[go: up one dir, main page]

Centeo

especie de planta

O centeo (Secale cereale (L.) M.Bieb.) é unha gramíneas que se cultiva polo seu gran e como planta forraxeira. É un membro da familia do trigo e relaciónase estreitamente co orxo. | O gran do centeo utilízase para facer fariña (fariña centea) e na industria da alimentación. É altamente tolerante á acidez do solo. O primeiro uso posible do centeo doméstico remóntase a Abu Hureyra ao norte de Siria, no val do río Éufrates no Paleolítico tardío. É un cultivo común en Galiza, sendo a fariña centea unha das máis empregadas noutrora para facer pan.

Secale cereale

Etimoloxía

editar

O termo centeo provén da denominación latina centenum, -i, derivado do numeral centeni 'de cen en cen', polos moitos grans que produce cada planta.[1]

Descrición

editar

O centeo é unha planta anual de 110 a 160 cm de altura, que florea de maio a xullo, facendo unha inflorescencia en espiga duns 20 a 30 cm de longo (máis longa ca do trigo), follas de 5 a 10 mm de largo. Glumas das espigas de 6 a 15 mm sen contar as arganas; lemna (gluma inferior) de 7 a 15 mm, con aresta normalmente de 2 a 5,5 cm. O gran como todas as gramíneas denomínase cariópside. Considéranse que o Irán é o país de orixe desta especie.

Ten un sistema radicular fasciculado semellante ao do trigo, aínda que máis desenvolvido ca este. Esta é unha das razóns da súa grande rusticidade. O talo é longo e flexíbel. As follas son estreitas. Coma no caso do orxo, as espiguillas non teñen pedúnculo e fican todas unidas directamente ao raque, correspondendo unha soa a cada dente deste. As glumas son alongadas e agudas no seu ápice. As vilosidades pola súa parte dorsal, prolónganse nunha longa aresta. Cada espiguilla produce tres flores, pero só son fértiles dúas. A espiga é magra e longa.

Parasitos

editar

O centeo vese afectado por un fungo parasito, o cornizó Claviceps purpurea, cuxo consumo accidental xunto co cereal era a causa do ergotismo. Tamén é chamado cornello, dentón, gran de corvo ou caruncho[2].

 
Pan centeo

Un dos usos deste cereal é o de elaborar coa súa fariña pan centeo, moi empregado noutrora en Galiza, sendo un referente nacional canto á cantidade e calidade. Coa fariña centea faise pumpernickel, moi usado en Europa do norte e do leste. Tamén se fai o familiar knäckebröd.

A fariña de centeo ten baixo contido en glute en comparanza coa fariña triga, e contén máis proporción de fibras solúbeis.

Outros dos seus usos é a fabricación de whisky de centeo, e como medicina alternativa na súa forma líquida, coñecida como "extracto de centeo"; un líquido obtido do centeo e semellante ao extraído do pasto de trigo. Entre os seus supostos beneficios inclúense a mellora do sistema inmune, o incremento dos niveis de enerxía e mellora da situación fronte as alerxias, aínda que non existe evidencia clínica da súa eficacia. Dise tamén que podería ser activo na prevención do cancro de próstata.[3]

Coa súa palla facíanse as cubertas (colmados) das pallozas e outras construcións populares en Galiza e outros lugares de Europa coma Inglaterra e Irlanda. Tamén coa palla se fan bonecos de xoguete. Indicacións: úsase como laxante lixeiro, nutritivo.[4]

Produción e consumo

editar
Primeiros dez produtores — 2005
(millóns de toneladas)
  Rusia 3,6
  Polonia 3,4
  Alemaña 2,8
  Belarús 1,2
  Ucraína 1,1
  China 0,6
  Canadá 0,4
  Turquía 0,3
  Estados Unidos 0,2
  Austria 0,2
Total Mundial 13.3
Source: FAO [6]
Minerais
Calcio 33 mg
Ferro 2,67 mg
Magnesio 121 mg
Fósforo 374 mg
Potasio 264 mg
Sodio 6 mg
Zinc 3,73 mg
Cobre 0,450 mg
Magnesio 2,680 mg
Selenio 0,035 mg

O centeo medra primariamente en Europa do leste, centro e norteña: norte de Alemaña, Polonia, Ucraína, Belarús, Lituania, Letonia e cara Rusia central e do norte. Tamén prospera en América do Norte: no Canadá, nos Estados Unidos, América do Sur: na Arxentina, no Brasil, Asia: Turquía, Casaquistán, e norte da China.

Os niveis da súa produción seguen a decaer en moitas das nacións produtoras por mor á menor demanda. Por exemplo a produción rusa pasou de 13,9 millóns de Tm en 1992 a 3,4 Mt en 2005. E Polonia - 5,9 Mt en 1992 a 3,4 Mt en 2005; Alemaña - 3,3 Mt & 2,8 Mt; Belarús - 3,1 Mt & 1,2 Mt; China - 1,7 Mt & 0,6 Mt; Casaquistán - 0,6 Mt & 0,02 Mt.

Moito do centeo consómese localmente, e só se exporta a países veciños, non mundialmente.

Contraindicacións

editar

O centeo, así como o trigo, a cebada, a avea, a espelta, o camut e o malte, posúen glute na súa composición. Deste xeito, non o deben consumir quen padeza enfermidade celíaca. As persoas intolerantes ao glute, se consomen alimentos con esta substancia, tráelles como consecuencia unha deterioración nas mucosas do intestino delgado, prexudicando o organismo e a absorción de diversos nutrientes. Porén, existen unha serie de cereais que non teñen glute e poden consumir as persoas que padecen de celiaquía: o arroz, o millo, a quinoa, o millo miúdo (aínda que non ten glute, os celíacos non adoitan toleralo ben), o amaranto, o trigo sarraceno ou alforfón (realmente é un pseudo-cereal) e o sorgo. Así mesmo, a fariña de castaña tampouco ten glute.

editar

Coa fariña centea faise en Galiza o pan moreno, e mesturada coa de millo pan de mestura[7].

Cultívase en toda Galiza, sendo máis resistente có trigo e adaptábel a todas as terras, porén o pan, bastante utilizado na Galiza aldeá, é máis escuro. Durante séculos foi o cereal máis cultivado, sobre todo nas familias máis humildes e principalmente nas altas terras montañosas de Ourense, que por iso lle chamaban terras de pan. Ademais do pan centeo ou de mestura, a palla serve coma forraxe, alimento e cama do gado. Nalgunhas comarcas a palla ou colmo emprégase para a cubrición das vivendas (colmados). Antes da malla, a palla ponse en medas nas eiras.

Require rega no verán e a sega faise guichada nalgunhas zonas. Padece con frecuencia o cornizó ou caruncho (Claviceps purpurea), que se apodera do gran e que, mesturado con este e convertido tamén en fariña produce unha especie de gangrena seca a quen o come. Por iso cómpre peneiralo ben para tiralo e non o levar ao muíño[8].

Adoita considerarse o día de San Bernabeu, o 11 de xuño, como o día idóneo para a súa sega[9].

Expresións

editar
  • Mallar nun coma nun centeo verde mallar nunha persoa sen contemplación algunha[8].

Refraneiro

editar
  • Centeo alto ou baixo, en maio espigado, que tardeiro ou temperau, en maio ha telo grau.
  • O centeo basto na hucha, non no terreo[10].

Cantigueiro

editar
  • Eu casar ben me casaba,/ recear ben o receo,/ sinto de andar perguntando/ a como vale o centeo.
  • Mariquiña da forneira/ se coceres faime un bolo,/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como.

Galería de imaxes

editar
  1. Portal das palabras. "Centeo". Consultado o 16 de agosto de 2015. 
  2. Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009
  3. E Pukkala, N Gustavsson and L Teppo, Atlas of cancer incidence in Finland, Cancer Society of Finland, Helsinki (1987), p. 37. and P Kleemola, M Virtanen and P Pietinen, Dietary survey of Finnish adults, Publications of the National Public Health Institute B2, Helsinki (1994)
  4. "Centeo". Plantas útiles: Linneo. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 15 de marzo de 2010. 
  5. "Centeo". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 15 de marzo de 2010. 
  6. Mayores Productores de Commodities - Países por Commodity
  7. Leandro Carré Alvarellos (1933): Diccionario galego-castelán, Segunda Edizón, A Coruña, Roel
  8. 8,0 8,1 Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
  9. Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo. 
  10. Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar