Teis, Vigo
San Salvador de Teis é unha parroquia do concello de Vigo, cuxa parte meridional forma parte do núcleo urbano. Segundo o IGE,[3] en 2022 tiña 2.227 habitantes (1.121 homes e 1.106 mulleres). Limita coas parroquias de Candeán, San Paio e a cidade de Vigo e pertence ó arciprestado de Vigo-Teis.
Teis | |
---|---|
Igrexa parroquial de San Salvador de Teis.[1] | |
Concello | Vigo[2] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°15′18″N 8°40′56″O / 42.255, -8.6822222222222 |
Poboación | 2.227 hab. (2022) |
Entidades de poboación | 41[2] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Entidades de poboación
editarTen 6 entidades de poboación (A Mouta, A Paradela, O Paraixal, A Presa, O Pugariño, e Rorís) e 35 lugares (Arnela, Cacharela, A Calzada, Cancelo, Os Caños, A Chumba, As Coutadas, O Espiñeiro, A Ferreira, As Flores, Foxos, Frián, A Guía, Guixar, A Igrexa, A Lagoa, O Laranxo, Maceiras, O Montecelo, A Oliveira, Padín, Poulo, A Punta, A Ribeira, Ríos, A Rotea, Santa Trega, Tizón, Tobel, O Toural, Trapa, Travesán, O Troncal, Valbarda e A Xorxa).
Está situada nas abas do monte da Guía e do monte da Madroa.
Historia
editarNo barrio de Teis atopáronse restos paleolíticos (bifaces) que datan a presenza de grupos de colleitadores e cazadores na zona. Tamén foron achados restos neolíticos (petróglifos datados no calcolítico). Non obstante, descoñécese exactamente cando se asentou permanentemente a poboación no lugar. Sábese de asentamentos castrexos (romanizados coma o da Guía) e romanos no barrio. Durante a década de 1950 atopáronse restos romanos, entre os que salienta unha prensa de aceite que probablemente pertencía a unha vila romana, localizada precisamente nun lugar chamado hoxe en día a Oliveira. Os primeiros datos históricos conservados son de 1145 d.C.
Nos séculos XVI e XVII, Teis vivía baixo o señorío de Pedro Fernández de Castro e Andrade, conde de Lemos. No século XIX pasaría ó Cabido de Tui.
Orixinariamente, Teis foi un barrio de pescadores localizado en Guixar. Pronto o lugar foi ocupado por estaleiros de barcos de madeira e outras manufacturas do mar. Aínda hoxe, malia o avance dos edificios, poden atoparse loxas derruídas onde se acubillaban aqueles estaleiros. Son casas e obradoiros construídos durante os séculos XVIII e XIX. Teis sufriu o embate da frota do pirata Drake no século XVI e foi asolado.
Dende o foco de Guixar, Teis estendeuse rapidamente pola faldra do monte da Madroa. Progresivamente, Teis foi abranguido por Vigo, perdendo toda posibilidade de crecemento autónomo. Converteuse axiña nunha barriada obreira e mariñeira. Durante o crecemento da cidade de Vigo ó longo dos séculos XIX e XX, Teis foi o barrio ó que acudían en aluvión os emigrantes procedentes maioritariamente de Ourense e, en menor medida, de León, que chegaban á cidade. Así, por exemplo, en 1914 construíuse o tranvía que unía Teis e Chapela con Vigo, co obxectivo declarado de transportar os traballadores ata Vigo.
No século XX a franxa litoral de Teis foi invadida polos estaleiros, entre os que cabe salientar Vulcano, aberto en 1940 e dedicado principalmente á construción de buques pesqueiros, e Ascón (Astilleros y Construcciones), no lugar de Ríos, empresa fundada en 1969 e cuxo peche foi decretado polo Goberno de Felipe González (PSOE) en 1984, en plena crise do sector naval. Nas súas instalacións xurdiu o estaleiro Rodman, hoxe en actividade.
A mediados do século XX naceu, na aba do monte da Guía, o arrabalde marxinal de Wichita, no Espiñeiro.
Durante un breve período no ano 1936, Teis acadou a condición de concello, segregándose do concello de Lavadores. Non obstante, a finais de 1936 foi restituído a Lavadores. Precisamente, Teis, xunto a Lavadores, foron os derradeiros redutos de resistencia ao golpe de estado de 1936, o cal orixinou en ambos barrios unha forte represión que duraría toda a guerra e gran parte da posguerra. A progresiva proletarización do barrio converteuno en foco das loitas obreiras contra o franquismo. Acosado pola crise de petróleo de 1972 e polo previsible fin do franquismo, xurdiron diversas organizacións de xénese marxista-leninista que se enfrontaron ao réxime. Os GRAPO, Organización Obreira (OO) e outros sindicatos ilegais contaban con afiliados no barrio e influían poderosamente sobre os traballadores do metal. Algúns dos militantes clandestinos, coma Moncho Reboiras, Abelardo Collazo e o seu irmán Anxo, Alonso Riveiro ou Xosé González (Pepiño), vivían ou traballaban en Teis. Abelardo Collazo e Alejandro López Vilas crearon a Asociación Cultural de Teis por eses anos. Neste cadro de contestación social e política constitúese en 1976 a Asociación de Veciños de Teis, sendo a primeira asociación veciñal de Vigo legalmente establecida.
Coa chegada da restitución democrática, a loita obreira devalou no seu sentido político. Así e todo, continuou a conflitividade laboral. Os estaleiros de Vigo, e entre eles, Vulcano e Ascón, sufriron unha dura reconversión ordenada en 1982 polo goberno dirixido polo PSOE. As protestas e manifestacións repetíronse no barrio durante anos. Finalmente, pouco se conseguiu e os estaleiros de Teis foron practicamente desartellados.
Todas estas reivindicacións, tanto durante o franquismo como durante a restauración borbónica, crearon no ánimo dos habitantes de Teis o convencemento de seren un barrio marxinado e esquecido, no que abondaban instalacións perigosas como os depósitos da CAMPSA, en Guixar, ou enclaves como os extensos terreos ocupados pola Armada española na Escuela de Transmisiones y electricidad de la Armada (ETEA) ó tempo que existía unha manifesta carencia de servizos e instalacións públicas. Esta soterrada conflitividade estoupou violentamente cando o concello de Vigo, presidido por Carlos González Príncipe (PSOE), ordenou, en contra do parecer dos veciños, a instalación dunha planta compactadora de lixo no peirao de Guixar. Era 1994, e pronto o conflito converteuse nunha revolta veciñal que se prolongou durante meses e que provocou unha forte represión policial, que espertou nos veciños o recordo dos peores tempos. Finalmente, a revolta desgastou o prestixio do PSOE local e trouxo o goberno municipal do PP, partido que prometeu retirar a planta compactadora. Esta promesa nunca se cumpriu.
Morfoloxía
editarTrátase dun dos barrios históricos de Vigo. Teis alóngase dende o comezo da rúa Sanjurjo Badía ata a parroquia redondelá de Chapela de oeste a leste e dende a beiramar, en Guixar, ata a Travesía de Vigo de norte a sur. O barrio de Teis espállase por uns 5,80 quilómetros cadrados costeiros e ten unha poboación duns 25.000 habitantes. É un dos barrios vigueses máis densamente poboados.
O barrio artellouse arredor do mercado de abastos, situado no lugar do Toural. Consta dun casco urbano antigo practicamente desaparecido e unha aglomeración urbana caótica e desordenada arredor da avenida Sanjurjo Badía, que divide o barrio en dúas metades. A súa orografía é ben complicada e está atrapado entre a beiramar e o voluminoso monte da Madroa. O barrio, deitado nesta estreita franxa, presenta un elevado desnivel, pois pasa do nivel do mar aos 350 metros de altitude da Madroa en escasos quilómetros. O monte da Guía, que descende ata o mar, ten 100 metros de altura.
Infraestruturas e urbanismo
editarMalia estar plenamente integrada no casco urbano da cidade máis populosa de Galicia, Teis conserva trazos dunha distante orixe rural e mariñeira. A carón de modernas edificacións e de vías públicas tan importantes no territorio, como as liñas férreas e as autoestradas AP-9 e Rande-Puxeiros, conviven vivendas unifamiliares, minúsculas explotacións agrarias, leiras e hortas, chalés e descampados. A zona de Guixar, por exemplo, non tiña sumidoiros ata finais da década de 1990. Ademais o barrio, principalmente a rúa Sanjurjo Badía, sofre un intenso tráfico, tanto de turismos coma de camións, por ser ruta cara a Pontevedra así como a situación de zonas industriais na súa costa. Sanjurjo Badía está considerada unha das rúas máis ruidosas, por mor do tráfico rodado, tanto de Galicia como de España.[Cómpre referencia]
Teis na literatura galega
editarXosé Luís Méndez Ferrín sitúa ao seu heterónimo Dosinda Areses, veterana galeguista fundadora da UPG, en Espiñeiro. As crónicas de Dosinda Areses, asinadas en Teis, foron publicadas entre 1979 e 1983 en El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes e A Nosa Terra, sendo compiladas por Xerais en 1998.
O Teis dos anos 70 e 80 do século XX é escenario e protagonista da novela publicada en 2004 por Galaxia, Xeración Perdida, de Francisco Castro.
Teis e a Igrexa Católica
editarTeis pertence a diocese de Tui-Vigo e ao arciprestado de Vigo-Teis. De feito, en Teis está situada a sé do Bispado, concretamente, na rúa Doutor Corbal. A parte, Teis ten algúns dos templos máis interesantes de Vigo. Entre eles, destacan a ermida da Nosa Señora das Neves, un pequeno templo proxectado por Manuel Gómez Román en 1951 e erixido no curuto do monte da Guía, e a igrexa da Nosa Señora das Neves, da que depende a ermida. Esta igrexa organicista de 1968 é obra do arquitecto galego Xosé Bar Boo sendo un magnífico exemplo da arquitectura funcional.
No barrio atópanse tamén as parroquias de Santo Ignacio de Loyola, a de Santo Cura de Ars, de recente construción, ou a de San Francisco Xavier. Destaca igualmente o mosteiro das Salesas Reais, sorprendente obra do arquitecto Antonio Palacios. Camiño de Chapela, encóntrase o fogar dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres, que naceu en 1967 e acolle a vagabundos e marxinados.
Espazos naturais
editarTeis tamén ten áreas verdes moi importantes e, nalgún caso, conservadas nun estado semisalvaxe. No barrio poden visitarse a centenaria carballeira da Guía, o parque da Riouxa, deseñado polo arquitecto Ricardo Bofill, o parque da Madroa cun inmenso piñeiral e exemplos de sobreiras, carballos, bidueiros, castiñeiros etc. Teis tamén ten algúns dos miradoiros máis fermosos sobre a ría de Vigo, como o da ermida do monte da Guía, o faro situado no mesmo monte ou o monte da Madroa.
En cambio, o litoral de Teis está moi deteriorado. Dende mediados da década de 1990 diversos colectivos, entre eles a Asociación de Veciños do barrio, reivindican a recuperación e conservación dos escasos areais que aínda perduran. O resto de litoral de Teis xace baixo recheos e peiraos, principalmente o peirao de Guixar, construído a finais da década de 1980 e actualmente infrautilizado. En 2005 o litoral de Teis sufriu unha importante agresión cos aterramentos ilegais e construción, coa oposición de boa parte da veciñanza,[Cómpre referencia] dun macroporto deportivo na Lagoa promovido pola Autoridade Portuaria. A máis sonada praia do barrio, A Punta, fora xa alterada na súa morfoloxía, a finais de 1990, logo da controvertida construción dun paseo marítimo.
Galería de imaxes
editar-
Piscina municipal.
-
IES Os Rosais II, nas Flores.
-
IES Rep. Oriental do Uruguai.
-
IES A Guía.
-
Placa catalogada.[9]
Lugares e parroquias
editarLugares de Teis
editarLugares da parroquia de Teis no concello de Vigo (Pontevedra) | |
---|---|
Arnela | Cacharela | A Calzada | Cancelo | Os Caños | A Chumba | As Coutadas | O Espiñeiro | A Ferreira | As Flores | Foxos | Frián | A Guía | Guixar | A Igrexa | A Lagoa | O Laranxo | Maceiras | O Montecelo | A Mouta | A Oliveira | Padín | A Paradela | O Paraixal | Poulo | A Presa | O Pugariño | A Punta | A Ribeira | Ríos | Rorís | A Rotea | Santa Trega | Tizón | Tobel | O Toural | Trapa | Travesán | O Troncal | O Valbarda | A Xorxa |
Parroquias de Vigo
editarNotas
editar- ↑ Conxunto parroquial de S. Salvador de Teis[Ligazón morta].
- ↑ 2,0 2,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023.
- ↑ Casa do Bispo[Ligazón morta].
- ↑ Esteban Fernández Cobián, congreso Arquitectura religiosa contemporánea en Galicia Arquivado 23 de decembro de 2009 en Wayback Machine., 2007 (en castelán).
- ↑ Igrexa da Nosa Señora das Neves[Ligazón morta].
- ↑ Catálogo de Bens Culturais[Ligazón morta].
- ↑ Mosteiro da Visitación das Salesas Reais[Ligazón morta].
- ↑ Catálogo de Bens Culturais[Ligazón morta].
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teis, Vigo |
Bibliografía
editar- Mosquera, Javier; Cameselle, Gillermo (1995). Vigo a través de sus barrios (en castelán). Faro de Vigo. ISBN 84-87657-90-7.
- Mosquera, Javier; Franco, Fernando (2002). Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana (en castelán). Fundación Caixa Galicia, Faro de Vigo.
Outros artigos
editar- Concello de Teis
- Lugares de Vigo
- Estación de Vigo - Guixar
- Correndo por Vigo
- Arciprestado de Vigo-Teis
Ligazóns externas
editar- Site da Asociación Veciñal de Teis
- Páxina do Concello de Vigo.
- Imaxe de cámaras web en directo: Rotonda Sanjurjo Badía e Travesía de Vigo (a escena pode refrescarse cada cinco segundos).