Grigorii Chukhraii
Grigorii Naumovich Chukhraii (ruso: Григо́рий Нау́мович Чухра́й, ucraíno: Григорiй Наумович Чухрай), nado en Melitopol o 23 de maio de 1921 e finado en Moscova o 29 de outubro de 2001, foi un director de cinema e guionista soviético[1], pai do director de cinema ruso Pavel Chukhraii.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Seus pais, Naum Zinovievich Rubanov e Claudia Petrovna Chukraii, eran soldados do Exército Vermello e de nacionalidade ucraína[2]. Logo de se divorciaren, súa nai casou con Pavel Antonovich Litvinenko, xefe de kolkhoz e tomou parte activa na colectivización e dekulakization de Ucraína e despois traballou como oficial de investigación na policía. En 1935 as autoridades enviaron a estudar a seu padrasto á Escola de Agricultura de Moscova e tras rematar volveu a Ucraína, mais Gregorii permaneceu na capital soviética estudando secundaria. En 1938 volveu a Ucraína cos seus pais.
En 1939 a Grigorii chamárono a filas, converténdose nun veterano condecorado da segunda guerra mundial, as súas experiencias de guerra afectárono fondamente e reflectíronse na maioría das súas películas. Serviu como cadete no 229º batallón de comunicacións da 134ª división de Infantaría e loitou despois na fronte sur, en Stalingrado e no Don. A partir de 1943, serviu como paracaidista nas 1º, 2º e 3º frontes ucraínas e tomou parte na operación "Dnipro". Ferírono tres veces. En 1944 entrou no Partido Comunista[3] e recibiu en marzo dese ano a Orde da Estrela Vermella polo seu valor ao cruzar as liñas de fronte para informar ao centro de mando.
Realizador
[editar | editar a fonte]Ao finalizar a guerra, estudou cinema no VGIK con Sergei Yutkevich e Mikhail Romm e tras graduarse en 1953, desenvolveu as súas habilidades como axudante de dirección no Estudo de Cinema de Kíiv. A partir de 1955 comezou a escribir e dirixir os seus propios filmes no estudio Mosfilm, gañando o recoñecemento cinematográfico fóra da Unión Soviética en 1957 no Festival de Cannes co filme Sorok pervii (1956)[4].
Chukhraii dirixiu e coescribiu Ballada o soldate (1959), sobre o amor e a traxedia da guerra, o filme recibiu aclamación na URSS e gañou o Premio Lenin, e tamén internacionalmente gabouse pola súa historia e técnica cinematográfica. En 1960 no Festival de Cannes recibiu un premio especial do xurado polo seu "alto humanismo e excelente calidade"e mesmo tivo estrea nos Estados Unidos en 1960, no Festival Internacional de Cinema de San Francisco[5], gañando o premio ao mellor director e filme, e no ano seguinte gañou o premio BAFTA ao mellor filme. Con Valentin Iezhov tamén foi candidato en 1961 ao Oscar ao mellor guión orixinal.
En Chistoe nebo (1961) contou a historia dun piloto soviético que sobreviviu nunha prisión nazi durante a guerra, pero ao que acusaron de espionaxe. Foi un dos primeiros filmes soviéticos en tratar as prácticas represivas so o liderado de Stalin, gañou o gran premio no 2º Festival Internacional de Cinema de Moscova. Dous anos máis tarde Chukhraii presidiu o xurado no 3º Festival Internacional de Cinema de Moscova.
Entre 1966 e 1971 dirixiu os cursos de dirección no VGIK. En 1965 fundou e dirixiu o estudio experimental de Mosfilm que produciu películas como Beloye solntse pustyni (1970), 12 stulyev (1971), Ivan Vasilyevich menyayet professiyu (1973) ou Raba lyubvir (1976). Tamén serviu como membro do Comité Estatal para a Cinematografía entre 1964 e 1991.[1]
En 1984 dirixiu o seu derradeiro filme, con Yuri Shviriov, Ya nauchu vas mechtat.... En 1992-1993 dirixiu con Rolf Schübel Todfeinde. Vom Sterben und Überleben en Stalingrado, un documental ruso-xermano en dúas partes sobre a batalla de Stalingrado, Chukhrai, canda outros supervivientes rusos e alemáns, falou sobre as súas experiencias durante a batalla.
En 1994 Chukhraii recibiu o premio Nika pola súa vida contribución ao cinema[6]. En 2001 publicou dous volumes as súas memorias, sobre a súa experiencia na guerra e o seu traballo cinematográfico.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Sergei Yutkevich (1987) Cinema: Encyclopedic Dictionary Moscow: Soviet Encyclopedia
- ↑ Grigorii Chukraii (2001) Moe kino. Moscova, 88 p.
- ↑ Chukhrai Grigory Naumovich en Pamyat Naroda 1941—1945
- ↑ "Sorok Prevyi". Festival de Cannes
- ↑ Two Winning Russian.Life 49, 14 de novembro de 1960, p. 110
- ↑ Григорий Наумович Чухрай (1921-2001) en ОБЩЕСТВЕННАЯ АКАДЕМИЯ ЭСТЕТИКИ И СВОБОДНЫХ ИСКУССТВ