[go: up one dir, main page]

Río Sar

curso fluvial galego
Este artigo trata sobre o afluente do río Ulla. Para o exoplaneta que orbita arredor da estrela Rosalíadecastro, ver Riosar.

O río Sar é un afluente do río Ulla pola súa banda dereita.

Modelo:Xeografía físicaRío Sar
Imaxe
Tiporío Editar o valor en Wikidata
Inicio
División administrativaProvincia da Coruña, España Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónBando Editar o valor en Wikidata
Final
División administrativaProvincia de Lugo, España Editar o valor en Wikidata
Localizaciónrío Ulla Editar o valor en Wikidata
Mapa
 42°50′53″N 8°38′51″O / 42.84819, -8.64757

Etimoloxía

editar

Sar (e o seu diminutivo, o río Sarela) virían dun antigo Sars documentado xa no século I por Mela, que o menciona dúas veces, unha co Tamaris (Tambre) e outra co Ulla augas abaixo de Padrón. Segundo Krahe a forma Sars remóntase a un masculino Saros, raíz hidronímica indoeuropea ser- ou sor- fluír, vivas no sánscrito actual (sara río, sarit regueiro). Comparten toponimia o galego río Sor e outros ríos franceses (Serre, Sarre), alemáns (Saar), galeses (Cwm Sorgwm) e ingleses (Soar, Sor)[1].

Nace na parroquia de Bando (Santiago de Compostela), e discorre polas parroquias tamén compostelás de Sar, Conxo, Vidán (onde desemboca nel o seu afluente o Sarela) e Laraño. De seguido, no concello de Ames atravesa a parroquia de Bugallido e baixa rapidamente ata os 30 metros sobre o nivel do mar, atravesando a parroquia de Ortoño e internándose no val da Amaía a partir de Bertamiráns, onde recibe a auga do rego dos Pasos. No concello de Brión atravesa as parroquias dos Ánxeles, onde desemboca o seu afluente río Pego, e Bastavales, onde tamén recolle augas doutros pequenos afluentes. Chega ó concello de Rois na parroquia de Ribasar ó tempo que fai límite co concello de Padrón. Preto do lugar de Seira (Rois) recibe as augas do río Rois, no cal existe unha pequena praia fluvial, para xusto despois internarse no concello padronés. Posteriormente, tras pasar por Iria Flavia e a propia vila de Padrón, desemboca no río Ulla augas abaixo de Pontecesures, facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro e recibindo xa o influxo da marea da ría de Arousa. Neste último tramo, á altura de Padrón, existe un canal de derivación que conduce parte da auga ó Ulla por riba de Pontecesures. A súa construción rematouse no ano 1994, co obxecto de evitar os graves asolagamentos que viña sufrindo a vila producidos polas frecuentes crecidas do río.

Un tramo do río Sar está incluído na Rede Natura 2000, dentro do Sistema Fluvial Ulla-Deza.

Ecoloxía

editar

No ano 2005 houbo mobilizacións en oposición á minicentral da Silvouta no río Sar, co apoio da asociación ecoloxista ADEGA.[2]

Dende o punto de vista ecolóxico, o máis grave problema que padece o río Sar vén dado pola grave contaminación das súas augas, motivada tanto pola insuficiente depuración das augas residuais de Santiago de Compostela coma polas numerosas verteduras incontroladas que frecuentemente se producen ó longo do seu leito. Pese a existir unha depuradora no lugar de Silvouta (Santiago de Compostela), a súa capacidade resulta insuficiente para sanear unha boa parte das augas residuais que produce a cidade. Malia estar prevista a súa ampliación, esta vense demorando por diversos motivos dende hai anos, o que segue a provocar sucidade na auga, aparición de lixo nas súas beiras, cheiros que se agravan na época estival, cando o nivel do río é máis baixo, así como a frecuente mortandade de peixes.[Cómpre referencia]

Non obstante, ó longo das súas ribeiras aínda se pode atopar unha gran cantidade de fauna: lontras, garzas, parrulos de distintas especies, anfibios e réptiles variados e gaivotas. Entre os peixes figuran a troita, a anguía e, xa preto da desembocadura, onde as augas se tornan salobres, reos e muxos. Tamén é frecuente ver crías de especies propias da auga salgada, como as sollas, xa que esta especie sobe a desovar río arriba. Outros como o salmón e a lamprea, abundantes en tempos pasados e que chegaban a remontar e ser capturadas á altura da Ponte da Condomiña (Bertamiráns), acabaron por desaparecer a causa da contaminación.[Cómpre referencia]

editar

O 17 de decembro de 2019, o planeta anteriormente coñecido como HD 149143 b foi bautizado como "Riosar" como parte dun proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU). O nome foi proposto pola Agrupación Astronómica Coruñesa IO e foi elixido a través dunha votación en liña, conseguindo 13.413 votos, ou máis dun 39% do total.[3] A súa estrela, HD 149143, foi bautizada como "Rosalíadecastro" (en referencia a Rosalía de Castro).[3]

A locomotora Sar adquirida pola compañía ferroviaria The West Galicia Railway Co. Ltd. en 1886 para dar servizo á primeira liña de ferrocarril galega leva o seu nome en alusión a este río.[4]

Galería de imaxes

editar
Artigo principal: Galería de imaxes do río Sar.
  1. Notas acerca de Hidronimia Gallega Abelardo Moralejo Laso, Universidade de Santiago de Compostela
  2. "Varios colectivos organizan una concentración y una marcha contra el proyecto de minicentral en el Sar" Arquivado 12/03/2016, en Wayback Machine., artigo en La Voz de Galicia, 1 de xullo do 2005.
  3. 3,0 3,1 "Rosalía de Castro e o río Sar xa alumean no ceo". Sermos Galiza. 17 de decembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2019. Consultado o 17 de decembro de 2019. 
  4. Manteiga Outeiro, Marcos (16-09-2023). "Restauran la mítica locomotora 'Sarita' del abuelo de Cela". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 01-11-2023. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar