Hidroloxía
Denomínase hidroloxía (do grego ὕδωρ (hidro): auga, e λόγos (logos): estudo) á ciencia xeográfica que se dedica ó estudo da distribución, espacial e temporal, e as propiedades da auga presente na atmosfera e na codia terrestre. Isto inclúe as precipitacións, as escorras, a humidade do solo, a evapotranspiración e o equilibrio das masas glaciares. Por outra banda, o estudo das augas subterráneas corresponde á hidroxeoloxía.
Características
editarDenomínase hidrografía ó estudo de todas as masas de auga da Terra e, en sentido máis estrito, á medida, recompilación e representación dos datos relativos ó fondo do océano, as costas, as mareas e as correntes, de maneira que se poidan plasmar sobre unha carta hidrográfica. Non obstante esta diferenza, os termos utilizaranse case como sinónimos, xa que a parte da hidrografía que interesa aquí é aquela que crea relevo, polo tanto, a que está en contacto coa superficie terrestre, e por iso mesmo a que é obxecto dunha análise hidrolóxica.
A circulación das masas de auga no planeta son responsables da modelaxe da codia terrestre, como queda de manifesto no ciclo xeográfico. Esa influencia maniféstase en función da distribución das masas de rochas coherentes e deleznables, e das deformacións que lles afectaron, e son fundamentais na definición dos diferentes relevos.
Lembremos que un río é unha corrente de auga que vai por un leito dende as terras altas ás terras baixas e verte no mar ou nunha rexión endorreica (río colector) ou a outro río (afluente). Os ríos organízanse en redes. Unha conca hidrográfica é a área total que verte as súas augas de escorras a un único río, augas que dependen das características da alimentación. Unha conca de drenaxe é a parte da superficie terrestre que é drenada por un sistema fluvial unitario. O seu perímetro queda delimitado pola divisoria ou interfluvio.
Os trazados dos elementos hidrográficos caracterízanse pola adaptación ou inadaptación ás estruturas litolóxicas e tectónicas, pero tamén a estrutura xeolóxica actúa no dominio das redes hidrográficas determinando a súa estrutura e evolución.