[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Chris Paul

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaChris Paul

(2022) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento6 de maio de 1985 Editar o valor en Wikidata (39 anos)
Winston-Salem, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
ResidenciaCharlotte
Winston-Salem
Os Ánxeles
Condado de Forsyth (pt) Traducir
Encino Editar o valor en Wikidata
EducaciónWest Forsyth High School (en) Traducir
Universidade Wake Forest (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Altura183 cm Editar o valor en Wikidata
Peso79 kg Editar o valor en Wikidata
Lateralidadedestro Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónbaloncestista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade2005 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Deportebaloncesto Editar o valor en Wikidata
LigaBaloncesto masculino da División I da NCAA e National Basketball Association Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoBase Editar o valor en Wikidata
Número deportivo3 Editar o valor en Wikidata
Convocado porNew Orleans Pelicans Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
Golden State Warriors
Phoenix Suns
Oklahoma City Thunder
2003–2005 Wake Forest Demon Deacons men's basketball
2003–2005 Wake Forest Demon Deacons men's basketball
2005–2011 New Orleans Pelicans (Base)
2011– Los Angeles Clippers (Base)
Participou en
2012Xogos Olímpicos de 2012
2008Xogos Olímpicos de 2008
2006Campionato mundial de baloncesto de 2006
Global Conference 2020 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Premios

Páxina webchrispaul3.com Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm2255137 Twitter: CP3 Instagram: cp3 Editar o valor en Wikidata

Christopher Emmanuel "Chris" Paul, nado o 6 de maio de 1985 en Winston-Salem, Carolina do Norte, é un xogador profesional estadounidense de baloncesto que xoga nos Golden State Warriors da National Basketball Association (NBA). Con 1,83 metros de estatura xoga na posición de base. É alcumado "CP3".

Chris Paul foi elixido por New Orleans Hornets en cuarta posición do Draft da NBA de 2005, proclamándose ao final da tempada vencedor do Rookie do Ano. A pesar da súa mocidade, está considerado como un dos mellores bases da NBA, como testemuñan os seus galardóns ao longo da súa curta traxectoria na liga. Coa selección estadounidense gañou a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 e de bronce no Mundial do Xapón 2006.

Chris Paul é o segundo fillo de Charles Edward Paul e Robin Jones. Ten un irmán máis vello, Charles "C.J." Paul. Durante a súa infancia, pasou moito tempo co seu avó na gasolineira que este abriu, axudándolle no seu traballo. Jones Chevron, o nome da gasolineira, foi a primeira rexentada por un afroamericano en Carolina do Norte. Charles Edward Paul era coñecido como "Papa Chilly", un home moi popular na zona. Charles e Robin foron disciplinados coa educación dos seus fillos, seguían de preto os seus estudos e non toleraban que falasen mal, mesmo xogar aos videoxogos quedaba restrinxido ao fin de semana.

Cando Chris tiña tres anos, Charles comprou un par de canastras de Fisher-Price, coas que os seus fillos pasaban o tempo. Paul creceu á sombra de Wake Forest do que era afeccionado, sobre todo trala chegada de Tim Duncan en 1993. Tamén foi un gran afeccionado da ACC e de Michael Jordan. Con todo, durante a súa infancia, o fútbol americano foi o deporte que máis captou a atención de Paul. Aínda que non gozaba do tamaño adecuado para este deporte, Paul era moi rápido e foi un líder carismático. Xogaba de quarterback, running back e linebacker, e os seus adestradores nunca o sacaban do campo. O seu pai, Charles, raramente se perdía un partido do seu fillo. Finalmente, Paul formou parte do equipo de baloncesto do instituto.

Traxectoria deportiva

[editar | editar a fonte]

Instituto

[editar | editar a fonte]
Chris Paul nos Xogos Olímpicos de 2008, onde conseguiu a medalla de ouro.

Chris matriculouse en West Forsyth High School, pero non tiña moita ilusión de formar parte do equipo de baloncesto, do que o seu irmán C.J. era o mellor xogador. Esa desilusión quedou reflectido nas súas dúas primeiras tempadas, onde o seu xogo pasou desapercibido. Paul por entón estaba en 1,70 de estatura, e resultáballe complicado competir con opoñentes máis fortes fisicamente. O xogo de Paul comezou a florecer no seu ano júnior, despois de que C.J. marchara á Universidade de Hampton. Creceu máis de 10 centímetros (achegándose aos 1,83 que mide na actualidade) pero sen perder un chisco da súa velocidade. As súas medias aumentaron até os 25 puntos, 5.3 asistencias e 4.4 roubos. Liderou a West Forsyth a un récord de 26-4 récord e ás semifinais do Campionato estatal 4-A. Paul levou o Xogador do Ano en Central Piedmont. Paul chamou a atención de adestradores na universidade, pero a súa mente estaba posta en Wake Forest. Cos Demon Deacons comprometeuse de maneira oral. En novembro de 2002, Chris Paul asinou unha carta de intencións con Wake Forest. "Papa Chilly" sorría de orella a orella con orgullo, e tras a cerimonia, Paul colocoulle con chapeu de Wake Forest na súa cabeza.

Con todo, en menos de 24 horas, a vida de Chris Paul pegou un envorco cando o seu avó de 61 anos, Papa Chilly, foi atracado e asasinado por unha cuadrilla de mozas que entraron a roubar á súa casa. Chris e a súa familia quedaron esnaquizados. Preto de 2.000 persoas acudiron ao funeral. Chris estaba aparvado, pero unha suxestión dunha tía espertouno. Esta suxeriulle que para o próximo encontro ante Parkland High anotase 61 puntos en honra ao seu avó. Antes de comezar ese partido, díxolle ao seu adestrador que ía facer algo especial. Nunha prodixiosa actuación, anotou un punto por cada ano de vida que viviu o seu avó, fallando un tiro libre adrede e pedindo o cambio acto seguido para non pasar dos 61 puntos. Fundiuse nun emocionado abrazo cos seus pais, que estiveron a seguir o partido xunto ao banco, nada máis abandonar a cancha.

No seu ano sénior, a base fixo medias de 30,8 puntos, 5 rebotes, 8 asistencias e 6 roubos para liderar ao seu equipo a un balance de 27-3 no seu ano sénior. Chegou ás finais rexionais do Campionato estatal 4A. En 2003 foi elixido para disputar o McDonald's All-American onde repartiu 10 asistencias e levou o premio á deportividade. Naquela campaña foi nomeado Mr. Basketball de Carolina do Norte por Charlotte Observer, Parade All-American e foi incluído no 2º quinteto do High School por USA Today. Formou parte do USA Basketball Men's Youth Development Festival e foi membro do equipo prata no Jordan Brand Capitol Classic All-Star Game. Xogou o torneo AAU sub-19 en Greensboro con North Carolina Gaters, e liderou a vitoria 116-70 sobre Charlotte Royals. Naquel encontro anotou 24 puntos.

Universidade

[editar | editar a fonte]
Paul defendido por Ridnour nun encontro fronte os Milwaukee Bucks.

Paul estivo na Universidade de Wake Forest de 2003 até 2005 baixo o mando do técnico Skip Prosser. Paul, que formou xogo exterior xunto ao tirador Justin Gray, converteuse no motor do equipo. Aquela tempada os seus números foron de 14.8 puntos, 5.9 asistencias e 2.7 roubos. Chris Paul foi elixido naquela (2003-04) Freshman do Ano na Atlantic Coast Conference e Mellor Xogador por Associated Press. Tamén foi incluído no Mellor equipo defensivo da ACC. O primeiro gran test de Paul chegou fronte a Indiana Hoosiers|Indiana, no ACC-Big Ten Challenge. Pasou a proba con nota tras anotar 20 puntos e dar 8 asistencias na vitoria 100-67 do seu equipo. Mike Davis, adestrador dos Hoosiers, declarou ao final do encontro que Paul foi a mellor base ao que o seu equipo se enfrontou desde que el adestraba. No torneo NCAA, caeron en semifinais rexionais ante Saint Joseph's Hawks por 84-80 cunha grande actuación de Jameer Nelson, autor de 24 puntos. Durante aquel verán, axudou á selección júnior dos Estados Unidos a lograr un título no Canadá.

Na 2004-05 foi incluído no Mellor quinteto All-American en 2005. Foi finalista do Premio John R. Wooden e do Universitario do Ano. Acabou a tempada cunha media de 15,2 puntos, 6,6 asistencias, outros tantos rebotes e 2.4 roubos. Os Demon Deacons volveron quedar fóra da loita pola Final Four tras caer en 2ª rolda ante West Virginia 111-105 nun encontro que tivo dúas prórrogas. Paul tamén conseguiu a marca de roubos (84) nunha tempada dun freshman na ACC, superando os 81 da base de Duke, Jason Williams na 1999-00. Rompeu varios récords, para un xogador de primeiro ano en Wake Forest, como porcentaxe de tres puntos, tiros libres, porcentaxe de tiros libres, asistencias e roubos. No seu paso por Wake Forest acumulou 948 puntos, 395 asistencias e 160 roubos e como aspecto negativo deixou o partido de sanción que lle tocou por propinar unha puñada a Julius Hodge, xogador de North Carolina State.

2005-2006

[editar | editar a fonte]

Paul chegaba ao draft de 2005 coa bitola dun base capaz de marcar unha época. Foi elixido en cuarta posición por New Orleans Hornets. Chegaba a unha franquía devastada polo furacán Katrina, polo que tiveron que mudarse a Oklahoma City durante a súa primeira tempada. No New Orleans Area só disputaron tres encontros. En Paul rapidamente botouse o equipo ás costas, tanto que o equipo non andou moi lonxe de meterse en Playoffs. Acabaron cunha marca de 38-44 e Chris Paul co premio de Rookie do Ano, logrando ser o Rookie do Mes na Conferencia Oeste ao longo de toda a liga regular. Liderou aos rookies en puntos (16,1), asistencias (7,8), roubos (2,2) e minutos, ademais de engadir á súa estatística 5,1 rebotes por noite. Por conseguinte tivo un sitio no Mellor quinteto de rookies da NBA. Chris logrou o seu primeiro triplo-dobre o 2 de abril de 2006 fronte a Toronto Raptors, onde asinou 24 puntos, 12 rebotes e 12 asistencias. Paul levou o premio ESPY ao "Deportista Revelación".

2006-2007

[editar | editar a fonte]

Na tempada 2006-07 explotou máis aínda e marcouse unha tempada que perfectamente puido valerlle un oco no All Star Game. Fixo medias de 17,3 puntos, 4,4 rebotes e 8,9 asistencias. Acudiu ao Rookie Challenge e ao Concurso de Habilidades substituíndo a Steve Nash. No partido de novatos fronte a sophomores asinou 17 asistencias e 9 roubos, marca neste evento, á parte de 16 puntos. Por lesións tívose que perder 18 encontros de tempada regular. O equipo volveu quedar, esta vez máis aínda, ás portas de playoffs. Finalizaron cun balance de 39-43, a tan só 3 vitorias do oitavo clasificado, Golden State Warriors, nunha tempada onde Hornets acusou as notables baixas de Peja Stojakovic e durante un tempo David West ou o propio Chris Paul, que se perdeu 18 partidos.

2007-2008

[editar | editar a fonte]
Chris Paul nun encontro fronte a Boston.

No regreso definitivo do equipo a Nova Orleáns na tempada 2007-08, Paul consolidouse como unha das estrelas da NBA tras ter unha media de 21.1 puntos, 4 rebotes, 11.6 asistencias e 2.6 roubos (líder da NBA nestes dous últimos aspectos). Por primeira vez foi seleccionado para o All Star Game de Nova Orleáns, xunto ao seu compañeiro de equipo David West e adestrados polo seu técnico Byron Scott. No partido asinou 16 puntos, 14 rebotes e 5 roubos. Paul foi tamén incluído no Mellor quinteto da NBA e no Mellor quinteto defensivo. Ademais, terminou 2º na votación ao MVP, detrás de Kobe Bryant. Durante o All-Star Weekend, Paul participou de novo no Concurso de Habilidades. Gañou a primeira rolda, pero perdeu na final ante Deron Williams.

Os Hornets entraron en playoffs por primeira vez desde a tempada 2003-04, acabando con balance de 56-26, o mellor da historia do equipo. Finalizaron segundos na Conferencia Oeste, e levaron o título da División Suroeste da NBA. No seu primeiro partido de playoffs ante Dallas Mavericks, asinou 35 puntos, con 24 na segunda parte, ademais de 10 asistencias e 4 roubos. No 2º encontro mellorou os seus números con 32 puntos e 17 asistencias (récord da franquía), liderando aos Hornets a unha vantaxe de 2-0. No 5º partido selaron a súa clasificación a Semifinais de Conferencia cun triplo dobre de Chris Paul, 24 puntos, 11 rebotes e 15 asistencias.

En Semifinais, caeron ante San Antonio Spurs por 4-3. Chris levou aos Hornets a un 2-0 inicial que San Antonio foi capaz de empatar. No 2º encontro, que ademais coincidía cos seus aniversarios, Paul pasou por encima de Tony Parker con 30 puntos e 12 rebotes. Con 3-3 e a eliminatoria por decidirse en casa dos Hornets, San Antonio levou a vitoria 91-82. Chris xogou un bo partido con 18 puntos, 8 rebotes e 14 asistencias, pero a experiencia dos Spurs foi decisiva para levar o partido ao seu terreo. Ao final da tempada, asinou unha extensión de tres anos, con opción a un cuarto, a razón de 68 millóns de dólares.

2008-2009

[editar | editar a fonte]

Na 2008-09, Paul volveu ser seleccionado para xogar o All-Star Game, celebrado en Phoenix, como base titular da Conferencia Oeste, finalizando o encontro con 14 puntos e 14 asistencias. O 17 de decembro de 2008, fronte a Orlando Magic, Paul superou o récord que Alvin Robertson posuía de rexistrar un roubo mínimo por partido durante 108 partidos consecutivos.

2009-2010

[editar | editar a fonte]
Paul controlando o balón fronte a Perkins.

Despois dun inicio de tempada 3-6, os Hornets destituíron a Scott o 12 de novembro, substituíndoo polo Jeff Bower, quen levaba involucrado na franquía dende 1995. Paul provocou controversia ao anunciar o seu descontento co troco e pensou que o equipo directivo debería "terme consultado a min e preguntado como me sentía antes de que ocorrese". Ao día seguinte, Paul sufriu unha escordadura de nocello esquerdo contra os Portland Trail Blazers, perdéndose oito partidos, cun balance para o equipo de 4-4. Unha vez que Paul regresou o 9 de decembro, os New Orleans gañaron 18 dos seus seguintes 28 partidos, incluíndo unha racha de seis triunfos consecutivos. conseguiu ademais a súa terceira aparición no All-Star Game como base reserva, acabando terceiro nas votacións populares con 1 055 789 votos, tan só por detrás de Kobe Bryant e Steve Nash.

A principios de febreiro, unha resonancia magnética revelou unha rotura do menisco no seu xeonllo esquerdo. O 4 de febreiro someteuse a unha cirurxía artroscópica, causando baixa no equipo durante case oito semanas, cando antes da operación estaba facendo medias de 20,4 puntos e 11,2 asistencias (mellor marca da liga). En total, perdeuse vinte e cinco partidos e o All-Star, ocupando o seu lugar o base de Denver Nuggets Chauncey Billups.

2010-2011

[editar | editar a fonte]

A tempada 2010-11 foi outra con elección para o All-Star, sendo a 4ª consecutiva. O 6 de marzo de 2011, contra os Cleveland Cavaliers, Paul chocou contra o xogador dos Cavs Ramon Sessions, e tivo que marchar en padiola tras caer case sen consciencia ao chan. Perdeuse dous partidos seguidos, e á súa volta, o 12 de marzo contra os Sacramento Kings, anotou 33 puntos, a súa maior anotación da tempada, repartiu 15 asistencias, capturou 7 rebotes e roubou 5 balóns na 37ª vitoria da tempada para os Hornets.

Os Hornets remataron o ano con 46 vitorias, rematando na 7ª posición da Conferencia e clasificándose para os Playoffs, onde se enfrontarían aos Los Angeles Lakers, defensores do campionato da NBA, na primeira rolda. Paul tivo unha grande actuación na serie,[1] facendo 22 puntos por partido, cunha porcentaxe de tiro do 54.5%, 11.5 asistencias, 1.8 roubos de balón e 6.7 rebotes por partido. Os Hornets perderon a serie contra os Lakers por 4-2.

Selección dos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
Cadro de medallas
Baloncesto
Xogos Olímpicos
Ouro Pequín 2008 Estados Unidos
Ouro Londres 2012 Estados Unidos
Mundial de Baloncesto
Bronce Xapón 2006 Estados Unidos

Paul sumou dez internacionalidades cos equipos júnior dos Estados Unidos. Coa selección de baloncesto de Estados Unidos sénior, debutou o 4 de agosto de 2006, nun amigable fronte á Porto Rico. Paul formou parte da selección que levou o bronce no Mundial do Xapón 2006 fronte á Arxentina. Paul rexistrou un récord de asistencias totais de Estados Unidos nun Mundial, con 44, xunto con só 9 perdas.

Nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008.Paul alcanzou o seu maior éxito co combinado nacional ao colgarse a medalla de ouro tras vencer a España na final. O rol de Paul naquel equipo foi de suplente de Jason Kidd.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]