Hugh Everett
Nome orixinal | (en) Hugh Everett III |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 11 de novembro de 1930 Washington, D.C., Estados Unidos de América |
Morte | 19 de xullo de 1982 (51 anos) McLean, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Fort Lincoln Cemetery (en) |
Residencia | Estados Unidos de América |
Relixión | Ateísmo |
Educación | Universidade de Princeton Universidade Católica de América St. John's College High School (pt) |
Director de tese | John Archibald Wheeler |
Actividade | |
Campo de traballo | Mecánica cuántica |
Ocupación | matemático, físico, físico teórico |
Obra | |
Arquivos en |
|
Familia | |
Fillos | Mark Oliver Everett |
Hugh Everett III, nado en Washington o 11 de novembro de 1930 e finado en McLean (Virxinia) o 19 de xullo de 1982, foi un físico estadounidense. É coñecido pola súa proposta de interpretación de moitos mundos (IMM) da Física cuántica, formulación que el denominou do "estado relativo".
Desenvolveu o uso de multiplicadores de Lagrange na investigación operacional e aplicou esta comercialmente como analista de defensa e como consultor. Acabou por abandonar a física logo do seu doutoramento, desanimado pola falta de respostas ás súas teorías polo resto da comunidade física.[1]
Casou con Nancy Gore, con quen tivo dous fillos, Elizabeth e Mark Oliver Everett. Este último é un coñecido cantante e compositor estadounidense, máis coñecido como Mr. E ou simplemente E, que lidera a banda Eels, e que dirixiu un documental sobre o seu pai, titulado Parallel Worlds, Parallel Lives, en que entrevista outros físicos arredor da obra de Hugh Everett.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os primeiros anos
[editar | editar a fonte]Everett naceu e creceu na contorna da cidade de Washington, nos Estados Unidos. Tras a segunda guerra mundial, a súa familia trasladouse a Europa, xa que o seu pai foi destinado á Alemaña Occidental, desde onde Hugh visitou Leipzig na entón Alemaña Oriental, en 1949.
De volta nos EUA, en 1953 graduouse en enxeñaría química na Universidade Católica de América e logo recibiu unha bolsa da Fundación Nacional da Ciencia, que lle permitiu acceder á Universidade de Princeton, onde iniciou os seus estudos no departamento de Matemáticas, traballando no entón novo campo da teoría dos xogos, e foi introducíndose tamén no campo da Física, especialmente na introdución á Física cuántica, da man do profesor Robert Dicke.
A súa etapa de Princeton
[editar | editar a fonte]No seu segundo ano en Princeton, a partir de 1954, cambiouse xa ao departamento de Física. Ese curso os seus estudos centráronse nos métodos de Física matemática, con Eugene Wigner. Con todo, continuou tamén os seus estudos de Matemáticas e ao final do ano presentou un traballo sobre a teoría dos xogos militares.
Rematados os seus estudos, en 1955 comezou xa a traballar con John Wheeler, director da súa tese de doutoramento, que un tempo despois chegaría a facelo mundialmente coñecido. Escribiu un par de artigos curtos sobre a teoría cuántica e, en abril de 1956, completou o seu extenso traballo titulado Ondas mecánicas sen probabilidade, máis tarde renomeado como A teoría da función de onda universal. Finalmente, defendeu súa tese despois dalgún atraso na primavera de 1957.[2]A casualidade fixo que o seu traballo fose mecanografado pola secretaria do departamento da Universidade de Princeton, Nancy Gore, con quen Everett casou o ano seguinte.[3][4]
Despois de Princeton
[editar | editar a fonte]En xullo dese mesmo ano, publicou no volume 29 de Reviews of Modern Physics un pequeno artigo, que fora un compromiso entre Everett e Wheeler, sobre como presentar o concepto, case idéntico á versión final da súa tese, que tamén contaba cunha contribución de apoio do propio Wheeler. Nese momento, en que Everet xa abandonara a universidade e traballaba no ámbito da defensa, o mundo da física prestoulle pouca atención ao seu traballo.
Durante marzo e abril de 1959, por petición de Wheeler, Everett visitou Copenhague, aproveitando unhas vacacións coa súa esposa e a súa filla, co fin de coñecer a Niels Bohr, o pai da "interpretación de Copenhague da mecánica cuántica". A visita resultou un desastre, xa que Everett foi incapaz de comunicar a idea central de que a función de onda debería ser considerada como un campo real clásico, o que era simplemente unha herexía para Bohr. A fenda conceptual entre as súas posicións era demasiado grande como para que se puidese soster unha reunión. Léon Rosenfeld, un dos seguidores de Bohr, falando sobre a visita de Everett, describiuno como "indescritibelmente estúpido, incapaz de entender as cousas máis simples da mecánica cuántica". Everett máis tarde describiu a experiencia como "un inferno... condenado desde o inicio".[5]
En 1962, Everett aceptou unha invitación para presentar a formulación do estado relativo (como aínda se chamaba) nunha conferencia sobre os fundamentos da mecánica cuántica realizada na Universidade Xavier de Cincinnati. Na súa presentación, Everett amosou a súa derivación da probabilidade e tamén explicitamente que os observadores en todos os ramos da función de onda eran igualmente válidos. Alí tamén concordou cunha observación que o número de ramos da función de onda universal era un conxunto infinito.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Many Worlds of Hugh Everett" de Peter Byrne, en Scientific American. Decembro de 2007. [En inglés]
- ↑ Fabio Freitas, Os estados relativos de Hugh Everett III: uma análise histórica e conceitual. [En portugués]
- ↑ Mark Oliver Everett, Things the Grandchildren Should Know, ISBN 978-0-316-02787-8. [En inglés]
- ↑ Eugene Shikhovtsev, Biographical Sketch of Hugh Everett, III, Eugene Shikhovtsev's Biography of Everett. Mantido por Max Tegmark. [En inglés]
- ↑ Stefano Osnaghi, Fabio Freitas, Olival Freire Jr. "The Origin of the Everettian Heresy Arquivado 28 de maio de 2016 en Wayback Machine.", Studies in History and Philosophy of Modern Physics 40 (2009) 97-123. [En inglés]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Byrne, Peter. The Many Worlds of Hugh Everett III: Multiple Universes, Mutual Assured Destruction and the Meltdown of a Nuclear Family. Oxford University Press, 2010. [ISBN 978-0-19-955227-6]
- John Archibald Wheeler, Geons, Black Holes & Quantum Foam. W W Norton & Co Inc, 2000. Páxinas 268–270. [ISBN 0-393-31991-1]
- Mark Oliver Everett, Things the Grandchildren Should Know. Little, Brown & Company. 2007. [ISBN 978-0-316-02787-8]
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía de Hugh Everett, por Eugene Shikhovtsev (en inglés).
- Cuestións frecuentes sobre o modelo de Everett. Por Michael Clive Price (en inglés).
- Documentos e manuscritos de Hugh Everett Arquivado 08 de maio de 2012 en Wayback Machine.. Universidade de California (en inglés).