[go: up one dir, main page]

A Frota de Indias ou coñecida tamén como a "Frota do Tesouro Español" ou "A Española" era «o mecanismo de funcionamento do monopolio comercial español con América e constituíu a esencia da denominada Carreira de Indias, que englobaba todo o comercio e a navegación de España coas súas colonias»[1].

Principais rutas comerciais do Imperio español. En vermello as españolas e en verde as portuguesas.
Imaxe da Sevilla do século XVI.
Posta de sol en Cartaxena de Indias.

Historia

editar

Durante os séculos XVI a XVIII, as frotas de Indias levaban as riquezas dos vicerreinados españois en América á Coroa de Castela. Os produtos transportados eran prata, ouro, xemas, especias, cacao e outros. Os galeóns saían da cidade de Veracruz, no golfo de México, e chegaban a Sevilla polo Guadalquivir (máis tarde a Cádiz).

A frota de Indias tiña un equivalente para o comercio entre Nova España (o actual México) e Filipinas, coñecido como o galeón de Manila, e que se usaba para cambiar bens chineses por prata mexicana, a través do porto de Acapulco. De alí se contactaba mediante transporte terrestre con Veracruz.

Desde o mesmo descubrimento de América, os barcos españois levaban riquezas de volta a España. Na década de 1520, e debido ao incremento da piratería inglesa e francesa, decidiuse organizar un sistema de convois para aumentar a seguridade do transporte. A idea era establecer dúas frotas distintas, ambas compostas por galeón fortemente armados con canóns e barcos mercantes (carracas) para levar a carga. As dúas frotas saían cada ano de Sevilla (a partir de 1679 Cádiz), e ían unha a Veracruz e a outra a Suramérica (Cartaxena de Indias, na actual Colombia, e Nombre de Dios e Portobelo, na actual Panamá). Tras completar a descarga dos seus produtos (produtos manufacturados, pero despois, tamén escravos), as frotas reuníanse na Habana, na illa de Cuba, para a viaxe de volta.

O comercio coas colonias españolas estaba fuertemente controlado. Por lei, as colonias españolas só podían comerciar cun porto en España (Sevilla tivo o monopolio ata 1717, cando a Casa da Contratación pasa a Cádiz). Os ingleses, holandeses e franceses trataron de romper o monopolio, pero este durou durante máis de dous séculos. Grazas ao monopolio, España converteuse no país máis rico de Europa. Esta riqueza permitiu sufragar sobre todo as guerras contra os protestantes do centro e norte de Europa. Tamén causou unha enorme inflación no século XVI, o que practicamente destruíu a economía española.

 
Caixa de caudais do século XVI chea de lingotes de prata. Representación museística do Pavillón da navegación de Sevilla

Xunto aos envíos de particulares, a frota levaba o «quinto real», un imposto do 20 por cento nos metais preciosos e os envíos de particulares. Diversos descubrimentos arqueolóxicos suxiren que a cantidade de metais realmente transportados era moito maior que a declarada no Arquivo de Indias: os mercadores recorrían ao contrabando e á corrupción para evitar pagar devandito quinto.

No século XVII, o sistema económico empezou a declinar por diversos motivos. Primeiro, polas tormentas: as de 1622 (incluíndo Nosa Señora de Atocha), 1715 e 1733 foron destruídas por furacáns no Caribe. Segundo, polos piratas, xa fosen establecidos como tal (corsarios) ou barcos militares de potencias estranxeiras. Terceiro, pola caída na produción de metais preciosos en América. As frotas pasaron de 17 barcos en 1550, a 100, e de maior tamaño, a finais do século XVI. A mediados do XVII constaban duns 25 barcos, e continuaron diminuíndo en tamaño.

A ameaza das potencias coloniais rivais aumentou cando estas puideron establecer bases no Caribe. Inglaterra ocupou San Cristovo e Neves en 1624, e Holanda Curazao en 1634. A frota de 1628 foi capturada polo holandés Piet Hein na batalla da Baía de Matanzas, durante a guerra de Flandres, e as de 1656 e 1657 foron capturadas polos ingleses Richard Stayner e Robert Blake durante a guerra anglo-española. A de 1702 foi destruída durante a Batalla de Rande.

 
Galeón español, por Albrecht Dürer.

As capturas da frota causaron unha enorme repercusión económica en España. Debilitada polas continuas guerras (en particular a guerra dos Trinta Anos), e sufrindo unha enorme crise económica, España comezou a sufrir ataques ás súas colonias a mediados do século XVII. En 1739, durante a Guerra do Asento o inglés Edward Vernon atacou Portobelo, en Panamá, e posteriormente intentouno en Cartaxena de Indias, ao mando de 186 buques, sendo derrotado por Blas de Lezo e sufrindo Inglaterra o seu máis terrible derrota nos mares. En 1762, durante a guerra dos Sete Anos, os ingleses ocuparon A Habana e Manila, impedindo o paso da frota.

A última Frota de Indias partiu en 1776.[2] Na década de 1780, España abriu as colonias ao mercado libre. En máis de 250 anos de frota, as perdas por ataques foron mínimas. Pode cualificarse así á Frota de Indias como unha das operacións navais máis exitosas da historia. De feito, nos 300 anos de existencia da Frota de Indias só dúas convois foron afundidos ou apresados polos ingleses e outro polos holandeses.

  1. Lucena Salmoral M., La Flota de Indias. Cuadernos de Historia 16. Barcelona, 1985.
  2. Rafael Antúnez e Acevedo: Memorias históricas sobre la legislación y Gobierno del Comercio de los españoles con sus colonias en las indias occidentales (1797).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Chaunu, P., Sevilla y América siglos XVI y XVII. Sevilla, Universidad, 1983.
  • García-Baquero González A., La Carrera de Indias. Salamanca, 1992.
  • Lucena Salmoral M., La Flota de Indias. Cuadernos de Historia 16. Barcelona, 1985.
  • Mira Caballos, E., Las Armadas Imperiales. La guerra en el mar en tiempos de Carlos V y de Felipe II. Madrid, La Esfera de los Libros, 2005.
  • Mira Caballos, E., El sistema naval del imperio español. Armadas, flotas y galeones en el siglo XVI. Madrid, Punto de Vista Editores, 2015.
  • Pérez Turrado, G., Armadas españolas de Indias. Madrid, Mapfre, 1992.
  • Thomazi, Augusto., Las flotas del oro. Historia de los galeones de España. Swan. Madrid, 1985.
  • Walker, G. J., Política española y comercio colonial, 1700–1789. Barcelona, 1979.
  • Zarin, Cynthia, "Green dreams. A mystery of rare, shipwrecked emeralds", The New Yorker, 21 de novembro de 2005, pp. 76–83.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar