[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Fritixerno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFritixerno
Biografía
Nacementoséculo IV Editar o valor en Wikidata
Mortec. 380 Editar o valor en Wikidata
Chieftain of the Tervingi (en) Traducir
376 – 380
← Alavivo Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónArianismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoBatalha de Adrianópolis (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Granat
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata

Fritixerno (en gótico Frithugarnis) (? ? 380), godo tervingo, foi rei dos visigodos de 376 a 380[1] e destacou entre os caudillos militares que provocaron a caída do Imperio romano de Occidente.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Sólido do emperador Valente (364-378)

Rival de Atanarico, outro gran xuíz ou caudillo visigodo, Fritixerno (cuxo nome significa "Desexando a paz") foi apoiado polo emperador romano Valente principalmente pola súa adhesión ao arianismo,[2] unha forma de cristianismo moi estendida nesta época e coa que Valente simpatizaba, mentres que Atanarico permaneceu fiel á relixión xermana pagá porque pensaba que o espallamento do cristianismo provocaría o abandono das tradicións godas.[3]

No 376, coa aparición dos hunos, os godos baixo o mando de Atanarico intentaron resitir pero este foi derrotado o que provocou o saqueo do seu territorio e que a maior parte dos godos non recoñecesen a súa autoridade e elixiron a Fritixerno e Alavivo mentres os tervingos que permaneceron fieis a Atanarico agocháronse nos Cárpatos. Polo despois, xa baixo o mando destes dous solicitaron a Valente permiso, que este concedeu, para cruzar o Danubio e instalárense en territorio romano, onde os hunos non poderían alcanzalos. O permiso foi concedido polo apoio de Fritixerno a Valente cando este loitou contra Atanarico.[1][4] Foron instalados na provincia de Mesia e, a cambio de seren tratados como cidadáns romanos, como contraprestación, debían ofrecer continxentes militares cando se solicitase. Aos poucos, empezou Fritixerno a ter serios problemas para gobernar ao seu pobo, debido en gran parte ao feito de que moitos seguidores de Atanarico tamén lograron cruzar o Danubio. Estímase que a cifra total dos que conseguiron cruzar o Danubio estaría polos douscentos mil.[5] Neste momento, Alavivo aparece como líder dos tervingos por diante de Fritixerno, posiblemente por ter unha posición aristrocrática máis elevada.[1]

Conflito cos romanos

[editar | editar a fonte]

En 377, os visigodos pediron axuda ao Emperador para combater as fames negras que estaban arrasando as súas terras. Os gobernadores destas terras, Lucipino e Máximo, non só non solucionaron o problema, senón que o acrecentaron coa súa actitude belixerante. Sen outras alternativas máis que loitar ou morrer, Fritixerno conduciu ao seu pobo á guerra, conquistando en pouco tempo gran parte da provincia veciña de Tracia, moito máis rica. A crise continuou no 378, e o 9 de agosto dese ano Fritixerno vingou a derrota que sufrira o seu pobo na batalla de Naissus, 109 anos antes, inflixindo ao Imperio romano a súa maior derrota militar en séculos, a batalla de Adrianópolis.

A vitoria de Fritixerno pronto levou aos visigodos a controlar a maior parte da península Balcánica, incluída Grecia. Só pequenas áreas e cidades, como Atenas e Constantinopla, quedaron libres do seu saqueo, en parte debido á falta dos instrumentos de asedio adecuados no exército de Fritixerno.

Fritixerno continuou vencendo aos romanos durante os dous anos seguintes á súa gran vitoria, gañando o recoñecemento como rei da maioría dos visigodos instalados no Imperio. Cando morreu, Atanarico converteuse en rei da totalidade dos visigodos e asinou finalmente a paz cos romanos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Alavivo
Caudillo dos Tervingos
376380
Sucesor:
Alarico I