Argamasilla de Calatrava
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Castela-A Mancha | |||
Provincia | provincia de Cidade Real | |||
Capital | Argamasilla de Calatrava | |||
Poboación | ||||
Poboación | 5.801 (2023) (34,95 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 166 km² | |||
Altitude | 676 m | |||
Comparte fronteira con | ||||
Organización política | ||||
• Alcaldesa | Jacinta Monroy Torrico | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 13440 | |||
Fuso horario | ||||
Código INE | 13020 | |||
Sitio web | argamasilladecalatrava.es | |||
Argamasilla de Calatrava é un municipio español da provincia de Cidade Real, na comunidade autónoma de Castela-A Mancha. Ten unha superficie de 165,94 km² cunha poboación de 5.993 habitantes (INE 2021) e unha densidade de poboación de 36,24 hab/km².
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Descoñécese a orixe do topónimo. As Relacións Topográficas encargadas por Filipe II en 1574 recollen que o municipio recibe o nome «por haber nalgunhas partes do seu termo algunhas argamasas [lugares públicos] antigas».[1]
Outros autores como don Pedro de Gaona no seu discurso De la Villa de Argamasilla (1585), suxire unha posíbel orixe árabe, aínda que sen indicar razóns convincentes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Integrado na comarca de Campo de Calatrava, sitúase a 38 quilómetros da capital provincial. O municipio está atravesado pola autovía Cidade Real-Puertollano A-41 e pola estrada nacional N-420 entre os km 162 e 171. A estrada autonómica CM-413 , comunica a vila con Aldea del Rey, e a estrada local CR-P-4116, con Villamayor de Calatrava.
O relevo do municipio é practicamente chan, con outeiros dispersos, agás a Sierra Gorda (829 m) ao norte e a Sierra Alta e a Sierra de Calatrava ao sur, que superan os 1000 m. As elevacións máis destacables son os picos Peñón del Fraile (960 m), Vallelargo (975 m) e Cerro Chaparral (1002 m). Existen numerosos afloramentos volcánicos debidos á zona xeolóxica en que se atopa, a Zona Volcánica Central de España. O río Tirteafuera nace no territorio, na Sierra de Calatrava, e percórreo de leste a oeste.[2]
A altitude oscila entre os 1002 m do Cerro Chaparral e os 650 m na beira do río Tirteafuera. A vila atópase a 675 m.
Noroeste: Villamayor de Calatrava | Norte: Caracuel de Calatrava, Cañada de Calatrava e Ballesteros de Calatrava | Nordés: Almagro |
Oeste: Villamayor de Calatrava e Almodóvar del Campo | Leste: Aldea del Rey | |
Suroeste: Almodóvar del Campo e Puertollano | Sur: Puertollano | Sueste: Aldea del Rey |
Historia
[editar | editar a fonte]Esta área comezou a poboarse xa no Paleolítico, na paraxe denominada «Laguna Blanca». No val do Turruchel e na devandita lagoa tamén se atoparon restos da Idade de Ferro e construcións de argamasas romanas.
Na zona do Turruchel atópase unha tumba megalítica datada na Idade de Bronce, denominada Sala de los Moros.[3]
Tamén existen restos romanos e visigodos no centro urbano. Porén, a vila, orixinalmente un pequeno forte en cuxo abrigo se asentaron os primeiros poboadores, fundouse con posterioridade á Batalla das Navas de Tolosa (1212) ao redor dun torreón do que actualmente non quedan vestixios. Tras esta batalla a Orde de Calatrava asentouse na zona.
En 1216 trasladouse na mestría ao Sacro Convento, en Aldea del Rey, próximo a Argamasilla. Probabelmente fose entón cando se crease un núcleo de asentamento dentro da política xeral de poboamento levada a cabo pola Orde. Figura xa o seu nome como Encomenda e tamén incorporada á Obrería de Calatrava a principios do século XIV.
A Xustiza e Rexemento da Vila víñaos exercendo o Consello cos Alcaldes, un Hijosdalgo e outro de Pecheros, e varios Rexedores perpetuos. En 1556 Filipe II suprimiu a xurisdición civil e criminal en primeira instancia aos pobos e dividiu os partidos en Alcaldías Maiores. Argamasilla pasou a depender do Alcalde Maior de Almodóvar del Campo.
No século XIV Argamasilla está definitivamente formada como pobo dentro do Reino de Castela. Entre 1305 e 1313 aparece segregada a encomenda de Argamasilla de Almagro. Constituíu con Villamayor a chamada Obrería da Orde, por expreso mandato da Orde de Calatrava. A finais do século XIV e principios do XV constrúese a igrexa, anteriormente chamada de Santa María a Maior e actual Parroquia.
No século XVI a poboación foi crecendo notabelmente e alcanzou a cifra de 600 habitantes. Construíuse entón a ermida dos Santos Mártires; xa existía a ermida de San Sebastián (onde hoxe se atopa a da Virxe do Socorro) e as ermidas da nosa Señora da Esperanza e a de San Cristóbal, ambas fóra da vila. Argamasilla contaba entón con dous alcaldes nomeados por Filipe II: Pedro de Balbuena (quen gobernaba os viláns) e Juan Pérez (quen gobernaba os fidalgos).[1]
En 1564 creouse o partido de Almodóvar del Campo e Argamasilla incorpouse ao mesmo. Perdeu así a súa antiga independencia, mais recobrouna en 1588 tras pagar 5 200 ducados.
Durante o século XVII Argamasilla sufriu un período de crise debido a varias causas, entre elas a emigración a América, a escaseza de man de obra labrega, a expulsión dos mouriscos, os salarios dos oficios de xustiza, o pago de obrigacións urxentes ou a creación do Pósito (almacén municipal de cereal). O despoboamento foi tal que en 1652 a vila contaba con tan só 150 habitantes. Ese ano a igrexa parroquial tomou o nome da Nosa Señora da Visitación.
En 1746 Argamasilla tivo todos os seus bens concursados, pois non podía facer fronte aos réditos que sobre os seus bens gravaban. Para saír da situación viuse obrigada a pedir autorización para a creación de arbitrios (tributos municipais extraordinarios) por 10 anos co fin de atender os gastos básicos do Concello. Nos anos seguintes recobrou de novo o prestixio e recuperou a prosperidade perdida.
Don Francisco Gascón Bueno, historiador puertollanense, describe na súa obra La villa de Argamasilla de Calatrava a finales del siglo XVIII a situación do municipio en 1785. Baséase nos escritos do sacerdote da vila durante esa época, D. Pedro de Gaona. Comenta que é vila de señorío das Ordes e Campo de Calatrava, como Gran Maestre de todas as militares en virtude de bulas pontificias e que se compuña de 350 habitantes.
Don José de Hosta, autor de Crónica de la Provincia de Ciudad Real (1865), afirma que a vila tiña 2149 habitantes:
Ten 350 casas dun e dous pisos distribuídas nunha praza bastante espazosa e doce rúas empedradas e mal conservadas. A casa do concello foi reedificada en 1776 onde o antigo pósito servía de cárcere.[4] O terreo do municipio é chan, de miga e secaño, mais ten algunhas hortas regadas por medio de noras, e alcanzan parte da cordilleira de Puertollano. Os camiños entre aldeas son todos carreteiros mais descoidados. Entre os cultivos están o trigo candeal, cebada, centeo, garavanzos, feixóns verdes, legumes, viño e algo de aceite. Mantense nel gando lanar, cabrún, vacún e porcino, e a caza maior. A fauna silvestre inclúe animais carnívoros, víboras, alacráns e tarántulas. Na vila hai varias tendas, tafonas, dous muíños de aceite e outros estabelecementos e as mulleres dedícanse á elaboración de blondas para a fábrica de Almagro.[5]
Outro acontecemento desafortunado na historia da vila foi a queima dos arquivos municipais na noite do 7 ao 8 de maio de 1898. A subida do imposto de consumos foi mal recibida pola poboación, xa que se atravesaba un mal momento económico. Así, o pobo amotinouse (en especial as mulleres) e asaltou o Concello e o Xulgado co Rexistro Civil. Tiráronse polos balcóns á Praza Pública mobles, cadros, xanelas, cortinas e cantos documentos e libros alí había, co que se fixo unha gran fogueira. O alcalde, perseguido polo pobo, puido salvar a vida fuxindo por tellados e bardas. Amais, durante o inicio da Guerra Civil, destruíronse imaxes (entre elas a da patroa, a Virxe do Socorro), altares e ornamentos. Estes dous episodios deixaron a Argamasilla sen a maior parte do seu patrimonio histórico e artístico.
O secretario do Concello en 1898, D. Heliodoro Peñasco, mostrouse moi activo en recompor a marcha administrativa do arrasado Concello. En 1913, destituído do seu cargo, capitaneou un radicalismo feroz contra o conservadorismo local, que consideraba caciquismo, polo que foi brutalmente asasinado. O feito deu triste notoriedade a Argamasilla polo feito en si e polos dous xuízos celebrados, en que non se puido probar a culpabilidade da indución ao crime. Desde 1931 unha rúa da vila leva o seu nome.
Administración
[editar | editar a fonte]Lexislatura | Nome | Partido |
---|---|---|
1979-1983 | Antonio Rodríguez Daimiel † | UCD |
1983-1987 | Antonio Rodríguez Daimiel † | API |
1987-1991 | Rafael Rodríguez Pérez | PSOE |
1991-1995 | Rafael Rodríguez Pérez | PSOE |
1995-1999 | María Luisa Piedrabuena León | PP |
1999-2003 | Fernando Calso Fernández | PSOE |
2003-2007 | Fernando Calso Fernández | PSOE |
2007-2011 | Fernando Calso Fernández | PSOE |
2011-2015 | Jacinta Monroy Torrico | PSOE |
2015-2019 | Jacinta Monroy Torrico | PSOE |
2019-2023 | Jacinta Monroy Torrico | PSOE |
2023- | n/d | n/d |
Demografía
[editar | editar a fonte]Gráfica de evolución demográfica de Argamasilla de Calatrava entre 1842 e 2021 |
Poboación de dereito (1842 e 1877-2001) ou poboación de feito (1857-1860) segundo os censos de poboación do Instituto Nacional de Estatística de España.
Poboación segundo os padróns de poboación do Instituto Nacional de Estatística de España. |
Ano | 1986 | 1989 | 1993 | 1996 | 2000 | 2004 | 2008 | 2011 | 2012 | 2013 | 2021 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Poboación | 5819 | 5710 | 5510 | 5472 | 5369 | 5374 | 5772 | 5941 | 6018 | 6013 | 5993 |
Festas
[editar | editar a fonte]- San Antón: 17 de xaneiro
- Santos Mártires (Quirico e Julita): 16 de xuño a súa festividade e 29 de xaneiro o Santo Voto da vila aos dous santos. Elabórase unha comida popular, un guiso a base de patacas e bacallau
- A Candelaria: 2 de febreiro
- San Blas: 3 de febreiro
- Carnaval: Gran raizame na localidade. Celébrase da fin de semana de Entroido ao seguinte fin de semana ou Domingo de Piñata
- Día del Ángel: 1 de marzo
- Semana Santa: entre finais de marzo e principios de abril. Gran tradición, auxe, participación e enriquecemento de pasos e ornato
- Día del Hornazo: Domingo de Pentecoste. Sáese ao campo a comer o típico hornazo
- Día da Esperanza: Romaría que se celebraba o luns de Pentecoste
- San Isidro: 15 de maio, festa local
- Corpus Christi: principios de xuño
- San Xoán: 24 de xuño
- Jornadas Rabaneras: finais de xuño. Con orixe nun Mercado Cervantino para celebrar o IV Centenario do Quixote en 2005. Celébrase unha feira de mostras de produtos, artesanía, coleccións, tradicións e diferentes expresións lúdicas e artísticas da localidade nas rúas do centro urbano
- Virxe do Carme: 16 de xullo
- Virxe do Socorro: Do 7 ao 9 de setembro celébranse as festas patronais baixo a advocación da Virxe do Socorro
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Paz, Ramón; Viñas, Carmelo (1971). "Argamasilla". Relaciones histórico-geográfico-estadísticas de los pueblos de España hechas por iniciativa de Felipe II: Ciudad Real. Madrid. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de febreiro de 2012. Consultado o 15 de agosto de 2013.
- ↑ "Turismo e cultura en Cidade Real".
- ↑ Corchado y Soriano, Manuel (1961). "Descripción de un edificio ciclópeo conocido por "La Sala de los Moros", en término de Argamasilla de Calatrava (Ciudad Real)" (PDF) (3). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de xullo de 2013. Consultado o 15 de agosto de 2013.
- ↑ Hosta, José de (1865). "Parte segunda. Capítulo XXILI. Partido judicial de Almodóvar del Campo". Crónica de la provincia de Ciudad Real. pp. 58–59. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2013. Consultado o 21 de agosto de 2015.
Argamasilla de Calatrava. Villa que, con cuatro habitantes del caserío del Rincón, tiene dos mil ciento cuarenta y nueve almas.
- ↑ Hosta, José de (1865). "Parte tercera. Capítulo IX. Descripción y noticias históricas de los pueblos del partido judicial de Almodóvar del Campo". Crónica de la provincia de Ciudad Real. p. 89. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2013. Consultado o 21 de agosto de 2015.