[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Doela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partes do arco "clásico", de medio punto, en pedra.

A doela, en arquitectura e enxeñaría, é un elemento construtivo que conforma un arco e que pode ser de diferentes materiais, como ladrillo ou pedra. Actualmente elabóranse habitualmente en formigón, armado ou pretensado.

Características

[editar | editar a fonte]

En arquitectura clásica, a doela é unha peza, normalmente de pedra, en forma de cuña que compón o arco ou a bóveda e caracterízanse pola súa disposición radial.

A doela do centro, que pecha o arco, chámase clave. As doelas (basais) dos extremos e que reciben o peso, chámanse saimel (a primeira doela do arranque). A parte interior dunha doela chámase intradorso e o lombo que non se ve por estar dentro da construción, extradorso.

O despezamento de doelas é o xeito como están dispostas as doelas en relación co seu centro. Cando as doelas seguen os raios dun mesmo centro chámase arco radial aínda que ese centro non sempre coincida co centro do arco. É o arco visigótico. Cando as doelas se colocan horizontais ata certa altura chámase arco enxarxado. É o arco mozárabe.

Á súa vez, tamén se dá un nome a certos conxuntos de doelas:

  • Clave: a propia clave e as doelas contiguas.
  • Ombreiros: as comprendidas entre a clave e os riles.
  • Riles: as próximas ao apoio.

Tamén se chaman doelas as estruturas construídas actualmente con materiais que permiten facelos dunha soa peza, con forma de arco e que, nos seus apoios, funcionan do mesmo xeito que os construídos con doelas.

Adoitan ter forma de sector circular e son partes de varios elementos que forman un anel prefabricado e utilízase na construción de túneis.

A miúdo refírense tamén con este termo aos apoios estruturais que se funden en concreto reforzado no interior de muros construídos con ladrillo estrutural.