Alashiya
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2015.) |
Alashiya ou Alasiya foi un reino do Mediterráneo Oriental durante o segundo milenio antes da era cristiá, que salientou pola súa importancia comercial e como fonte de valiosas materias primas. Desapareceu da historia tras a irrupción dos pobos do mar, sendo moi probábel que fose destruído por estes.
Localización
[editar | editar a fonte]Dos documentos exipcios e doutros reinos da rexión, é posíbel deducir que Alashiya foi un importante subministrador de cobre, situado nalgunha zona do Mediterráneo oriental; así, aínda que algúns historiadores suxeriron que Alashiya podería estar no que hoxe é Turquía ou Siria, a opinión maioritaria inclínase por situar Alashiya en Chipre. Esta relación parece confirmada por un estudo do ano 2003 [1] que relaciona quimicamente a arxila de taboíñas de Alashiya atopadas no Levante con arxila que se atopa en Chipre, pero non no Levante.
A pesar de que situar Alashiya en Chipre parece aceptado pola maioría dos expertos, aínda non é posíbel determinar se Alashiya facía referencia a toda a illa ou só a unha parte desta; en calquera caso, a capital deste reino situouse tradicionalmente en Enkomi, aínda que o estudo anteriormente citado parece mostrar que a arxila usada é propia doutras rexións chipriotas - o que pode significar que Enkomi non era realmente a capital de Alashiya, ou que esta cambiou durante a historia do reino.
Historia
[editar | editar a fonte]Existen referencias a Alashiya en multitude de arquivos dos reinos de Oriente Próximo na Antigüidade, por exemplo, en Exipto, o imperio hitita, Micenas ou Ugarit. Estes textos tratan principalmente dos envíos de cobre e doutras mercancías (como vacas) por parte de Alashiya a cambio de recibir ouro e prata. Ademais, é posíbel constatar neles a fortaleza política dos reis de Alashiya, que chamaban aos faraóns irmáns, algo que só se permitían as potencias do mesmo rango que Exipto.
Porén, parece ser que o reino na súa etapa final foi sometido ao dominio hitita, se os informes sobre o reinado de Tudhaliyas IV son fiábeis. Poucos anos despois da conquista hitita, apareceron os pobos do mar, que supoñían unha ameaza especial para Alashiya pola súa posición vulnerábel en medio do Mediterráneo oriental. Aínda que parece que o reino contou con axuda dos hititas e de Ugarit para rexeitar a invasión, todos os intentos foron en van.
Coa derrota a mans dos pobos do mar (aprox. -1200), Alashiya desaparece da historia.