[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Dárico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplar dun dárico aqueménida de tempos de Darío I, ca. 485-420 a. de C. Diámetro: 14 mm. Peso: 8,37 g.

O dárico (en persa antigo: *darayaka; en grego antigo: dareikós) foi unha antiga moeda de ouro que, xunto cunha moeda similar de prata denominada siclo, formou parte do padrón monetario bimetálico do Imperio Aqueménida.[1][2][3][4]

Deseño dun dárico na obra numismática Kurzgefasste Anfangsgründe zur alten Numismatik, publicada por Eckhel en Viena, en 1787
Artigo principal: Moeda aqueménida.

Ciro o Grande (550-530 a. de C.) introduciu a circulación monetaria no Imperio Persa, con posterioridade ao ano 546 a. de C. Poucos anos despois, Darío I (521-486 a. de C.) creou unha grosa moeda de ouro cun peso estándar de 8,4 gramos e un metal dunha calidade excelente, cunha pureza do 95,83 %, que equivalía en valor a 20 moedas das que circulaban en prata.[5] Estas moedas, que hoxe coñecemos como "dáricos", amosaban a imaxe do rei persa ou un poderoso guerreiro armado cun arco e unha seta.[6][7]

Anverso dun siclo de prata de Darío I, que, xunto co dárico, conformaban o padrón bimetálico monetario do Imperio Aqueménida

O predecesor inmediato do dárico fora o estatero de ouro de Creso, rei de Lidia (moeda coñecida como "creseida"), que seguiu en vixencia ata polo menos os primeiros anos do reinado de Darío (probablemente moitos destes creseidas foron cuñados en realidade polos priopios reis persas).[8]

Preto da fin do século V a. de C., os sátrapas persas en Asia Menor decidiron cuñar as súas moedas propias. Darío considerou tal ousadía como un grave delito, castigable coa morte, xa que consideraba que a emisión de moeda era prerrogativa exclusivamente real.[9] Hoxe, con todo, non hai evidencias numismáticas que permitan identificar moedas deste tipo sen a presenza da característica imaxe do monarca; esta tipoloxía única foi adoptada por Darío como expresión do seu poder real, utilizando a moeda como vehículo de expansión.[10]

Coa invasión de Alexandre o Grande en 330 a. de C., abandonouse o uso destas moedas e as que estaban en circulación foron fundidas para seren novamente cuñadas como estateros a nome do novo monarca, que habitualmente levaban a representación de Niké. Este feito explica a ecaseza deste tipo de pezas actualmente, malia a xeneralización do seu uso no seu tempo.

Logo de que os subornos levados a cabo por un dos sátrapas persas para iniciar a Guerra de Corinto en Grecia levasen o rei espartano Agesilao II a se retirar dunha exitosa campaña en Asia Menor, este asegurou que que fora expulsado de Asia por "dez mil arqueiros" (en referencia á característica imaxe estampada no anverso dos dáricos).[11]

O principal centro de cuñaxe situábase en Sardes, a capital da satrapía de Lidia. É posible que durante o reinado de Darío III os chamados "dáricos dobres" se fabricasen en zonas algo máis orientais, como Babilonia.

O dárico nos libros sagrados

[editar | editar a fonte]

O dárico menciónase dúas veces na Biblia hebrea (aínda que coa denominación de "adarkonim"), xa que os israelitas tomaron contacto con el cando os seus conquistadores babilonios foron conquistados, pola súa vez, por Persia.

O primeiro dos Libros das Crónicas describe o rei David pedíndolle a unha asemblea de persoas unha doazón para a construción do templo. As persoas deron xenerosamente "para o servizo da casa de Deus cinco mil talentos e dez mil dáricos de ouro, dez mil talentos de prata, dezaoito mil talentos de bronce e outros cen mil de ferro".[12] Téndomos en conta que o reinado de David se estima que foi entre ca. 1048 e 1007 a. de C., segundo a cronoloxía de Antigo Testamento, o uso do dárico sería, pois, un anacronismo ou, máis ben, unha conversión por parte do autor ás unidades do seu tempo.[13]

A segunda aparición na Biblia dáse en Esdras 8:27. Tamén se usa unha palabra derivada da grega "darkemonium" en Esdras 2:69 e tres veces en Neemías 7:70-72.[14][15]

Controversia sobre a orixe da denominación

[editar | editar a fonte]

O antigos gregos crían que o termo dareikós (δαρεικός) derivaba do nome de Darío o Grande, quen se coñecía que introducira esta moeda. Algúns estudosos concordan con isto e reconstruíron a antiga palabra persa como *dārayaka-, mentres que outros supuxeron, máis comunmente, que o termo grego ten a súa orixe no antigo persa *dari- ("dourado", que probablemente evolucionou á palabra "زر" [zar] en persa moderno) e que se asociou co nome de Darío só na etimoloxía popular posterior. Esta segunda postura é a máis seguida nos estudos actuais.[16]

  1. Definición de dárico no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Dárico".
  3. "Daricus". En Smith, W. (1890).
  4. "Dárico". En "Algunos tipos de monedas antiguas". Tesorillo.com
  5. Briant, P. From Cyrus to Alexander: A History of the Persian Empire. Eisenbrauns. 2002. Páxinas 409 en adiante. ISBN 978-1-57506-120-7
  6. Robinson, E. S. G. “The Beginnings of Achaemenid Coinage”. NC, 1958. Páxinas 187-93.
  7. Stronach, D. “Early Achaemenid Coinage. Perspectives from the Homeland”. En Iranica Antiqua 24. 1989. Páxina 255-79.
  8. Jongkees, J. H. “Kroiseios en Dareikos”. Jaarbericht van het Vooraziatisch-Egyptisch Gezelschap Ex Oriente Lux 9. 1944. Páxinas 163-68.
  9. Naster, P. “Les monnayages satrapaux, provinciaux et régionaux dans l’empire perse face au numéraire officiel des Achéménides”. En E. Lipinski (ed.). State and Temple Economy in the Ancient Near East II. Orientalia Lovaniensia Analecta 6. Lovaina, 1979. Páxinas 597-604.
  10. Harrisson, C. M. Coins of the Persian Satraps, Ph.D. diss. University of Pennsylvania. Philadelphia, 1982.
  11. Plutarco. Vidas Paralelas. "Vida de Agesilao" 16.6 (texto en inglés)
  12. Crónicas 29:7 (texto en inglés)
  13. Klein, R. W. "1 Chronicles". En Wayne A. Meeks (ed.). The HarperCollins Study Bible. Nova York. HarperCollins, 1993. Páxinas 605-646. ISBN 0-06-065580-1
  14. Tischler, N. M. All Things in the Bible. Greenwood Publishing Group. 2006. Páxinas 396 e seguintes. ISBN 978-0-313-01425-3
  15. Feldman, L. H. Jew and Gentile in the Ancient World: Attitudes and Interactions from Alexander to Justinian. Princeton University Press. 1996. Páxinas 4 e seguintes. ISBN 1-4008-2080-4
  16. "Daric". En Alram, Michael. Encyclopaedia Iranica.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
  • Carradice, I. “The ‘Regal’ Coinage of the Persian Empire”. En Carradice, I. (ed.). Coinage and Administration in the Athenian and Persian Empires. The Ninth Oxford Symposium on Coinage and Monetary History, BAR 343, Oxford, 1987. Páxinas 73-95.
  • Carradice, I.; Price, M. Coinage in the Greek World. Londres, 1988. ISBN 978-0900652820
  • Head, B. V. The Coinage of Lydia and Persia from the Earliest Time to the Fall of the Dynasty of the Achaemenids. Londres, 1877.
  • Hill, G. F. “The Coinage of the Ancient Persians”. En Survey of Persian Art I. Páxinas 397-405. Inscriptiones Graecae I3, ed. D. Lewis. Berlín, 1981.
  • Smith, William (ed.). A Dictionary of Greek and Roman Antiquities. Ed. John Murray. Londres, 1890.