[go: up one dir, main page]

Departamentos de Francia

división administrativa en Francia
(Redirección desde «Departamento francés»)

A República francesa atópase dividida administrativamente en cen departamentos (en francés: départements), 96 departamentos metropolitanos e catro departamentos ultramarinos (francés: départements d'outre-mer), os DOM. Cada departamento constitúe tanto unha división administrativa como un estado e unha colectividade territorial (en francés: collectivité territoriale).

Departamentos e rexións de Francia

Os departamentos están numerados por orde alfabética do nome, agás o departamento do Territorio de Belfort, os departamentos da rexión parisiense, os departamentos de ultramar e os departamentos que mudaron o nome dende a súa creación. Os números dos departamentos forman parte da vida cotiá, pois atópanse nas placas dos automóbiles, nos códigos postais e nos números da seguridade social.

Os departamentos metropolitanos numerábanse orixinalmente por orde alfabética, ata que se produciu o cambio das denominacións e a desmembración do departamento da Illa de Francia en 1964.

Trala división do departamento da Córsega (cuxo número era 20) en dous novos departamentos, en 1976, a Córsega do Sur (Corse-du-Sud) e a Alta Córsega (Haute-Corse) recibiron novos códigos, respectivamente o 2A e o 2B. Estes novos códigos aparecen nas placas dos automóbiles e nos números da seguridade social (soamente para as persoas nadas despois da subdivisión), en canto ao vello código, continúa a ser empregado no código postal e nos números da seguridade social das persoas nadas antes de 1976.

A derradeira grande mudanza no carácter dos departamentos tivo lugar o 2 de marzo de 1985, cando foi aprobada unha lei que transferiu a xestión ao executivo local os dominios descentralizados, ata entón exercidos polo prefecto (préfet) como presidente do departamento, ao presidente do Consello Xeral (Conseil Général). O prefecto conserva no departamento a xestión dos dominios reservados ao Estado francés como representante do goberno francés.