Harald Lesch
Harald Lesch, nado o 28 de xullo de 1960 en Gießen, Hesse, é un astrónomo alemán, físico, filósofo natural, escritor, presentador e profesor na Universidade Ludwig Maximilian de Múnic (LMU) e na Universidade de Filosofía de Múnic (Hochschule für Philosophie München). É moi coñecido en Alemaña polas súas extensas contribucións á divulgación científica a través de varios programas de televisión.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación e docencia
[editar | editar a fonte]Após completar o ensino secundario en 1978 na Theo-Koch-Schule de Grünberg, Hesse, Lesch estudou Física na Universidade de Giessen e despois na Universidade de Bonn, onde completou o seu doutoramento en 1987 e traballou no Instituto Max Planck de Radioastronomía. De 1988 a 1991 foi axudante de investigación no observatorio Estatal de Heidelberg-Königstuhl. En 1992 foi profesor visitante na Universidade de Toronto. En 1994 foi habilitado na Universidade de Bonn.[1]
Desde 1995, Lesch é profesor de astrofísica teórica no Instituto de Astronomía e Astrofísica da LMU de Múnic.[2] Ademais, ensina filosofía natural na Universidade de Filosofía de Múnic. As súas principais áreas de investigación son a física do plasma cósmico, os buracos negros e as estrelas de neutróns. É o experto en astrofísica da Deutsche Forschungsgemeinschaft (DFG) (Sociedade Alemá de Investigación) e membro da Astronomische Gesellschaft (Sociedade Astronómica). Tamén é autor de varios libros de texto.
Desde 1998, Lesch presentou diversas series para o canal BR-alpha, incluíndo alpha-Centauri, Lesch & Co., Denker des Abendlandes e Alpha bis Omega. Tamén presentou series televisivas máis breves, tentando facer accesibles ao público temas complexos de física e filosofía.[3]
Aparicións en televisión
[editar | editar a fonte]Durante moitos anos, Lesch presentou varias series de televisión para a canle BR-alpha, algunha xunto co profesor de filosofía Wilhelm Vossenkuhl. Entre elas, Alpha bis Omega trata a contradición e a coherencia da relixión e da ciencia natural, a través de conversas entre Lesch e o teólogo católico Thomas Schwartz.
Na celebración do Ano de Einstein 2005, BR-alpha emitiu a serie de 8 capítulos The Physics of Albert Einstein, onde en cada episodio, Lesch presentou un único descubrimento científico de Einstein, explicando o seu significado.
Para a canle de televisión de pago Syfy diferenciou os compoñentes científicos e ficticios da franquía Star Trek na serie Star Trek – Science vs. Fiction. De abril até finais de 2007, Lesch moderou o programa semanal Sci_xpert de 5 minutos para esta canle, que trataba preguntas dos espectadores sobre, principalmente, a viabilidade dos conceptos de ciencia ficción.
Desde setembro de 2008, Lesch presenta a revista académica ZDF Abenteuer Forschung (Aventuras na investigación). Ao comezo do "Ano Internacional da Astronomía 2009", Lesch moderou en ZDF un especial de 2 horas e media.
Desde 2010, Lesch presenta o espectáculo Lesch's Kosmos, un programa de 15 minutos na canle de documentais alemá ZDFneo que trata temas de diversos ámbitos científicos.[4]
Desde maio de 2024, Lechs presenta un novo formato de programa en ZDF, trocando o nome do antigo Lech's Kosmos a Terra X.[5]
Premios e honras
[editar | editar a fonte]- 1988 Otto-Hahn-Medallion da Sociedade Max Planck (pola tese "Nonlinear Plasma Processes in Active Galactic Cores")
- 1994 Premio Bennigsen-Foerder do Land de Renania do Norte-Westfalia (75.000 EUR): "Quentamento das nubes galácticas de alta velocidade mediante a reconexión magnética"
- 2004 Premio de Xornalismo Científico da Fundación Grüter (10.000 euros)
- No ano 2005 foi galardoado co Premio Communicator pola DFG, dotado con 50.000 euros, e o Stifterverband für die Deutsche Wissenschaft polas súas aparicións divulgativas e publicacións.
- En 2009 recibiu o Medallón en Ouro da Sociedade Astronómica de Nuremberg. "Bene Merenti de Astronomia Norimbergensi" e o Premio IQ.
- O 15 de marzo de 2011, a Naturforschende Gesellschaft zu Emden (Sociedade de Investigación da Natureza) concedeulle unha membresía honoraria como recoñecemento ao seu traballo para facer comprensibeis ao gran público os achados científicos.[6]
- Premio Hanns Joachim Friedrichs en 2019
- En 2023 recibiu a Cruz de Oficial da Orde do Mérito da República Federal de Alemaña.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Harald Lesch Biography". Consultado o 2023-10-02.
- ↑ "Prof Dr Harald Lesch' Homepage". www.usm.uni-muenchen.de. Consultado o 2024-10-02.
- ↑ "Harald Lesch Biography". Consultado o 2023-10-02.
- ↑ "Frag den Lesch" (en alemán). Consultado o 2024-10-02.
- ↑ "Leschs Kosmos mit Professor Harald Lesch". www.zdf.de (en alemán). Consultado o 2024-10-02.
- ↑ "Harald Lesch Awards". Consultado o 2023-10-02.
- ↑ "Verdienstorden-TdDE". Der Bundespräsident; bundespraesident.de (en alemán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Harald Lesch |