Henrique, duque de Viseu
O Infante Henrique, duque de Viseu, nado en Porto o 4 de marzo de 1394 e finado o 13 de novembro de 1460, foi un príncipe portugués e a máis importante figura do inicio da era dos Descubrimentos, tamén coñecido na historia como Infante de Sagres ou O Navegador.
Nome orixinal | (pt) Henrique de Avis, 1.º Duque de Viseu |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 4 de marzo de 1394 Porto (Reino de Portugal) |
Morte | 13 de novembro de 1460 (Gregoriano) (66 anos) Vila do Bispo (Reino de Portugal) |
Lugar de sepultura | Mosteiro de Batalha |
Grão-Mestre da Ordem de Cristo (pt) | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | oficial |
Carreira militar | |
Conflito | Conquista de Ceuta (pt) 2.º Cerco de Ceuta (pt) |
Outro | |
Título | Señor (1415–) Duque de Viseu (pt) (1415–) Cabaleiro (1415–) |
Familia | Dinastía de Avis |
Pais | Xoán I de Portugal e Filipa de Lancaster |
Irmáns | Beatriz, Condessa de Arundel Isabel de Portugal, Duquesa de Borgoña Duarte de Portugal Fernando, o Infante Santo Pedro, Duque de Coimbra Afonso I, Duque de Bragança Xoán, Infante de Portugal |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978 Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Traxectoria
editarO Infante Henrique naceu na cidade do Porto o Mércores de Cinsa día que se consideraba pouco propicio ao nacemento dun neno. Era o quinto fillo do rei Xoán I de Portugal, fundador da Dinastía de Avis, e de Filipa de Lancaster (Lencastre en portugués).
O infante foi bautizado algúns días despois do seu nacemento, sendo o seu padriño o Bispo de Viseu. Os seus pais deron-lle o nome Henrique posibelmente en honra do seu tío materno, o duque Henrique de Lancaster.
Pouco se sabe sobre a vida do infante ata os seus catorce anos. O infante e os seus irmáns (a chamada Ínclita xeración) tiveron como aio un cabaleiro da Orde de Avis.
En 1414, convenceu ó seu pai para montar a campaña de conquista de Ceuta, na costa norteafricana xunto ao estreito de Xibraltar. A cidade foi conquistada en agosto de 1415, asegurando ao Reino de Portugal o control das rutas marítimas de comercio entre o Atlántico e o Levante.
En 1415, foi armado cabaleiro e recibiu os títulos de Duque de Viseu e Señor da Covilhã. O 18 de febreiro de 1416, foi encargado do Goberno de Ceuta. Correspondíalle organizar no reino o mantemento da Praza marroquí.
En 1418, volveu a Ceuta na compañía de Xoán, Infante de Portugal, o seu irmán máis novo. Os Infantes dirixían unha expedición de socorro á cidade, que sufriu nese ano o primeiro longo asedio, imposto conxuntamente polas forzas dos reis de Fez e de Granada. O cerco malogrouse e Henrique tentou de inmediato atacar Xibraltar, pero o mal tempo impediulle desembarcar: manifestaba así unha vez máis a temeridade e fervor antimusulmano do Infante. Ao regresar a Ceuta recibiu ordes de Xoán I, para non continuar tal proxecto, polo que volveu para o reino nos primeiros meses de 1419. Montou por esta época unha armada de corso, que actúa na zona do estreito de Xibraltar a partir de Ceuta. Así dispuña dunha fonte de ingresos e moitos dos seus homes habituábanse ao mar. Algúns deles serían desviados, máis tarde, para outras viaxes cara a novos destinos.
En 1419-1420 algúns dos seus escudeiros, João Gonçalves Zarco e Tristão Vaz Teixeira, desembarcaron entón nas illas Madeirenses, que xa eran visitadas por navegadores portugueses desde o século anterior. As illas resultaron de grande importancia producindo grandes cantidades de cereais, minimizando a escaseza que aflixía a Portugal. O arquipélago foi doado a Henrique polo seu irmán o rei Duarte de Portugal, sucesor de Xoán I, en 1433.
O 25 de maio de 1420, Henrique foi nomeado dirixente da Orde de Cristo, que sucedeu á Orde dos Templarios, cargo que mantería ata a fin da vida. No que concirne ao seu interese na explotación do océano Atlántico, o seu cargo na Orde foi tamén importante ao longo da década de 1440.
En 1427, os navegantes descubriron as primeiras illas dos Azores (posiblemente Gonçalo Velho). Tamén estas illas deshabitadas foron despois colonizadas polos portugueses.
Ata a época do Infante Henrique, o Cabo Bojador era para Europa o punto coñecido máis meridional na costa de África. Gil Eanes, que ocupou unha das expedicións, foi o primeiro en pasalo en 1434 eliminando os medos entón vixentes en canto ao descoñecido que para alén do Cabo se encontrarían.
No momento da morte de Xoán I, o seu fillo máis vello (e irmán de Henrique), Duarte subiu ao trono, e entregou a este un quinto de todos os proveitos comerciais das zonas descubertas así como o dereito de explotar alén do Cabo Bojador.
O reinado de Duarte durou só cinco anos, despois do cal, Henrique apoiou o seu irmán Pedro, duque de Coímbra na rexencia durante a minoría de idade do sobriño Afonso V, recibindo a cambio a confirmación do seu privilexio. Procedeuse tamén, durante a rexencia, á colonización dos Azores.
Cunha nova embarcación, a carabela, as expedicións sufriron un grande impulso. O Cabo Branco foi alcanzado en 1441 por Nuno Tristán e Antón Gonçalves. A Baía de Arguim en 1443, coa conseguinte construción dun forte en 1448.
Dinis Dias chega ao río Senegal e dobra o Cabo Verde en 1444. Visita Guinea, e os límites ao sur do gran deserto do Sáhara son superados. A partir de aí, Henrique cumpre un dos seus obxectivos: desviar as rotas do comercio do Sáhara e acceder ás riquezas da África Meridional. En 1452 a chegada de ouro era en suficiente cantidade para que se acuñaran os primeiros cruzados de ouro.
Entre 1444 e 1446, preto de corenta embarcacións saíron de Lagos. Na década de 1450 descubriu o arquipélago de Cabo Verde. Data desa época a orde dun mapa-mundo do vello mundo a Fra Mauro, un monxe veneciano.
En 1460 a costa estaba xa explorada ata o que é hoxe a Serra Leoa.
Non obstante, Henrique estaba ocupado con asuntos internos do Reino. Crese que apoiou a creación, na Universidade de Coímbra, dunha cátedra de astronomía.
Foi tamén un dos principais organizadores da conquista de Tánxer en 1437, que se revelou un gran fracaso, xa que o seu irmán máis novo, Fernando (o Infante Santo) foi alí capturado e aprisionado durante 11 anos, ata morrer. A súa reputación militar sufriu un revés e os seus últimos anos de vida adicounos á política e á explotación.
Véxase tamén
editarBibliografía
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Henrique, duque de Viseu |
- ALBUQUERQUE, Luís de. Dicionário de história dos descobrimentos portugueses. Lisboa: Círculo de Leitores, 1994.
- DOMINGUES, Mário. O Infante D. Henrique. Lisboa: Romano Torres, 1957.
- RUSSEL, Peter. Prince Henry ´the Navigator´a Life. New Haven: Yale University Press, 2000. ISBN 0-300-08233-9
- Xavier, Francisco Cândido Xavier. Brasil Coração do Mundo Pátria do Evangelho. FEB.
Outros artigos
editar- Monumento aos Descubrimentos, coa estatua do infante don Henrique realizada por Francisco Franco de Sousa.