Avalancha
As avalanchas[1] ou aludes[2] son desprendementos masivos de pedras, terra ou neve. Están relacionadas con movementos gravitacionais de ladeira. Metaforicamente, a palabra tamén é utilizada para describir unha acumulación de feitos nun momento determinado.[3]
As avalanchas inícianse habitualmente nunha zona causadas por unha rotura mecánica nunha capa de neve cando a forza da neve supera a súa resistencia. Despois de iniciarse as avalanchas aceleran rapidamente e crecen en pase e volume xa que arrastran máis neve. Se o alude se move rápido dabondo pode misturarse co aire formando unha avalancha de neve en po.
As avalanchas de neve son de dimensións variables. Hainas de grandes dimensións, que chegan ata o fondo dos vales tras percorrer centos de metros, ou quilómetros, e outros de pequenas dimensións, que poden avanzar algunhas decenas de metros. Incluso unha destas avalanchas pequenas ten a capacidade de causarlle a morte a unha persoa.[4]
Causas da súa formación
[editar | editar a fonte]As avalanchas son ocasionadas pola falta de homoxeneidade na capa de neve e pola existencia, entre os límites de capas fisicamente diferentes, dun axente que facilita o escorregamento dunha delas sobre outra subxacente. Ocorre por exemplo, que a neve recentemente caída ou acumulada polo vento non chega a soldarse á superficie da capa preexistente. Noutros casos, a chuvia empapa unha capa recente, que se desliza entón polo seu propio peso, se a pendente o permite. As augas pluviais poden tamén infiltrarse entre dúas capas de neve e obrar entón como un lubrificante que permite o escorregamento da capa superior sobre a inferior. O mesmo pode ocorrer se a auga penetra na neve e o terreo, facendo que este se volva esvaradoiro. Os cambios de temperatura ambiente tamén teñen a súa importancia. En particular, un aumento importante da temperatura reduce a cohesión da neve, por iso as avalanchas son máis probables pola tarde que polas mañás, sobre todo naquelas pendentes que estiveron expostas aos raios solares durante as horas máis calorosas do día. Ás veces o brusco quecemento polo sol matutino basta para provocar avalanchas nas pendentes abruptas orientadas cara ao leste. As condicións do chan que soporta a neve poden ser tamén determinantes: terreo arxiloso e, por conseguinte, esvaradizo; chans lisos, húmidos ou xeados, vertente de forma convexa ou con excesiva pendente. Sexan cales foren as circunstancias favorables a unha avalancha, esta pode ser desencadeada por unha causa mínima aínda que capaz de vencer a escasa cohesión que retiña a masa de neve: un ruído, o desprendemento dunha rocha ou un bloque de xeo, ou o simple paso dun esquiador pola capa inestable. As avalanchas tamén poden iniciarse por outros motivos, como esquiadores, motos de neve, animais ou explosivos. A actividade sísmica tamén pode desencadear unha rotura da capa de neve e provocar avalanchas.
Clases de avalanchas
[editar | editar a fonte]Tipos
[editar | editar a fonte]Non existe unha clasificación universalmente aceptada de avalanchas. Existen diversas clasificacións útiles para distingos propósitos. As avalanchas pódense describir polo seu tamaño, potencial destrutivo, mecanismo de iniciación, composición e dinámica. Segundo o composición, por exemplo, distínguense tres formas de avalanchas:[5]
- Avalancha de neve en po. Xeralmente nace dun punto e arrastra cada vez máis neve. Esta avalancha iníciase cando o peso da neve sucumbe á forza da gravidade.[5] Isto sucede sobre todo durante ou logo de fortes nevadas (a partir de 25 centímetros de espesor) e con temperaturas baixas (menores de -5 °C),[5] sobre todo cando se acumula sobre unha base (manto) lisa (debido á choiva, a xeada ou a fusión da neve). Esta neve, seca e lixeira,[6] mestúrase co aire e forma un manto que baixa a pendente a unha velocidade de 100 a 300 km / h. Podería producirse en calquera época do ano.[6]
- Avalancha de neve mollada. Este tipo de avalancha prodúcese nas pendentes ben expostas ao sol (cando a neve se derrete) cando soben as temperaturas, principalmente durante a primavera.[5] Deslízanse lentamente (desde 20 a 60 km/h).[5] Os factores que o activan son a aire ou o vento quente, o sol e o sobrepeso. Normalmente prodúcense en vertentes orientados cara ao sur e chegan a deixar o chan ao descuberto debido ao seu poder erosivo.[5]
- Avalancha de placa . Este tipo de avalancha é o máis frecuente. Unha placa é unha superficie de neve compacta que se desprende do resto do manto de neve e que se desliza sobre o chan ou sobre a neve existente. Adóitanse orixinar en ladeiras abertas polo paso dun esquiador.[5] Estas placas poden ser inmensas e deixan un límite de fractura ben visible. Todas as avalanchas poden ter graves consecuencias, pero as avalanchas de placa son moi perigosas, pois poden ser provocadas por un esquiador. Este tipo de avalanchas, por exemplo, son as que se dan con máis a miúdo nos Pireneos.[4]
Magnitudes
[editar | editar a fonte]En canto a magnitude existen dúas formas de avalanchas:
- Alude superficial, onde só se mobiliza unha parte do manto da neve.
- Alude de fondo, onde se mobiliza de xeito súbito e violenta erosionando todo o nutriente da ladeira, transportando e depositando estes materiais no punto onde o ángulo da mesma con respecto o horizontal o permite.
Mecanismo de formación
[editar | editar a fonte]As avalanchas de neve prodúcense cando se perde sustentación. Esta perda de sustentación e a avalancha conseguinte pode ser espontánea ou provocada para o home.[7]
Avalanchas espontáneas
[editar | editar a fonte]As avalanchas espontáneas prodúcense por unha amoreamento excesivo de neve ou por un cambio nas condicións da masa de neve.[6] As sobre acumulacións prodúcense en tempo de nevadas importantes e son normalmente de neve de po nova.[8] Nesta categoría entrarían as continuas purgas que se producen nos lugares con máis pendente das montañas, nas cristas e as canles máis dereitas, onde a neve non atopa apenas sustentación e xa que logo baléiranse moi a miúdo.
As avalanchas espontáneas poden ser causadas tamén por unha alteración das condicións que mantiñan estable a masa de neve.
Os aumentos de temperatura[9] e a choiva son as alteracións máis frecuentes e afectan á neve de calquera calidade. O segundo motivo máis importante das avalanchas natruais son os cambios metamórficos na neve acumulado a causa do derretemento provocado pola radiación solar. Nese caso a neve en ó aumenta de peso relativo en superficie ata o punto de que as capas inferiores non poden soportar. No caso das grandes placas de neve venteada rompen nunha liña dada, a partir da cal a placa esvara cara a abaixo.[10] De seres neve primeira ou húmida, aumenta a súa fluidez e escorregase sobre outras capas de neve endurecida, sen transformar, e ata sobre o mesmo chan, chamándose entón «avalancha de fondo».[6]
Outras causas naturais inclúen a choiva, os terremotos e as caídas de pedras.
De entre as avalanchas espontáneas, as máis perigosas son as de neve en po: desencadéanse nun punto bastante alto da montaña e durante a baixada incrementan o seu volume e a velocidade de baixada pode alcanzar os 200 km/h. A combinación de masa e velocidade fan que sexan enormemente destrutivos, grandes árbores e bosques enteiros quedan desenraizados e esnaquizados polo pulo da neve, rochas de calquera tamaño son arrincadas da súa cama e empuxadas cara a abaixo. É frecuente que cando unha avalancha de neve de po chega ao fondo dun val non moi ancho, soterren os ríos e torrentes e cheguen a remontar (por inercia) a vertente oposta. É moi pouco probable que persoas ou animais atrapados por unha avalancha de neve de po poidan sobrevivir. Agora ben, como estas avalanchas se producen regularmente nos mesmos lugares, a miúdo evidentes, é evitable permanecer na zona que poden afectar.
Esta regra ten, con todo, excepcións. Así, en xaneiro de 1996 nos Pireneos producíronse numerosas avalanchas de neve de po de grandes dimensións que arrasaron zonas infrecuentes.[11] Tamén nos Alpes, onde ademais causaron serias perdas de vidas e instalacións.
As avalanchas espontáneas de placa e os de neve húmida son moito menos perigosos, xa que o seu alcance é moito menor, así como o seu volume e velocidade.
Avalanchas provocadas
[editar | editar a fonte]Os causantes artificiais de aludes inclúen esquiadores, motos de neve e explosións controladas. Normalmente -no caso de avalanchas provocados en neve de po- a crise prodúcese por sobrecarga, cando unha ou varias persoas ou animais pisan unha superficie nevada con bastante pendente. O seu peso fai que se supere o equilibrio anterior á sobrecarga e a masa de neve esborrállase, primeiro por baixo do lugar de paso, pero inmediatamente tamén por encima, xa que perde o seu sostén inferior. Os seres que provocaron a avalancha son inevitablemente arrastrados e é improbable que sobrevivan.
Ademais do espesor da neve e do grado da pendente existen outros factores a avaliar ao atravesar pendentes expostas: o máis importante é a existencia de varias capas de neve, que poden estar pouco cohesionadas entre si, debido a densidades diferentes e tamén a temperaturas diferentes, dando lugar neste último caso ao que se chama «fractura térmica» .
Existen sobrecargas provocadas naturais pero infrecuentes: a caída de folerpas de neve é a máis clásica.
O mesmo paso de persoas, case sempre con esquís e costa arriba, pode cortar a superficie das placas de neve formadas polo vento. Se a pendente é suficiente, a placa esvara cara a abaixo como no caso da ruptura espontánea. Naturalmente neste caso si que son perigosas as avalanchas de placa, xa que arrastrarán ao esquiador que o provoca e os que estean ao seu ao redor. Son o caso de avalanchas provocadas máis frecuentes. A condición dun rescate con éxito é que sexa máis rápido que o tempo de asfixia ou de hipotermia é só así é posible a supervivencia do accidentado.
As avalanchas provocadas na neve de primavera, húmida e pesada, que son causadas frecuentemente polos esquiadores en descenso, son as menos perigosas: a súa velocidade é moi lenta e o seu alcance é reducido, o que fai posible e sinxelo evitar a súa traxectoria.
Predición
[editar | editar a fonte]A forza da neve compactada é difícil determinar e é sumamente heteroxénea. Varía dependendo das características dos grans de neve, tamaño, densidade, morfoloxía, temperatura, contido de auga e as características das relacións dos grans de neva. [12] Todas estas propiedades poden cambiar nun momento segundo a humidade local, o fluxo de vapor de auga e o fluxo de temperatura. O cumio dunha acumulación de neve está tamén moi afectado pola radiación e o vento de ámbito local. Un dos obxectivos de investigación de avalanchas é desenvolver e validar modelos informáticos que poidan describir a evolución da neve ao longo do tempo.[13] Un factor que complica a predición é a interacción entre o terreo e a climatoloxía, que causa unha grande e significativa variabilidade na profundidade, estratificación e forma dos cristais na neve.
Zonas de avalanchas
[editar | editar a fonte]Identificar as zonas de avalanchas permite realizar cartografías das áreas afectadas que se poderán utilizar no ordenamento territorial.[14] E són tres:[15]
- Zona de saída: é onde a neve ponse en movemento e empézase a acelerar ao longo da pendente (duns 30 a 40 º ou máis), onde vai gañando masa constantemente.
- Zona de traxecto: é a zona onde a avalancha mantén unha velocidade máis ou menos constante. A pendente media é de entre uns 20 º e 30 º.
- Zona de chegada: é onde a avalancha se deten. A pendente adoita ser inferior aos 20 grados.
Escalas de perigo
[editar | editar a fonte]Nas actividades invernais de montaña as avalanchas non se poden evitar se non é cun correcto coñecemento do medio e unha avaliación continua do terreo, son un dos perigos obxectivos na práctica do alpinismo e do esquí de montaña.
En todos os sitios onde se practican estes dous deportes publícanse (con datos obtidos diariamente tomando medidas sobre o terreo) uns «boletíns de neve» onde se valora o risco de avalanchas nunha zona determinada, de acordo a unha «escala de perigo».
Europa
[editar | editar a fonte]Esta escala foi aprobada en abril de 1993 para substituír os anteriores criterios dos diferentes sistemas nacionais e establecer uns homoxéneos en toda Europa. Actualizouse por última vez en maio de 2003.
A escala europea de perigo de avalanchas consta de cinco grados en función da estabilidade do manto nivoso e da probabilidade de desencadeamento de avalanchas (do 1 ao 5, o 0 significa que non existe risco)[4][16]
Risco | Bandeira | Descrición |
---|---|---|
1. Feble | O manto nevado esta ben estabilizado na maioría das pendentes. O desencadeamento de avalanchas é pouco probable e só se da nalgunhas pendentes..[4] En xeral as condicións son seguras.[4] | |
2. Moderado | O manto nevado está moderadamente estabilizado nalgunhas pendentes está bastante estabilizado. No resto está ben estabilizado. É posible o desencadeamento de avalanchas sobre todo por unha forte sobrecarga e nalgunhas pendentes de orientación e altitude indicados. Non son probables caídas espontáneas de avalanchas de gran tamaño. | |
3. Acentuado | O manto nevado está entre moderado ou debilmente estabilizado en numerosas pendentes suficientemente dereitas. É posible o desencadeamento de avalanchas ata por sobrecargas débiles en numerosas pendentes. Nalgunhas situacións son posibles as caídas espontáneas de avalanchas que poden ser de tamaño medio ou grande. Hai que evitar pendentes dereitas.[4] Requírese experiencia na apreciación do perigo xa que o maior número de accidentes rexístranse neste nivel.[4] | |
4. Forte | O manto nevado está debilmente estabilizado, na maior parte dos pendentes está bastante estabilizado. É probable o desencadeamento de avalanchas ata por sobrecargas débiles en numerosas pendentes. Nalgunhas ocasións, hanse de esperar numerosas caídas espontáneas de avalanchas de tamaño medio ou grande. As condicións son desfavorables, hai que limitar as excursións a terreos de pouca pendente.[4] Requírese moita experiencia na apreciación do perigo.[4] | |
5. Moi forte | A inestabilidade do manto nivoso é xeneralizada. Haberá numerosas caídas espontáneas de grandes avalanchas, ata en pendentes pouco. As condicións son moi desfavorables, hai que evitar saír á montaña.[4] |
América do Norte
[editar | editar a fonte]Nos Estados Unidos e o Canadá a escala de perigo de avalanchas ten vixencia desde finais da década de 1990. As descricións varían dependendo do país.
Nivel de perigro | Consellos de viaxe | Riscos | Tamaño e distribución da avalancha |
---|---|---|---|
1. Feble | Xeralmente, condicións seguras. Estar pendentes da neve inestable en zonas illadas. | Avalancha natural ou provocada polo ser humano, improbable. | Pequenas avalanchas en zonas illadas ou extremas. |
2. Moderado | Aumentan as posibilidades de avalanchas segundo as características específicas do terreo. Avaliar a neve e o terreo con coidado, identificar as características a ter en conta. | Avalancha natural, improbable; avalancha provocada, posible. | Pequenas avalanchas en zonas concretas, ou grandes avalanchas en zonas illadas. |
3. Considerable | Posibilidade de avalanchas perigosas. Avaliar a capa de neve cuidadosamente, deseña unha ruta con cautela e toma decisións esenciais con sensatez. | Avalancha natural ou provocada, posible. | Pequenas avalanchas en moitas zonas, ou grandes avalanchas en áreas específicas, ou avalanchas moi grandes en zonas illadas. |
4. Forte | Posibilidade de avalanchas moi perigosas. Non é recomendado viaxar ás zonas con este risco de avalanchas. | Avalancha natural, probable; avalancha provocada, moi probable. | Grandes avalanchas en moitas zonas ou avalanchas moi grandes en zonas concretas. |
5. Extremo | Evitar viaxar. | Avalancha natural e provocada, seguro. | Avalanchas grandes ou moi grandes en moitas zonas |
Seguridade
[editar | editar a fonte]Medidas de prevención
[editar | editar a fonte]Segundo a información dos Bombeiros da Generalitat de Cataluña, para gozar dunha saída á neve con seguridade hai que preparala con antelación, coñecer o percorrido (buscar o camiño que sexa máis seguro),[17] coñecer a previsión meteorolóxica[18] e o risco de avalanchas e levar o equipamiento adecuado.[19] Segundo as recomendacións de Protección Civil, hai que ter en conta que as vibracións producidas por un berro, caída ou movemento do chan poden iniciar un avalancha; atravese a vertente pola zona máis alta posible; pasar tan espazados como sexa necesario, deixando que a persoa que vai diante chegue a lugar seguro, afloxarse os tirantes da mochila, desabrocharse as correas dos esquí e quitarse as correas dos paus, no caso de que se leven.[20]
Unha vez no terreo hai que ter en conta primeiramente o estado da neve e o seu espesor, a observación de caídas espontáneas de avalanchas durante a excursión e, finalmente, o espesor de capa superficial de neve húmida, en situacións de calor.
O 48 % das vítimas por avalanchas prodúcense realizando esquí de montaña, o 25% practicando esquí fóra de pistas e ségueno o alpinismo co (10%), nas estradas (7%), esquí pista (3%), nos edificios (3%) e outros (4%).[21] A maioría dos accidentes suceden porque o afectado ignora as alertas.[22]
Procura e rescate de vítimas
[editar | editar a fonte]Existen materiais e técnicas que permiten o rescate de vítimas. O máis importante é o chamado Aparello de Procura de Vítimas de Aludes (ARVA) que é un aparello electrónico emisor receptor de sinais de radio e que os esquiadores levan suxeitado ao peito.[23] A súa función é permitir a rápida localización dun corpo derrubado na neve.[19] Igualmente, un xogo de bastóns telescópicos do tipo sonda e as pas para traballar na neve poden facilitar a localización e o rescate de vítimas.[19][23] Modernamente estase experimentando cun elemento autoinflable que xa sería capaz de evitar que a vítima quedas afundida, permanecendo esta na superficie da neve en movemento.
No caso de quedar atrapado por un avalancha, hai que intentar fuxir polo lateral máis próximo. En caso contrario, hai que intentar facer movementos de natación e manterse aboiado. Se se está enterrado pola neve, hai que adoptar a posición dunha bóla e, unha vez que se detivo a avalancha, hai que intentar separar os cóbados e os xeonllos e facer un espazo para respirar.[24]
Supervivencia
[editar | editar a fonte]As posibilidades de supervivencia, en función da duración da sepultura da persoa dentro dunha avalancha, son aproximadamente de 91%, entre 0 e 18 minutos; 34%, entre 18 e 35 minutos; 20%, entre 35 e 120 minutos e 7%, logo de 140 minutos. É crucial, pois, adoptar unha estratexia para rescatar antes dun cuarto de hora a vítima enterrada.
Non se ten en conta as mortes sufridas pola persoa afastada da avalancha. Segundo as fontes, entre o 10 e 20% das vítimas morren cando a avalancha se deten.
Cada ano recontase unha media de 500 vítimas mortais en todo o mundo debido a aludes. Cos datos da década de 2000, o país máis propenso nas avalanchas é Francia cun 21%, seguida de Austria (18%), os Estados Unidos de América (17%), Suíza (16%), Italia (12%), Canadá (9%), España (3%) e Alemaña e Noruega (ambas as dúas co 2%).[22]
Avalanchas históricas
[editar | editar a fonte]Tito Livio documenta, na súa narración da travesía de Aníbal e as tropas cartaxineses polos Alpes no ano 218 a. C., a serie de avalanchas máis antiga, as cales provocaron a morte de máis de 19.000 soldados do exército de Aníbal así como duns 2.000 cabalos e elefantes.[25]
En marzo de 1910 producíronse dúas avalanchas na Cordilleira das Cascadas e na de Selkirk (América do Norte); o 1 de marzo unha avalancha matou 96 habitantes de Wellington, Washington. Tres días máis tarde, 62 traballadores de ferrocarril morreron por culpa dunha avalancha no porto de montaña Rogers Pass (Columbia Británica).
Durante a primeira guerra mundial, estímase que entre 40.000 e 80.000 soldados morreron como consecuencia de avalanchas durante a campaña de montaña nos Alpes no teatro de operacións de Italia, moitas das cales foron causadas polo fogo de artillaría.[26][27] Só en decembro de 1916 uns 10.000 homes, dos dous vandos, perderon a vida debido a avalanchas, principalmente nas Dolomitas.[28] Con todo, é moi dubidoso que as avalanchas se utilizasen deliberadamente como arma para debilitar ao inimigo, xa que sería case imposible predicir as condicións de avalancha a moitos quilómetros tralas liñas inimigas.
No inverno entre 1950 e 1951 do hemisferio norte rexistráronse unhas 650 avalanchas, principalmente, nos Alpes de Austria, Francia, Suíza, Italia e Alemaña. Esta serie de avalanchas deixou preto de 265 persoas mortas, no que se denominou o Inverno do Terror. En 1993 a avalancha de Bayburt Üzengili (provincia de Bayburt, Turquía) matou 60 persoas da zona. En 1999 produciuse unha gran avalancha no municipio francés de Chamonix de 300.000 metros cúbicos de neve que se deslizou nunha pendente de 30 grados, alcanzando unha velocidade de 100 km/h. Matou a 12 persoas dentro dos seus chalés, quedaron sepultos baixo 100.000 toneladas de neve a uns 5 metros de profundidade. O alcalde de Chamonix foi declarado culpable de asasinato en segundo grado por non evacuar a área.[29] O mesmo ano a pequena localidade tirolesa de Galtür viuse afectada por unha avalancha que desembocou na vila e deixou 31 mortos.
A primeira avalancha documentada en Cataluña ocorreu no século XVI na localidade de Tavascan (Pallars Sobirà).[25] Non foi ata o século XX co desenvolvemento da poboación, e a necesidade de construír vías de comunicación con Francia xunto co crecemento do turismo e os deportes de montaña cando este fenómeno toma unha importancia máis relevante..[25]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para avalancha.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alude.
- ↑ Real Academia Galega (ed.). "avalancha". Arquivado dende o orixinal o 18/11/2013. Consultado o 5/10/2013.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 Departament d'Interior de la Generalitat de Catalunya (ed.). "Allaus" (en catalán). Consultado o 16 de maio de 2015.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 La Vall de Núria: Balandrau-Taga-Puigllançada (en catalán) (Guies del Centre Excursionista de Catalunya ed.). Publicacions de l'Abadia de Montserrat. 1999. p. 18. ISBN 8484150232.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 enciclopèdia.cat (ed.). "Allau" (en catalán).
- ↑ López 1988: p. 216
- ↑ Castellet 2005: capítol 6.1.3
- ↑ Castellet 2005: capítol 6.1.3.2
- ↑ Castellet 2005: capítol 6.1.4.4
- ↑ Tarrés, Anna (30 de novembre de 2009). Diari de Girona, ed. "Un estudi pioner revela allaus produïdes al Pirineu de Girona fins ara desconegudes" (en catalán). Girona. Consultado o 5/10/2013.
- ↑ McClung, David e Shaerer, Peter (2006). The Avalanche Handbook, The Mountaineers (en inglés). ISBN 978-0-89886-809-8.
- ↑ Bartelt, Perry; Lehning, Michael (2002-11). "A physical SNOWPACK model for the Swiss avalanche warning". Cold Regions Science and Technology (en inglés) 35 (3): 123–145. ISSN 0165-232X. doi:10.1016/s0165-232x(02)00074-5.
- ↑ Instituto de Estudios Andorranos (ed.). "Què són les zones d'allaus?" (en catalán). Consultado o 6/10/2013.
- ↑ Instituto de Estudios Andorranos (ed.). "Què és una allau?" (en catalán). Consultado o 6/10/2013.
- ↑ AEMET. "Escala Europea de Riesgo de Aludes" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de abril de 2012. Consultado o 15 de outubro de 2013.
- ↑ Castellet 2005: capítulo 6.3.1.3
- ↑ Castellet 2005: capítulo 6.4
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Generalitat de Cataluña (ed.). "Aludes: prevención y seguridad" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 29/10/2013. Consultado o 28/10/2013.
- ↑ e-notícies, ed. (28 de febreiro de 2011). "Què fer en cas d'allau?" (en catalán). Consultado o 28/10/2013.
- ↑ López 1988: p. 215
- ↑ 22,0 22,1 Leoni, Brigitte; Radford, Tim; Schulman, Mark (2011). United Nations Office for Disaster Risk Reduction (UNISDR), ed. "Disaster through a different lens: behind every effect, there is a cause" (en inglés): p. 127. Consultado o 10 de marzo de 2012.
- ↑ 23,0 23,1 Mont-Roig-Certascan (Vall de Cardós): excursions amb esquís(1997): p. 26
- ↑ Mont-Roig-Certascan (Vall de Cardós): excursions amb esquís(1997): p. 33
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Dirección General de Protección Civil y Emergencias de España (ed.). "Aludes". Arquivado dende o orixinal o 15/02/2015. Consultado o 14/02/2015.
- ↑ Davis, Lee (2008). Infobase Publishing, ed. Natural Disasters (en inglés). p. 7. ISBN 0-8160-7000-8.
- ↑ Eduard Rabofsky et al., Lawininenhandbuch, Innsbruck, Verlaganstalt Tyrolia, 1986, p. 11
- ↑ History Channel - December 13, 1916: Soldiers perish in avalanche as World War I rages
- ↑ PisteHors.com:. "Montroc Avalanche" (en castelán). Consultado o 27 de xuño do 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Avalancha |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- M. Gascón et al. Vientos, Terremotos, Tsunamis y otras catástrofes naturales. Historia y casos Latinoaméricanos. Editorial Biblos. Buenos Aires, 2005. 159p. ISBN 950-786-498-9
- Daffern, Tony (1999). Rocky Mountain Books, ed. Avalanche Safety for Skiers, Climbers and Snowboarders (en inglés). ISBN 0-921102-72-0.
- Billman, John (de febreiro de 2007). "Mike Elggren on Surviving an Avalanche". Skiing magazine 26.
- McClung, David (2007). "Nonlinear Dynamics in Geosciences". En Springer. Snow Avalanches as a Non-critical, Punctuated Equilibrium System (en inglés).
- Broch i Guimerà, Manel; Martín i Vergara, Eduard (1997). Mont-Roig-Certascan (Vall de Cardós): excursions amb esquís (en catalán). Guies del Centre Excursionista de Catalunya. Publicacions de l'Abadia de Montserrat. ISBN 8478268561. Consultado o 5 de marzo de 2012.
- Castellet Llerena, Albert (2005). Esquí de muntanya: manual pràctic (en catalán). Cossetània. ISBN 84-9791-154-7. Consultado o 6/10/2913.
- López Martínez, Jerónimo (1988). Instituto Xeológico e Mineiro de España, ed. Riesgos Geológicos (en castelán). Madrid. ISBN 84-505-7599-0. Consultado o 11 de marzo de 2012.
- Ríos Aragüés, Santiago (2001). Instituto Xeológico e Mineiro de España, ed. El medio físico y su peligrosidad en un sector del Pirineo Central (en castelán). ISBN 84-7840-430-9. Consultado o 12 de març de 2012.
- Mark the Mountain Guide: Avalanche!: un libro infantil sobre unha avalancha que inclúe definicións e explicacións do fenómeno.
- McClung, David e Shaerer, Peter: The Avalanche Handbook, The Mountaineers: 2006. 978-0-89886-809-8
- Tremper, Bruce: Staying Alive in Avalanche Terrain, The Mountaineers: 2001. ISBN 0-89886-834-3
- Munter, Werner: Drei mal drei (3x3) Lawinen. Risikomanagement im Wintersport, Bergverlag Rother, 2002. ISBN 3-7633-2060-1 (en alemán) (partial English translation included in PowderGuide: Managing Avalanche Risk ISBN 0-9724827-3-3)
- Shiva P. Pudasaini e Kolumban Hutter: Avalanche Dynamics: Dynamics of Rapid Flows of Dense Granular Avalanches, Springer, Berlín, Nova York, 2007. ISBN 3-540-32686-3
- Michael Falser: In: kunsttexte 3/2010, unter: Historische Lawinenschutzlandschaften: eine Aufgabe für die Kulturlandschafts- und Denkmalpflege (en alemán)