Escurantismo
O escurantismo é a oposición sistemática ao progreso, ao cuestionamento de dogmas e á difusión do coñecemento e da cultura máis alá de certos límites. É o oposto ao libre pensamento, e frecuentemente asóciase polos seus opoñentes cos fundamentalismos relixiosos.
Trátase dun termo explicitamente pexorativo que naceu no século XVIII como antítese do Iluminismo ou Ilustración. É utilizado polas correntes de pensamento que se autodefinen como progresistas para indicar a súa posición cultural, a dos que se aliñan para proporcionar unha visión da cultura e unha difusión do pensamento e da investigación científica e intelectual en calquera campo do saber.
En tal acepción o termo vén usándose até hoxe para connotar negativamente as liñas de pensamento que negan a liberdade de pensamento e a liberdade do individuo contra crenzas ou imposicións ideolóxicas.[1][2]
Definición
[editar | editar a fonte]O termo, derivado do francés obscurantisme, e este do latín obscurans, de obscurare 'escurecer', aplicouse orixinariamente aos católicos conservadores opostos á Ilustración e ás ideas nacidas da Revolución francesa.
Pero a palabra provén de moito máis atrás, de principios do século XVI, do título do panfleto satírico Epistolae Obscurorum Virorum (Cartas dos homes escuros), escrito con ocasión da disputa intelectual entre o humanista alemán Johann Reuchlin e os dominicos de Colonia, como Johannes Pfefferkorn, sobre que libros xudeus deberían queimarse como non-cristiáns. Pouco antes, en 1509, o monxe Pfefferkorn obtivera o permiso de Maximiliano I (1486–1519), o Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, para incinerar todos os libros do Talmud (Lei xudía e Ética xudía) que achara no Sacro Imperio; as Cartas dos homes escuros satirizan os argumentos dos monxes dominicos para queimar obras "non-cristiás".
Ao ser o termo exclusivamente pexorativo, non existe ningunha teoría ou corrente filosófica ou política que se defina escurantista ou persoas que se autodefinan como tales.
Un escurantista é unha persoa que predica e defende unha actitude de negación do saber (rexeita recoñecer como verdadeiras cousas demostradas como, por exemplo, negar a evolución), de restrición da difusión do coñecemento (sen negar a veracidade dunha cousa, considera que non pode difundirse por razóns de todo tipo: interese persoal, temores sociais etc.), ou de propagación de teorías cuxa falsidade está probada.
Por este motivo un astrónomo pode definir como escurantista a un astrólogo, porque hoxe a astroloxía está considerada como escurantista xa que se basea en interpretacións que son incompatíbeis coas observacións científicas probadas,[3] pero iso non era o caso hai algúns séculos: os coñecementos científicos, especialmente os astronómicos, eran daquela insuficientes para invalidar as interpretacións astrolóxicas (as dúas disciplinas naquel tempo viñan ser a mesma cousa)[4][5]
O escurantismo relaciónase frecuentemente coa Idade Media pola Inquisición e os autos de fe, así como coa época dos grandes descubrimentos e co século das Luces, para designar as antigas ideas políticas e relixiosas.
A día de hoxe para certos ateos as relixións son crenzas escurantistas. E no dominio das relixións organizadas, o escurantismo usualmente asóciase co fundamentalismo relixioso.
Pero algúns opinan que cómpre facer unha distinción: o fundamentalismo presupón unha sincera fe relixiosa, mentres que o escurantismo baséase nunha manipulación minoritaria da fe popular como práctica política (Cf. Censorship).[6]
O termo na historia
[editar | editar a fonte]No debate histórico e filosófico, o termo escurantismo foi prevalentemente utilizado polos intelectuais iluministas e positivistas para connotar negativamente unha parte da historia do pensamento humano.
Estes describiron a época medieval occidental utilizando expresións negativas, que foron amplamente propagadas, de tal xeito que aínda hoxe permanecen como mitos no imaxinario popular. Refírense a este período pexorativamente como a Idade das Tebras, suxerindo que nel non houbera ningunha creación filosófica ou científica autónoma. Para xustificar este título, díxose que na noite de mil anos, que supostamente fora a era medieval, a ciencia coñecería un longo período de "falta de inspiración". Este preconcepto débese ao pequeno volume de produción científica e filosófica elaborada na Idade Media en relación ao período clásico e helenístico. Inda que ningún historiador serio utilice a expresión "Idade das Tebras" para suxerir atraso cultural, aínda hoxe, mesmo nas escolas, ensínanse nocións equivocadas como a idea falsa de que os estudosos medievais crían que a Terra fose plana.[7]
Viron esta etapa como unha época de declive cultural. Segundo esta análise un dos caracteres predominantes da cultura medieval foi a preeminencia da teoloxía sobre calquera outra actividade especulativa intelectual, sendo imperante un modelo de erudición filosófica de traza aristotélica dominando o chamado principio de autoridade que situaba a verdade bíblica como principio incontrastábel[8][9]
Cando, a finais do século XVI, xorde a cuestión do paso do modelo do mundo xeocéntrico a un modelo heliocéntrico, os científicos da época, que dependían de institucións controladas pola igrexa católica, estaban divididos entre estas dúas hipóteses, mentres non se obtivera a proba óptica da traxectoria orbital da Terra ao redor do Sol.
Os erros cometidos por algúns teólogos do século XVII [10] provocaron a crítica por parte de certos filósofos. Por exemplo, Descartes séntese impulsado no seu proxecto filosófico despois de recibir, en 1634, o Diálogo sobre os dous máximos sistemas do mundo,[11] que lle valera a Galileo a súa condena en 1633, conmutada por asignación de residencia forzosa en Arcetri, preto de Florencia, polo papa Urbano VIII, vila na que permaneceu Galileo até a súa morte, en 1642. No seu Discurso do método, Descartes falaba, sobre o asunto da escolástica, e de maneira pexorativa, dunha "filosofía especulativa que se ensina nas escolas" [12].
A análise iluminista prosegue denunciando a política de control da cultura, adoptada pola Igrexa no período da Contrarreforma, con particular referencia ao Índice (Index Librorum Prohibitorum), aos procesos da Inquisición e os conseguintes autos de fe. A oposición de certas autoridades da igrexa católica nos séculos XVII e XVIII ás novas ideas científicas, xerou un sentimento de rexeitamento da Igrexa nunha parte da nacente burguesía, sobre todo despois de que a extensión dos textos procedentes da imprenta e da prensa permitía darse de conta dos descubrimentos das ciencias fundamentais (a gravitación, por exemplo), e da difusión destes saberes para obter aplicacións prácticas no dominio técnico.
A loita contra o escurantismo foi tamén o principal cabalo de batalla dos pensadores do século das Luces, que se corresponde máis ou menos co século VIII. É neste contexto no que Voltaire escribiu De l'horrible danger de la lecture (1765). En efecto, a idea central do século das Luces é a de que o progreso xeral no comportamento humano, comprendendo tamén o ámbito político, está condicionado pola difusión o máis ampla posíbel de todos os coñecementos. E que hai unha conexión de facto entre, por unha parte, a ignorancia e a servidume e, por outra parte, entre o coñecemento e a liberdade.
Todo o proxecto enciclopedista de D'Alembert e Diderot encarna esta idea, ilustrada pola célebre opéra de Wolfgang Amadeus Mozart Die Zauberflöte (A frauta máxica).
E así chegamos aos debates do século XIX, dominado polos grandes descubrimentos científicos e o progreso tecnolóxico, e escenario de grandes desencontros ideolóxicos entre os librepensadores e os homes da Igrexa. Á fin do século XIX o contraste entre o progreso e o escurantismo era vivido tan profundamente que foi posto en escena no Teatro della Scala de Milán en forma de ballet: o famoso Ballo Excelsior, que era unha alegoría inxenua da vitoria das Luces e a Civilidade contra o escurantismo.[13].
O termo na actualidade
[editar | editar a fonte]Escurantismo é hoxe un termo utilizado polos adeptos do laicismo para describir o inmobilismo das persoas que defenden, frecuentemente por motivos relixiosos, as verdades eternas da revelación e que se opoñen activamente aos valores da Ilustración e da Revolución francesa: a busca da verdade por métodos científicos, a liberdade de expresión nas artes e na prensa e, finalmente, o progreso social e democrático segundo os principios de liberdade, igualdade e fraternidade.
Fálase así do escurantismo dos reis de Castela durante a Contrarreforma, do cal Filipe II de Castela sería o expoñente por excelencia, do escurantismo da igrexa católica na súa oposición contra os descubrimentos de Nicolao Copérnico, de Galileo Galilei e de moitos outros científicos. Esta política escurantista e represiva da coroa española explica que as teorías de Copérnico, publicades entre 1507 e 1532, só puideron divulgarse abertamente en España dous séculos máis tarde, en 1774, coa publicación de Estado de la Astronomía en Europa, de Jordi Joan i Santacília.
Hoxe, o termo emprégase tamén para describir a actitude dos evanxélicos estadounidenses na súa loita, implacábel, contra a teoría da evolución, dos adeptos da teoría do deseño intelixente e do creacionismo,[14] así como de certos movementos conservadores do islamismo que queren defender a súa autenticidade contra a influencia do modernismo occidental, que consideran como contrario á moral.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Merriam-Webster Online, "Obscurantism".
- ↑ Webster’s New Universal Unabridged Dictionary. (1996)
- ↑ Enzo Barillà: Paul Feyerabend e il Manifesto Anti-Astrologico del 1975 (en italiano)
- ↑ Frédéric Lenoir (22 maio 1997). L'Express, ed. "Enquête sur l'astrologie". (en francés)
- ↑ Véxase Historia da ciencia#Da imago mundis á astronomía. Copérnico. Galileo.
- ↑ Syed, I. (2002): "Obscurantism". In: Intellectual Achievements of Muslims. New Delhi: Star Publications.
- ↑ Myths and Truths in Science and Religion: A historical perspective. Debate en vídeo de Ronald Numbers, dispoñíbel na páxina [1] Arquivado 14 de maio de 2011 en Wayback Machine. Universidade de Cambridge (Howard Building, Downing College). Publicado por The Faraday Institute for Science and Religion. (en inglés). Consultada o 11 de maio de 2011.
- ↑ Véxase Alberto Trebeschi, citado na bibliografía
- ↑ Véxase Ciencia medieval, sección Idade das Tebras?.
- ↑ Véxanse os artigos Galileo e Historia da ciencia#Da imago mundis á astronomía. Copérnico. Galileo.
- ↑ Galileo Galilei (1632): Dialogo sopra due massimi sistemi del mondo, tolemaico e copernicano (Diálogo sobre os dous máximos sistemas do mundo, o tolemaico e o copernicano).
- ↑ Véxase sixième partie du Discours de la méthode
- ↑ Alberto Soave Excelsior
- ↑ Véxase Deseño intelixente, Creacionismo e artigos conexos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Estling, Ralph (2004): Obscurantism, tyranny, and the fallacy of either black or white. [2]. In "Skeptical Inquirer". Arquivado do orixinal o 11 de decembro de 2007. (en inglés)
- Fuso, Silvano (2009) I nemici della scienza. Integralismi filosofici, religiosi e ambientalisti. Edizioni Dedalo. ISBN 88-220-6807-6
- Israel, Giorgio (2008): Chi sono i nemici della scienza? Riflessioni su un disastro educativo e culturale e documenti di malascienza. Lindau. ISBN 978-88-7180-723-2
- Mencken, H. L. (2002): H. L. Mencken on Religion. Prometheus Books. ISBN 978-1-57392-982-0
- Sagan, Carl (1997): El mundo y sus demonios: La ciencia como un candil en la oscuridad. Ballantine Books. ISBN 0-345-40946-9. (Unha reflexión contra a pseudociencia, unha defensa da ciencia. Tamén contén elementos de crítica contra o sistema educativo estadounidense).
- Syed, I. (2002) "Obscurantism". "Obscurantism". En: Intellectual Achievements of Muslims. New Delhi: Star Publications. Extacto consultábel en liña. (en inglés)
- Trebeschi, Alberto (1975): Lineamenti di Storia del pensiero scientifico. Editori Riuniti.
- VV.AA. (2008): La République n'a pas besoin de savants.... In "Agalma", nº 15, marzo 2008, Mimesis editore. ISBN 978-88-8483-693-9
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Censura
- Cientifismo
- Creacionismo
- Deseño intelixente
- Fanatismo
- Index Librorum Prohibitorum
- Pseudociencia
- Relixión
- Copérnico
- Seita
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- 1984 George Orwell (en inglés)
- Discours de la servitude volontaire por Étienne de La Boétie. (en francés)
- Bibliothecae Selectae Sobre o desexo dos homes de ciencia e filósofos dos séculos XV ao XIX de posuíren libros prohibidos. (en francés)