[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Aman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aman é un lugar ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien tamén coñecido como as Terras imperecedoiras e o Reino Abeizoado.

Características

[editar | editar a fonte]

Era un continente de Arda (o mundo do universo de Tolkien) situado ao oeste da Terra Media e separado dela polo gran mar Belegaer. Porén, na época en que está ambientado O Señor dos Aneis atopábase noutra dimensión, fóra de Arda. Aman é onde moran os Valar e tres das estirpes dos Elfos: os Vanyar, parte dos Noldor e parte dos Teleri. A illa de Tol Eressëa atópase fronte á costa leste.

Após a destrución de Almaren en tempos remotos, os Valar fuxiron para Aman, onde estabeleceron o reino de Valinor. Para illárense, ergueron unha gran barreira de montañas, chamadas Pelóri, na costa leste, e alzaron as Illas Encantadas fronte a esa mesma beira para evitar que ninguén chegase por mar até Aman.

Por razóns que se descoñecen, os Valar deixaron dous territorios fóra das Pelóri: Araman ao nordés e Avathar ao sueste. Ungoliant, un ser moi antigo con forma de grande araña, conseguira pasar desapercibida en Avathar. Cando o Vala Maligno Melkor foi liberado da súa catividade, fuxiu a Avathar, rubiu as montañas coa axuda de Ungoliant e causou grande destrución en Aman. Melkor convenceu a Ungoliant para destruír as Dúas Árbores de Valinor e arrebatarlles tanta enerxía como puidese para saciar a súa fame, pois Ungoliant estaba sempre famenta[1].

O primeiro home mortal que conseguiu navegar até as Illas Encantadas e pasar alén foi Eärendil, quen foi a Valinor para pregar a axuda dos Valar na guerra contra Melkor, agora chamado Morgoth. A súa misión tivo éxito, pois os Valar marcharon de novo á guerra e decidiron tamén eliminar as Illas[2].

Ao pouco disto, os Valar alzaron a grande illa de Númenor en Belegaer, preto das beiras de Aman, e esta converteuse no lar das Tres Casas dos Edain. De alí en diante estes recibiron o nome de Dúnedain, ou Homes do Oeste, e foron bendicidos con moitos dons por parte dos Valar e dos Elfos de Tol Eressëa. Os Valar temían, con razón, que os númenorianos tentasen un día entrar en Aman para acadar a inmortalidade, e xa que logo prohibíronlles navegar cara ao oeste alén do punto máis afastado vísibel desde o promontorio máis occidental de Númenor. Co tempo, e en parte por obra da corrupción inducida por Sauron, os númenorianos desobedeceron a Prohibición dos Valar e navegaron cara a Aman cun grande exército comandado por Ar-Pharazôn o Dourado. Isto suporía a Caída de Númenor[3].

En vista deste novo acontecemento, Eru (Deus no universo de Tolkien) extraeu Aman das esferas de Arda, que por aquel entón era plana. O mundo quedou así dividido en dous, e a metade que contiña a Terra Media pasou a ser redonda, de xeito que un mariñeiro que navegase cara ao oeste seguindo a ruta de Eärendil acabaría volvendo ao seu punto de partida desde o leste[3]. No entanto para os Elfos creouse un Camiño Recto que non seguía a curvatura da Terra e que chegaba até Aman. Á parte dos Elfos, moi poucos atravesaron este camiño, a saber, os hobbits Frodo Bulseiro, Bilbo Bulseiro, Samsagaz Gamllí e seica Gimli o Anano.

  1. O Silmarillion: Quenta Silmarillion, Of the Darkening of Valinor
  2. O Silmarillion: Quenta Silmarillion, Of the Voyage of Eärendil and the War of Wrath
  3. 3,0 3,1 O Silmarillion: Akallabêth

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]