[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Bandeira de Portugal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Portugal
Bandeira de Portugal
Características
Uso
Proporción2:3
Adopción30 de xuño de 1911
Cores     Verde     Vermello

A bandeira de Portugal componse dun rectángulo dividido verticalmente por unha franxa de cor verde, pegada ao mastro, e outra vermella. Na unión de ambas as cores atópase unha versión simplificada do escudo nacional (incluíndo a esfera armilar). Foi aprobada pola Asemblea Portuguesa o 19 de xuño de 1911. A súa descrición oficial figura no Decreto número 150, de 30 de xuño de 1911, que é a norma á que remite a propia Constitución Portuguesa para definila, substituíndo á insignia utilizada durante a monarquía constitucional. O deseño foi escollido entre varias propostas por un xurado, no que participaron Columbano Bordalo Pinheiro, João Pinheiro Chagas e Abel Botelho.

As novas cores, especialmente o verde, non eran tradicionais, xa que representaban un cambio radical republicano que rompía coa tradición monárquica e relixiosa do país. Tras a insurrección republicana errada de 1891, o vermello e o verde pasaron a ser as cores do Partido Republicano Portugués e asociáronse a todos os eventos que propiciaron a Revolución do 5 de outubro de 1910 que instaurou a república. Durante as décadas seguintes, as cores foron gañando popularidade entre o pobo, pois desde o goberno tentouse inculcar que esas cores representaban a esperanza da nación (verde) e o sangue (vermello) daqueles que perderan a vida pola patria. Con estas medidas tentouse dar un carácter máis patriótico que político á bandeira.

A bandeira actual constitúe un importante cambio en comparación coa evolución que tivera a insignia nacional durante as diferentes etapas da historia, posto que até esa época estivera intimamente asociada ás armas reais. Coa fundación do país, a bandeira nacional baseouse tanto na cruz azul do rei Afonso Henriques como no fondo branco, que representaba a ideoloxía liberal. Os diferentes sucesos acaecidos na Historia de Portugal afectaron en gran medida ao desenvolvemento do Escudo de Portugal, até chegar ao deseño actual.

O decreto[1] que substituíu a bandeira utilizada durante a monarquía constitucional foi aprobado pola Asemblea constituínte e publicado no diario oficial número 141 o día 19 de xuño de 1911. O 30 de xuño de 1911, publicáronse no mesmo diario (número 150) as regulacións oficiais relativas á bandeira.

Dimensións

[editar | editar a fonte]
Bosquexo da bandeira coas dimensións oficiais da bandeira de Portugal. Todas as medidas están en relación á lonxitude.

A lonxitude da bandeira é unha vez e media máis grande que a anchura, o que se traduce a un cociente de 2:3. Está verticalmente dividida en dúas cores fundamentais: verde escuro, na parte máis próxima ao mastro, e vermello escarlata na outra parte. A división por cores é de tal forma que o verde ocupa dous quintos da lonxitude e o vermello o resto.

Unha versión do Escudo de Portugal sen a coroa de loureiro,[2] o escudo nacional rodeado de branco sobre unha esfera armilar amarela, atópase sobre a fronteira entre ambas as cores. A esfera armilar ten un diámetro igual á metade da anchura e atópase nunha posición equidistante aos puntos superior e inferior da bandeira. Posúe cinco arcos representando a eclíptica, o ecuador, dous Paralelos (os trópicos) e un Meridiano. O escudo interior posúe cinco pequenos escudos azuis (quinas) colocados en forma de cruz grega. Cada un posúe cinco moedas brancas colocadas en forma de Cruz de Santo André. Ademais aparecen sete castelos amarelos, dos cales tres se atopan na parte principal.

As cores da bandeira non están especificados en ningún documento legal;[3] na lista de abaixo aparecen unhas cores aproximadas:

Esquema Vermello Verde Amarelo Azul Branco Negro
PMS 485 CVC 349 CVC 803 CVC 288 CVC Black 6 CVC
RGB 255-0-0 0-102-0 255-255-0 0-51-153 255-255-255 0-0-0
CMYK 0-100-100-0 100-35-100-30 0-0-100-0 100-100-25-10 0-0-0-0 0-0-0-100
Web #FF0000 #006600 #FFFF00 #003399 #FFFFFF #000000
João Pinheiro Chagas
Os Restauradores, onde se izou a bandeira por primeira vez.

Coa Revolución do 5 de outubro de 1910,[4] apareceu a necesidade de substituír os símbolos monárquicos, representados en primeira instancia pola bandeira nacional e polo himno. A elección da nova bandeira non estivo exenta de conflito, especialmente no relativo ás cores, xa que había partidarios do vermello e verde republicano, mentres que outros avogaban polo azul e branco tradicional e monárquico. O azul tamén tiña un forte significado relixioso, posto que era a cor da Nosa Señora da Concepción, que fora coroada Raíña e Patroa de Portugal polo rei Xoán IV. Desta forma, a substitución desta cor era unha das prioridades dos republicanos, dentro da onda de secularización do Estado.

Tras moitas discusións e con varios modelos de bandeira,[5][6] creouse unha comisión gobernamental o 15 de outubro de 1910, na que se incluía a Columbano Bordalo Pinheiro (pintor), João Pinheiro Chagas (xornalista), Abel Botelho (escritor) e a dous líderes militares da revolución de 1910, Ladislau Pereira e Afonso Palla. Esta comisión elixiu o vermello e o verde do Partido Republicano Portugués, baseándose estritamente en motivos patrióticos. Estas cores estiveran presentes nas pancartas dos rebeldes durante a insurrección republicana do 31 de xaneiro de 1891 no Porto, así como na que tivo lugar en Lisboa.

Sobre o vermello, a comisión considerou que debía (...) estar presente como unha das cores principais, porque é a cor cálida e viril por excelencia. É a cor da conquista e a risa. Unha cor bonita e ardente (...) Lembra a idea de sangue e urxe á obtención da vitoria. En canto ao verde, foi máis difícil explicar a súa inclusión, xa que non fora unha cor tradicional na bandeira portuguesa durante o desenvolvemento da historia. Porén, se xustificou por que, durante a insurrección de 1891, o verde era a cor que se atopaba na bandeira revolucionaria que "brillaba sobre as luces redimidas" do republicanismo. Finalmente, o branco (no escudo) un fermoso e fraternal cor, polo cal os demais cores poden destacar, a cor da simplicidade, da harmonía e da paz, engadindo que (...) é o mesmo cor que, cargado con entusiasmo e fe pola cruz vermella de Cristo, marcou o ciclo épico da Era dos Descubrimentos.

A esfera armilar manuelina,[6] que estivo presente na bandeira nacional dende o reinado de Xoán VI, mantívose porque estaba consagrada á Épica historia marítima portuguesa (...) o último reto, esencial para a nosa vida colectiva. O escudo tamén foi engadido, pero esta vez sobre a esfera armilar. A súa presenza representa o milagre humano de valor positivo, tenacidade, diplomacia e audacia que permitiron unir os primeiros vínculos da afirmación social e política da nación portuguesa, sendo este un dos símbolos máis vigorosos da identidade e integridade nacional.

A nova bandeira foi producida en grandes cantidades na sede da Cordoaría Nacional (fábrica nacional de cordas) e presentada oficialmente en toda a nación o 1 de decembro de 1910 (día da Restauración da Independencia), que fora previamente declarado polo goberno como Día da Bandeira (actualmente non se celebra). Na capital, trasladouse dende o concello até a Praza dos Restauradores, en cuxo monumento foi izada. Esta presentación festiva non puido acougar as voces en contra dunha bandeira que fora adoptada sen unha consulta previa á poboación e que representaba ao réxime político no canto da a nación. Para aumentar a estima cara á bandeira, o goberno ordenou que se exhibise en todos os centros educativos, debéndose explicar os seus símbolos a todos os alumnos; os libros de texto usados nas escolas foron reformados para que aparecesen os novos símbolos nacionais. O 1 de decembro (día da bandeira), 31 de xaneiro e 5 de outubro foron declarados Festa nacional.

  1. Decreto que aproba a Bandeira Nacional
  2. "Bandeira de Portugal". Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2010. Consultado o 07 de marzo de 2011. 
  3. "Portugal Flag pictures, specification, pantone colors & history". Arquivado dende o orixinal o 23 de marzo de 2006. Consultado o 07 de marzo de 2011. 
  4. "Do azul-branco ao verde-rubro. O simbolismo da bandeira nacional". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 07 de marzo de 2011. 
  5. "Proposals for the new Portuguese national flag (1910-1911)". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2007. Consultado o 07 de marzo de 2011. 
  6. 6,0 6,1 "A Bandeira Nacional". Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2006. Consultado o 07 de marzo de 2011. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]