Análise do ciclo de vida
A análise do ciclo de vida ou avaliación do ciclo de vida (ACV) (en inglés: life cycle assessment; LCA) é unha ferramenta metodolóxica que avalía os impactos ambientais dun produto, servizo ou proceso durante todas as etapas do seu ciclo de vida: extracción das materias primas, produción, distribución, uso e fin de vida (reutilización, reciclaxe, valorización, eliminación/disposición e non xestión dos residuos).
A ACV estuda os impactos potenciais sobre o ambiente ao longo do ciclo de vida mediante a cuantificación do uso de recursos ("entradas" como enerxía, materias primas, auga) e emisións ambientais ("saídas" ao aire, auga e solo) asociadas ao sistema a avaliar.
Os documentos marco para a elaboración normalizada dun ACV son as normas internacionais ISO 14040 (principios e marco de referencia para o ACV) e ISO 14044 (requisitos e directrices para o ACV), adoptadas en España por AENOR como UNE-EN ISO 14040[1] e UNE-EN ISOO 14044.[2]
Unha ACV típica ten en conta a subministración das materias primas necesarias, o transporte ata o centro de produción, a fabricación de intermedios e do propio produto, incluíndo envase, uso e residuos xerados, ademais do fin de vida (xestionado ou non xestionado). O ciclo de vida dun produto ou actividade está formado por varios sistemas interrelacionados que os avaliadores ambientais deben considerar.
Debido á complexidade do proceso de deseño, manufactura, promoción e uso dun produto, que implica múltiples materias primas, enerxía, transporte e disposición, a identificación dos aspectos ambientais clave ao longo do ciclo de vida convértese nun proceso complexo. É por iso que se precisa unha ferramenta sistemática como o ACV para levar a cabo unha avaliación integral dos aspectos ambientais.
O ACV diferénciase polo uso de métodos cuantitativos para identificar os aspectos ambientais chave e cuantificar os seus impactos potenciais. A metodoloxía inclúe a cuantificación das emisións, aínda que o impacto real destas depende de cando, onde e como se liberen no ambiente. O ACV utilízase para avaliar produtos, envases e procesos, e é esencial para a elaboración de Declaracións Ambientais de Produto[3] ou pegadas ambientais (principalmente de carbono[4] ou auga).[5]
O ACV naceu para darlle resposta a preguntas específicas do tipo:
- Que diferenzas existen entre dous procesos de fabricación do mesmo produto en termos de utilización de recursos e emisións?
- Que diferenzas hai entre unha ventá de aluminio, madeira ou PVC en termos de utilización de recursos e emisións?
- Cal é a contribución relativa das diferentes etapas do ciclo de vida dun produto ás emisións totais?
- Que diferenzas existen entre o impacto ambiental dun produto novo e outros produtos xa existentes no mercado?
Fases da análise do ciclo de vida
[editar | editar a fonte]Seguindo as normas internacionais ISO 14040 e 14044, todo ACV debe constar de 4 fases que xeralmente están interrelavionadas. A continuación descríbense cada unha delas:
Definición do obxectivo e alcance
A primeira das etapas é esencial xa que se establece o propósito do estudo e se delimitan os seus límites. Defínense as razóns polas que se realiza o ACV, quen utilizará os resultados e que información específica se necesita. Tamén se determina que procesos e actividades serán incluídos na análise, onde comeza e remata o sistema a estudar (os límites do sistema), que aspectos se considerarán ou ignorarán (criterios de corte), e cal será a unidade de medida usada para comparar diferentes opcións (unidade funcional). En resumo, esta fase é crucial para que o estudo sexa claro e útil, permitindo que os resultados sexan facilmente comprendidos e aplicados polos destinatarios.
Inventario do ciclo de vida
A fase de inventario do ciclo de vida consiste en recompilar e cuantificar todos os fluxos de entrada e saída dun sistema ao longo do seu ciclo de vida. Isto inclúe a recompilación de datos sobre os materiais, enerxía e emisións asociadas a cada etapa do proceso, dende a extracción de materias primas ata a disposición final do produto. Durante esta fase, detállanse todos os recursos empregados (como auga, enerxía e materiais) e todos os residuos e emisións xeradas (como gases de efecto invernadoiro e residuos sólidos).
Avaliación do impacto do ciclo de vida
A fase de avaliación do impacto do ciclo de vida consiste en transformar os datos de inventario en impactos ambientais concretos. Isto implica asociar os fluxos de entrada e saída (recursos e emisións) en diferentes categorías de impacto ambiental, tales como o cambio climático, a acidificación, a eutrofización ou a toxicidade para humanos e ecosistemas. Estes datos son despois modelados para entender a súa contribución a problemas ambientais, e cuantifícanse para determinar a magnitude de cada impacto. Esta fase é esencial para identificar cales son os efectos ambientais máis significativos do sistema analizado e proporciona a base para tomar decisións que minimicen eses impactos.
Interpretación dos resultados
A fase de interpretación dos resultados é o proceso final onde se analizan e valoran os resultados das fases anteriores (inventario e avaliación de impactos) para sacar conclusións significativas e tomar decisións. Durante esta fase, compróbase a coherencia e a integridade dos datos, identifícanse as limitacións e as incertezas, e interprétanse os impactos ambientais en función dos obxectivos definidos inicialmente. O obxectivo é ofrecer unha visión clara e comprensible dos resultados, permitindo aos tomadores de decisións comprender os principais puntos críticos e áreas de mellora, así como formular estratexias efectivas para reducir o impacto ambiental do sistema analizado.
Softwares empregados
Existen varios programas de software utilizados para realizar un ACV, cada un con características e funcionalidades propias. Entre eles pódense diferenciar entre os de código aberto, como OpenLCA,[6] e os de código pechado, como SimaPro e Gabi.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "UNE-EN ISO 14040:2006". UNE Normalización Española.
- ↑ "UNE-EN ISO 14044:2006". UNE Normalización Española.
- ↑ "Declaración ambientl de producto (DAP)". AENOR. Consultado o 01/07/2024.
- ↑ "Calculadora de pegada de carbono". Ministerio para la transformación ecológica y el reto demográfico. Consultado o 01/07/2024.
- ↑ "Cal é a túa pegada hídrica?". Water footprint calculator. Consultado o 01/07/2024.
- ↑ "OpenLCA". OpenLCA. Consultado o 01/07/2024.