[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Ceneo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Poseidón e Cenis (grabado para As metamorfoses, de Ovidio)

Ceneo foi un personaxe mitolóxico ó que Poseidón converteu de muller en home, despois de tela violado.

Era fillo do lápita Élato [1]. E foi pai de Corono, que reinaba nos lápitas en tempos de Heracles: expulsou ós dorios e o rei, Eximio, pediu axuda a Heracles e grazas a el venceu a Corono e recuperou o reino.

Naceu como muller, baixo o nome de Cenis (ou Cene ou Célide), pero foi violada por Poseidón cando estaba bañándose nunha illa deserta. Despois, Poseidón prometeulle concederlle o que quixera, e ela pediulle ser home para que nunca tivese que volver a sufrir semellante aldraxe [2]. Poseidón accedeu e non só a converteu en home senón que lle concedeu a invulnerabilidade grazas a unha pel impenetrable. A partir de entón, convertido nun gran loitador, pasou a chamarse Ceneo.

"Ceneo era ó principio muller, pero pediu a Posidón, o seu amante, converterse en home invulnerable, polo que, na loita contra os centauros, exterminou a moitos deles ríndose das feridas, pero os restantes cercárono e sepultárono en terra golpeándolle con abetos".
(Pseudo-Apolodoro, Epítome I, 22)

Ceneo participou na expedición dos Argonautas [3], se ben obsérvase unha contradición nos textos mitográficos: na relación que proporciona Pseudo-Apolodoro cítase a "Ceneo, fillo de Corono" [4], mentres que Hixino menciona a "Corono, fillo de Ceneo" [5] aínda que máis adiante volve a citalo como "O outro Ceneo, fillo de Corono" [6]. Tamén foi un dos integrantes da partida de caza do xabaril de Calidón [7].

Dous centauros cravan no chan a Ceneo (relevo en bronce do Período Arcaico, Museo Arqueolóxico de Olimpia)

A pesar de ser invulnerable, terminou morrendo a mans dos centauros na guerra aberta entre estes seres e os lápitas. Tras matar a moitos deles, e como os centauros non conseguían matalo, recorreron a golpealo con troncos de abeto e, finalmente, enterrárono vivo. Unha vez morto, volveuse transformar en muller [8]. Outra tradición conta que escapou convertido nunha ave, nun flamengo.

Outra tradición di que, ao verse convertido en home, sentiuse tan orgulloso que cravou unha lanza no centro da praza pública e esixiu que se lle rendise culto como se fose un deus. Zeus castigouno facendo que fose atacado e morto polos centauros.

"¡Facede rodar sobre el penas e troncos, montes enteiros,
botádelle bosques e aplastade a súa testana vida! Que un bosque
lle oprima a gorxa e o peso fará as veces da ferida.
Dixo, e atopando por azar un tronco que a furia do Austro
desatado derribara, lanzouno sobre o seu robusto rival;
e deu exemplo, pois ó pouco tempo estaba o Otris nu
e o Pelión non tiña sombras
[9]. Ceneo, sepultado
por unha mole xigantesca, forcexea baixo o peso das árbores
e soporta os madeiros amontoados,
pero cando a morea crece por riba da boca e cabeza,
e o seu alento non ten aire aque respirar, desfalece".
(Ovidio: Metamorfosis XII, 507-517)
  1. Os lápitas foron os poboadores da Tesalia (Grecia), próximo ó Monte Olimpo.
  2. Ovidio: Metamorfosis XII, 195-203.
  3. Grimal, s. v. Ceneo.
  4. Pseudo-Apolodoro I, 9, 16.
  5. Fábulas 14, 3.
  6. Fábulas 14, 23.
  7. Hixino 173, 3; Ovidio VII, 305 ("Ceneo, que xa non era muller"); pero Pseudo-Apolodoro non o cita (I, 8, 2).
  8. "...e Céneo, mozo un día e hoxe muller de novo, volta á súa antiga figura por obra do destino" (Ovidio: Eneida VI, 448).
  9. Refírese a dous montes de Grecia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Grimal, Pierre (1981). Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós. ISBN 9788449324574. 
  • Ovidio (2015 (reimpr. 2017)). Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial. ISBN 9788420697208. 
  • Pseudo-Apolodoro (2016). Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. 
  • Virxilio (1986). Eneida. Alianza Editorial. ISBN 8420601942.