey conseguiu os fondos e en 1962, mandou a Goodall, quen non tiña título universitario, a Universidade de Cambridge onde obtivo un doutoramento (PhD) en etoloxía. Foi a oitava persoa á que se lle permitiu estudar un doutoramento sen contar cunha licenciatura previa. Defendeu a súa tese en 1965 baixo a tutela de Robert Hinde, antes mestre de St. John's College, Cambridge, titulada «Comportamento do chimpancé en liberdade», detallando os primeiros cinco anos do seu estudo na Reserva Gombe.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Goodall estivo casada dúas veces. O 28 de marzo de 1964 casou cun nobre holandés, o barón Hugo van Lawick, fotógrafo de vida silvestre, na Chelsea Old Church, Londres, e ela fíxose coñecida co nome de baronesa Jane van Lawick -Goodall durante o seu matrimonio. A parella tivo un fillo, Hugo Eric Louis (nacido en 1967); e divorciouse en 1974. [7]O seguinte ano casou con Derek Bryceson (un membro do parlamento de Tanzania e director dos seus parques nacionais); quen morreu de cancro en outubro de 1980. Coa súa posición no goberno de Tanzania como cabeza do sistema de parques nacionais, Bryceson foi capaz de protexer a investigación de Goodall e de aplicar unha prohibición ao turismo en Gombe mentres estivo vivo.[7]
Goodall expresou a súa fascinación polo Pé Grande.
Ao ser preguntada se cría en Deus, Goodall dixo en setembro do 2010: «Non teño idea de quen ou que é Deus. Pero sí creo nun poder espiritual maior. Síntoo en particular cando estou na natureza. É algo que é máis grande e máis forte que eu ou calquera. Síntoo. Iso é suficiente para min.»
Vida profesional
[editar | editar a fonte]Investigación no Parque nacional Gombe Stream
[editar | editar a fonte]Goodall é coñecida polos seus estudos sobre a vida social e familiar dos chimpancés. Empezou a estudar na comunidade de chimpancés de Kasakela, no Parque nacional Gombe Stream, Tanzania, en 1960. Sen un transfondo universitario que influenciaría a súa investigación, Goodall observou cousas que as estritas doutrinas científicas pasarían por alto. No canto de numerar aos chimpancés que observaba, dáballes nomes como Fifi e David Greybeard, e notou que tiñan personalidades únicas e individuais, unha idea non convencional nese tempo. Descubriu que, «non soamente os seres humanos teñen personalidade, e son capaces de ter pensamento racional e emocións como alegría e tristeza». Ademais observou condutas como abrazos, bicos, palmadas nas costas e mesmo cóxegas que nós consideramos como accións «humanas». Goodall insiste que estes xestos son evidencia de «as relacións afectivas, próximas e de apoio que se establecen entre membros da familia e outros individuos dentro dunha comunidade, que pode ter unha esperanza de vida de máis de 50 anos». Estes achados suxiren que as similitudes entre humanos e chimpancés non só son xenéticas senón que poden ser vistas nas emocións, intelixencia e relacións familiares e sociais.
A investigación de Goodall en Gombe Stream é recoñecida na comunidade científica por contradicir dúas crenzas moi arraigadas naquel entón: que soamente os humanos podían crear e utilizar ferramentas, e que os chimpancés eran vexetarianos. Observando a un chimpancé alimentarse dun termiteiro, puido apreciar que este colocaba repetidamente talos de pasto nos foxos do montículo e removíaos cubertos de térmites, «pescando» térmites efectivamente. Os simios tamén tomaban poliñas das árbores e removíanlles as follas, para facelas máis efectivas, unha maneira de modificar obxectos, o que é o inicio rudimentario da construción de ferramentas. Os humanos distinguíronse a si mesmos do resto do reino animal como Home, o creador de ferramentas» por moito tempo. En resposta aos achados revolucionarios de Goodall, Louis Leakey escribiu: "Agora, debemos de redefinir ao home, redefinir ás ferramentas ou aceptar aos chimpancés como humanos!».[8]
En contraste ás condutas cariñosas e pacíficas que observou, Goodall tamén atopou o lado agresivo da natureza dos chimpancés en Gombe Stream. Descubriu que estes animais feren e cazan a primates máis pequenos como monos colobos sistematicamente. Goodall observou a un grupo de caza illar un colobo[9] na parte alta dunha árbore e bloquear todas as posibles saídas, e despois a un chimpancé rubir, capturar e matar ao colobo. Entón, os outros tomaron cada un unha parte do cadáver, e compartírono cos membros restantes da tropa en resposta a condutas de rogo. Os chimpancés de Gombe matan e devoran ata a un terzo da poboación de colobos no parque cada ano. Isto pola súa propia conta foi un descubrimento maior que desafiou as concepcións previas da conduta e dieta dos chimpancés.
Pero, talvez aínda máis alarmante e perturbadora, era a tendencia á agresión e violencia dentro dos grupos de chimpancés. Goodall observou a femias dominantes matar deliberadamente a femias máis novas no grupo para manter a súa dominancia, ás veces chegando ao canibalismo.[8]
Instituto Jane Goodall
[editar | editar a fonte]En 1977, Goodall estableceu o Instituto Jane Goodall (IJG),[10] o cal apoia á investigación de Gombe, e do cal ela é a líder global, nun esforzo por protexer aos chimpancés e aos seus hábitats. Con dezanove oficinas ao redor do mundo, o IJG é altamente recoñecido polos seus programas de conservación e desenvolvemento en África, innovadores e centrados na comunidade. O seu programa global para a mocidade, Roots & Shoots (Raíces e Brotes) iniciouse en 1991 cando un grupo de dezaseis adolescentes locais reuníronse con ela no seu soportal traseiro, en Dar e Salaam, Tanzania. Eles estaban ansiosos por discutir unha variedade de problemas dos que sabían por experiencia e que lles causaban gran preocupación. A organización agora ten máis de dez mil grupos en máis de cen países.
Debido á excesiva cantidade de notas escritas a man, fotografías e información apilándose no fogar de Jane en Dar e Salaam a mediados dos 90, o Instituto Jane Goodall para o Estudo dos Primates foi creado na Universidade de Minnesota, para organizar e almacenar esta información. Actualmente os arquivos de información orixinais de Jane Goodall residen aí e foron dixitalizados, analizados e situados nunha base de datos en liña. O 17 de marzo de 2011, o portavoz da Universidade de Duke, Karl Bates, anunciou que os arquivos se moverían a Duke, baixo a supervisión de Anne E. Pusey. a directora de antropoloxía evolutiva de Duke, Pusey, quen administraba os arquivos en Minessota e traballaba con Goodall en Tanzania, traballara en Duke por un ano.
Hoxe en día, Goodall dedica virtualmente todo o seu tempo á defensa dos chimpancés e o seu ambiente, viaxando case trescentos días ao ano.[3] Goodall tamén é un membro do consello do santuario de chimpancés máis grande fóra de África, Save the Chimps (Salven aos Chimpancés) en Fort Pierce, Florida.
Activismo
[editar | editar a fonte]En 2011, Goodall apadriñou ao grupo de protección animal australiano, Voiceless, The Animal Protection Institute (Sen voz, o Instituto de Protección Animal). «Por décadas sentín preocupación pola granxa, en parte polo tremendo dano que se inflixe ao medio ambiente, pero tamén pola impactante crueldade perpetuada en millóns de seres sensibles».[11]
En 2012 Goodall tomou o rol de retadora no Desafío de Participación na Conservación coa Escola DO, antes coñecida como Academia D& F. Traballou cun grupo de aspirantes a emprendedor social para crear un taller que puxese en contacto a xente nova coa conservación da biodiversidade, e para atacar o problema percibido da falta de consciencia global no tema.[12]
En 2014 Goodall escribiu a executivos de Air France criticando o continuo transporte de monos cara a laboratorios realizado a través desa aerolínea. Segundo Goodall esta práctica era «cruel e traumática» para os monos involucrados. O mesmo ano, Goodall tamén escribiu aos Institutos Nacionais de Saúde ( National Institutes of Health ou NIH) criticando os experimentos de privación maternal realizados en monos bebé nos seus laboratorios.[13]
Antes das eleccións xerais do Reino Unido de 2015, ela era unha de varias celebridades que aprobaban a candidatura parlamentaria de Caroline Lucas do Partido Verde de Inglaterra e Gales.[14]
Goodall critica a caza de raposo e foi unha das máis de vinte persoas famosas que asinaron unha carta aos membros do parlamento británico en 2015, para opoñerse ao plan do primeiro ministro conservador David Cameron que buscaba emendar a Acta de Caza de 2004 que a prohibía.[15]
En 2020 puxo voz a un poema de Tom Rivett- Carnac apelando á esperanza despois da pandemia do COVID-19.[16]
Críticas
[editar | editar a fonte]Algúns primatólogos suxeriron fallos na metodoloxía de Goodall, cuestionando a validez das súas observacións. Goodall utilizou prácticas pouco convencionais no seu estudo, por exemplo, o poñerlle nomes aos individuos no canto de numeralos, como era habitual nesa época. A numeración utilizábase para previr o apego emocional e a perda de obxectividade.
Goodall escribiu respecto diso en 1993: «Cando, a principios dos 60, púxenme a usar con total descaro palabras como infancia, adolescencia, motivación, estado de ánimo, recibín moitas críticas. Peor aínda foi que me atrevese a suxerir que os chimpancés tiñan personalidades. Atribuírlle aos animais non humanos unhas características humanas equivale a cometer o pecado máis grave da etoloxía:, o antropomorfismo.»[17]
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Ao longo da súa carreira recibiu moitos premios internacionais e recoñecementos:
- 1990 Premio Kyoto[18]
- 1996 Medalla de Tanzania
- 2003 Medalla Benjamin Franklin [19]
- 2003 Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica .[20]
- 2006 Medalla de Ouro da UNESCO[21] e máis de 45 doutoramentos “ honoris causa” de universidades.
- 2018: Doutora Honoris Causa pola Universidade Complutense de Madrid (UCM).[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vilaweb, ed. (18/05/2015). "La primatòloga Jane Goodall, Premi Internacional Catalunya 2015" (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 01/04/2018. Consultado o 31 de marzo do 2018.
- ↑ Editors, Biography com. "Jane Goodall". Biography (en inglés). Consultado o 2022-06-19.
- ↑ 3,0 3,1 "Jane Goodall | National Geographic Society". education.nationalgeographic.org. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ 4,0 4,1 "Jane Goodall's Wild Chimpanzees ~ About | Nature | PBS". Nature (en inglés). 1996-03-03. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ Mulleres nas Bibliotecas da UDC
- ↑ Morell, Virginia (1995). Ancestral passions : the Leakey family and the quest for humankind's beginnings. New York : Simon & Schuster. ISBN 978-0-684-80192-6.
- ↑ 7,0 7,1 @NatGeoES (2019-01-22). "Jane Goodall: cómo una mujer redefinió la humanidad". National Geographic (en castelán). Consultado o 2022-06-19.
- ↑ 8,0 8,1 Goodall, Jane. Reason for Hope: A Spiritual Journey. New York: Warner Books, 1999.
- ↑ "Consulta do termo [colobo] -Dicionario de Galego - DIGALEGO". digalego.xunta.gal. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2018. Consultado o 2018-08-12.
- ↑ Claramunt, Teresa (2015-02-24). "Usuaria desactivada: CIENTÍFICAS EN LA LITERATURA DE FICCIÓN 4. JANE GOODALL Y HELENE MARSH - AMITAV GHOSH". Usuaria desactivada. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "Dr Jane Goodall | Voiceless". web.archive.org. 2017-12-01. Archived from the original on 01 de decembro de 2017. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "Conservation Challenge | The DO School". web.archive.org. 2013-12-14. Archived from the original on 14 de decembro de 2013. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "Jane Goodall and Peter Gabriel urge Air France to stop ferrying lab monkeys". the Guardian (en inglés). 2014-05-20. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "Celebrities sign statement of support for Caroline Lucas – but not the Greens". the Guardian (en inglés). 2015-04-24. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "SNP to vote against Tories on fox hunting ban in England and Wales | News | Scotland Decides". web.archive.org. 2015-07-15. Archived from the original on 15 de xullo de 2015. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "La activista Jane Goodall pone voz a este corto animado sobre un futuro esperanzador". Gràffica (en castelán). 2020-07-05. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ Andriano, Joseph (1999). Immortal Monster: The Mythological Evolution of the Fantastic Beast in Modern Fiction and Film (en inglés). Greenwood Publishing Group. ISBN 978-0-313-30667-9.
- ↑ "Jane Goodall | Kyoto Prize". 京都賞 (en inglés). Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "Jane Goodall". The Franklin Institute (en inglés). 2014-01-15. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2022. Consultado o 2022-06-19.
- ↑ IT, Desarrollado con webControl CMS por Intermark. "Jane Goodall - Premiados - Premios Princesa de Asturias". Fundación Princesa de Asturias (en castelán). Consultado o 2022-06-19.
- ↑ Centre, UNESCO World Heritage. "Jane Goodall receives UNESCO’s 60th anniversary medal". UNESCO World Heritage Centre (en inglés). Consultado o 2022-06-19.
- ↑ "Complutense University of Madrid". www.ucm.es. Consultado o 2022-06-19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Goodall, Jane (2015). 55 años en Gombe : un tributo a cinco décadas y media de investigación, educación y conservación de la vida salvaje. Salamanca: Confluencias. ISBN 978-84-943830-3-8, 84-943830-3-5
- Ottaviani, Jim (2015). Primates, la intrépida ciencia de Jane Goodall, Dian Fossey y Biruté Galdikas (1ª ed ed.). Barcelona: Norma. ISBN 978-84-679-1824-3
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Las primeras primatólogas I: Jane Goodall, maravillada ante los chimpancés del lago Tanganika. no blog Mujeres con ciencia.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- A ciencia ten nome de muller (en Wikibooks)