[go: up one dir, main page]

Ícaro

personaxe da mitoloxía grega, fillo de Dédalo

Ícaro é un personaxe da mitoloxía grega, fillo de Dédalo e de Náucrate, unha escrava de Minos.

Dédalo co seu fillo nun cadro, de 1776, de Pyotr Ivanovich Sokolov.

Dédalo, arquitecto e inventor de diferentes artefactos en Atenas [1], construíu para Pasífae, a esposa de Minos, rei de Creta, unha vaca de madeira, baleirada, na que esta se podía meter e así manter relacións sexuais co touro de Creta [2]. Desta unión nacería o Minotauro.

Co fin de encerrar a este ser monstruoso, Minos pediulle a Dédalo, que construíra un labirinto do que non fora posible saír. Pero o heroe Teseo puido entrar, matar a Minotauro e saír indemne do labirinto, coa axuda de Ariadna, filla de Minos, á que Dédalo explicara como orientarse no labirinto.

Máis tarde, Minos mandoulle construír tamén unha torre cunha cela no alto e, sentíndose traizoado pola muller, Pasífae, e a filla, Ariadna, grazas á axuda que lles prestara Dédalo, Minos mandou pechar na cela ó seu propio construtor, Dédalo, e ó seu fillo Ícaro.

 
Dédalo fabricando as ás para fuxir (Villa Albani, Roma)

Pero Dédalo fabricou unhas ás con plumas de paxaros e fixounas coa cera dunhas candeas nas súas costas e nas do fillo. Deste xeito, ámbolos dous lograron escapara da cadea voando. Dédalo avertiulle a Ícaro que non voase demasiado baixo nin tan alto que se achegase ó sol, pero o fillo, co orgullo de ser quen de poder voar e a insconsciencia da xuventude, ascendeu tanto que se achegou ó sol, o que provocou que a cera se derretese, e como consecuencia o rapaz se precipitase ó mar e morrese.

Dédalo recuperou o corpo e enterrouno nunha illa próxima e, desde aquela, esta zona do mar se coñecerá como o mar de Icaria, onde se levanta a illa do mesmo nome, nas inmediacións de Samos. O pai logrogrou concluír con éxito a fuxida e refuxiouse primeiro en Cumas [3] (na Campania italiana) e logo na inmediata Sicilia, onde se acolleu na corte do rei Cócalo, para quen en agradecemento construíu numerosos edificios.

Variantes

editar

Existe outra versión na que Dédalo matara ó seu sobriño e discípulo Talos (ou Talo) [4], polo que foi desterrado de Atenas. Pola súa banda, Ícaro tamén fora desterrado (independentemente do caso do pai) e marchou en busca do pai. A fatalidade quixo que o seu barco naufragase e Ícaro morrese, sendo o seu corpo arrastrado ata unha illa (hoxe a Illa de Icaria) [5]. Segundo esta tradición, foi o mesmo Heracles quen o atopou e deu sepultura, bautizando a illa como Icaria no canto do seu anterior nome de Dólique. Dédalo, en agradecemento por esta acción, ergueu unha estatua de Heracles en Pisa, pero este confundiu a estatua cun posible inimigo e derrubouna cunha pedra [6].

Outra variante do mito recolle a fuxida de Creta de Dédalo e Ícaro en cadanseu barco, para os que Dédalo inventara as velas, pero como Ícaro non soubo gobernar o seu barco, naufragou e morreu. O ben que Ícaro aportou na illa e, ó desdender do barco, caeu á auga e afogou.

  1. Dise que foi a propia deusa Atenea quen lle aprendeu as mañas.
  2. Minos tiña que sacrificar a Poseidón o mellor boi dos seus rabaños, pero realmente matou un boi menos valioso. Poseidón, ó verse enganado, vingouse, e fixo que na muller de Minos, Pasífae, se espertara un amor apaixonado e antinatura polo boi.
  3. A lenda conta que Dédalo esculpiu nas portas do templo de Apolo en Cumas, unha representación da morte do seu fillo.
  4. Este Talos resultou un discípulo tan habilidoso que con só doce anos inventou a serra, imitando os dentes dunha serpe, segundo uns, ou a espiña dun peixe, segundo outros. Dédalo, celoso, matouno botándoo da Acrópole abaixo (Grimal, s.v. Dédalo). Tamén se conta que inventou o compás.
  5. Grimall s.v. Ícaro.
  6. Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 6.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • ECHEVERRÍA, Rafael: Raíces de sentido. Ediciones Granica S.A. (2008).
  • Graves, Robert: Los mitos griegos. Ed. Gredos, 2019, especialmente pp. 341-349.
  • Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1ª ed. 1981, 7ª impresión 2017.
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Alianza editorial, 2009, especialmente as fábulas 39 e 40.
  • MIRAND, Félix (1965), Mitología General, Editorial Labor S.A., Barcelona (en castelán).
  • Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Alianza editorial 3ª ed. 2016.

Ligazóns externas

editar