Coldplay
Coldplay | |
---|---|
Coldplay, en 2008 | |
Orixe | Londres, Inglaterra |
Período | 1996 - presente |
Xénero(s) | rock alternativo, britpop |
Selo(s) discográfico(s) | EMI, Parlophone, Capitol, Fierce Panda |
Membros | Chris Martin Jon Buckland Guy Berryman Will Champion |
Na rede | |
http://www.coldplay.com/ | |
|
Coldplay é unha banda inglesa de rock alternativo formada en Londres en 1996 polo cantante Chris Martin e o guitarrista Jonny Buckland.[1] Tras formar Pectoralz, Guy Berryman uniuse coma baixista, e cambiaron o seu nome a Starfish.[2] Will Champion uniuse coma batería e para facer as voces secundarias, completando así a banda. O seu representante, Phil Harvey, é a miúdo considerado coma o quinto membro do grupo.[3] A banda cambiou o seu nome a "Coldplay" en 1998,[4] antes de gravar e lanzar tres EPs: Safety en 1998, Brothers & Sisters como sinxelo en 1999, e The Blue Room o mesmo ano. Este último foi a súa primeira edición nunha gran marca, tras asinar con Parlophone.[5]
Conseguiron fama mundial co lanzamento do sinxelo "Yellow" no ano 2000, seguido do seu álbum de debut nese mesmo ano, Parachutes, o cal foi nomeado ao Mercury Prize, que premia ao mellor álbum do ano do Reino Unido e Irlanda. O seu segundo álbum, A Rush of Blood to the Head (2002), tivo unha gran crítica e gañou numerosos premios, incluíndo o de Álbum do ano da MNE, e foi considerado coma o mellor dos álbums de Coldplay producidos por Ken Nelson. O seguinte traballo, X&Y, foi o álbum máis vendido no mundo en 2005. O cuarto álbum de estudio, Viva la Vida or Death and All His Friends (2008), foi producido por Brian Eno e obtivo de novo moi boas críticas, numerosos nomeamentos e trofeos nos 51º Premios Grammy.[6] O 24 de outubro de 2011, editaron o seu quinto álbum de estudio, Mylo Xyloto, que recibiu críticas positivas e copou as listas musicais en 34 países, alén do álbum de rock mellor vendido no Reino Unido no 2011.[7] O 16 de maio de 2014, lanzaron o seu sexto álbum, titulado Ghost Stories, que ascendeu nas listas de álbums de iTunes Store en máis de 100 países.[8] O 4 de decembro de 2015, o grupo lanzou o seu sétimo álbum, A Head Full of Dreams.
Biografía
[editar | editar a fonte]Chris Martin formou Coldplay en 1996, na Universidade de Londres, cos amigos Will Champion, Jon Buckland e Guy Berryman, ao descubrir gustos semellantes (os folks Nick Drake, Simon and Garfunkel e Jeff Buckley). A banda podería ter ficado no ostracismo total, como moitas outras, pero tivo sorte: decidiron lanzar un sinxelo, "Safety", a pesar de ter só cartos para 500 copias. Distribuíron o sinxelo entre familiares e amigos, e tamén enviaron copias a discográficas como BMG e Parlophone que posteriormente contrataríaos. A banda aínda lanzaría outro sinxelo, "Brother & Sisters", co pequeno selo Fierce Panda.
Xa con Parlophone lanzaron o EP The Blue Room, cunha tirada de 5.000 copias, e que hoxe é disputado entre os fanáticos e coleccionistas. Foron tamén lanzados con moito éxito os sinxelos das cancións "Shiver" e "Yellow".
Editaron o seu primeiro disco, Parachutes, o día 10 de xullo de 2000, chegando ao primeiro lugar das listas no Reino Unido. O videoclip de "Yellow" emitiuse sen parar na MTV e a banda consagrouse no V-2000, festival de verán de Inglaterra. Parachutes vendeu máis dun millón de copias, levando ás listas outros éxitos como "Trouble", "Shiver" e "Don't Panic". O vocalista Chris Martin chegou a afirmar que Coldplay era unha das 10 mellores bandas do mundo. Despois diso a banda realizou unha xira polos Estados Unidos e gañou o Grammy en 2002 polo mellor álbum alternativo.
En xuño de 2002, o grupo lanzou o seu segundo disco, A Rush of Blood to the Head. Trátase dun disco un pouco máis ousado e cunha mellor produción que a súa estrea, e acabou convertendo a Coldplay nun grupo consagrado, cos seus distintos hits.
No ano seguinte, realizaron dous novos lanzamentos antes de editar un novo álbum: o EP Brothers & Sisters e o DVD Live 2003 (que tamén saíu en formato CD, co setlist resumido). Á parte diso, destacou dese ano 2003 a voda de Chris Martin coa actriz Gwyneth Paltrow.
No 2004, a banda regresou aos estudos para gravar o seu terceiro álbum, que foi lanzado o 6 de xuño de 2005 co título de X&Y. O disco é unha continuación de A Rush of Blood to the Head, o que agradou aos seareiros, pero deixou á crítica reticente sobre o futuro da banda. Posteriormente, no ano 2008, lanzaron o álbum Viva la Vida or Death and All His Friends.
Formación e primeiros anos (1997-1999)
[editar | editar a fonte]Os membros da banda coñecéronse na University College de Londres en setembro de 1997. Chris Martin e Jonny Buckland foron os primeiros integrantes da banda, estiveron planeando formar unha banda en todo o que quedaba de ano. Chris pensou o principio en facer unha banda chamada Pectoralz. Entón, Guy Berryman cumpriu os requisitos e uniuse a banda ese ano. En 1997, Coldplay tocaba en pequenos clubs en Camden. Desexando ter máis liberdade creativa, Chris decidiu falarlle o seu amigo Phil Harvey para que traballara como representante da banda. Este axudou a banda a obter fondos para gravar o seu primeiro álbum. Harvey traballou coa banda ata a realización do álbum debut Parachutes.
O 8 de xaneiro de 1998, Coldplay completou a súa formación ó unirse Will Champion. El sabía tocar o piano, a guitarra e o baixo, e aínda que non sabía tocar a batería, aprendeu axiña. Nese momento, tocaban baixo o nome de "Starfish".[9] Tomaron o nome Coldplay dun amigo mutuo, Tim Rice Oxley. Tim decidiu non empregar máis aquel nome xa que parecíalle que era moi deprimente. Ó mesmo tempo ofrecéuselle a Tim Rice-Oxley ser o pianista de Coldplay, pero el rexeitouno porque estaba comprometido con Keane.[10]
O 18 de maio de 1998, a banda gravou 500 copias do EP Safety, os cales foron regaladas maioritariamente a compañías discográficas, familiares e amigos, e só 50 copias saíron á venda. En decembro, Coldplay asina coa discográfica Fierce Panda. O resultado foi o lanzamento do EP Brothers and Sisters, que foi rapidamente gravado en catro días de febreiro de 1999. O lanzamento oficial foi en abril, con só 2.500 copias. O interese na banda foi medrando lentamente a través do Reino Unido, axudado pola súa rotación na BBC Radio 1 polo DJ Steve Lamacq.
Na primavera de 1999, Coldplay asina un contrato por cinco discos coa discográfica Parlophone. Despois de facer a súa primeira aparición no Festival de Glastonbury,a banda foi os estudios para gravar o seu terceiro EP titulado The Blue Room. Este disco foi lanzado en outubro con 5.000 copias postas a disposición para o público.
As gravacións do EP The Blue Room foron complicadas. Martin botou a Champion da banda, pero logo reconciliaríanse, e por mor disto, Martin (un autoproclamado non bebedor nin fumador) comezou a beber alcohol. Despois disto, a banda empezou a traballar nas súas diferenzas e poñer unha serie de regras que manterían o grupo unido. Primeiro, a banda declarou que serían un para todos e todos para un; Coldplay sería unha democracia, e as ganancias serían repartidas de igual maneira entre os seus compoñentes, tomando o exemplo de bandas como a-ha, U2 e R.E.M.. E segundo, a banda despediría a todo aquel que consumira drogas duras.
Parachutes (1999-2000)
[editar | editar a fonte]En novembro do ano 1999, Coldplay focalizou os seus esforzos no seu álbum de estrea. A banda pasou o Aninovo completando as cancións "Yellow" e "Everything's Not Lost". Tamén tocaron no Carling Premier Tour da NME. Despois de lanzar tres EP sen ningunha canción exitosa, Coldplay marcou o seu primeiro sinxelo Top 40, "Shiver". Lanzado en marzo de 2000, o sinxelo ocupou un modesto número 35 e conseguiu a primeira aparición para a banda na MTV. O mes de xuño do ano 2000 foi un momento crucial na historia de Coldplay. A banda embarcouse na súa primeira xira importante, que incluiría un triunfante regreso a Glastonbury. Máis notablemente, a banda lanzou o exitoso sinxelo "Yellow". A canción posicionouse no número 4 do UK Singles Chart, dando a coñecer á banda máis amplamente.
Coldplay lanzou o seu primeiro álbum de longa duración, chamado Parachutes, en xullo de 2000, que se estreou como número 1 no Reino Unido. O álbum recibiu moi boas críticas, pero foi ás veces acusado por semellarse ós discos The Bends e OK Computer, ambos de Radiohead. "Yellow" e "Trouble" gañaron popularidade na radio e nos dous lados do Atlántico. Nun principio, Parlophone agardaba unhas vendas de 40.000 unidades para Parachutes, pero cara ao Nadal, soamente no Reino Unido venderan xa 1,6 millóns de copias.[Cómpre referencia] Parachutes foi nomeado para o Mercury Music Prize en setembro de 2000.
Unha vez conseguido o éxito en Europa, Coldplay embarcouse cara a América do Norte. Parachutes foi lanzado alí en novembro do 2000. A banda comezou unha xira por clubs dos Estados Unidos, comezando cun concerto en Vancouver, Canadá, xira que foi simultaneada con aparicións en diversos programas de televisión como Saturday Night Live e Late Night with Conan O'Brien. O álbum tivo un modesto éxito, e foi certificado cun disco de dobre platino nos Estados Unidos. Tamén recibiu unha boa acollida por parte dos críticos estadounidenses, gañando o Grammy ó Mellor Álbum Alternativo no 2002.
A Rush of Blood to the Head (2001-2004)
[editar | editar a fonte]Coldplay regresou os estudios de gravación en outubro de 2001 para traballar nun segundo álbum. Con moita anticipación, lanzaron o seu segundo álbum en agosto do 2002: A Rush of Blood to the Head. A canción inaugural do álbum, "Politik", foi escrita días despois dos atentados do 11 de setembro de 2001. O álbum xerou sinxelos populares, como "In My Place", "The Scientist" e "Clocks".
Coldplay saíu de xira dende xuño do 2002 ata setembro do 2003, visitando os cinco continentes, incluíndo aparicións nos festivais de Glastonbury, V2003 e Rock Werchter. Moitos dos seus actos tiñan un sofisticado sistema de luces e pantallas individualizadas como no Elevation Tour de U2. Aproveitando a xira, gravaron un CD e DVD ao vivo, Live 2003, en Sydney, Australia. Unha nova canción chamada "Moses" pódese atopar nesa compilación.
En novembro do 2003, foron nomeados polos lectores da revista Rolling Stone como mellor artista e banda do ano. Ao mesmo tempo, Coldplay facía unha versión da canción de The Pretenders "2000 Miles", que se podía descargar dende o seu sitio web oficial. Foi a canción máis baixada en Internet ese ano no Reino Unido, e as ganancias obtidas con ela foron destinadas a algunhas campañas de caridade. A Rush Of Blood To The Head gañou dous premios Grammy no 2003, e nos premios Grammy do 2004, "Clocks" gañou o premio de Gravación do Ano. O álbum foi tamén incluído na Lista de Rolling Stone dos 500 mellores álbums de todos os tempos, ocupando a posición número 473.
X&Y (2004-2006)
[editar | editar a fonte]Durante o 2004, Coldplay fixo un descanso para traballar no seu terceiro álbum. En maio, a banda fíxolles unha broma ós seus seguidores cunha nova canción e cun vídeo na súa páxina oficial para celebrar o nacemento de Apple, a filla de Chris Martin coa súa muller, a actriz estadounidense Gwyneth Paltrow. O famoso produtor George Martin presentou esta promoción como Coldplay e o seu produtor Ken Nelson actuando como The Nappies, un satírico conxunto de rap/glam rock. Chris Martin dixo que a música fora inspirada por Jay-Z. O terceiro álbum de Coldplay, X&Y, foi lanzado o 6 de xuño de 2005 no Reino Unido. O álbum converteuse no máis vendido do ano 2005, alcanzando vendas sobre os 8,3 millóns de copias no mundo enteiro. O primeiro sinxelo do álbum, "Speed of Sound", fixo a súa aparición comercial na rede e na radio o 18 de abril e foi lanzado en CD o 23 de maio de 2005. O álbum estreouse como número un en 28 países ao longo do mundo, e foi a segunda venda máis rápida de álbums na historia do Reino Unido, por debaixo do Be Here Now de Oasis. Dous sinxelos máis foron lanzados ese ano: "Fix You" en setembro e "Talk" en decembro. En maio de 2006 a banda lanzou "The Hardest Part" en varios países fóra do Reino Unido. Malia o éxito comercial, as reaccións dos críticos musicais cara a X&Y non foron tan boas nin tan unánimes como as de A Rush of Blood to the Head ou Parachutes.
En febreiro de 2006, Coldplay gañou os Brit Awards ao mellor álbum e ao mellor sinxelo. No discurso de agradecemento, o vocalista Chris Martin levantou algúns rumores sobre a separación da banda cando dixo: "Este (premio) significa moito para nós, especialmente agora. Pasarán moitos anos antes de que nos vexa de novo". Logo, estas declaracións foron desmentidas pola discográfica do grupo.[11]
Viva la Vida or Death and All His Friends (2006–2009)
[editar | editar a fonte]Coldplay comezou a traballar no seu novo álbum en decembro de 2006. Brian Eno e Markus Dravs foron os seus produtores. A banda tomou un descanso na produción e realizou unha xira en febreiro e marzo de 2007 por Suramérica por primeira vez. A Latin American Tour 2007 levounos a Chile, Arxentina, Brasil e México. Ademais, a banda confirmou que o álbum tería influencias hispánicas, despois de gravar en igrexas e outras áreas de Latinoamérica e España durante e despois da xira.
Despois de todo un ano de traballo, o 6 de decembro de 2007 a banda fixo unha actualización no seu sitio web oficial, dicindo que o álbum estaba case rematado e que a mestura do mesmo estábase levando a cabo en Nova York. Nun artigo da revista online Rolling Stone, Chris anunciou que o nome do novo disco sería Viva la vida (nome tomado dun cadro da pintora mexicana Frida Kahlo), e estaría dispoñible o 17 de xuño de 2008. O seguinte día, Coldplay anunciou no seu sitio web o título oficial, Viva la Vida or Death and All His Friends.
Chris Martin describiu o álbum como unha nova dirección para a banda; algo diferente aos anteriores 3 discos, aos que se referiu como unha triloxía. Algunhas cancións en Viva la Vida or Death and All His Friends, como "Violet Hill" conteñen riffs de guitarras distorsionadas e tons de blues. Martin comentou que este álbum non contiña falsetes como os anteriores discos. O tema foi o primeiro sinxelo do disco, e o vídeoclip filmouse en Sicilia, Italia. "Viva la vida" foi o segundo sinxelo do álbum, e foi lanzado exclusivamente en iTunes o 25 de maio de 2008. Dese tema graváronse dous vídeos, un oficial e outro no que o cantante Chris Martin viste un traxe de rei nunha clara homenaxe a Depeche Mode e o seu vídeo "Enjoy the Silence", dirixido por Anton Corbijn. Foi precisamente este segundo sinxelo co que se desencadeou unha acusación de plaxio por parte de Creaky Boards, uns 3 días despois da saída o mercado de Viva la Vida or Death and All His Friends. A banda negouno mediante un comunicado, e na prensa deuse a entender que todo fora froito dun intento de Creaky Boards para conseguir protagonismo.[12]
Tamén este tema foi protagonista doutra polémica de plaxio, onde Joe Satriani presentou nunha corte federal dos Ánxeles unha demanda de violación os dereitos de autor, na que sostiña que a canción de Coldplay "Viva la vida" incorporaba "porcións orixinais substanciais" da súa canción instrumental "If I Could Fly", do 2004.
"Lost!" foi o terceiro sinxelo do álbum, pero non obtivo posicións tan privilexiadas como os dous anteriores. O vídeo da canción consiste nunha presentación ao vivo no United Center de Chicago, Estados Unidos, o 22 de xullo, durante a xira Viva la Vida Tour. Foi dirixido por Mat Whitecross.
O cuarto sinxelo foi "Lovers In Japan", chegando a obter posicións altas nas listas nas que apareceu. O vídeo musical para a canción foi dirixido por Mat Whitecross (tamén director de vídeos de Coldplay como "Bigger Stronger" e "Lost!") en Londres. O lanzamento mundial foi en iTunes Store o 31 de outubro de 2008, de maneira gratuíta durante unha semana, só dispoñible para o Canadá e os Estados Unidos. Despois de lanzar Viva la Vida or Death and All His Friends, Coldplay púxose a traballar nun EP con colaboracións con Jay-Z, o cal saíu á venda o 31 de agosto de 2008. O seu primeiro sinxelo foi "Life In Technicolor II".
Membros
[editar | editar a fonte]- Chris Martin: voz, violín e piano.
- Jon Buckland: guitarra.
- Guy Berryman: baixo.
- Will Champion: batería.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Parachutes - 2000 (Parlophone)
- A Rush of Blood to the Head - 2002 (Parlophone)
- X&Y - 2005 (Parlophone, Capitol Records)
- Viva la Vida or Death and All His Friends - 2008 (Parlophone, Capitol Records)
- Mylo Xyloto - 2011 (Parlophone, Capitol Records)
- Ghost Stories - 2014 (Parlophone, Atlantic Records)
- A Head Full of Dreams - 2015
- Everyday Life - 2019
- Music of the Spheres - 2021
- Moon Music - 2024
Álbums en directo
[editar | editar a fonte]- Live 2003 - 2003
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ali, Mehreen F. (26 de novembro de 2005). "All That Is Cold play". Dawn. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2008. Consultado o 1 May 2008.
- ↑ (Roach 2003, p. 19)
- ↑ Roach, p. 22
- ↑ coldplay.com (ed.). "Newsreel: An appeal to Wikipedia enthusiasts". Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2017. Consultado o 22 de setembro de 2014.
- ↑ "Coldplay to Quit" Arquivado 01 de outubro de 2012 en Wayback Machine.. Daily Star. 7 de xaneiro de 2008. Consultado o 5 de maio de 2008.
- ↑ "Nominations for the 51st Grammy Awards". USA Today. 3 de decembro 2008. Consultado o 28 de decembro de 2008.
- ↑ NME.COM, ed. (17 de xaneiro de 2012). "Coldplay, Noel Gallagher and Foo Fighters revealed as biggest selling rock acts of 2011". Consultado o 22 de setembro de 2014.
- ↑ Mail Online (ed.). "Coldplay No.1 on iTunes in 100 countries". Consultado o 27 de xuño de 2014.
- ↑ "(Inglés) Hot and Coldplay: About Coldplay". Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2008. Consultado o 27 de abril de 2009.
- ↑ "(Inglés) Q magazine: The Shore Thing". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2006. Consultado o 27 de abril de 2009.
- ↑ (Inglés) Coldplay speak out on split rumours Arquivado 13 de novembro de 2007 en Wayback Machine..
- ↑ Coldplay, acusado de plagio al tercer día de sacar su último disco
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Coldplay |