Beladona
Beladona | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Illustración de Köhler's Medicinal Plants 1887 | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Atropa belladonna L. |
A beladona[1] (Atropa belladonna) é unha especie de gamallo perenne, da familia Solanaceae. É nativa de Europa, norte de África, e oeste de Asia, e se pode atopar naturalizada en partes de América do Norte. Ten unha baixa tolerancia á exposición directa ao sol. Atópase en áreas normalmente sombrizas e cun solo rico en limo.
Descrición
[editar | editar a fonte]Planta perenne herbácea, con frecuencia con porte de gamallo, a partir dun rizoma carnoso. As plantas medran até 1,5 metros de altura coas follas longas ovaladas duns dezaoito centímetros. Talos moi ramificados e leñosos na súa base. As súas flores, son rechamangueiras pola súa forma de campá, aínda que non acostuman ser de cor vistosa, púrpuras con reflexos verdes a verdosas e cun feble recendo. Os froitos son bagas de cor verde a unha cor negra brillante ao madureceren totalmente, e aproximadamente 1 centímetro de diámetro. As bagas son doces, conteñen atropina e son consumidas polas aves que espallan as sememtes nos seus excrementos, malia conteren estas sementes alcaloides tóxicos. Hai unha forma pálida de flor amarela chamada Atropa belladona var. lutea con froitos de cor amarela pálida. A beladona utilízase moi pouco nos xardíns, mais cando se planta é xeralmente polos seus grandes froitos vistosos. Tense naturalizado nalgunhas partes de América do Norte, onde se encontra a miúdo en lugares sombrizos e húmidos de solo calcario. Considérase unha especie de maleza nalgunhas partes do mundo, onde coloniza zonas con solos alterados eutrofizados, outeiros boscosos ou xacementos carboníferos. A xerminación das sementes non adoita ser doada, por mor á codia dura destas, que causa latencia. A xerminación tarda varias semanas baixo condicións de temperatura alterna; porén, pódese acelerar co uso de ácido xiberélico. As sementes aturan o sistema dixestivo das aves.
Historia
[editar | editar a fonte]O mesmo que as Datura (macela) ou a mandrágora, esta planta pertence á clásica farmacopea das "herbas das feiticeiras". Para moitas tradicións europeas, a beladona foi -e segue a ser- obxecto de crenzas, lendas e fábulas diversas. Foi utilizada no antigo Exipto como narcótico, nas orxías dionisíacas gregas como afrodisíaco, nas ofrendas romanas a Atenea, deusa da guerra, para provocar o fulgor na mirada dos soldados, en Siria para "afastar os pensamentos tristes", e en terras celtas e centroeuropeas para honrar a Bellona, deusa da guerra. Na Idade Media o seu uso e difusión pasa a ser secreto e se relaciona con Paracelso e outros autores vinculados á alquimia, así como coas mulleres de coñecemento coñecidas coma "bruxas".
Crese que o seu nome deriva do uso doméstico que facían dela as donas romanas (donnas bellas), facendo infusión coas súas follas para embranquecer a cute e aplicando o zume do seu froito nos ollos para provocar dilatación das meniñas (midríase).
Características
[editar | editar a fonte]A planta medra en lugares sombreados, normalmente acada unha altura de 1,5 metros, posúe flores de cor morade e un fedor característico.
Os seus alcaloides (hiosciamina, atropina, escopolamina), derivados do tropano, convértena nunha planta velenosa, capaz de provocar estados de coma ou morte se é mal administrada. En doses tóxicas provoca cadros de delirio e alucinacións. A pesar disto, a planta utilízase medicinalmente en oftalmoloxía coma midriático, como antiespasmódico, antiasmático, anticolinérxico etc. Correctamente utilizada en pneumonoloxía úsase para problemas de espasmos bronquiais aínda que pode acarrexar escaseza de secrecións. Os extractos de beladona empregáronse clasicamente no tratamento da doenza de Parkinson e as síndromes parkinsonianas con relativo éxito, coidando de previr efectos colaterais e adversos. A beladona tamén se emprega en gastroenteroloxía en doses baixas como neuroregulador intestinal en casos de colon irritábel, colite ulcerosa etc. En doses moderadas pode servir como un bo analxésico ou unha planta anestesiante.[2]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Atropa belladonna foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 181, no ano 1753.[3]
Atropa deriva de Átropos, unha das tres Moiras da Mitoloxía Grega e belladonna provén da lingua italiana, co significado de "muller fermosa". Ambos os dous nomes fan alusión tanto ao seu efecto velenoso como ao seu uso para dilatar as meniñas, conseguindo así un ollar máis fermoso.
Número de cromosomas de Atropa bella-donna (Fam. Solanaceae) e táxones infraespecíficos: n=25.[4]
|
Usos
[editar | editar a fonte]As bagas da beladona (A. belladona) utilizáronse nos tratamentos tradicionais durante séculos para unha variedade de síntomas incluíndo dor de cabeza, síntomas menstruais, doenza de úlcera péptica, reacción histamínicos, inflamación e maila enfermidade de movemento.[6] Polo menos até o século XIX as revistas de medicina ecléctica explicaban como preparar unha tintura de beladona para a administración directa aos doentes.[7]
Os preparados homeopáticos de beladona téñense vendido como tratamentos para varias enfermidades, aínda que non hai evidencia científica para apoiar a súa eficacia[8][9] clínica e en ensaios de investigación. A preparación máis común dilúese até o nivel 30 C na notación homeopática. Este nivel de dilución, non contén ningún vestixio mensurábel co instrumental actual da planta orixinal,[9] aínda que con preparacións con menor nivel de dilución mostraron que estatisticamente poden conter vestixios da planta que se anuncian para a venda.
Principios activos
[editar | editar a fonte]Contén nas partes aéreas: alcaloides tropánicos (0,03-0,06%): l-hiosciamina (predominante na planta fresca), atropina (na planta seca), norhiosciamina, noratropina. Ésteres do escopanol: escopolamina ou hioscina, atroscina. Hidroxicumarina: escopoletol.
Contén na raíz e rizomas: cumarinas: escopoletol, umbeliferona, hiosciamina, atropina, cuscohigrina, belaradina.
Noutras fontes: hiosciamina, atropina, hiescina, escopolamina, piridina, ácido crisatrófico, taninos e amidón.[10]
Cultivo
[editar | editar a fonte]Pódese reproducir por semente ou esgallos, aínda que é máis recomendábel o uso de sementes. Cómpre pórmolas en auga quente unhas horas antes de sementar. Tardan un bo tempo en xermolaren e requiren dunha boa humidade e calor, aínda mantendo todas as condicións necesarias, a taxa de xerminación non é alta. As plantas agradecerán un substrato adubado con esterco ou materia orgánica calquera, e un ambiente húmido e sombreado. Os nitratos e os sales amoniacais son os mellores fertilizantes para dobrar a cantidade de alcaloides.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome vulgar galego en Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; e Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009
- ↑ Hierbas y plantas curativas. Plantas shamánicas. Peter Kremer
- ↑ Beladona en Trópicos
- ↑ Estudio citológico del género Atropa. Número y estructura de los cromosomas de A. belladona en las células madres del grano de polen Homedes, J. (1944) Farmacognosia
- ↑ Beladona en PlantList
- ↑ Medicina tradicional y alternativa
- ↑ Joseph R. Buchanan, R.S. Newton (1854). "Officinal preparations". The Eclectic Medical Journal (en inglés) (Wm. Phillips and co.).
- ↑ Vaughan, John Griffith; Patricia Ann Judd, David Bellamy (2003). The Oxford Book of Health Foods. Oxford University Press. p. 59. ISBN 0198504594.
- ↑ 9,0 9,1 Brien S, Lewith G, Bryant T (2003). "Ultramolecular homeopathy has no observable clinical effects. A randomized, double-blind, placebo-controlled proving trial of Belladonna 30C". Br J Clin Pharmacol 56 (5): 562–8. PMC 1884394. PMID 14651731. doi:10.1046/j.1365-2125.2003.01900.x. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2019. Consultado o 08 de abril de 2019.
- ↑ Dr. Berdonces I Serra. Beladona. Gran Enciclopecia de las Plantas Medicinales (Tikal ediciones). pp. 203–204. ISBN 84-305-8496-X.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Beladona |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Beladona |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bailey, L. H. & E. Z. Bailey. 1976. Hortus Third i–xiv, 1–1290. MacMillan, Nova York.
- Hitchcock, C. L., A. Cronquist, M. Ownbey & J. W. Thompson. 1984. Ericaceae through Campanulaceae. Part IV. 510 pp. In Vasc. Pl. Pacific N.W.. University of Washington Press, Seattle.
- Voss, E. G. 1996. Michigan Flora, Part III: Dicots (Pyrolaceae-Compositae). Cranbrook Inst. of Science, Ann Arbor.