[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Antoniniano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antoniniano a nome do emperador Aureliano
Antoniniano a nome de Tranquilina, esposa de Gordiano III

O antoninano (lat.antoninianus) foi unha moeda do Imperio Romano, creada nos inicios do século III d. C. co valor de dous denarios. Orixinalmente de prata, o antoniniano foise desvalorizando gradualmente ata se converter nunha moeda de billón.[1][2]

As súas características máis salientables para unha rápida identificación son os bustos coroados cunha coroa de raios, no caso dos emperadores, e cunha media lúa na súa base, no caso das emperatrices.[3][4]

Nacemento do antoniniano

[editar | editar a fonte]
Antoniniano do século III a nome de Zenobia, co seu busto repousando sobre unha media lúa crecente

O dobre denario foi creado en 215 polo emperador Caracalla. Hoxe descoñécese o nome que tivo esta moeda naqueles tempos, e foi na Idade Contemporánea cando se bautizou como "antoniniano", tomando como referencia o patronímico do seu creador: Marcus Aurelius Severus Antoninus (alcumado Caracalla).

O antoniniano tiña na súa orixe a mesma lei có denario (a mesma proporción de prata), e foi emitido por cun valor teórico do dobre dun denario, aínda que cun peso de só cinco gramos (1/64 de libra romana) e non seis, como lle correspondería, xa que o denario pesaba tres, o que inicialmente lle provocou ao Estado imperial unha liquidez substancial. Este dobre denario foi emitido durante algúns anos, ata ser abandonado en 240, cando se retoma odenario.[5][6]

Expansión desordenada

[editar | editar a fonte]

Logo do abandono da produción en 240, as crecentes necesidades de financiamento do Estado motivaron que se retomase e, mesmo, que se incrementase a produción de antoninianos, en particular a partir do reinado de Gordiano III (238-244), mentres que as cuñaxes de denarios se reducían.

A multiplicación das emisións de antoninianos por numerosos emperadores e usurpadores a mediados do século III orixinou unha tendencia de desvalorización e de inflación, que aceleraron a partir dos reinados de Valeriano (253-260) e Galieno (260-268):[7][8][9]

  • Os prezos subían constantemente, os particulares acumulaban as moedas que sabían que tiñan máis contido de prata, e só mantiñan en circulación as febles, xerando unha escaseza de prata en circulación.
  • Os impostos recadábanse en moeda desvalorizada, mentres que os gastos militares aumentaban sen parar: o continuo incremento da masa monetaria en circulación era a solución máis doada para os xestores das finanzas imperiais.
  • Os obradoiros monetarios multiplicábanse e víanse na obriga de compensar a falla de metais nobres emitindo antininianos cada vez máis lixeiros e cada vez con menor contido de prata.
  • Xurdiron obradoiros provinciais, máis ou menos tolerados, instalados ás veces en campamentos militares, e mesmo falsificadores que emitían pola súa banda antoninianos moi pobres en grandes cantidades.

Como consecuencia desta situación, a lei da prata dos antoniniados chegou a tocar fondo:[10]

A progresiva desvalorización do antoniniano
  • 50 % de prata e 5,1 gramos no inicio, en 215, baixo Caracalla.
  • 10 % e 2,5 gramos en 260.
  • 2,4 % e 2,5 gramos en 268.

No Imperio Galo, grazas ás existencias de metais monetizables existentes na conca do Rin, e ás minas de Hispania, o antoniniano mantívose cunha calidade axeitada ata preto de 265, ata que comezou a decaer coma no resto do Imperio. Baixo Claudio II e Tetrico, a creba do antoniniano foi total: as moedas oficiais e as pezas falsas (chamadas radiati barbari) circulaban conxuntamente en cantidades millonarias, con pesos inferiores aos 3 gramos e con apenas o 1 % de prata. A cuñaxe doutras moedas de cobre e de bronce practicamente se detivo, xa que o seu custo de produción superaba o seu valor teórico.[11] As emisións de moedas de prata nas cidades orientais do imperio non puideron sosterse e ese paupérrimo antoniniano pasou a ser a única moeda en todo o Imperio, agás en Exipto, illado polo seu status especial.

A reforma monetaria de Aureliano

[editar | editar a fonte]
Antoniniano aurelianus coa indicación XXI e a marca do obradoiro monetario de Palmira

En 274, logo de reunificar o Imperio e reprimir severamente as fraudes do obradoiro monetario de Roma, Aureliano modificou o sistema monetario coa introdución de dúas novas moedas de billón, cun peso de 1/84 de onza (3,9 gramos) e fabricadas cunha aliaxe de mellor calidade cá do desvalorizado antoniniano, en dúas versións:[12][13]

  • A coñecida como aurelianus, que levaba as marcas XX I en Occidente ou K A en caracteres gregos, o que se interpreta como sinal de conter 20 partes de cobre por unha de prata.
  • O dobre aurelianus, coa marca XI: 10 partes de cobre por unha de prata.[14]

Para autenticar a orixe das cuñaxes, Aureliano ordenou ademais engadir no reverso unha marca específica de cada obradoiro monetario, unha práctica que xa se utilizara baixo o reinado de Gallienus e Salonina. Paralelamente a estas emisións, o antoniniano, xa case sen valor, foi eliminado gradualmente. O aurelianus circulou durante vinte anos, ata que de desvaloriza e desaparece en 294 baixo Diocleciano, coas reformas monetarias da Tetrarquía.

Na tradición numismática actual, o aurelianus non se concibe como unha moeda independente, senón como unha variante do antoniniano.[15]

Tesouros de antoninianos

[editar | editar a fonte]

Entre os tesouros de antoninianos máis salientables dos atopados na Idade Contemporánea, polo seu número de pezas, están os seguintes:

  1. "Antoninianus (Double Denarius)". En Forvm Ancient Coins (en inglés)
  2. "Antoninianus". En Monete-Romane.com (en inglés)
  3. "The Very Highest Quality Roman Coins: the Antoninianus". En 24carat.co.uk (en inglés)
  4. "Cabezas coronadas Arquivado 07 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.". En Edouardlouvet: Monedas Romanas (en castelán)
  5. Depeyrot (2006): páxinas 127 e 135.
  6. "El origen del antoniniano". En Divus Probus. Monedas de Marco Aurelio Probo (en castelán)
  7. Lukács, B. "On the continuous devaluation of the roman currency" (en inglés)
  8. "La devaluación del antoniniano". No blog Curiosidades Numismáticas. 2014 (en castelán)
  9. Sear, D. R. Roman Coins and Their Values Volume III The Third Century Crisis and Recovery AD 235-285. Spink & Son Ltd. 2005.  Páxina 21 e seguintes (en inglés)
  10. Paul Petit, Histoire générale de l’Empire romain. Seuil, 1974. ISBN 2020026775
  11. Depeyrot (2006): páxina 122.
  12. Lafaurie, Jean. "Réformes monétaires d'Aurélien et de Dioclétien". En Revue numismatique. 6ª serie. Tomo 17. 1975. Páxinas 74-75 (en francés)
  13. "La reforma de Aureliano". En Divus Probus. Monedas de Marco Aurelio Probo (en castelán)
  14. "El código XXI o KA". En Divus Probus. Monedas de Marco Aurelio Probo (en castelán)
  15. "Debasement of the antoninianus". En Monnaies de l'Empire Romain SD 268-276 (en inglés): "in the spring of 274, the reformed antoninianus, the aurelianus, was introduced in all the mints".
  16. Aubin, G.; Loriot, X.; Scheers, S. "Corpus des Trésors monétaires antiques de la France, tome IV, Haute Normandie". En Revue archéologique de l'ouest. Tomo 3. 1986. Páxinas 160-161 (en francés)
  17. Mirnik, Ivan. "Maksimijanov aureus iz skupnog nalaza u Petrijancu" (O áureo de Maximiano do tesouro de Petrijanec). En Archaeologia adriatica (1846-4807) 2 (2009), 2; 433-452 (en croata). Abstract: "only in the 1918 treasure of Komin there were c. 30.000 specimens of Antoniniani" (en inglés)
  18. Dieulafait, F.; Guiraud, H.; Pailler, J.; Schaad, D. Le Trésor de Eauze (Gers). Toulouse, 1987. ISBN 2-905564-08-3
  19. Schaad, D. e outros. "Le trésor d'Eauze, bijoux et monnaies du IIIe siècle après J.-C.". En APAMP. Toulouse, 1992. ISBN 2-905564-20-2
  20. "La trouvaille des Authieux (II) : un trésor mixte contemporain de la réforme de Dioclétien Arquivado 07 de novembro de 2017 en Wayback Machine.". En Trésors monétaires. 11. 1989. Páxinas 79-112 (en francés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]