[go: up one dir, main page]

Forcis (ou Forco) foi unha das divindades mariñas da segunda xeración divina, fillo de Xea (a Terra) e Ponto (o Mar, as Ondas) [1] [2]. Outros fillos de Xea e Ponto foron Ceto (un monstro acuático), Nereo (o pai das Nereidas), Taumante (pai das Harpías) e Euribia. Como Nereo e Proteo, Forcis considérase un dos Vellos do Mar.

Forcis (no centro), Ceto (á dereita) e Tritón ou Taumante (á esquerda) (mosaico romano no Museo Nacional de Bardo, Tunisia)

Casou coa súa irmá Ceto, e tiveron numerosos fillos, de carácter monstruoso: as Graias (ou Fórcides, personificación da vellez eterna), as Gorgonas, Equidna, as tres Hespérides e mais a serpe ou dragón que coidaba das mazás do Xardín das Hespérides (Ladón [3]). Algunhas tradicións tamén os fan padres do monstro mariño Escila, e a Forcis coa musa Terpsícore, das sereas, que tradicionalmente se consideran fillas do deus-río Aqueloo.

"Ceto enxendrou con Forcis as Graias, de fermosas meixelas, canas desde o seu nacemento; ... ás Gorgonas, que habitan ó outro lado do famoso Océano, no límite da noite, onda as Hespérides, de harmoniosa voz, Esteno, Euríala e a desventurada Medusa; ... nunha cova enxendrou outro monstro extraordinario,... a divina Equidna, metade moza de fermosas meixelas e vivos ollos, metade terrible serpe monstruosa; ... en unión amorosa con Forcis enxendrou por último unha terrible serpe que nos extremos confíns nunhas grutas de terra sombriza, vixía mazás completamente de ouro".
(Hesíodo: Teogonía 270-336)

Existe unha lenda romana, que recolle Varrón, segundo a cal Forcis sería un antigo rei de Córsega e Sardeña que morreu loitando contra Atlas. Botárono ó mar e foi posteriormente divinizado.

Iconografía

editar

Forcis representábase como un home robusto, de longas barbas, rodeado de animais mariños. Tamén como un tritón, con cola de peixe e patas en forma de pinzas de cangrexo, e coa pel vermella e espigada. O seu atributo era un facho.

  1. Ponto era fillo de Xea, enxendrado sen recorrer a elemento masculino (Hesíodo: Teogonía 131-132), ou de Xea con Éter (o Ceo) (Hixino: Fábulas, prólogo 3).
  2. Outras fontes din que Forcis, Crono e Rea foron os descendentes máis antigos dos titáns Océano e Tetis.
  3. Por veces citado como fillo de Tifón e Equidna, e por tanto neto de Forcis e Ceto.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar