Bioma
Un bioma (dos grego «bios», vida), tamén chamado paisaxe bioclimática ou áreas bióticas (e que non debe confundirse cunha ecozona ou unha ecorrexión), é unha determinada parte do planeta que comparte o clima, flora e fauna. Un bioma é o conxunto de ecosistemas característicos dunha zona bioxeográfica que está definido a partir da súa vexetación e das especies animais que nel predominan. É a expresión das condicións ecolóxicas do lugar no plano rexional ou continental: o clima e o chan determinarán as condicións ecolóxicas ás que responderán as comunidades de plantas e animais do bioma en cuestión.
En función da latitude, a temperatura, as precipitacións e a altitude, en definitiva, e das características básicas do clima, pódese dividir a terra en zonas de características semellantes; en cada unha desas zonas desenvólvese unha vexetación (fitocenose) e unha fauna (zoocenose) que cando están relacionadas, definen un bioma, que comprende as nocións de comunidade e a interacción entre chan, plantas e animais.
Hai diferentes sistemas para a clasificación de biomas, que en xeral adoitan dividir a terra en dous grandes grupos — biomas terrestres e biomas acuáticos-, cun número non demasiado grande de biomas. A escala planetaria, a selva tropical densa, a sabana, a estepa, os bosques temperados e a tundra, son os grandes biomas que caracterizan a biósfera e que teñen unha repartición zonal, é dicir, que non superan certos valores latitudinais. A escala rexional ou continental, os biomas son difíciles de definir, en parte porque existen diferentes patróns e tamén porque as súas fronteiras adoitan ser difusas (véxase o concepto de ecotono).
Os biomas a miúdo son coñecidos polos seus nomes locais. Por exemplo, un bioma de herbais coñécese como pradería en América do Norte, sabana en África, estepa en Asia, pampa en Suramérica e veld en Suráfrica.
Os biomas terrestres son descritos pola ciencia da bioxeografía. Por extensión, fálase de microbioma para designar a esfera da vida microbiota.
O concepto de bioma non debe confundirse con outros conceptos similares como o de ecozona —grandes extensións da superficie da terra onde as plantas e os animais desenvólvense en relativo illamento durante longos períodos de tempo, separados uns doutros polas características xeolóxicas, tales como océanos, grandes desertos, altas montañas ou cordilleiras, que forman barreiras á migración de plantas e animais—, hábitat —área que é habitada por unha especie particular de animais ou plantas— ou ecosistema—complexo dinámico composto por plantas, animais e microorganismos, e a natureza morta que os rodea actuando en interacción en tanto que unidade funcional[1]—. As distintas ecorrexións do mundo agrúpanse tanto en biomas como en ecozonas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ «complexe dynamique composé de plantes, d’animaux, de micro-organismes, et de la nature morte environnante agissant en interaction en tant qu’unité fonctionnelle». Definición de ecosistema no informe encargado pola ONU, Millenium Ecosystems Assessment (2001-05).
Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |