[go: up one dir, main page]

Alma,[1] que provén do latín anima, é un concepto dun principio transcendente ou unha entidade inmaterial do ser humano propio de moitas relixións e correntes da filosofía a miúdo considerada eterna.

Unha pintura onde Deus olla a loita entre un anxo e un demo por unha alma humana.

Etimoloxicamente a palabra do latín anima usábase para designar o principio polo cal os seres animados estaban dotados de movemento propio. Nese sentido orixinario tanto os animais coma o ser humano estarían dotados de alma no cristianismo. Os avances na fisioloxía e neuroloxía permitiron recoñecer que os seres animados obedecen ao mesmo tipo de principios físicos que os obxectos inanimados, ao mesmo tempo que poden desenvolver actividades diferentes destes, como a nutrición, o crecemento, e a reprodución.

As mitoloxías dos pobos e logo as relixións en case todas as culturas teñen a crenza de que o ser humano está dotado dunha ou varias partes espirituais, diferentes do corpo, distinguindo nelas a alma, o espírito e en certos casos máis nocións. No cristianismo, as ánimas son as almas dos mortos que non foron nin ao ceo, nin ao paraíso, son almas perdidas ou que andan polo purgatorio. En moitas crenzas populares as pantasmas son almas de mortos que volven a visitar os vivos. Noutras relixións a alma pode despois da morte reencarnarse noutro corpo humano, animal ou vexetal, segundo a relixión. Para os animistas todas as entidades da natureza teñen alma e polo tanto os humanos poden comunicar coa natureza.

Dende Platón, que consideraba a alma como a parte inmortal do home, ata as concepcións contemporáneas que consideran que a existencia está antes da esencia, a noción de alma na filosofía depende do filósofo e cada corrente filosófica.

En certos casos a psicoloxía, a psicanálise e a literatura teñen autores que tamén danlle consideración a existencia da alma como elemento da conciencia do ser humano.

Na actualidade o termo "alma" é usado, fundamentalmente, polos ideólogos relixiosos[Cómpre referencia].

Introdución

editar

O termo alma pódese aplicar aos seres vivos en xeral (plantas e animais) como o seu principio constitutivo. Segundo algunhas interpretacións, como a de Aristóteles, a alma incorporaría o principio vital ou esencia interna de cada un deses seres vivos, grazas á cal estes teñen unha determinada identidade, non explicable a partir da realidade material das súas partes.

Tamén se usa o termo alma nunha acepción máis particular se se refire aos seres humanos; neste segundo caso, segundo moitas tradicións relixiosas e filosóficas, a alma sería o compoñente espiritual dos seres humanos.

No transcurso da historia, o concepto "alma" pasa por diversos intentos de explicación. Desde o dualismo do idealismo filosófico e da gnosis, á interpretación existencialista dun todo con dous aspectos específicos que son: o material e o inmaterial.

Para a relixión cristiá, o home consta de tres partes, que son: corpo (o físico), alma (o relacionado co emocional) e Espírito (o relacionado co espiritualidade). De acordo á tradición cristiá, a alma é un dos aspectos do ser humano, que o unifica como individuo e lánzao" a actividades que van máis aló do material. Grazas a alma o home é capaz de instintos, sentimentos, emocións, pensamentos e decisións libres, así como de volver sobre si mesmo (auto conciencia).

Aínda que non é moi frecuente, o termo "alma" tamén pode utilizarse referido a calquera ser humano como un todo, obviar o significado relixioso ou filosófico, como nas expresións «non hai nin unha alma» ou «cidade de 40.000 almas».

Relixións abrahámicas

editar

Cristianismo

editar
 
Alma levada ó ceo por dous anxos. Representación da tradición cristián.

O cristianismo afirmou que a alma era un don de Deus particular para os homes, feitos a imaxe e semellanza súa. Cada alma é individual. Os seres humanos xa ó formarse no ventre materno teñen alma, e por iso a Igrexa condena o aborto: é matar unha persoa cunha alma que non pertence á persoa senón que é un agasallo que cómpre coidar temporalmente.

A alma, cando morre o corpo, é xulgada polas obras da persoa e segundo se se salva ou é condenada, vai ó Paraíso (onde desfruta da contemplación eterna do Creador) ou ó Inferno.

As almas son as que permiten a resurrección final dos corpos, cando se acabe o tempo deste mundo. O pecado ensucia a alma e a achega á condenación. A relixión é unha vía porque a alma comunícase con Deus por medio dos sacramentos ou a pregaria e pode transcender o corpo.

Achega bíblica

editar

A súa visión antropolóxica emprega termos traducidos por espírito (rú•aj), ánima (né•fesch [נפׁש]), corpo (ba•sár). Estes conceptos, se reciben unha mesma tradución de ánima e corpo, en realidade non corresponden de todo cos conceptos da filosofía grega. Mentres a filosofía grega se sitúa a nivel de "esencias", a antropoloxía bíblica ten todas as características de "existencialismo".

  • A rúaj que é "vento" "espírito" en hebreo, en relación coa antropoloxía é o alento [de vida] ' alento da divindade mesma: cando Xeová inspirou sobre o home o seu sopro de Vida (Xénese 2:7), este converteuse en ser vivente. O home vive mentres Xeová non retira o seu rúaj. (Xob 27,3). O termo marca fortemente a relación entre criatura e creador, a dependencia absoluta dela cara El. A Ruaj recibe outros sensos na Biblia segundo os contextos.
  • A néfesch (נמהש) significa "pescozo", "gorxa" (2 Samuel 16:14), "o que respira" (Xob 41:13, 20, 21). Néfesch vén dunha raíz que significa "respirar", e nun senso literal se podería traducir como "un respirador". Exactamente a mesma expresión hebrea que se emprega para a creación animal, a saber néfesch jaiyáh (ánima vivente), aplícase a Adán cando se di que despois de que Deus formara ó home do po da terra e soprase no seu nariz o sopro de vida, "o home pasou a ser ánima vivente" (Xénese 2:7.). Nas instrucións que Deus lle deu ó home despois de crealo, empregou de novo o termo néfesch para facer referencia á creación animal: "Todo o que se move sobre a terra que ten vida como ánima [literalmente, no que hai ánima vivente (néfesch)]" (Xénese 1:30.). Por veces a verba né•fesch emprégase para expresar o desexo do individuo, que o enche e despois o empurra a acadar a súa meta. Proverbios 13:2 fala sobre os que tratan con aleivosía que 'a súa propia ánima é violencia ' é dicir, que son partidarios acérrimos da violencia, e chegan a ser en realidade a violencia personificada de xeito que ten que ver tamén coa interacción entre mente e personalidade activa dun individuo, a saber: "a vida" (1 Samuel 26:21).
  • O basar (carne) é un concepto que non se opón a rúaj pero se xustaposicionan. Unha tradución aceptable sería a "miña persoa", que se pode tocar, experimentar. Cando Paulo di: "Os vosos corpos son o templo do Espírito (en gr. pnéuma )...(1 Cor 6,19) " ou ben "Vostedes son o templo... (1 Cor, 3-17) " salienta o aspecto experimentable do concepto.

A alma na filosofía occidental

editar

Filosofía grega

editar

Platón consideraba á alma como a dimensión máis importante do ser humano. Ás veces fala dela coma se estivese encarcerada nun corpo, aínda que tal idea tómaa prestada do orfismo. Segundo o Timeo, a alma estaba composta do idéntico e o diverso, substancia que o demiurgo usou para crear a alma cósmica e os demais astros; ademais, os deuses inferiores crearon dúas almas mortais: a pasional, que reside no tórax, e a apetitiva, que reside no abdome. Por encima das dúas estaría a alma racional, que atoparía o seu lugar na cabeza. Algo parecido nárrase no Fedro, onde se expón o mito dos cabalos alados: o auriga é a alma racional, o cabalo branco representa a parte pasional e o negro a parte dos apetitos (sempre rebelde). A tarefa do auriga é manter o cabalo negro ao mesmo galope que o branco. No Fedón, a alma é vista como unha substancia que busca desligarse dos límites e conflitos que xorden desde a súa unión co corpo, e que poderá vivir de modo pleno tralo momento da morte; este diálogo ofrece diversos argumentos que buscan probar a inmortalidade da alma.

Aristóteles definiu a Psyche como "forma específica dun corpo natural que en potencia ten vida". (De Anima, 412a20.) Tamén a entende como "a esencia de tal tipo de corpo" (412b10). A forma ou esencia é o que fai que un ente sexa o que é. Por isto entendemos que a alma é o que define a un corpo natural. Por exemplo, se o oído fose un animal, a súa alma sería o escoitar e a súa materia o propio órgano do oído. Un oído que non tivese a función de oír sería un oído só de palabra. Neste caso, a alma configura a materia nun corpo natural organizado.

Así se forma unha unidade substancial (composta de materia e forma). Alma e corpo non son separables no vivente.

A alma é definida tamén polo estaxirita como "a entelequia primeira dun corpo natural que en potencia ten vida" (412a26). Con iso indica que a alma é entelequia ou acto primeiro do corpo vivo e alma e corpo están unidas simultaneamente. Pero ao ser a alma o acto pode dicirse que esta ten prioridade sobre o corpo. É primeira non en tempo, pero si en importancia. É a primeira acción de onde xorden as facultades e potencias do vivente. Aristóteles sinala, finalmente, que poderían darse operacións da alma que non dependesen de corpo algún.

A visión dualista que se desprende do platonismo distorsiona a realidade e as consecuencias chegan a un desprezo das realidades físicas, do corpo humano e da sexualidade entre outras cousas. Imaxínase a alma como algo independente, parte do divino e do bo, como unha folla branca metida nun pobre sobre material do cal urxe liberarse. Con todo o monismo aristotélico permite entender ao ser humano como unha unidade conformada de corpo e alma dando o xusto valor ao corpo ao non entendelo como a prisión da alma (como facía Platón), senón como parte esencial do que é o home.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar