Lola Kiepja
Lola Kiepja, nada na Illa Grande de Terra do Fogo c. 1874 e finada en Río Grande o 9 de outubro de 1966, foi unha xamán selk'nam, coñecida como a "derradeira selk'nam", debido a que foi a última persoa pertencente a esta cultura cun coñecemento directo das tradicións, a lingua e o modo de vida dese pobo da Terra do Fogo, no extremo sur do continente americano. Por outra banda, sinalouse que Lola Kiepja non foi en realidade a última persoa de etnia selk'nam, e que esa condición perténcelle a Ángela Loij, finada en 1974.[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1874 Illa Grande da Terra do Lume |
Morte | 9 de outubro de 1966 (91/92 anos) Río Grande, Arxentina |
Actividade | |
Ocupación | xamán, cantante |
Instrumento | Voz |
A morte de Lola Kiepja foi relacionada co xenocidio e a marxinación sufridas polo pobo selk'nam e outras culturas indíxenas en América.
Traxectoria
editarNaceu ao redor do ano 1874, como filla de Ket e Ejih, unha parella selk'nam da Illa Grande da Terra do Fogo.[2] O seu avó materno, Alaken, era un historiador xamán recoñecido dentro do seu pobo polo seu coñecemento expansivo do pasado lendario. Dous dos seus tíos maternos tamén eran xamáns.
Tivo 7 fillos co seu primeiro esposo, Anik, un haush que foi gravemente ferido durante un masacre parte do xenocidio selk'nam, o cal detivo o seu proceso de converterse nun xamán. Anik faleceu ao redor de 1915, polo cal Kiepja contraeu un segundo matrimonio cun chileno, alcanzando a ter 5 fillos con el. Todos os seus fillos faleceron antes ca ela.[2] A súa única descendencia viva no momento da súa morte era unha neta adoptada polo sacerdote Luis Garibaldi Honte e un bisneto. Pasou a súa vida adulta nunha reserva indíxena preto do lago Fagnano.
En 1964 a etnóloga estadounidense Anne Chapman viaxou por primeira vez á Terra do Fogo para rexistrar as tradicións e cantos selk'nam, segundo o testemuño de Lola Kiepja. Chapman relatou que a noción de que Lola Kiepja podía considerarse "a derradeira ona", corresponde á arqueóloga tamén francesa Annette Laming-Emperaire, quen lle transmitiu a Chapman a importancia de rexistrar o seu testemuño.[3][4]
Chapman rexistrou os cantos de Lola Kiepja nun gravador magnetofónico e varios deses rexistros foron publicados en dous discos producidos polo Museo do Home de París, baixo o título Selk'nam chants of Tierra del Fuego, Argentina (Cantos selk'nam de Terra do Fogo, Arxentina), algunhas das cales poden escoitarse en Internet.[5]
No inverno de 1966, foi trasladada en contra da súa propia vontade ao Hospital Rexional de Río Grande, malia que ela declarou non querer saír máis da súa vila natal. Faleceu tres días despois, o 9 de outubro, sendo enterrada no cemiterio de Río Grande, onde tamén serían enterradas en 1974 Ángela Loij e en 1999 Virginia Choquintel, a cal foi a última selk'nam pura.[2]
Notas
editar- ↑ Chapman, Anne (1973). Angela Loij, la ultima selk'nam. PERSEE. OCLC 754347313. Consultado o 2023-04-14.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Chapman, Anne (2017). Fin de un mundo: los selk'nam de tierra del fuego. Pehuén Editores. OCLC 1318328391. Consultado o 2023-04-14.
- ↑ Sonia Santoro. "La última selk’nam". Página/12 (Suplemento Las12), 30 de xaneiro de 2004. Consultado o 2 de febreiro de 2009.
- ↑ Chapman, Anne (2002). "Fin de un mundo. Los Selk'nam de Tierra del Fuego" (PDF). Taller experimental de cuerpos pintados.
- ↑ "Rito, chamanismo y música Selknam". Memoria Chilena. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2008. Consultado o 20 de xaneiro de 2009.