Diorama
Un diorama[1] (do grego di-, "a través de", e orama, "o que é visto") é un tipo de maqueta que mostra figuras humanas, vehículos, animais ou seres imaxinarios na composición, presentados nun espazo co propósito de representar unha escena.[2]
Ás veces sitúase diante dun fondo pintado ou impreso de maneira que simule unha contorna real, completado normalmente con efectos de iluminación. Poden representar escenas da natureza, urbanas, eventos históricos, batallas etc. ben con fins didácticos ou de entretemento.
O termo foi acuñado por Daguerre en 1822 para un tipo de expositor rotativo[3] e popularizado a fins do século XIX e principios do XX por Frank Chapman, conservador do Museo Americano de Historia Natural.[4]
En ocasións, a terceira dimensión —a profundidade ou grosor— é moi pequena comparada coas outras dúas, ao estar destinado á observación desde un punto de vista fixo. A este tipo de presentación é ao que algúns autores reservan en exclusiva o termo diorama. Por ese motivo, ao efecto consistente en presentar fotografías de elementos grandes como se fosen maquetas chámase efecto diorama.
Historia do diorama
editarO diorama foi un entretemento popular moi común no século XVIII. Inventado en 1781 por Philippe Jacques de Loutherbour en Londres, considerouse unha alternativa aos famosos "Panoramas".[5] Jacques quería converter a arte do decorado nun verdadeiro espectáculo, e en 1822 co seu socio Bouton desenvolveu unhas montaxes de gran realismo.
Os dioramas eran grandes murais con teas transparentes pintadas con pinturas opacas ou traslúcidas que impresionaban a xente polas diferentes paisaxes, dimensións e o efecto espacial que adquiría a sala. Os espectadores entraban nun lugar escuro onde se atopaba un escenario e só se vía a metade do mural ou diorama. O espectáculo duraba uns 15 minutos e logo o escenario viraba sobre si mesmo deixando ver a outra parte da pintura. O diorama destacaba polo seu realismo, producindo fantásticos efectos de perspectiva[6] e o dinamismo creado co xogo das luces e as súas intensidades que imitaban a saída do Sol, a Lúa, o movemento das nubes, ou o antes e despois dun tremor de terra.
Impacto e éxito do primeiro momento
editarO feito de que as pinturas se movesen era unha novidade, un efecto xamais visto que causou impacto na primeira metade do século XIX. O diorama triunfou rapidamente en París, e pouco despois en toda Europa.[7]
No ano 1823, un ano despois do gran debut do diorama de París, construíuse un segundo edificio dedicado á súa exhibición: o Regent’s Park de Londres, que adquiriu os dereitos dos murais de Daguerre. Unha vez máis o espectáculo causou grande impresión na Inglaterra e moitos artistas, como Clarkson Stanfiels e David Roberts, innovaron coa introdución de movementos, sons e efectos especiais.
Durante os primeiros anos Daguerre tivo moito éxito co público e crese que isto foi unha grande axuda para o financeiro. Non obstante, a súa popularidade diminuíu en abril de 1830; separouse de Bouton, que marchou a Londres, mentres que Daguerre decidiu quedar en París. Nese mesmo ano, 17 dos 21 dioramas que estiveron expostos en París entre 1822 e 1830 foron vendidos ao propietario do Diorama londiniense. Inicialmente, o acordo era vender 12 por 15 000 francos, pero a crise do sector obrigouno a reducir o prezo á metade.
Crise do diorama
editarEn marzo de 1832, Daguerre declarouse en bancarrota. As razóns deste fracaso non están claras, pero crese que foi debido aos efectos dunha epidemia de cólera en París, o que dificultou moito aos empresarios poder manter este espectáculo, non recuperándose ata tres anos despois, en 1835.
Ante a depresión económica foi necesario atopar novos atractivos. Daguerre optou por incorporar innovacións aos seus dioramas, aínda que non sempre con éxito. Primeiro intentou engadir efectos especiais, como portas que simulan abrir e pechar, pero non foron suficientes para volver a gañar o interese do público. Os espectadores opinaron que "estas actuacións foron unha decepción, xa non eran suficientes na vista do espectador".[8]
Outro intento marrado foi coa Vue du Mont Blanc, prise da Vallée de Chamouny, no que se representaba un chalé suízo con árbores reais, unha cabra de verdade e un coro de música tradicional. Eses elementos que pretendían facer máis real o espectáculo non foron apreciados polo público, xa que facían que se perdese a fronteira entre a realidade e a ficción; foi por ese motivo que Daguerre acabou renunciando á utilización de elementos reais e xurdiu a idea dun novo diorama: o diorama de dobre efecto.
Dioramas de dobre efecto
editarEste tipo de diorama era máis complexo que os anteriores e era necesario case un ano de traballo para rematalos. Daguerre e o pintor Sèbron empezáronos a producir a partir de 1834.
Neste novo tipo de representación pintábase unha imaxe diante, e detrás colocábase unha variante da mesma pintura, pero imitando unha escena nocturna. O resultado era unha presentación de varias imaxes nunha única superficie na que se vía a alba, un mediodía luminoso, un atardecer e mesmo a medianoite, lográndoo utilizando distintas variacións de luz. O diorama de máis éxito nesa época foi a representación dunha escena nocturna, Une Messe de minuit a Saint Etienne-du-Mont, de 1834, exhibido durante tres anos consecutivos. Ao iniciarse a proxección, na igrexa víase a luz do día, daquela a luminosidade ía baixando de intensidade até chegar á noite, momento en que todas as candeas se acendían e iluminaban toda a escena: os bancos e a xente que rezaba acompañados do son dun órgano.
Final do diorama de Daguerre
editarAs proxeccións dos seus dioramas acabaron cando se viron destruídos por un incendio en 1839, do que puido salvar o seu outro invento, o daguerrotipo, e a partir de entón centrouse máis neste, que desenvolveu xuntamente con Joseph Niépce.
Tipos de dioramas
editar
Ademais dos dioramas históricos orixinais, distínguense tres tipos fundamentais:
- Os dioramas abertos, que se preparan para ser observados desde diversos puntos de vista.
- Os dioramas de caixa, que como o seu nome indica se montan dentro dunha caixa de dimensións variables e que polo xeral teñen superficies laterais e por detrás onde se pinta un fondo que serve de ambiente ás figuras que se representan.
- Os dioramas de libro, que se montan en forma plana coma se fosen as páxinas dun libro, pero que cando se abre, as figuras montadas sobresaen do fondo. Algúns cartóns de Nadal e doutros motivos móntanse con este sistema, de maneira que ao abrilas se proxectan cara a fóra do plano as figuras que se preparan para iso.
Os dioramas poden ser medios de ensino interesantes, sobre todo para os primeiros graos da Educación Primaria e tamén a Educación Infantil e a Secundaria.
Partes do diorama
editarPola similitude que presentan cun escenario teatral, pero de dimensións máis reducidas, as súas partes teñen nomes iguais ás dun teatro.
O fondo ou foro
editarÉ o debuxo que limita o campo de acción da escena que se representa. Pode estar formado por distintos planos que dan idea de profundidade ou debuxado en perspectiva, co que se obtén o mesmo efecto. Os laterais ou bastidores son pequenos debuxos que cobren distintos espazos da escena, que poden ser vexetación, rocas, edificios, mobles etc. Estes elementos axudan a dar profundidade ao diorama, que é un dos seus principais atractivos.
A escena
editarConstitúe a acción ou motivo principal do diorama e pode estar constituída por diferentes figuras. As principais que constitúen o eixo do asunto e poden ser unha ou varias. As secundarias son as que xeralmente completan a escena: animais, persoas, obxectos, mobles e demais.
Os dioramas poden ser estáticos ou dinámicos. Nos primeiros as figuras son fixas e nos segundos pódese lograr certo movemento por medio de fíos e outros medios. Tamén se poden acompañar de efectos de luces, fume etc. que fagan máis real a representación.
Figuras
editarPoden ser debuxadas expresamente para o diorama ou provir de láminas adecuadas. Nos dioramas educativos, xeralmente as figuras debúxanse ou péganse sobre cartón ou cartolina que despois se recorta e ás cales se lles engade un “pé” pola parte posterior para poder sostelas.
Os dioramas son excelentes medios de ensino, sobre todo porque poden ser elaborados polos propios alumnos nos graos superiores da Educación Primaria e na Secundaria básica, con escenas de momentos históricos, procesos biolóxicos, mapas ou escenas xeográficas e moitos temas máis. É unha forma amena de construír o coñecemento e son relativamente fáciles de elaborar.
As técnicas de tratamento computarizado da imaxe dixital, permiten hoxe en día á televisión presentar as imaxes coma se fosen dioramas. É moi común ver anuncios de programas, propaganda política, comercial, letreiros etc. presentados desta forma, con efectos similares aos da realidade aumentada.
Galería
editar-
Diorama alemán con figuriñas móbiles
-
Fábricas no Museum of Gorge, Ironbridge, Inglaterra
-
Diorama cunha escena das guerras napoleónicas no Museo de Armería de Árava
-
Museo di Storia Naturale, Milán
-
Un peepshow do século XIX. Estes despregábeis xa existían antes de 1800
-
Diorama de cartolina despregábel, ao estilo dos libros de pop-up
-
Dioramas á venda en Israel
-
Diorama no Army Medical Services Museum en Surrey, Inglaterra
-
Diorama do AMNH en Manhattan
-
Parque de atraccións de Efteling Spookslot, nos Países Baixos, con múltiples dioramas
-
Diorama ferroviario no Railroad Club de Toronto
-
Diorama con elementos submarinos, do primeiro ciclo de educación primaria
-
Diorama con xoguetes de superheroes
-
Museo Rochester Guildhall de Kent. Batalla con 1300 LEDs, 36 luces de escenario e banda sonora controlada por ordenador
-
Porto galés no Madder Valley, por John Ahern, Pendon Museum, Inglaterra
-
Planos do diorama orixinal de Daguerre
-
Diorama de Daguerre de pequeno formato con fondos múltiples, o poliorama panorámico, un artefacto do precinema
-
Diorama de lancha plana no Children's Museum de Indianápolis
-
Diorama en edificio circular construído en 1959 para lembrar a batalla de Sebastopol
-
Diorama da construción do castelo de Linz
-
Diorama de vida salvaxe no Museo de Historia Natural de Finlandia
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para diorama.
- ↑ Hernández (1991)
- ↑ Wood (1997), p.35
- ↑ Gernsheim & Gernsheim (1968)
- ↑ "Diorama" (en inglés). 5 de xullo de 2018. Consultado o 16 de novembro de 2018.
- ↑ "Historia del diorama – Asociación Belenista de Bizkaia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2018. Consultado o 16 de novembro de 2018.
- ↑ Verweyen (1997), pp. 11-16
- ↑ Huhtamo (2013)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Diorama |
Bibliografía
editar- Gernsheim, Helmut; Gernsheim, Alison (1968). L.J.M. Daguerre, The History of The Diorama and the Daguerreotype (en inglés). Mineola, Nova York: Dover Publications.
- Hernández, Rodrigo (1991). Modelismo práctico (en castelán). Madrid: Granada ediciones y distribuciones. ISBN 84-86666-65-1.
- Huhtamo, Erkki (2013). Illusions in motion: media archaeology of the moving panorama and related spectacles (en inglés). Cambridge, Massachusetts / Londres: The MIT Press. ISBN 9780262018517. OCLC 1090347249.
- Verweyen, Alexander (1997). Der Verkäufer der Zukunft — Vom Drücker zum Beziehungsmanager und Teamplayer (en alemán). Wiesbaden: Gabler Verlag. ISBN 9783322911377.
- Wood, R. Derek (1994/95/96). European Society for the History of Photography, ed. "Daguerre and his Diorama in the 1830s: some financial announcements" (PDF). Photoresearcher (6): 35–40. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de outubro de 2021. Consultado o 10 de maio de 2021.