[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Dubstep

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dubstep
Orixe musical2-step garage, breakstep, reggae, dub, grime, drum and bass, techno[1]
Orixe culturalFinais de 1990 – comezos de 2000
Londres, Inglaterra
Instrumentos típicossecuenciador, sampler, tocadiscos, sintetizador, PC
DerivadosFuture garage, post-dubstep, brostep, trap

O dubstep é un xénero musical dentro da música dance e electrónica que xurdiu en South London, Inglaterra. Xurdiu a finais da década de 1990 como unha evolución doutros estilos como o 2-step garage, broken beat, drum and bass, jungle, dub e reggae.[2] No Reino Unido, as súas orixes atópanse no crecemento do son xamaicano na escena musical a comezos de 1980.[2][3]

As primeiras mostras de Dubstep foron publicadas no 2001. Tratábase de mesturas instrumentais, escuras e experimentais de producións de 2-step garage, feitas coa intención de incorporar os elementos funky do breakbeat ou os trazos máis escuros do drum and bass no propio 2-step. Estas mesturas aparecían como cara B dos sinxelos de 2-step da época. No 2001, esta e outras variedades de música garage escura comezaron a ser amosadas no club nocturno londiniense Plastic People, nas noites chamadas "Forward" (tamén estilizado como FWD>>), que serían considerablemente influentes para o desenvolvemento do dubstep. O termo "dubstep" como denominación dun xénero musical comezou a empregarse arredor do 2002 por selos discográficos como Big Apple, Ammunition e Tempa, intre no cal as tendencias estilísticas presentes nas mesturas comezaron a facerse máis remarcables e distintivas en relación ó xénero orixinal, o 2-step, así como o grime, son co que nas súas orixes o dubstep tamén gardou unha estreita relación.[4]

Un temperán seguidor do son foi o DJ da emisora BBC Radio 1, John Peel, quen comezou a programalo a partir de 2003. No 2004, o derradeiro ano do seu programa, os seus oíntes votaron a Distance, Digital Mystikz e Plastician (anteriormente coñecido como Plasticman) no seu top 50 do ano.[5] O dubstep comezou a espallarse alén dunha pequena escena local cara a finais de 2005 e comezos de 2006. Unha boa cantidade de páxinas web adicadas ó xénero comezaron a xurdir, axudando ó crecemento da escena.[6] Ó mesmo tempo, o xénero empezou a recibir unha importante cobertura en revistas musicais como The Wire e en publicacións online como Pitchfork Media, que comezou un apartado regular chamado The Month In: Grime/Dubstep. O interese no dubstep medrou dende que a DJ de BBC Radio 1 Mary Anne Hobbs comezara a promocionalo cun programa adicado soamente a este son (titulado "Dubstep Warz") en xaneiro de 2006.[7][8][9]

Cara a finais da década de 2000, o xénero pasou a ter un importante éxito comercial no Reino Unido, aumentando progresivamente o número de sinxelos que entraban nas listas de éxitos de música popular. Os xornalistas e os críticos musicais tamén chamaron a atención sobre a influencia do dubstep sobre o traballo de numerosos artistas de música pop. Nesta época, os produtores comezaron a fusionar elementos do dubstep orixinal con outras influencias, creando xéneros de fusión como o máis lento e experimental post-dubstep.

  1. AllMusic - Dubstep "Absorbed and transfigured elements of techno, drum'n' bass and dub"
  2. 2,0 2,1 Reynolds, S.(2012),Energy Flash: A Journey Through Rave Music and Dance Culture, Perseus Books; Reprint edition (5 Jan 2012), pages 511–516, (ISBN 978-1-59376-407-4).
  3. The Big Big Sound System Splashdown, New Musical Express, 21 de febreiro de 1981, ISSN 00286362.
  4. IMO Records "Hatcha Biography" Arquivado 12 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., IMO Records, Londres, 17 de outubro.
  5. "Keeping It Peel: Festive 50s – 2004". BBC Radio One. BBC. Consultado o 27 de agosto de 2012. 
  6. Wilson, Michael (1 de novembro de 2006). "Bubble and Squeak: Michael Wilson on Dubstep". Artforum International. Consultado o 27 de agosto de 2012. 
  7. de Wilde, Gervase (14 de outubro de 2006). "Put a Bit of Dub in Your Step". The Daily Telegraph (Londres: Telegraph Media Group). Consultado o 27 de agosto de 2012. 
  8. O'Connell, Sharon (4 de outubro de 2006). "Dubstep". Time Out London. Time Out Group. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2012. Consultado o 27 de agosto de 2012. 
  9. Clark, Martin (16 de novembro de 2006). "The Year in Grime and Dubstep". Pitchfork Media. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2020. Consultado o 27 de agosto de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]