Xesta
Xesta (Cytisus scoparius) | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Cytisus scoparius (L.) Link |
A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra,[1][2][3] (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia.
Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes[4] (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
Etimoloxía
editarO termo xesta (en portugués: giesta), procede do latín vulgar genĕsta, que, á súa vez, deriva do nome latino clásico da planta genista, por iso tamén dá o mesmo nome ás especies do xénero Genista. Tradicionalmente en galego atópase coa grafía gèsta ou gesteira.[5]
Nalgunhas zonas recibe o nome de piorno ou codeso (non confundir con outras especies). O nome de codeso orixinaríase a partir dunha forma do latín vulgar cŭtĭsus, no canto do clásico cytĭsus, procedente este do grego χυτισοξ. Segundo algúns ese nome derivaría da illa das Cícladas Kytnos. O nome piorno probabelmente provén do latín vībŭrnum, co significado de planta semellante ao vimbio.[Cómpre referencia]
A formación dominada polas xestas denomínase xestal ou xesteira.[6]
Difusión
editarÉ nativa da Europa Occidental e da central, que se estende desde o norte da Península Ibérica até as Illas Británicas e a Escandinavia meridional, e polo leste continental até Polonia e Romanía, onde se pode atopar en sitios soleados e tamén umbrosos, polo normal sobre solos secos e silíceos e a baixas altitudes; porén, pode resistir temperaturas de até -25 °C.
Foi introducida noutros continentes, nalgúns dos cales é considerada como unha especie nociva e invasiva, así en California e o Noroeste do Pacífico nos Estados Unidos de América e en Nova Zelandia. O rápido crecemento desta especie entre árbores, no momento da reforestación, inhibe a medra dos plantóns, pois compite con estes. En Oregón estímase que a xesta é responsábel da perda duns 47 millóns de dólares na produción de madeira cada ano por esa causa. Nalgunhas zonas afectadas tentáronse métodos de control biolóxico, usando algúns insectos que se alimentan da xesta como a Arytainilla spartiophylla, o escaravello Bruchidius villosus, e unha avelaíña, a Leucoptera spartifoliella.
Descrición
editarA xesta atinxe unha altura de 1 a 3 m, e incluso até 4 m. As ramas principais son verdes, estriadas e magras e poden acadar un diámetro de 5 a 10 cm. É un arbusto moi ramificado, con talos verdes angulosos, de pequenas e poucas follas caedizas, simples e lanceoladas ou ben compostas e trifoliadas, que miden de 5 a 15 mm de longo.
Na primavera (abril a xullo), recóbrese enteiramente dunha multitude de flores amarelas papilonadas recendentes, duns 15 a 20 mm de ancho e entre 20 a 30 mm de longo, que en pouco tempo deixan ver os estames. No final do verán aparece o froito, un legume a xeito de vaxas oblongas, de 2 a 3 cm de longo, 8 mm de ancho e 2 a 3 mm de espesor, vóltanse negras, estoupan con ruído seco e espallan as súas sementes arredor da planta nai.
Utilidade
editarÉ unha planta tóxica para o ser humano, mais non para o gado. A casca era usada para curtido de coiros e para a fabricación de cordas; as varas, preparadas, foron usadas como aguilladas para arrear o gado. Tamén se utilizou na elaboración de teas de alumeado. O uso máis común foi para fabricar vasoiras, de feito en moitas zonas do país denomínanse xestas. Outro uso común é coma combustíbel para roxar os fornos de pan ou a súa utilización para facer adobo, xa que como leguminosa aporta nitróxeno ao solo. O estrume conseguido nas cortes era utilizado coma fertilizante para facer medrar as xestas até uns 3 m, despois aclarábanse e formábase unha paisaxe de mato e pasto no que pacía e se protexía o gado. Desgraciadamente a transformación de extensas superficies destes matos en terreos de produción forestal (eucaliptais ou piñeirais) ou forraxeira e o uso de fertilizantes inorgánicos están a perder definitivamente este tipo de sistema produtivo sostíbel. Este uso era abundante nas montañas orientais, onde se utilizaba a xesta branca.
Foi tamén usada, en lugar do colmo habitual, en zonas montañosas para cuberta de vivendas xa que repele o paso da auga e permite a transpiración dos fumes que se producen no interior das construcións. En Francia é aínda posíbel atopar casas con ese tipo de cuberta na alta Ardèche e en Lozère.
Uso medicinal
editarTen uso medicinal polas súas propiedades cardiotónicas e estimulantes. Actualmente as pólas da xesta empréganse para a extracción de esparteína, un alcaloide que impide a chegada de estímulos non desexados ao cerebro e que axuda no parto ao estimular as paredes do útero.
As flores son aperitivas e utilízanse en infusión coma diuréticas polos seus flavonoides.
Etnografía
editarA xesta ten un sabor moi agre, por iso compárase con todo o que é amarguexo:
Sinonimia
editar- Colutea scoparia (L.) Bercht. & J.Presl
- Corema scoparium (L.) Bercht. & J. Presl
- Cytisogenista scoparia var. leiostyla (Willk.) Rothm.
- Cytisogenista scoparia var. oxyphylla (Boiss.) Rothm.
- Cytisogenista scoparia (L.) Rothm.
- Cytisus insularis S. Ortiz & Pulgar
- Cytisus lusitanicus (Mill.) Maire
- Cytisus reverchonii (Degen & Hervier) Bean
- Genista andreana Puiss.
- Genista angulata (Raf.) Poir. in Lam.
- Genista glabra (Mill.) Spach
- Genista hirsuta Moench
- Genista scoparia (L.) Lam.
- Sarothamnus andreanus (Puiss.) Bergmans
- Sarothamnus bourgaei Boiss.
- Sarothamnus eliasii Sennen
- Sarothamnus lusitanicus (Mill.) Pau
- Sarothamnus oxyphyllus Boiss.
- Sarothamnus scoparius subsp. andreanus (Puiss.) P.Fourn.
- Sarothamnus scoparius subsp. reverchonii Degen & Hervier
- Sarothamnus scoparius var. leiostylos Willk. in Willk. & Lange
- Sarothamnus scoparius (L.) W.D.J.Koch
- Sarothamnus vulgaris var. leiostylos (Willk.) C.Vicioso
- Sarothamnus vulgaris var. reverchonii (Degen & Hervier) C. Vicioso
- Sarothamnus vulgaris Wimm.
- Spartium angulatum Raf.
- Spartium glabrum Mill.
- Spartium lusitanicus Mill.
- Spartium scoparium L.[9]
Galería de imaxes
editar-
Flor da xesta
Notas
editar- ↑ E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia
- ↑ Vocabulario forestal, USC
- ↑ Termos esenciais de botánica Arquivado 22 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine., USC.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xesta.
- ↑ Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xesteira.
- ↑ Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
- ↑ X. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernandes, A. Magariños Negreira e X. Cordal Carús (1926): Vocabulario popular galego-castelán (publicado por entregas en El Pueblo Gallego)
- ↑ Sinónimos en Real Jardín Botánico Arquivado 11 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xesta |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Xesta |