Castells
Os castells (castelos en catalán) son torres humanas que se constrúen tradicionalmente, desde hai máis de 200 anos na comarca catalá do Camp de Tarragona, e que despois estendeuse ao Penedès, e durante o século XX por toda Cataluña, Cataluña do Norte e as Illas Baleares, especialmente a partir da década de 1980.
Un grupo no que interveñen ducias ou centenares de persoas, que reciben o nome de castellers, ten o obxectivo común de levantar diferentes construcións humanas, sen axuda ningunha de elementos mecánicos. As formacións construídas polos castellers poden chegar a ter até dez pisos de altura.
Desde o 16 de novembro de 2010, os castells son Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.[1]
Lema casteller
[editar | editar a fonte]Os castellers teñen un lema, xurdido dun verso da obra Els Xiquets de Valls de Josep Anselm Clavé:[2] «Forza, Equilibrio, Valor e Cordura». Isto resume as características dun casteller:
- Forza (força): Son persoas que antigamente adoitaban ser corpulentas. A orixe dos castells atópase nunha época en que o pobo estaba afeito a traballos moi duros. Naqueles tempos os castellers eran persoas que realizaban grandes esforzos na súa vida diaria. Aínda que sempre é aconsellable un bo estado físico, actualmente valórase moito máis a técnica que a forza.
- Equilibrio (equilibri): O feito de estar unha persoa sobre a outra e, na maioría dos castells, ademais con outras persoas no mesmo piso, implica un sentido do equilibrio e a confianza nos demais moi forte. De todos os xeitos o máis importante é tratar de ser equilibrados en todos os sentidos.
- Valor: É unha característica de todos os castellers, especialmente dos que soben ao castell, sobre todo os nenos, pero tamén dos que aguantan a construción desde o seu pé.
- Cordura (seny): Tanto á hora de planificar un castell, como á hora de ensaialo e mostralo na praza, necesítase que todos teñan cordura xa que do esforzo e concentración de todos depende o éxito do castell.
Aínda que o lema casteller fundaméntase tradicionalmente nestas catro virtudes, hai moitas outras, igual ou máis importantes, necesarias para a boa execución da práctica castellera: constancia, traballo, esforzo, regularidade, confianza, compenetración, irmandade, sorte etc.
Vestimenta
[editar | editar a fonte]A vestimenta actual do casteller é unha indumentaria tradicional: camisa de cor con escudo do grupo, pantalón branco, faixa e pano. A primeira vez que se fixeron castells cun uniforme con camisas do mesma cor e pantalóns brancos foi nunha actuación do grupo Colla Vella dos Xiquets de Valls na Exposición Internacional de Barcelona de 1929, e a innovación estendeuse rapidamente pero non sen polémica.[3] Segundo a imaxinación e as posibilidades de cada grupo, a indumentaria dos castellers pode enriquecerse con complementos orixinais como chapeus de palla dos Castellers de Mallorca.
A canalla (raparigos) (aixecador e enxaneta) levan casco á cabeza por seguridade. Recoméndase non levar reloxo, lentes, ou outros accesorios que poidan ser perigosos no contacto con outros castellers.
- Camisa: De manga longa e da cor característica que distingue cada colla castellera e o escudo da formación cosido ao peito sobre o peto. Fai unhas décadas algunha colla trouxo o nome da colla ou a cidade escrito ás costas, pero se abandonou este costume. A camisa leva pescozo de camisa que os castellers dos pisos baixos do tronco adoitan morder para non quedar engurrado baixo o pé do casteller de encima. No verán, é habitual ver as camisas coas mangas subidas, e a principio e final de tempada, se a camisa non é suficiente por resgardar do frío, úsase camiseta por baixo.
- Pantalón: O pantalón que visten os castellers é de cor branca, e bastante resistente para aguantar a estribada dunha persoa subindo sen romper, por se se colle do pantalón nun dos movementos de subida, e de cintura alta e apertada ou moi afianzada para evitar que deslice durante o paso dos castellers e provoque caídas ou deixe á vista a roupa interior.
- Faixa: Preferiblemente negra, e de lonxitude e anchura variables, enrólase ao redor do corpo á altura dos riles e ten unha dobre función: protexer a zona lumbar dos esforzos que recibe polas cargas e os movementos da estrutura, e serve como un dos puntos de apoio para que os castellers poidan facer as manobras de subida e baixada do castelo.
- Calzado: Os castellers que están no tronc, folre e manilles van descalzos, pero os membros que compoñen a pinya van calzados.
- Pano: Moi longo, de forma triangular e de cor vermella con puntos brancos para todas as colles. Orixinalmente servía para cubrirse a cabeza pero co tempo foi adoptando outras funcións, ademais da orixinal e puramente ornamental. Na pinya, pódese levar ligado á cabeza para protexer os cabelos das pisadas e estribadas da xente que sobe ou para evitar que os cabelos molesten na cara da persoa que vén detrás, ou ben ligado aos pulsos serve para dar un punto de apoio ás mans que acompañan o apuntalamento do tronco. Nalgunhas colles os castellers do tronco lígano á perna dereita, por enriba do xeonllo para dar un punto de apoio á subida dos castellers dos pisos superiores e, en calquera posición, ligado á cintura asegura que a faixa non se desenrole. A variante máis usual na decoración do pano é a de levar bordado o escudo da colla, pero tamén se ven panos conmemorativos de festas ou actos sinalados con diferentes mensaxes estampadas. Outra variante actualmente caída en desuso é a de levar no pano a senyera. Non é habitual ver panos castellers que non sexan vermellos, polo que destaca a excepción dos Castellers de Sant Feliu, que teñen como cor da colla un rosa intenso que non liga nada co pano vermello, polo que fixeron uns negros con puntos brancos.
- Casco: Os nenos dos pisos superiores (canalla) levan casco por seguridade, tanto en ensaio coma en praza. O casco casteller xeneralizouse despois dalgúns anos de desenvolvemento en que algunhas cuadrillas empezaran a adoptalo. Durante a tempada 2006-07 xa demostrou a súa efectividade á hora de evitar posibles lesións craneoencefálicas[4] nas caídas, para o acotxador e enxaneta, e queda pendente o estudo para os dosos. O casco, de polistireno expandido é deseñado e fabricado pola casa NZI, cun peso de 230 gramos e dimensións de 24 cm x 21 cm x 18 cm.
Partes do castell
[editar | editar a fonte]Un castell está formado por diferentes partes, que teñen diferentes funcións e formas de construírse:
- Pinya: é a base do castell. É onde se encontran a maioría das persoas, nas que se apoia o castell. Os castellers que forman a piña pódeno facer de: baix (baixo), contrafort (contraforte), primera mà (primeira man), segona mà (segunda man) e sucesivas, lateral, vent (vento), agulla, crossa (muleta), ou formar parte dos diferentes cordóns concéntricos de reforzo e protección, que teñen a dobre función de apuntalar o tronco e de facer de almofada humana para amortecer os impactos en caso de caída. O último cordón da piña fai presión cos brazos estirados e vixía o desenvolvemento do castell.
- Tronc: é a parte visible do castell, formada polos pisos comprendidos entre os máis baixos e o piso inmediatamente anterior ao de dosos. Determina o grao de dificultade do castell, polo número de persoas implicadas, segundo a cantidade e a altura das ringleras (cada unha das columnas do castell) do tronc. O tronc está formado polos baixos, os segons (segundos, o primeiro piso visible en castelos sen folres), os terços (terzos), enriba dos segundos e sucesivos.
- Pom de dalt: son os tres últimos pisos do castell e sempre teñen a mesma composición, independentemente do castell: de baixo arriba, os dosos, formado por dúas persoas, o acotxador (normalmente o máis pequeno do castell, que está cun pé a cada dous, e collido aos brazos dos dosos), e por último o enxaneta (que pisa aos dosos e pasa por enriba do acotxador, que lle fai de suxeición, e cando este fai a aleta, é cando o castell está cargado).
- Folre: sitúase enriba da pinya, que neste caso se chama tronc, e ten case a mesma forma que unha pinya de castell sen folre. Utilízase para suxeitar os terços e axudar aos segons en castells de máis dificultade. Por exemplo: o 3 de 9 con folre.
- Manilles: son os castellers situados sobre o folre, ao nivel dos terços, e que axudan a suxeitar aos quarts (cuartos). Adóitase utilizar nos piares de 8, as torres de 9 ou nos castells de 10.
- Puntals: son os castellers situados sobre as manilles, ao nivel dos quarts.
Listaxe de collas
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ UNESCO (ed.). "Human towers" (en inglés). Consultado o 5 de maio de 2011.
- ↑ Miralles, Eloi Fem pinya!, ed. Diàfora. Barcelona, 1981, páx. 11
- ↑ Miralles i Figueres, Eloi. Fem pinya! Barcelona, 1981. Ed. Diàfora. ISBN 84-85205-37-5
- ↑ Cristina Sáez, Eficacia probada Arquivado 29 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castells |