Coma un allo
Coma un allo | |
---|---|
Duración | 45 min. |
Producido por | TVG con Centroña P.A. |
Presentado por | Bernardo Montaña |
Día(s) de emisión | Luns a venres |
Horario de emisión | 15.45 a 16.30 |
Cadea | TVG |
Día da estrea | 11 de setembro de 2017 |
Na rede
| |
http://www.crtvg.es/tvg/programas/coma-un-allo |
Coma un allo é un programa concurso de preguntas e respostas, emitido pola Televisión de Galicia. Comezou a emitirse o 11 de setembro de 2017.[1]
Características
[editar | editar a fonte]O programa é obra da produtora Centroña PC[2]. Está dirixido por Paco Lodeiro, e presentado por Bernardo Montaña.[3] Conta coa colaboración técnica da enxeñeira e escritora María Canosa e do físico Jorge Mira, que xa coincidiran en Verbas van e Cifras e letras.
Funcionamento
[editar | editar a fonte]En cada programa participan tres concursantes. Cada programa está adicado a un tema e conta con diversas probas. No primeiro bloque están:
- O Galiwiki, con preguntas referentes a Galicia
- O Fun x Ciencias, con preguntas de ámbito científico
- O Viaxar e Papar, con preguntas sobre a xeografía e a gastronomía de Galicia
Alternando estas probas está o Bota Contas, onde cada participante debe resolver seis contas aritméticas.
No segundo bloque están:
- O Cabezas de Allo, con preguntas sobre unha persoa galega de sona relacionada co tema do día
- O Allos ou Cascallos, proba en colaboración coa Real Academia Galega, na que cada participante debe resolver dúbidas ortográficas.
- O Premer e Falar, en que a primeira persoa en premer o pulsador pode contestar cada pregunta formulada.
As dúas persoas con máis puntos pasan á seguinte fase, A Allada. Consiste en adiviñar seis palabras a partir da definición dada, coas dúas primeiras letras como pista. As palabras están dispostas de maneira que as súas iniciais forman un acróstico relacionado co tema de cada programa. Se non se acertan as seis palabras, a persoa con menos puntos pode optar ao rebote.
Reconto final
- A persoa que acada máis puntos leva 250 € de premio e opta a conseguir o bote, ademais de volver o día seguinte.
- A segunda persoa con máis puntos leva 150 € e volve participar o día seguinte.
- A persoa con menos puntos fica eliminada e leva como agasallo un libro da Editorial Galaxia. Algunhas das obras outorgadas foron The making of, de Xavier Alcalá, A través do fume, de Antonio Piñeiro (Premio Torrente Ballester en galego en 2017) ou As Ramonas, de Ana Cabaleiro (Premio García Barros en 2018).
Participantes
[editar | editar a fonte]Hai un límite de participacións, un máximo de 50 programas, e un premio máximo, 30.000 euros.
En setembro de 2018, Eloy Troitas, de Riotorto, levou o maior bote, de 29.300 euros.[4][5] O primeiro concursante en acadar os 50 programas foi o vigués Alberto García Prado.[6]
O programa número 500, emitido o 11 de marzo de 2020, acolleu nunha edición especial os tres concursantes que acadaran o máximo de programas de permanencia. Nesta ocasión participaron, amais de Alberto, Antonio Freire[7], tamén de Vigo, e Estevo, de Pontevedra.[8]
Programas especiais
[editar | editar a fonte]No Nadal adoita haber varias edicións especiais en que participan personalidades de sona coma Oswaldo Digon, Monti Castiñeiras, María Solar, Loli Gómez, Luís Iglesia, Carlos Amado, Adrián Díaz, Lucía Rodríguez, Terio Carrera, Kiko Novoa, Marta Doviro e Xosé Ramón Gayoso. Tamén houbo edicións especiais infantís, con nenos e nenas de 4º de primaria de varios centros educativos, como o CEIP Eugenio López de Cee[9], o CEIP O Areal de Camariñas, o CEIP Labarta Pose de Baio e o CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín[10].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Os programas «TAC», «Coma un allo» e «ADN Galego», as apostas da TVG para o outono". Extra Digital. 8 de setembro de 2017.
- ↑ Coma un allo, na páxina web de Centroña Producións Audiovisuais.
- ↑ "El baionés Bernardo Montaña presenta «Coma un Allo», el nuevo concurso de la TVG". Val Miñor TV (en castelán). 16 de setembro de 2017.
- ↑ "Un veciño de Riotorto gaña case 30.000 euros no concurso 'Coma un allo', da TVG". El Progreso (en castelán). 18 de setembro de 2018.
- ↑ Pablo Villapol (18 de setembro de 2018). "El vecino de Riotorto que ganó 29.300 euros en 'Coma un allo': «Tiven sorte»". El Progreso (en castelán).
- ↑ "O concursante Alberto García retírase este xoves invicto do concurso da TVG «Coma un Allo»". CRTVG. 10 de maio de 2018.
- ↑ "O concursante do 'Coma un allo' Antonio Freire acada hoxe o límite de 50 programas como participante". CRTVG. Consultado o 24 de abril de 2020.
- ↑ Programa 500 con Estevo de Pontevedra, Alberto de Vigo e Antonio de Vigo (CRTVG). 11 de marzo de 2020. Consultado o 25 de abril de 2020.
- ↑ Emisión do concurso "Coma un allo", no blog do CEIP Eugenio López, 13 de decembro de 2017.
- ↑ Parabéns aos alumnos/as participantes no concurso “Coma un allo”, no blog do CEIP O Areal, 10 de xaneiro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Coma un allo, na páxina web da CRTVG.