Storyboard
Os storyboards son ilustracións mostradas en secuencia co obxectivo de servir de guía para entender unha historia, previsualizar unha animación ou seguir a estrutura dunha película antes de realizarse ou filmarse. Consiste esencialmente nunha serie grande de viñetas da película ou algunha sección da película producida de antemán para axudar aos directores e os cineastas a visualizar as escenas e atopar problemas potenciais antes de que estes ocorran. Os storyboards inclúen instrucións ou apuntamentos necesarios que servirán ao equipo de traballo para que este se desenvolva dentro dun plan preestablecido. Grazas a este elemento, o director pode fraccionar a súa filmación sen seguir estritamente a orde lóxica da trama.
O proceso de creación do storyboard, na súa forma actual, foi desenvolvido no estudo de Walt Disney durante principios dos anos 1930, logo de varios anos de procesos similares que foron empregados en Disney e outros estudos de animación. O storyboard fíxose popular na produción de películas de acción viva durante principios dos anos 1940. Na creación dunha película con calquera grao de fidelidade a unha escritura, un storyboard proporciona unha disposición visual de acontecementos tal como deben ser vistos polo obxectivo da cámara. No proceso de creación do storyboard, os detalles máis técnicos complicados no traballo dunha película poden ser descritos de xeito eficiente no cadro (a imaxe), ou na anotación ao pé do mesmo.
Publicidade
editarO storyboard emprégase tamén de forma intensiva na publicidade como un instrumento útil para presentar o proxecto de anuncio de televisión ou spot ao cliente por parte da axencia. Neste caso o storyboard ten unha definición menor que o equivalente cinematográfico. Unha vez aprobada a idea polo anunciante, o realizador e o director de fotografía aportarán o seu talento na elaboración dun shooting, unha versión máis técnica do nivel do story board cinematográfico) que reflicte polo miúdo cada plano, de cara a planificación da produción.
No proceso de presentación ao cliente do spot emprégase tamén o animatic, unha animación en vídeo das viñetas do story board con música e diálogos. Ao integrar a banda sonora e representarse en movemento permite unha valoración máis intuitiva do futuro spot e facilitar tanto a comprensión do proxecto polo anunciante como a valoración do proceso antes de comezar a produción.