Crismón de Quiroga
O Crismón de Quiroga ou Crismón da Ermida (Quiroga) é unha peza circular de mármore traballada cunha inscrición en latín e iniciais en grego. Ata 1887 fixo de ara no altar maior da igrexa de Santa María da Ermida (do século XII) aínda que non se sabe certo dende cando; nese ano de 1887 foi retirado do altar para deter a deterioración producida polos veciños do lugar, que arrancaban fragmentos para usar como remedios máxicos e medicinais.
A peza foi coñecida polo público en 1925 [2], e nese mesmo ano foi estudada polo arqueólogo Ángel del Castillo. Tamén no 1925 se produce o traslado ó Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo onde hoxe está exposto e considerado como "a peza estrela do museo" [3] .
En 2012 realizouse unha copia que formou parte da exposición Gallaecia Petrea, xa que o Museo de Lugo non autorizou o traslado da peza orixinal. Ó rematar a exposición, a réplica foi entregada ó mosteiro da Ermida [4].
Descrición
editarO Crismón de Quiroga é un disco de mármore gris veteado, material que podería proceder das canteiras do Incio, non lonxe de Quiroga. Mide 95 cm de diámetro, 6 cm de grosor e pesa uns 120 kg. A cara posterior é chaira, sen adorno algún. A cara traballada ten do lado exterior dúas circunferencias de boliñas en forma de perlas (de maior tamaño as do bordo exterior) entre as cales hai un texto en latín. Na parte central está o monograma de Cristo, formado polas letras gregas khi (X) e rho (P) superpostas (iniciais en grego de Cristo, Christós, Χριστoς), precedidas da letra alfa e seguidas da omega, primeira e última letras do alfabeto grego, co que se simboliza que Cristo sería o principio e o fin de tódalas cousas. O pau vertical do P mide 72 cm e os brazos do X 70 cm cada un.
Na Apocalipse, dise: "Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén" (Apocalipse:1.8); e máis adiante: "E seguiu dicindo: eu son o Alfa e o Omega, o Principio e a Fin" (Apocalipse:21.6) [5].
A todo o longo da franxa que deixan as circunferencias de boliñas gravouse unha inscrición en latín, en letras capitais duns 4-5 centímetros de altura, que di o seguinte:
AVRVM VILE TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT PLVS
EST QVOD PROPRIA FELICITATE NITESO ouro é cousa vil para ti, non digamos xa a prata
É moito máis o que brillas pola túa propia felicidade [6]
Con esta frase exhórtase o valor da felicidade cristiá fronte ás riquezas materiais, representadas polo ouro e a prata. O rebaixe das letras fai supoñer que estaba ocupado por algún metal nobre.
Segundo o arqueólogo alemán Helmut Schlunk [7] a peza sería dos anos 420 a 450 da era actual (se ben máis tarde afirma que debe datarse cara ao ano 400), o que o fai -xunto á tapa do sartego de Temes (Carballedo)- a representación máis antiga coñecida do cristianismo en Galicia; outras fontes aínda o adiantan ós anos 410-425 [8].
Del Castillo consideraba o Crismón como adorno da fachada da igrexa, mentres que autores posteriores supoñen que foi creada como mesa de ofrendas ou altar [9]. A peza testemuña a existencia dunha comunidade cristiá no lugar no século V, de alto nivel económico, cultural e teolóxico; ademais do Crismón, atopáronse na igrexa da Ermida outras pezas romanas que poden indicar a preexistencia dunha estrutura arquitectónica importante.
Jaime Delgado Gómez propón unha explicación diferente, de carácter funerario, baseándose en que este foi o uso do Crismón desde a época paleocristiá, e na súa presenza en diferentes sarcófagos de diferentes orixes. Segundo este autor, o Crismón formou parte dun mausoleo erixido en honor dalgún nobre romano, un procónsul no noroeste español, convertido ao cristianismo e que morreu preto da actual vila de Quiroga, no lugar da Ermida. Igualmente, interpreta a inscrición como un epitafio.
Suposto ritual adiviñatorio
editarOutra interpretación é que sería unha mesa ritual dos Pontífices na Gallaecia con fins adiviñatorios. O texto contén tódalas letras do alfabeto latino.
Amiano Marcelino describiu un ritual executado no século IV: a mesa situábase sobre un trípode metálico para a súa nivelación e os presentes situábanse ao redor dela. Unha esfera de vidro percorría o perímetro do taboleiro deténdose en cada letra sinalada. A repetición sucesiva da operación permitía a escritura da mensaxe ou resposta[10] .
Notas
editar- ↑ X.L.Q. "El santuario de A Ermida de Quiroga cuenta con una réplica del Crismón". El Progreso de Lugo. Consultado o 23 de agosto de 2013.
- ↑ La Voz de la Verdad, Lugo 13.08.1925.
- ↑ Museo Diocesano Catedralicio (ed.). "Crismón de Quiroga". Arquivado dende o orixinal o 09 de decembro de 2013. Consultado o 23 de agosto de 2013.
- ↑ El Progreso de Lugo, 13 de abril de 2013.
- ↑ Bibliagalega.com).
- ↑ A transcrición de Delgado Gómez di o seguinte: "O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátense, máis é o que brillas pola túa propia felicidade".
- ↑ Ars Hispaniae, II, 1967.
- ↑ José Manuel Vázquez Varela, px. 52.
- ↑ "Se se trata, como estamos convencidos, dunha mesa de ofrendas, teriamos o primeiro exemplo dnha mesa deste tipo da época paleocristiá, e por tal motivo unha peza importancia capital" (H. Schlunk, tomado de Delgado Gómez, px. 91.
- ↑ Sánchez-Montaña, Carlos. celtiberia.net v3.0, ed. "La mesa de Quiroga". Consultado o 22 de agosto de 2013.
Véxase tamén
editarFotografía do Crismón de Quiroga | |
Fotografía do Crismón de Quiroga |
Bibliografía
editar- Delgado Gómez, Jaime: "La biblia en iconografía pétrea lucense". Boletín do Museo Provincial de Lugo, II, 1984, 85-117.
- Vázquez Varela, José Manuel (1996). "Crismón de Quiroga". 100 obras mestras da Arte Galega. Vigo: Nigra Arte. ISBN 84-87709-50-8.