[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Camarón de area

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Crangon crangon»)
Camarón de area
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Pleocyemata
Infraorde: Caridea
Superfamilia: Crangonoidea
Familia: Crangonidae
Xénero: Crangon
Especie: C. crangon
Nome binomial
Crangon crangon
(Linnaeus, 1758)

O camarón de area[1] ou areeiro[2] (Crangon crangon, Linnaeus 1758)[3][4] é unha especie de crustáceo malacostráceo da orde dos decápodos, familia dos crangónidos, incluída no seu xénero tipo, Crangon que se encontra nas costas do Atlántico oriental, habitualmente nadando sobre as areas das praias.

Está presente en todas as praias do Atlántico oriental, especialmente nas europeas, desde Escandinavia polo norte, onde abunda, até Marrocos, polo sur, incluíndo os mares Mediterráneo e Negro.[5]

É un marisco moi degustado, especialmente nos países ribeiráns do mar do Norte (Países Baixos, Alemaña e países escandinavos), pero tamén en España.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1758 polo naturalista sueco Carl von Linné na 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Cancer crangnon.[3][4][6]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Posteriormente foi reclasificada en diversos outros xéneros, até chegar ao seu nome oficial actual, polo que se coñece tamén polos seguintes sinónimos:[4]

  • Astacus crangon (Linnaeus, 1758)
  • Cancer crangon Linnaeus, 1758
  • Crago vulgaris (Fabricius, 1798)
  • Crangon vulgaris Fabricius, 1798
  • Crangon rubropunctatus Risso, 1816
  • Crangon maculosa Rathke, 1837
  • Crangon maculatus Marcusen, 1867
  • Crangon maculosa typica Czerniavsky, 1884
  • Crangon maculosa brevirostris Czerniavsky, 1884
  • Crangon maculosa suchumica Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis longicauda Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis intermedia Czerniavsky, 1884
  • Steiracrangon orientalis brevicauda Czerniavsky, 1884
  • Crangon crangon typicus Doflein, 1900
  • Crangon crangon mediterranea Brashnikov, 1907

Características morfolóxicas

[editar | editar a fonte]
Anatomía externa de Crangon crangon.
Primeiro plano das pseudoquelas de C. cragnon.
C. crangon coas antenas despregadas cara a adiante.

É un camarón de pequeno tamaño, xa que os adultos miden habitualmente de 3 a 5 cm de lonxitude (excluíndo as antenas), aínda que se rexistraron espécimes de até 9 cm.[7]

O pereion (conxunto dos toracómeros, metámeros ou segmentos do tórax) libres, non fusionados coa cabeza no cefalotórax)[8] é deprimido e liso, sen quillas laterais.[9]

O rostro é curto, deprimido e acanalado, de bordos case paralelos e punta arredondada que chega á marxe posterior dos globos oculares. Ten ademais unha espiña dorsal media dirixida cara a adiante, e dúas espiñas hepáticas ao mesmo nivel, que comezan na marxe do rostro e que, bordeando as rexións gástricas, se dirixen cara a atrás, para desaparecer na metade da rexión branquial.[9]

Os ollos están ben desenvolvidos, con pedúnculo curto e groso; os globos oculares presentan unha profunda escotadura dorsal.[9]

As anténulas teñen o estilocerito curto e bicudo, e dous flaxelos.
As antenas presentan o escafocerito longo, coa marxe externa grosa, unha quilla lonxitudinal, unha espiña externa longa e un flaxelo case tan longo como todo o corpo.[9]

Os pereiópodos do primeiro par son robustos, subqueliformes, estando constituída a pseudoquela (pseudopinza) por un dáctilo curvo e bicudo que se abre sobre a marxe anterior do propodio, que está prolongado nunha espiña a maneira de dedo fixo.
As patas do segundo par son longas e delgadas, chegando case ao extremo das do primeiro par, con pinzas pequenas e ben formadas. As terceiras patas son delgadas e de igual lonxitude que as primeiras, cun dáctilo longo e afiado. E as dos pares cuarto e quinto son máis grosas que as do terceiro e están rematadas nun dáctilo forte.[9]

O abdome ten os segmentos lisos, coa marxe dorsal arredondada e coas placas laterotergais posteriormente arredondadas, e sen espiñas; o sexto segmento presenta unha espiniña no ángulo posteroinferior.[9]

O telson está rematado en ángulo agudo moi saínte, con tres pares de espiñas e varias sedas plumosas; os pleópodos son de dúas ramas, e os uropodios relativamente longos.[9]

A coloración é críptica, areosa ou máis on menos agrisada, que pode cambiar para que coincida co medio no que viven. O corpo de animal é translúcido.[7][9]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Viven en augas tranquilas pouco profundas, normalmente nas praias e en marismas próximas ás desembocaduras dos ríos, xa que tolera as augas lixeiramente salobres.[7][9]

Os adultos son epibentónicos, vivindo cerca do fondo, especialmente nas augas pouco profundas dos esteiros ou cerca da costa.[10]

Habita no litoral do Atlántico nororiental, desde o mar Branco, no norte de Rusia, até o sur de España e as costas de Marrocos, incluíndo o mar Mediterráneo, até Grecia e Turquía, chegando ao mar Negro.[9][11] e o mar Báltico, presentando nesta última zona poboacións abundantes.

A pesar da súa ampla área de distribución, porén, hai pouco fluxo de xenes debido á existencia de certas barreiras naturais, como o estreito de Xibraltar e o Bósforo. Pénsase que as poboacións do oeste do mar Mediterráneo son as máis antigas, e que a propagación da especie por todo o norte do Atlántico ocorrería no plistoceno.[11]

Xeralmente é moi abundante e ten un efecto significativo sobre os ecosistemas nos que habita.[10]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

O camarón de area é un animal hermafrodita funcional, que actúa un ou dos anos como macho e posteriormente como femia, até os 3 ou 4 anos que adoita vivir.[12] As femias alcanzan a madurez sexual cando miden ao redor de 22 mm, mentres que os machos son maduros aos 30 mm.[13] As femias fan dúas postas ao ano de entre 2.000 e 14.000 óvulos;[12] despois de seren estes fecundados, os ovos son transportados polas nais nas súas patas abdominais durante un ou dous meses.[9][12]

Cando os ovos eclosionan, as crías convértense en larvas planctónicas (é dicir, peláxicas, que nadan libremente até que miden uns 10 mm,[12] e pasan por cinco écdises antes de chegaren á etapa de "post-larva", momento en que baixan ao fondo do mar;[13] daquela miden 1 cm.

Nutrición

[editar | editar a fonte]

Aliméntanse de noite, de algas e de todo tipo de pequenos invertebrados bentónicos.[9][12]

Nomes populares galegos

[editar | editar a fonte]

Este especie recibe en Galicia numerosos nomes, ademais dos antecitados camarón de area e areeiro, como burra, camaleón, camarón, camarón bravo[1], camarón das ladeiras, camarón de río, camarón do limpo, camarón do río, camarón feo, camarón gafo, camarón sarnoso, esquía[14], esquía de area, esquila areneira e outras menos citadas.[9][15]

Rosa Ramonell na súa Guía,[9] e Lahuerta e Vázquez, no seu Vocabulario multilingüe,[16] empregan o castelanismo quisquilla.

Pesquería e consumo

[editar | editar a fonte]
Capturas globais de Crangon crangon en toneladas, datos da FAO, 1950–2010.[17]

A súa principal área de captura destes camaróns é o mar de Wadden, onde se apañan con artes de vara e de arrastre, en augas pouco profundas (de 2 a 3 m).[12]

En 1999 capturáronse cerca de 37.000 toneladas destes crustáceos, que se consumiron principalmente en Alemaña (é moi usual o uso deste crustáceo na Baixa Saxonia como almorzo) e nos Países Baixos (entendedo como tales a Bélxica e Holanda), que acaparan o 80 % do consumo total.[5]

Os exemplares de moi pequeno tamaño, sécanse e empréganse para a fabricación de pensos para o gando.[12]

Gastronomía

[editar | editar a fonte]

Este tipo de camarón é un marisco que goza de gran popularidade en Bélxica e nos países veciños.

Croquetas de camarón.
Prato de C. crangon.
Bélxica

É a base do prato tomate-crevette, no que estes crustáceos, mesturados con salsa maionesa, sérvense en recipientes que son medios tomates crus, aos que se separa parte da polpa para acollelos.
As croquetas de camarón son outra especialidade belga; a pasta leva o camarón mesturado con queixo fundido.
Fresco, cocido e sen pelar sérvese adoito como tapa acompañando á cervexa, normalmente unha amarga ale ou unha flamenga vermella, como unha "Rodenbach".[18]

Alemaña e os Países Baixos

É tamén moi apreciado na gastronomía da Alemaña setentrional (cociña de Schleswig-Holstein), así como na holandesa.
Nestes lugares denominan a este camarón Nordseekrabben/Nordseegarnelen (cangrexo de mar do Norte).

No norte de Alemaña adoita comerse no almorzo acompañado de salsa maionesa e sobre unha rebanda de pan ou un brötchen (peza pequena de pan); a súa preparación é moi simple: pélanse uns cantos camaróns cocidos que se van depositando, nun bol, os suficientes para alcanzar a cantidade adecuada; logo mestúranse coa maionesa e colócanse sobre o pan. Trátase dun almorzo moi tradicional nesa zona.[19]

  1. 1,0 1,1 Daviña Facal, Luís (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 750. ISBN 84-95335-46-8
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para areeiro.
  3. 3,0 3,1 Crangon crangon (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
  4. 4,0 4,1 4,2 Crangon crangon (Linnaeus, 1758)(en inglés) no SIIT.
  5. 5,0 5,1 "Crangon crangon (Linnaeus, 1758)". Species Fact Sheets. Food and Agriculture Organization (FAO). Arquivado dende o orixinal o 27/05/2020. Consultado o 7/01/2013. 
  6. Caroli Linnæi: Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classses, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Editio decima reformata 1758, Holmiæ, Impensis direct. Laurentii Salvii (Salvius publ.)
  7. 7,0 7,1 7,2 "Crangon crangon". ARKive. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2008. Consultado o 07 de xaneiro de 2013. 
  8. Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill-Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  9. 9,00 9,01 9,02 9,03 9,04 9,05 9,06 9,07 9,08 9,09 9,10 9,11 9,12 9,13 Ramonell, R. (1985), pp. 216-218.
  10. 10,0 10,1 Joana Campos, Cindy Pedrosa, Joana Rodrigues, Sílvia Santos, Johanses I. J. Witte, Paulo Santos & Henk W. van der Veer (2009). "Population zoogeography of brown shrimp Crangon crangon along its distributional range based on morphometric characters". Journal of the Marine Biological Association of the United Kingdom 89 (3): 499–507. doi:10.1017/S0025315408002312. 
  11. 11,0 11,1 Joana Campos, Vânia Freitas, Cindy Pedros, Rita Guillot & Henk W. van der Veer (2009). "Latitudinal variation in growth of Crangon crangon (L.): does counter-gradient growth compensation occur?". Journal of Sea Research 62 (4): 229–237. doi:10.1016/j.seares.2009.04.002. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): "Camarón" (Crangon vulgaris), en: Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2, p. 284.
  13. 13,0 13,1 Joana Campos & Henk W. van der Veer (2008). R. N. Gibson, R. J. A. Atkinson & J. D. M. Gordon, ed. "Autecology of Crangon crangon (L.) with an emphasis on latitudinal trends". Oceanography and Marine Biology: an Annual Review (CRC Press) 46: 65–104. ISBN 978-1-4200-6574-9. doi:10.1201/9781420065756.ch3. 
  14. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para esquía.
  15. Ríos Panise, M. C. (1977), pp. 27-28.
  16. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 223.
  17. FishStat database, FAO.
  18. "Les crevettes grises". Eating.be. Arquivado dende o orixinal o 11 de outubro de 2012. Consultado o 07 de xaneiro de 2013. 
  19. Jens Mecklenburg (texto) e André Hoffmann (fotos) (2002): Kulinarischer Norden: Helmut Zipner präsentiert Rezepte von Profiköchen und Publikum. Hannover: Schlütersche. ISBN 3-87706-859-6.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • Ramonell, Rosa (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Raabe, Charles & Linda Raabe (2008): "The Caridean shrimp: Shrimp Anatomy - Illustrations and Glossary". Ver en liña.
  • Tavares, Carolina & Joel W. Martin (2010): "Suborder Dendrobranchiata Bate, 1888", en F. R. Schram, J. C. von Vaupel Klein, J. Forest & M. Charmantier-Daures (eds.) Treatise on Zoology – Anatomy, Taxonomy, Biology – The Crustacea. Volume 9A Eucarida: Euphausiacea, Amphionidacea, and Decapoda. Brill Publishers. ISBN 978-90-04-16441-3. PDF.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]