Hermes co neno Dioniso
Hermes co neno Dioniso | |
---|---|
Artista | Praxíteles |
Data | Contra o -330 |
Técnica | Escultura de mármore de Paros |
Dimensións | 215 cm × cm |
Localización | Museo arqueolóxico de Olimpia (Olimpia, Grecia) |
Hermes co neno Dioniso, tamén chamado Hermes de Olimpia é unha obra escultórica grega de mármore de 2,13 m de alto creada polo escultor Praxíteles (en grego antigo, Πραξιτέλης) arredor do ano 343 a.C. Trátase dunha obra exenta vulto redondo que se exhibe actualmente no Museo Arqueolóxico de Olimpia, dende que fora descuberta por un grupo de arqueólogos alemáns nas ruínas do templo dedicado a Hera en Olimpia no ano 1877.
A temática da obra é a mitoloxía clásica grega, xa que se representa ao deus Hermes sostendo a Dioniso de cativo. Esta escultura recolle o momento no que Hermes (fillo de Zeus e Maia) leva ao seu medio irmán aos reis de Orcómeno, temendo que Hera queira vingarse da infidelidade do seu marido Zeus. Hermes fai unha parada no camiño para ofrecer un acio de uvas ao neno, unha alusión ao futuro de Dioniso, xa que será o deus do viño. No rostro de Hermes conflúen o sorriso e a fatiga.
Autor
[editar | editar a fonte]Praxíteles foi un dos grandes escultores gregos, representante destacado da escola ática durante a parte central do século IV a.C. Foi un escultor recoñecido na súa época e tamén posteriormente polo romanos que foron coñecedores e admiradores da súa obra. A súa biografía é bastante descoñecida e, neste sentido, as fontes son contraditorias. Pertenceu a unha dinastía de escultores: o seu avó, de quen recibira o nome, traballara con Fidias na Acrópole de Atenas. Tamén seu pai era escultor, Cefisodoto o Vello, de quen coñecemos unha obra orixinal do grupo denominado Irene e Plutón (tamén chamado A Paz e a riqueza) que puido servir de inspiración para a realización do Hermes.[1]
Praxíteles naceu ao redor do 400 a.C. e sábese, tamén, que traballou en Atenas, onde tivo un taller e que foi da mesma época que Lisipo e Escopas de Paros, cos que formou o trío de escultores máis representativo da segunda fase do clasicismo.[2] Crese que tivo relacións coa cortesá tespia Friné, que faría de modelo da súa escultura Afrodita de Cnido. Plinio o Vello sitúa o seu cumio artístico despois da 104ª olimpíada (é dicir, do 364 ao 361 a.C.) e sinala que Eufranor foi un escultor contemporáneo seu.[3] Hai poucas obras que se poidan considerar orixinais de Praxiteles e, aínda que hai dúbidas sobre a autoría do Hermes con Dionisio de neno, xeralmente é considerada como obra orixinal do artista.[4]
Praxíteles coñecía perfectamente as cualidades do mármore e nas súas obras representa, acotío, adolescentes fermosos cunha dozura e delicadeza na xestualidade contraria á escultura atlética do século anterior. As súas esculturas representan a voluptuosidade e unha sensalidade refinada aparecendo, os seus personaxes, cun certo aire tristeiro e mol. Representou as divindades como seres mortais e, mesmo, atreverse a representa a unha deusa completamente espida na Afrodita de Cnido.[5]
Praxíteles, xunto con Lisipo e Scopas, é o gran representante do clasicismo tardío. As súas obras traslocen unha beleza sutil e un tratamento das formas moi particular que deixa como concepto, na historia da arte, a curva praxiteliana, na que o corpo ten un punto de apoio que obriga a arquear a cadeira, dando sensación dunha insetabilidade, estable.
Historia
[editar | editar a fonte]En 1874, Grecia asinou co Imperio alemán un acordo para a exploración arqueolóxica de Olimpia. As escavacións comezaron durante o ano seguinte dirixidas por Ernst Curtius. O 8 de maio de 1877, atopouse esta escultura nas ruínas do templo de Hera (Heraeum ou Heraion) onde fora visto pos Pausanias.[6] Aínda que este asegurara que estaba non templo de Hera no pasado, é dicir, xa no século II a.C. e que a citara xunto con outras grandes obras da época clásica, daquela, o Heraion tamén contiña estatuas romanas. Descoñécese se estivera nese lugar dende o século IV a.C.
Tratábase dunha escultura masculina espida (cabeza, tronco, coxas e brazo esquerdo) que representaba un mozo que se apoiaba nun tronco de árbore cun manto. O seu estado de conservación era excepcional, grazas a que estaba cuberto dunha grosa capa de arxila.
Posteriormente, en diferentes campañas, fóronse descubrindo outras seis pezas diferentes, até chegar ao grupo escultórico tal como pode verse hoxe en día. Ao Hermes faltáballe o antebrazo dereito, dous dedos da man esquerda, as dúas pernas a partir dos xeonllos, o pé esquerdo e os atributos sexuais; ao neno Dionisos, faltábanlle os brazos (agás a man dereita, que a pousaba sobre o ombreiro de Hermes) e a punta do pé dereito. Finalmente, non apareceu a maior parte da árbore nin o pedestal.
Polémica sobre a autencicidade
[editar | editar a fonte]A prol
[editar | editar a fonte]O xeógrafo grego do século II, Pausanias, na súa obra Descrición de Grecia (V, 17,3), comentou que vira unha estatua de tema similar no templo de Hera en Olimpia e atribuíuna a Praxíteles: «... despois ofreceron outros ao Heraion, un Hermes de pedra que leva ao neno Dioniso e é obra de Praxíteles...».[7] Dende o seu descubrimento, a obra atribúese á representación de Hermes co neno Dioniso, mencionada por Pausanias. Georg Treu, un dos descubridores, escribiu con entusiasmo: "Non sei das obras de arte que vin, ningunha que permita comparala. Non hai dúbida de que é un orixinal de Praxiteles".[8] Tamén a prol da atribución a Praxíteles está frederick Hartt para quen "a calidade desta escultura é moi superior á de calquera copia antiga coñecida".[9]
O grupo escultórico ten un gran virtuosismo técnico e a característica "curva praxiteliana": unha curvatura suave na cadeira de Hermes ao apoiar o brazo nun tronco de árbore. A expresión no seu rostro é nostálxica e cunha mirada solta típica de Praxíteles, a flexibilidade, o aire xuvenil do deus e o tratamento dos músculos, sen dúbida, relaciónano co Apolo Sauróctono do Museo do Louvre, como tamén sucede co Sátiro en repouso nos Museos Capitolinos e coa Afrodita de Cnidos no Palacio Altemps de Roma.[10] No entanto, é o único exemplar deste tipo coñecido, mentres existen múltiples copias do Sátiro e da Afrodita de Cnido.[11]
Tamén, a favor da tese praxiteliana, ou polo menos, de que é un segundo orixinal grego dos clásicos, se argumentou como proba, o material; aínda que todos os exemplares coñecidos son de mármore do Pentélico olímpico, o Hermes é mármore de Paros.[12] Tamén se ten comprobado que a cabeza do pequeno Dioniso é semellante á das estatuas do pequeno Dioniso atopadas en Braurón e que datan de finais do século IV a.C. ou principios do século III a.C.: Hermes é, polo tanto, un orixinal do século IV a.C.
Dúbidas
[editar | editar a fonte]Doutra banda, o autor romano Plinio o Vello, na súa enciclopédica Naturalis Historia (libro VI),[13] atribuíu a Cefisodoto (que posiblemente fose o pai de Praxíteles) unha escultura de Hermes co infante Dioniso, pero en bronce, e non menciona estoutra de mármore.
Igualmente, algunhas peculiaridades estilísticas parecen incompatibles cunha datación do século IV a.C. Así, ao contrario das esculturas habituais da época, o pelo faise principalmente mediante o trépano; o cicel só se usa para algúns puntos; aínda que tamén pode ser unha innovación de Praxíteles. Ademais, o acabado do tronco da árbore feito coa gubia e non co "gradina"[14] é bastante infrecuente no século IV. Tamén o deseño das sandalias é máis común no período helenístico que na época clásica.[15] Finalmente, o piído da estatua é bastante característico dos mármores do período imperial romano, aínda que tamén é posible que os resultados da acción de puído sexan un estudo aplicado como preparación para recibir a pintura, unha técnica da que se sabe relativamente pouco.
Toda esta serie de elementos levou a propor outros autores en lugar de Praxíteles. Así, o Hermes podería ser obra dun escultor do período helénico próximo ao romano e a adxudicación praxiteliana deberíase a un erro ou confusión de Pausanias. Carl Blümel propón unha solución que permita o testemuño de Pausanias e unha adxudicación tardía: Hermes é obra dun "Praxíteles" pero é, de feito, un escultor do século II a.C., cuxa sinatura atopouse nas escavacións de Pérgamo. Non obstante, hai controversia sobre a datación da obra, que algunhas características estilísticas parecen ser de épocas posteriores polo que algúns expertos cren que se trata dunha copia do século I e un orixinal de Praxíteles do século IV a.C.[16]
Tema
[editar | editar a fonte]Segundo relatos da mitoloxía grega, Dioniso era fillo de Zeus e Sémele, unha mortal, filla de Cadmo, rei de Tebas, e de Harmonía. Sémele pediulle a Zeus que lle amosara canto poder posuía e, Zeus, o rei dos deuses olímpicos, amosoullo con todo o seu potencial. Daquela, Sémele morreu por mor do lume provocado pola tormenta ocasionada por Zeus;[17] mais coma este sabía que Sémele estaba embarazada, sacoulle o bebé do ventre e o coseuno na súa coxa. Ao cabo de seis meses, segundo o mito, naceu Dioniso, que por iso tamén é coñecido como "o deus nado dúas veces".[17]
Pouco despois do nacemento, a súa custodia recaeu en Hermes, tamén fillo de Zeus, para que o protexese de Hera e o levase para quedar ao coidado de Atamante e maila súa espoa Ino (irmá de Sémele),[17] reis de Orcómeno. Posiblemente, a escultura realizouse como unha alegoría de paz entre os habitantes de Elis, que tiñan a Hermes como patrón e Arcadia, que tiñan a Dioniso.[18]
Análise
[editar | editar a fonte]O grupo está esculpido nun bloque de mármore de Paros da mellor calidade. Hermes mide entre 210 e 215 centímetros, e o traballo completo coa base é duns 370 centímetros. O pé dereito de Hermes está suxeito a un anaco de zócolo, que ten furados que non caben na coroa da base, o que reflicte os cambios realizados na estatua. Outras partes do grupo están igualmente separadas. Non obstante, o tronco da árbore está unido á cadeira de Hermes para a colocación dunha ponte.
O rostro e o torso de Hermes están puídos, case brillantes, "ao que contribuíron", bromea John Boardman, "xeracións de empregadas do templo".[19] Porén, nas súas costas ten marcas de arañazos e ciceles e o resto da estatua só está parcialmente puído.
No cabelos, dende que se descubriu, aprécianse pequenas pegadas de cinabrio,[20] un composto de sulfuro de vermello de mercurio, unha cor que probablemente non sexa real, senón unha preparación para o dourado.[21]A cor atópase nas correas da sandalia orixinal do pé, que tamén presenta restos de ouro; ademais, a sandalia ten un debuxo de Heracles feito en pintura e que nace no motivo tallado nas correas entre os dedos. Probablemente, tiña os ollos e os beizos vermellos.
Realizáronse grandes esforzos para que a restauración da escultura tivese o maioir grao de calidade e de respecto á obra orixinal. Así, na versión conservada no Museo de Olimpia, Hermes non ten os atributos clásicos de levar un petasos[22] na cabeza, ou ir calzado con sandalias aladas e, semella máis probable que levase unha coroa de hedra como adorno.[23] Na man esquerda termaba doutro atributo: probablemente un caduceo. Igualmente, para o brazo superior dereito desaparecido de Hermes, téñense suxerido varias interpretacións. Parece que o grupo representaba o episodio mitolóxico cando Hermes levaba a Dioniso xunto das ninfas da montaña Nisa.[24] Nun descanso do camiño, e para distraelo, sacode un obxecto coa man dereita que podería ser un instrumento musical ou, seguramente, un acio de uvas.[25]
Técnica
[editar | editar a fonte]- Hai dúbidas sobre a obra é unha obra orixinal ou unha copia romana. Porén, mantén varios dos rascos clásicos das obras de Praxíteles. Este autor introduciu un novo dinamismo nas figuras que quería representar e que se corresponde cun tipo de contrapposto, que consiste en apoiar o peso do corpo sobre unha das pernas, que ao facer que sobresaia a cadeira cara ao lado contrario, crea unha sutil liña en forma de S.[26] É o que se denomina curva praxiteliana.
- Como soporte para as figuras de mármore, adoitábase empregar árbores ou troncos ou elementos semellantes que formaban parte da composción, en troques de seren obxectos estraños a el. O corpo proxectábase, levemente, cara a adiante e colocábase un brazo sobre ese obxecto de apoio, normalmente á súa dereita, co que conseguía que a composición e a figura non fose demasiado ríxida. A composición de Hermes co neno Dioniso, está influída pola obra de Cefisodoto, Eirene e Plutos (A Paz e a Fortuna),[27] na que o peso das dúas figuras se apoia sobre o tronco dunha árbore.[26]
- As caras aparecen nunha vista de tres cuartos. O lixeiro movemento das cabezas sempre teñen unha causa xustificada, un sentido, como mirar cara a outro tema da escultura, como ao lagarto, no Apolo Sauróctono, ou cara a Dioniso, no Hermes co neno Dioniso. Este recurso, pecha a representación na mesma narración do suxeito, sen necesitar que o espectador que observa a escultura, participe. Chega coa anécdota representada, para invitar ao espectador a participar e descubrir o motivo da obra.[28]
- As estatuas de Praxíteles, adoitaban estar policromadas, sendo Nikias o seu pintor preferido. O tratamento dado ás superficies das súas esculturas é moi delicado e o puído do mármore destaca polos virtuosismo co que se tratou.[26]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pijoan (1966), p. 188
- ↑ Azcárate (1986), p.73
- ↑ Plinio o Vello, Historia Natural XXXIV, 50
- ↑ VV.AA. (1984), Volume XII
- ↑ Barral i Altet (1987), p. 186
- ↑ Pijoan (1966), p. 191
- ↑ Richter (1980), p. 144
- ↑ Pasquier (2001), p. 246
- ↑ Hartt (1989), p. 209
- ↑ Barral i Altet, Xavier (1987), p. 187
- ↑ VV.AA.Historia da arte Espasa (2004), p. 217
- ↑ Palagia, Olga. "Conférences et colloques: Figures d'artistes dans l'Antiquité grecque : les limites de la monographie". louvre.fr (en francés). Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2020. Consultado o 13 de outubro de 2020.
- ↑ Plinio o Vello, Historia Natural, VI, 66
- ↑ "Gradina" é unha palabra italiana que se refire a unha ferramenta metálica semellante ao cicel pero cun corte serrado, empregada polos escultores para gravar a pedra e que deixa unha textura raiada.
- ↑ Boardman (1998), p. 53
- ↑ Barral i Altet (1987), pp. 186-188
- ↑ 17,0 17,1 17,2 Otto (2006), p. 54
- ↑ Devambez (1972), pp. 150-151
- ↑ Boardman (1998), p. 53
- ↑ Emerson (1887), p. 96
- ↑ Carpenter (1954), p. 7
- ↑ O petasos era un sombreiro de copa baixa e ala larga que os romanos adoitaban levar cando ían de viaxe.
- ↑ Pasquier (2001), pp. 246-247
- ↑ Devamber (1972), p. 151
- ↑ Devamber (1972), p. 152
- ↑ 26,0 26,1 26,2 VV.AA. (1984)
- ↑ Martín González (1978), p. 183
- ↑ Bozal (1983), pp.132-133
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hermes co neno Dioniso |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Azcárate Ristori, J. M.ª, e outros (1986). Historia del arte (en castelán). Madrid: Anaya. ISBN 84-207-1408-9.
- Barral i Altet, Xavier (1987). Historia Universal del Arte: La antigüedad clásica (en castelán). Barcelona: Editorial Planeta. ISBN 84-320-8902-8.
- Boardman, John (1998). La Sculpture grecque du second classicisme (en francés). París: Thames & Hudson. ISBN 978-2878111422.
- Bozal, Valeriano (1983). Historia del Arte: La Escultura (en castelán). Barcelona: Carroggio Ediciones. ISBN 84-7254-313-7.
- Carpenter, Rhys (xaneiro 1954). "Two Postscripts to the Hermes Controversy". American Journal of Archaeology (en inglés) 58 (1): 1–12. JSTOR https://www.jstor.org/stable/500766. doi:10.2307/500766.
- Devambez, Pierre (1972). Diccionario de la civilización griega (en castelán). Barcelona: Ediciones Destino.
- Emerson, Alfred (xuño de 1887). "Letter from Olympia". The American Journal of Archaeology and of the History of Fine Arts (en inglés) 3 (1-2): 95–97. ISSN 1540-5079. doi:10.2307/496384.
- Hartt, Frederick (1989). Arte. Historia de la pintura, escultura y arquitectura. Colección: Arte y estética (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 84-7600-411-7.
- Martín gonzález, J.J. (1978). Historia del Arte (en castelán) I (2ª ed.). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-3144-0.
- Otto, Walter Friedrich (2006). Dioniso: mito y culto. Colección: El árbol del Paraíso (en castelán) (3ª ed.). Madrid: Ediciones Siruela. ISBN 978-84-7844-339-0.
- Pasquier, Alan (2001). Olympie:L’Hermès d'Olympie (en francés). París: Muséeu du Louvre. ISBN 2-11-004780-1.
- Pijoan, José (1966). Historia del Arte (Tomo I) (en castelán). Barcelona: Salvat Editores.
- Richter, Gisela M.A. (1980). El Arte griego (en castelán). Barcelona: Ediciones Destino. ISBN 84-233-1018-3.
- VV.AA. (1984). Historia Universal del Arte (en castelán) XII. Madrid: SARPE. ISBN 84-7291-600-6.
- VV.AA. (2004). Historia del Arte Espasa (en castelán). Barcelona: Espasa Calpe. ISBN 84-670-1323-0.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Informe: Praxitèle, un maître de la sculpture antique. Museo do Louvre (en francés)