Montañas Bretemosas
No legendarium de J. R. R. Tolkien, as Montañas Bretemosas[1] (tamén coñecidas polo seu nome Sindarin Hithaeglir) é unha cordilleira da Terra Media, que percorre 1280 quilómetros do continente de norte a sur, entre Eriador e o val do Gran Río, o Anduin, e desde o Monte Gundabad no extremo norte até Methedras no sur.
Xeografía
editarO pico máis setentrional das Montañas Bretemosas era o Monte Gundabad, onde segundo conta a lenda espertou o Anano Durin. Porén, máis tarde converteríase nunha das goridas dos orcos. O máis grandioso dos reinos dos Ananos da Terra Media, Khazad-dûm, estaba situado no tramo central das Montañas Bretemosas. Os tres picos que conformaban Khazad-dûm eran Caradhras a Cruel (Cornovermello, Barazinbar na lingua dos Ananos), Celebdil a Branca (Dente de Prata, Zirakzigil en Anano) e Fanuidhol a Gris (Cumio Anubrado, Bundushathûr en Anano). No interior de Celebdil, os Ananos construíron a Escada Interminábel, desde as raíces da montaña até o seu cumio. O pico máis meridional das Montañas Bretemosas era Methedras (Derradeiro Pico).
Os pasos máis importantes eran o Paso Alto e o Paso e Cornovermello. Tamén había un paso nas fontes do río Ledo.
O Paso de Rohan era un val (probabelmente formado polo río Isen) que se estendía entre os picos máis meridionais das Montañas Bretemosas e os máis setentrionais das Montañas Brancas. Seica existía outro paso entre o Monte Gundabad e o extremo occidental das Montañas Grises, aínda que os varios mapas publicados difiren neste punto.
Eran moitos os ríos que nacían nas Montañas Bretemosas; a saber:
Historia
editarAs Montañas Bretemosas foron creadas por Melkor, como impedimento para Oromë, que adoitaba cruzar a Terra Media a cabalo nas súas excursións de caza. Naquel tempo a cordilleira era moito máis alta.
O Paso Alto (tamén chamado Paso de Imladris[2] e Cirith Forn en Andrath (S. 'Paso de Grande Escalada do Norte')[3]) foi creado antes da Primeira Idade por Oromë para permitir que os Eldar cruzasen as montañas. Durante a Primeira Idade o Paso Alto foi empregado polos Ananos, que conectaron os seus camiños (o Grande Camiño do Leste e o Men-i-Naugrim a través do Bosque Escuro) con el. En realidade había dous pasos nese lugar: o paso inferior[4] era cortado polos Orcos con máis frecuencia, polo que a meirande parte dos viaxeiros usaban o superior, agás nas raras ocasións nas que non había ameaza de Orcos.
O grande reino Anano de Khazad-dûm fora fundado baixo as Montañas Bretemosas, mais o rexurdimento do Balrog chamado a (Ruína de Durin) no ano 1981 T.I. fixo que os Ananos abandonasen o lugar, que pasou a ser habitado por Orcos e outras criaturas.
Na Segunda Idade, o Paso Alto foi usado polo exército de Gil-galad e Elendil na súa marcha cara a Mordor durante a Guerra da Última Alianza de Elfos e Homes. Logo da guerra, Isildur morreu a mans de Orcos que vixiaban o camiño cara ao paso.
Durante a Terceira Idade, o Paso volveu ser perigoso por culpa dos Orcos, e só volveu ser seguro após a Guerra de Ananos e Orcos, que acabou con case que todos os Orcos das montañas. Con todo, na época en que se desenvolve O Hobbit, os trasnos de Cidade Trasno lograran penetrar de novo nelas, e Bilbo Bulseiro e os Ananos de Thorin Escudo de Carballo remataron sendo capturados por eles.
A Irmandade do Anel tentou cruzar o Paso de Cornovermello (logo de rexeitar o Paso Alto que conducía cara a Rhovanion porque estaba baixo a vixilancia do Inimigo, e o Paso de Rohan porque obrigaba á compañía a achegarse de máis a Isengarda), mais unha tormenta de neve obrigounos a pasar por baixo da montaña no canto de por riba dela. Os Nove Camiñantes enfrontáronse ao Balrog, a Ruína de Durin, que moraba no abandonado reino de Khazad-dûm. Gandalf caeu xunto co Balrog ao máis profundo abismo de Moria, combateu ao demo ao longo da Escada Interminábel, e ao cabo matouno guindándoo do cumio de Celebdil, sacrificando a súa propia vida.
Habitantes
editarBaixo as Montañas Bretemosas atopábase o antigo reino Anano de Moria e as minas dos Orcos nas que Bilbo Bulseiro atopou o Anel Único. Valfendido estaba agochado nas faldras da cordilleira, no extremo oeste do Paso Alto. Carn Dûm, onde o Rei Bruxo de Angmar residiu durante varios séculos da Terceira Idade, estendíase entre unha ramificación cara ao oeste do extremo norte das montañas, coñecida como as Montañas de Angmar. Isengarda achábase en Nan Cúrunir entre os brazos de Methedras. As Aguias aniñaban nas Montañas, que tamén foron o lar do único Balrog coñecido durante a Segunda e Terceira Idades, destruído por Gandalf en 3019 T.I.. Gollum, un dos personaxes principais do legendarium, pasou cinco séculos nas Montañas, a vivir nunha illa dunha lagoa subterránea. Os xigantes de pedra (tamén coñecidos como xigantes das montañas) eran outra das razas que habitaban o exterior da cordilleira. Ás veces, por mor do seu tamaño, confundíaselles coa propia ladeira da montaña: en ocasións estas criaturas podían atinxir alturas de até corenta pés.
Cultura popular
editar- Led Zeppelin gravou unha canción, "Misty Mountain Hop", que semella tomar prestado o nome, aínda que máis nada, de Tolkien. Outras cancións de Led Zeppelin conteñen referencias a Tolkien.
- Na serie fantástica The Wheel of Time de Robert Jordan tamén aparece unha cordilleira chamada Mountains of Mist (Montañas da Brétema).
Notas
editar- ↑ Tolkien, J. R. R. (2018). O Señor dos Aneis. Sushi Books. p. 9.
- ↑ Tolkien, J. R. R. (1980), Christopher Tolkien, ed., Unfinished Tales, Boston: Houghton Mifflin, p. 281, ISBN 0-395-29917-9
- ↑ Unfinished Tales, p. 271
- ↑ The Annotated Hobbit, p.105, "their main gate used to open on a different pass..."
Véxase tamén
editarObras citadas
editar- Evans J., Michael D. C. Drout (ed) (2006): J. R. R. Tolkien Encyclopedia: Scholarship and Critical Assessment, cap. "Misty Muntains", Routledge, ISBN 0-415-96942-5.