[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Airbus Helicopters H175

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Airbus Helicopters H175
Tipohelicóptero medio utilitario
FabricanteEurocopter, Airbus Helicopters, Aviation Industry Corporation of China
Primeiro voo17 de decembro de 2009
Introducidodecembro de 2014
Produción2009-presente

O Airbus Helicopters H175 é un helicóptero medio utilitario de 7 toneladas producido por Airbus Helicopters (antigo Eurocopter Group). Na China o H175 é fabricado por Aviation Industry Corporation of China (AVIC) como o Avicopter AC352. Orixinalmente foi lanzado como o Eurocopter EC175 e o Harbin Z-15 e adoita a falarse del como un helicóptero "super-medio".

Foi lanzado formalmente na Heli-Expo de Houston o 24 de febreiro de 2008 e Airbus Helicopters prevé vender entre 800 e 1 000 EC175 nos primeiros 20 anos.[1] Entrou en servizo en decembro de 2014 e en 2015 o EC175 foi renomeado oficialmente H175, en liña co cambio de nome de Eurocopter a Airbus Helicopters.[2]

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

En febreiro de 2005 o presidente de Eurocopter Fabrice Brégier revelou que houbera conversas en profundidade entre a súa compañía e China Aviation Industry Corporation II (AVIC II) para desenvolver conxuntamente nun novo helicóptero medio-pesado bimotor, designado provisionalmente EC175.[3] No mes de outubro de 2005 AgustaWestland recoñeceu que AVIC II tamén falara con eles e que a empresa estaba interesada en participar se Eurocopter non conseguía o contrato de cooperación.[4]

O 5 de decembro de 2005 anunciouse a sinatura dun contrato de desenvolvemento para o EC175 por Eurocopter e a filial de AVIC-II Harbin Aircraft Industry Group (HAIG).[5] Os primeiros traballos de desenvolvemento do proxecto proseguiron segundo o calendario: o 5 de decembro de 2006 completouse o Exame Preliminar de Deseño (PDR); o Exame Crítico de Deseño (CDR) completouse o 5 de decembro de 2007, momento no cal o deseño da aeronave e de todos os seus subsistemas quedou conxelado. En 2008 agardábase que o desenvolvemento do EC175 custaría 600 millóns de euros.[1] O EC175 desenvolveuse a través dunha estreita colaboración cos operadores existentes a través dun enfoque de asesoramento ao cliente.[6]

Durante a revelación formal do EC175 na Heli-Expo 2008, Eurocopter resenvou un total de 111 opcións de compra de 13 clientes, incluídos os clientes de lanzamento Bristow Helicopters e VIH Aviation Group. Durante o Zhuhai Airshow no mes de novembro asinouse unha carta de intencións por 5 Z-15 entre HAIG e a compañía chinesa Longken General Aviation Cooperation. Tal como se definiu en 2008, a comercialización do EC175 repartiuse do seguinte xeito: HAIG é responsable de vender o tipo dentro da China e nas nacións veciñas, e Airbus Helicopters encárgase de vendelo no resto do mundo.[1]

O 4 de decembro de 2009 o prototipo do EC175 realizou o seu primeiro voo non oficial; o oficial tivo lugar o día 17 de decembro en Marignane, Francia.[7] As compañías atopáronse cun atraso de dous anos nas entregas, en parte debido a problemas coa certificación do conxunto de aviónica Helinix do helicóptero. a Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA) agardaba orixinalmente outorgar a certificación do EC175 durante o ano 2013; finalmente outorgouse en xaneiro de 2014.[8] En setembro de 2015 Avicopter revelou publicamente o seu primeiro prototipo do AC352. No mes de decembro dese ano realizáronse probas de voo do motor Turbomeca Ardiden 3C/WZ16 usando un prototipo do H175.[9]

Unha primeira liña de montaxe para o EC175 estableceuse nas instalacións de Airbus Helicopters en Marignane; en 2008 informouse de que se pretendía abrir unha segunda liña en cinco anos. En abril de 2014 Airbus Helicopters e Avicopter chegaron a un acordo para a produción de 1 000 EC175; o acordo dura 20 anos e a fabricación é dividida ao 50% entre as distintas liñas de montaxe operadas polas dúas firmas.[10][11]

En xuño de 2014 o EC175 tivo a distinción de conseguir os récords de trepada en 3 e 6 km para a súa clase, ratificados pola FAI, subindo ao redor dun quilómetro por minuto. En maio de 2015 usouse un H175 como un demostrador para o proxecto de Airbus Helicopter de aproximación por instrumentos nun helicóptero de baixo ruído, un dos primeiros logrados a través da navegación aumentada por satélite para optimizar os niveis de ruído da aeronave.[12]

En maio de 2015 o H175 foi certificado para operacións cun só piloto baixo regras de voo visual (VFR); Airbus Helicopters está estudando operacións cun só piloto baixo regras de voo instrumental, pero isto non se considera unha prioridade debido á baixa demanda para esta funcionalidade.[13]

  1. 1,0 1,1 1,2 "ROTOR on line - A publication of Eurocopter - A star is born". www.airbushelicopters.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2017. Consultado o 2018-11-18. 
  2. "Meet the H Generation". www.helicopters.airbus.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 2018-11-18. 
  3. "Heli-Expo - Eurocopter talks to China on development of heavy twin". Flightglobal.com (en inglés). 2005-02-15. Consultado o 2018-11-21. 
  4. "AgustaWestland steps up Chinese campaign". Flightglobal.com (en inglés). 2005-10-04. Consultado o 2018-11-21. 
  5. "EADS aims to crack China". Flightglobal.com (en inglés). 2005-12-13. Consultado o 2018-11-21. 
  6. "ROTOR on line - A publication of Eurocopter - The EC175 arrives on the scene _ 1". 2009-12-09. Archived from the original on 09 de decembro de 2009. Consultado o 2018-11-21. 
  7. "Avicopter ponders alternative engine following EC175 first flight". Flightglobal.com (en inglés). 2009-12-17. Consultado o 2018-11-21. 
  8. "EASA.R.150" (PDF). EASA. Archived from the original on 02-04-2015. Consultado o 2018-11-21. 
  9. "Airbus Testing Ardiden Engine On Chinese AC352". aviationweek.com (en inglés). Consultado o 2018-11-21. 
  10. "Avicopter and Airbus Launch Joint Helicopter Production". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2018-11-21. 
  11. "Airbus Helicopters and Avicopter sign 20 year production agreement | Corporate Jet Investor". corporatejetinvestor.com (en inglés). Consultado o 2018-11-21. 
  12. "Airbus launches world-first green IFR procedures for helicopters – Air Traffic Management". airtrafficmanagement.keypublishing.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 2018-11-21. 
  13. "Soft Launch for Airbus H175". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2018-11-21.