[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Divisións administrativas de Francia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Organización territorial metropolitana

Por divisións administrativas de Francia enténdese principalmente a división do territorio. A administración territorial de Francia é a organización institucional e administrativa do territorio francés. Cóntanse numerosas divisións territoriais, que poden ter un obxectivo político (colectividades territoriais), electoral (circunscricións) ou administrativo (servizos desconcentrados do Estado).

As principais divisións administrativas francesas son as rexións, os departamentos e os municipios. O territorio francés atópase dividido en 26 rexións, das cales 22 son metropolitanas, é dicir, atópanse en Europa. Á súa vez as rexións divídense en 100 departamentos, dos cales 4 atópanse en territorio de ultramar. Estes á súa vez divídense nos chamados arrondissements ou distritos. O 1 de marzo de 2008, existían 36.783 municipios en Francia (212 en ultramar) que abranguían a integridade do territorio francés —coa excepción de Saint-Barthélemy, Saint-Martin, Wallis e Futuna e os territorios sen poboación permanente (terras austrais e antárticas francesas, Clipperton).

Os departamentos divídense en distritos que á súa vez se dividen en cantóns (para os colexios electorais) sen ser entidades políticas. Os concellos son a administración territorial local, con papel semellante ao dos concellos en Galicia.

As tres comunas, París, Lión e Marsella, divídense á súa vez en distritos (arrondissements) para a súa axeitada administración territorial, tendo os distritos locais (mairies d'arrondissement) algunha autonomía financeira e administrativa dentro do consello municipal (A palabra "arrondissement" utilizase tanto para os distritos, colexios electorais dentro dos departamentos, como para os distritos municipais das tres grandes cidades).

As 4 rexións francesas de ultramar (Guadalupe, Martinica, Güiana e Reunión) teñen cadanseu departamento. Estas rexións, porén, forman parte da UE.

Divisións

[editar | editar a fonte]

Francia está dividida administrativamente como segue [1]:

  • Colectividades territoriais, entidades políticas:
  • 26 rexións (22 metropolitanas e 4 en ultramar), divididas á súa vez en:
  • 100 departamentos (96 metropolitanos e 4 en ultramar), divididos á súa vez en:
  • 36 782 (26 568 metropolitanas e 214 en ultramar) municipios (ou concellos) rexistrados no 1 de marzo do 2007
  • 341 distritos (329 metropolitanos e 12 en ultramar), chamados en francés arrondissements, e divididos á súa vez en:
  • 3 879 cantóns nos cales se atopan os concellos (ou municipios).

A descentralización sendo dividida sobre todo entre descentralización territorial (rexións, departamentos, concellos esencialmente) e funcional (establecementos públicos), os servizos desconcentrados do Estado que acompañan a descentralización sofren reformas dende o ano 1983 no cadro dunha reforma xeral de modernización do estado francés. O exercicio das competencias estatais é repartido entre catro chanzos xeográficos:

  • A administración central, os ministerios;
  • O departamento francés, circunscrición de dereito común, a maioría dos ministerios delegaron competencias a nivel do departamento, na capital de cada departamento atópase unha prefectura;
  • A rexión francesa, hai un prefecto de rexión (préfet de région) en cada rexión francesa;
  • O distrito francés (arrondissement - non se debe confundir o arrondissement, división territorial dun departamento, e o arrondissement municipal, divison territorial das 3 grandes cidades francesas, París, Lión e Marsella).
Rexións e Departamentos franceses
Rexións e Departamentos franceses (2016)

Tralas leis de Defferre de 1982-1983 e Raffarin de 2003-2004, Francia é un estado descentralizado. A reforma constitucional de febreiro do 2003 establece que a organización da República é descentralizada. A descentralización (entidades autónomas da potencia pública), acompañada nun primeiro momento da chamada desconcentración (entidades locais da administración estatal), favorece actualmente a emerxencia dos poderes locais, aínda que os avances neste eido sexan materia de debate.

Xunto cos tres colectivos territoriais que son entidades políticas: o concello, o departamento e a rexión, existe tamén un chanzo intercomunal que de facto exerce cada vez máis competencias (desenvolvemento económico, organización do espazo, o hábitat, os transportes públicos, o saneamento). O 90% dos concellos e 85% da poboación están reagrupados para xestionar as actividades. Estes reagrupamentos poden recobrar varias formas xurídicas segundo a natureza das actividades reagrupadas e o grao de cooperación desexado. Por exemplo poden ser establecementos públicos de cooperación mancomunal (EPCI = établissement public de coopération intercommunale), comunidades de municipios etc. Nas zonas fronteirizas, as mancomunidades existen tamén con colectividades locais dos países veciños, o que facilita a xestión de equipos comúns, particularmente no tocante ao transporte.

Un novo chanzo foi creado coa elaboración de "países" (pays, ordeación do territorio), que reagrupan municipios e intercomunalidades (intercommunalités) en conxuntos máis grandes que son as intercomunalidades, co fin de reunir o conxunto dos municipios dun territorio, ata os excluídos das intercomunalidades existentes.

Francia é "unha e indivisible", pero esta fórmula crea certas tensións en varios "países" que posúen certo grao de entimento nacional, cuxas especificidades, particularmente lingüísticas, serían recoñecidas insuficientemente segundo certos movementos rexionalistas e nacionalistas (Alsacia, Bretaña, Cataluña Norte, Córsega, Flandres francés, País Vasco francés, Occitania etc.).

Francia de ultramar

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Francia de ultramar e Illas francesas.
Francia metropolitana e de ultramar (azul)

As outras colectividades francesas de ultramar teñen senlleiros estatutos vencellados a unha forte autonomía. As colectividades de Mayotte e de Saint-Pierre-et-Miquelon teñen unha administración local única que combina as funcións xeralmente conferidas nas rexións e nos departamentos metropolitanos. No entanto, Mayotte evolucionou dende o 2001 cara a un estatuto de departamento de ultramar, para unha integración máis forte. Estas dúas colectividades, aínda que situadas fóra da Unión Europea, empregan o euro como moeda.

Outras colectividades de ultramar no Pacífico teñen estatutos de autonomía máis extensa onde cohabitan a administración territorial de regalía e a administración baseada nas tradicións e costumes autóctonas (Polinesia Francesa, Nova Caledonia, Wallis e Futuna). Aínda que estas colectividades posúen sempre unha división e unha administración municipal (agás Wallis e Futuna onde seguen os pobos costumbreiros desenvolvendo este papel no seo dos tres reinos autóctonos), estas colectividades non están divididas en departamentos, senón en provincias (ou reinos) e en pobos (sobre as bases tradicionais) tendo funcións normalmente destinadas aos departamentos e os municipios na metrópole e nas rexións de ultramar, particularmente en asuntos de xustiza, educación ou en materia de cidadanía.

Atol de Ouvéa en Nova Caledonia.

Ademais, a función de rexión trasladouse a un goberno local onde están representadas as autoridades tanto autóctonas e as de regalía, así como un administrador da República. Estas colectividades, fóra da Unión Europea, utilizan o franc pacifique (franco pacífico = franco do océano Pacífico) como moeda común vencellada ao euro desde o 1999, no canto do franco francés. Hai que anotar que Nova Caledonia dispón dun estatuto particular pasaxeiro específico antes dun futuro referendo no cal deberá determinarse se o territorio quedará na República francesa cunha autonomía ampla, ou se se volverá independente (cunha asociación eventual).

Outras terras francesas en ultramar pouco ou non habitadas están administradas a distancia desde outro territorio habitado, por un administrador designado polo estado francés en nome da república: as illas dispersas (no océano Índico, dispersadas ao redor de Madagascar, ou preto de Mayotte ou da Illa Mauricio) e Terras Austrais e Antárticas Francesas (TAAF, no sur do océano Índico) están administradas desde a Reunión, e Clipperton (ao leste do océano Pacífico, á altura de México) está administrada desde Polinesia Francesa. Estas terras non teñen administración local propia.

Departamentos do Ultramar

[editar | editar a fonte]
Territorios de ultramar de Francia

Francia ten varias posesións espalladas polo mundo, a que chama departamentos do ultramar (DOM: département d'outre-mer) ou territorios ultramarinos (TOM: territoire d'outre-mer):


Mapas de localización dos 96 departamentos franceses e das 22 rexións de Francia, os departamentos de alén mar tamén son rexións.

Rexións de Francia de 1970 a 2015

[editar | editar a fonte]

Departamentos/Rexións de ultramar

[editar | editar a fonte]