[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Clero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xerarquía eclesiástica»)
San Boaventura no Concilio de Lyon. Francisco de Zurbarán, 1629.

Clero é o nome colectivo que engloba de forma xeral aos homes que foron ordenados para o servizo relixioso, sacerdotes e diáconos. O nome individual é crego.

Na maior parte das relixións o clero actúa dentro e, en ocasións, fóra dos lugares de culto: hospitais, escolas, misións e incluso no exército (clero castrense).

Hai unha diferenza importante entre o clero e os teólogos. Os primeiros ocúpanse da práctica do culto, mentres que os teólogos son os estudosos da relixión e a teoloxía, e non son necesariamente clérigos (nin sequera necesariamente crentes).

O clero, en moitos países, está protexido por leis especiais (foro eclesiástico) e, en moitos casos, financiado (ou cofinanciado) polo Estado, aínda que os seus recursos proveñen en gran parte das doazóns dos seus fieis. A confesionalidade do Estado ou a total separación Igrexa-Estado poden ter moi distintas situacións intermedias.

A oposición terminolóxica entre os ámbitos relixioso (vida consagrada) e clerical (ordes sagradas) dáse entre dous termos que teñen unha gran parte do campo semántico en común, no uso habitual e en literatura. Aínda máis confusión ou equivocidade tería a terna crego/eclesiástico/relixioso. A distinción entre os tria genera hominu: praelati, continentes e conjugati (clero secular, clero regular —ou vida consagrada— e laicos) víñase explicitando desde a Antigüidade Tardía e os primeiros séculos medievais por autores como Santo Agostiño e San Gregorio o Grande.[1]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]
Líderes relixiosos. De esquerda a dereita: George Carey, Arcebispo de Canterbury (1991–2002); Jonathan Sacks, xefe dos Rabinos do Reino Unido; Mustafá Cerić, Gran Muftí de Bosnia e Jim Wallis, cristián evanxélico e líder político estadounidense, en 2009,[2] no Foro Eonómico Mundial en Davos, Suíza.

O termo deriva de crego, do latín eclesiástico clericus, que significa 'home de igrexa', á súa vez derivado do grego antigo κλῆρικός klērikós, que designaba, entre outras cousas, o 'conxunto dos eclesiásticos' (dunha igrexa, dun país, dunha cidade), voz derivada de κλῆρος, klēros, 'sorte', 'o que se obtén por sorte' ou, metaforicamente, 'herdanza' e tamén 'eclesiástico' (por seren estes os herdeiros da misión instaurada por Cristo na Terra).

Idade Antiga

[editar | editar a fonte]

Dentro da Cristiandade, especialmente no Cristianismo oriental pero tamén antigamente no occidental Igrexa Católica, o termo clérigo referíase a calquera individuo que recibira a tonsura clerical, incluíndo diáconos, sacerdotes e bispos.[3]

No rito romano, a tonsura era un requisito previo para recibir calquera das ordes maiores ou menores. A tonsura suprimiuse (así como tamén a orde menor do subdiaconado) despois do Concilio Vaticano II.[4] Agora, o estado clerical está ligado á recepción do diaconado.[5][6] As Ordes menores aínda existen nas igrexas católicas orientais, e os que se reciben son 'cregos menores'.[7][8] O uso da palabra "crego" tamén é apropiado para os cregos menores tonsurados das Igrexas Ortodoxas co fin de non confundir cor ordes como a do lector na Igrexa Oriental, ou para aqueles que non son tonsurado aínda e non teñen ordes menores ou maiores. Neste este sentido foi no que a palabra entrou na lingua árabe, máis comunmente no Líbano, desde o francés, como kleriki (ou, alternativamente, cleriki) que significa "seminarista". Isto está en consonancia cos conceptos ortodoxos do clero, que tamén se refiren a aqueles que aínda non recibiron, ou non planexan recibir, o diaconado.

O termo deriva de crego,[3] xa que na época medieval o clero era un dos poucos grupos que podían ler e, polo tanto, a miúdo foron empregados para facer a contabilidade e traballos similares.

En xeral, o sacerdocio é un corpo de presbíteros, xamáns ou oráculos que teñen unha autoridade relixiosa ou desempeñan unha función especial. O termo presbítero deriva do grego πρεσβύτηρος presbýtēros, 'ancián', 'venerábel', pero a miúdo utilízase no sentido de sacerdote, é dicir, para o clérigo que realiza un ritual dentro da esfera da comunicación sagrada cos deuses en nome da comunidade.

Dependendo da relixión, pero principalmente referido aos sacerdotes pertencentes á Igrexa Católica e á Igrexa Ortodoxa), o clero dedícase sobre todo aos diversos aspectos do ritual relixioso, ou liturxia, ó ensino e a predicación, e a administración dos sacramentos, e na morte, como paso cara á vida eterna.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

Na Idade Media o clero tiña un status de privilexio e prestixio na sociedade feudal, porque dicían facer a ligazón entre Deus e os seres humanos.

En canto aos monxes nos mosteiros rurais acumulaban funcións, pregaban e celebraba cultos, axudaban aos necesitados, e compilaban obras (libros). O clero era, na Idade Media, todo o estrato social asociado ao culto relixioso, especialmente o cristián.

Na Península Ibérica

[editar | editar a fonte]

Na Península Ibérica (como noutras partes da Europa cristiá) xa na sociedade visigótica o clero desempeñaba un papel de gran relevancia. O seu prestixio mantívose entre as poboacións cristiás peninsulares durante a dominación musulmá, e fortaleceríase no período da Reconquista, sendo o principal patrocinador deste movemento.

Ás razóns que constitúen os fundamentos da cristiandade súmase a da peculiaridade ibérica, onde as loitas contra os infieis inflamaban a fe cristiá determinando o celo das crenzas profundas. E non só pola misión relixiosa, senón tamén polo cultivo das letras, á que moitos dos seus membros se dedicaban, o clero exerceu preponderancia social e política, desempeñando os eclesiásticos cargos importantes canda os reis. Até mediados do século XIV, o clero mantivo esta situación de privilexio.

Desamortización e exclaustración

[editar | editar a fonte]

No Renacemento a Reforma protestante supuxo a disolución das ordes relixiosas e a incautación dos seus bens polos príncipes alemáns ou os reis do norte de Europa.

Nalgúns países católicos do sur prodúcense procesos similares desde o século XVIII, comezando coa expulsión dos xesuítas

Caso de España

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Desamortización.

A expulsión dos xesuítas en tempos de Carlos III seguiron, xa no século XIX as sucesivas desamortizacións que culminan coa chamada Desamortización de Mendizábal (1836), nun momento en que os monxes eran claramente partidarios dos carlistas. Simultaneamente comeza un proceso de descristianización.[9]

Tras a restauración de boa parte das comunidades relixiosas polos moderados e a mellora de relacións co Vaticano polo Concordato de 1851, que se acentuou durante a Restauración borbónica a finais do século XIX, os relixiosos concentráronse na asistencia social e a educación.

Co século XX chegou a chamada lei do cadeado (1910), que impedía a fundación de ordes relixiosas novas e, coa II República, unha nova expulsión dos xesuítas e un recrudecemento do anticlericalismo (con queima de conventos incluída). A gurra civil significou unha certa persecución relixiosa na zona republicana, con miles de relixiosos asasinados e, por outra parte, unha Cruzada (así chamada oficialmente) para o bando vencedor.

A posguerra significou o triunfo do nacionalcatolicismo, aínda que o réxime ditatorial de Franco non contou co apoio de todo o clero. Houbo un florecemento das vocacións sacerdotais (nalgúns casos, como en Galicia, estimuladas pola penuria económica), que decaeron a finais do franquismo, e até a actualidade, en que algunhas ordes relixiosas e, sobre todo, clérigos individuais, se implicarían en movementos sociais de todo tipo (como na teoloxía da liberación en América Latina, por exemplo).

Catolicismo

[editar | editar a fonte]

No Catolicismo o clero inclúe relixiosos de diverso tipo, desde o sacerdote dunha pequena parroquia ao bispo dunha diocese, desde o monxe dunha abadía á a alta xerarquía da Igrexa de Roma. É crego calquera que reciba as ordes sagradas do sacerdocio ou do diaconado; polo tanto os relixiosos non ordenados (como os irmáns salesianos, ou os de La Salle, entro outros) non forman parte do clero, pero si da Igrexa, ao igual que todos os bautizados. Debido a isto, as relixiosas (monxas) non forman parte do clero, porque tanto na Igrexa Católica como na Ortodoxa, e nas demais igrexas orientais, non existe o sacerdocio feminino.

Para os católicos, o Xefe e Pastor da Igrexa é o Papa [10], que é elixido polo Sacro Colexio Cardealicio no Conclave.

Bispo, sacerdotes e diáconos católicos.

Ademais de por este colexio, o Papa tamén é aconsellado e asistido pola Curia romana e, periodicamente, polo Sínodo dos Bispos. Entre outras funcións, o Papa, o Vigario de Cristo na Terra, ten a misión de manter a integridade e a fidelidade da doutrina e a fe católicas á Revelación divina, corrixindo se for necesario calquera interpretación errada na Igrexa. Para iso, convoca concilios ecuménicos onde exerce persoalmente a Infalibilidade papal.[11]. Na Igrexa Latina e nalgunhas das Igrexas orientais, só o Papa pode designar os clérigos por riba do nivel de presbítero.

A Igrexa defende que todos os seus Bispos (que son axudados polos presbíteros e os diáconos), debido á sacramento da Orde, son os sucesores dos Doce Apóstolos, sendo o Papa o sucesor directo do Apóstolo Pedro.[12] De aí a autoridade e a primacía da que o Papa goza.

A actividade e disciplina do clero son reguladas e supervisadas pola Congregación para o Clero (no caso dos presbíteros e diáconos) e pola Congregación para os Bispos (no caso do episcopado). O clero de rito oriental tamén é supervisado pola Congregación para as Igrexas Orientais.

O alto clero (Arcebispos, Bispos, Cardeais, Abades (mitrados ou non) e Cóengos), compartían no Antigo Réxime coa nobreza a súa condición de estamento privilexiado.

Véxase tamén: Antigo Réxime.

No catolicismo diferéncianse dentro do clero dúas clases ou categorías, o clero secular e o clero regular, diferenza que se mantén tamén no clero ortodoxo. A Reforma protestante suprimiu o clero regular e estableceu o chamado sacerdocio universal, co que a mesma existencia dun clero como clase diferente do resto dos fieis deixou de ter sentido nalgunha das Igrexas reformadas, aínda que noutras mantívose unha clara xerarquía, como nas luteranas e na Anglicana. Nesta última confesión, a pesar de considerarse protestante, tamén existe clero regular.[13]

Clero secular

[editar | editar a fonte]

É o que vive "no século", é dicir, "no mundo"[14] dentro da sociedade dos homes, sometido ás súas leis humanas, e que administra os sacramentos. Tamén se lle chama diocesano (por depender directamente do seu ordinario ou bispo da diocese).

A súa organización xerárquica parte do papa —dos patriarcas na Igrexa ortodoxa—, continúa cos bispos, os presbíteros e os diáconos.

Igrexa parroquial do Santo Cura de Ars, Teis, Vigo, Galicia.

A pesar de que se popularmente se chame cura ao presbítero en xeral, só son curas os que teñen ao seu cargo a cura de almas, é dicir, os que teñen nomeamento como párrocos dunha determinada parroquia, aínda que hoxe día se aplique a calquera presbítero. Por outra parte, o termo sacerdote non se aplica só ao presbítero senón tamén ao bispo.

Porén, a pesar de non ter que ver coa condición de clérigo nin coa orde sacerdotal, existen outros títulos que se aplican ao clero (nas súas tres ordes), como o de arcipreste, cóengo, maxistral, capelán, prelado, cardeal, vicario, beneficiado, arcebispo, exorcista, entre outros moitos.

San Xoán María Vianney, o santo cura de Ars foi designado como padrón do clero secular por Pío XI en 1925.[15]

O celibato do clero secular

[editar | editar a fonte]

Todos os ministros consagrados son homes, porque os doce Apóstolos son todos homes e Xesús, na súa forma humana, tamén é home.[16]. E homes célibes.

O celibato eclesiástico do clero secular, que non existiu durante os primeiros séculos do cristianismo e que non se aplica na Igrexa Ortodoxa nin nalgúns ritos orientais de obediencia católica ou, a título individual, nalgúns casos na igrexa católica de rito occidental,[17] Este é un dos temas máis controvertidos na actualidade (movemento polo celibato opcional) (así como a ordenación das mulleres ou dos homosexuais nalgunhas igrexas reformadas).

Non hai que confundir o celibato co voto de castidade do clero regular.

Clero regular

[editar | editar a fonte]

Denomínase clero regular aquel que segue unha regra monástica, e non é secular porque vive fóra do século, é dicir, fóra da sociedade dos homes.

Estilitas.
Icona copta de San Pacomio, fundador do monasticismo cenobítico cristián.
San Ignacio de Loiola, fundador da Compañía de Xesús (os chamados xesuítas), co fin de fortalecer a Igrexa contra o Protestantismo.


Nas súas orixes estes monxes ían ao deserto (nas aforas das cidades exipcias dos séculos IV e V, tanto individualmente (anacoretas ou eremitas, algúns —máis excéntricos— subidos a unha árbore ou a unha columna: dendritas ou estilitas) como en grupos (cenobitas).

Ordes relixiosas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Orde relixiosa católica.

Son aquelas institucións aprobadas pola Igrexa Católica, nas que unha parte dos seus membros, ou todos, emiten votos monásticos solemnes. Hai moitas ordes distintas dentro do clero regular, cada unha das cales réxese por unha norma de conduta diferente. Entre elas podemos diferenciar entre as mendicantes e as contemplativas ou conventuais. Os monxes das primeiras viven en conventos urbanos, e predican o evanxeo mediante a ensinanza e, en ocasións, as obras. Os das segundas reclúense en mosteiros rurais, e dedican a súa vida ao estudo da Biblia e dos autores canónicos.

Os membros do clero regular son habitualmente denominados relixiosos. Propiamente son clérigos só se recibiron as ordes sagradas, cousa que non se estende á maior parte dos seus membros, a excepción dalgunhas ordes (por exemplo, os cóengos regulares, como os premostratenses), e está excluída por principio nas ordes e congregacións femininas (o que implicaría o sacerdocio feminino). A pesar diso, utilízase habitualmente a expresión clero feminino e clero regular feminino, incluso na bibliografía especializada, e é de uso común na historiografía.[18]

Os votos monásticos

[editar | editar a fonte]

O que distingue a un relixioso regular dun secular son os votos monásticos, cos que se accede a unha vía espiritual á salvación a través da renuncia aos praceres terreais. Os votos pretenden imitar, no relixioso, a vida de Xesucristo, segundo os consellos evanxélicos.

Historicamente, de feito nalgúns momentos serviron para implicar extraordinariamente aos monxes na sociedade feudal.[19]

Os votos son tres:

  • Pobreza: o relixioso é pobre, igual que Xesús naceu e viviu pobre, o que implica que o monxe non posúe nada. Nin o hábito que viste, aínda que o mosteiro colectivamente tampouco o posúa. Impide, por exemplo, que dispute a herdanza cos seus irmáns. Nalgunhas épocas, normalmente os monxes (os clérigos en xeral) eran os irmáns segundoxénitos (non vinculeiros) de familias nobres.
  • Castidade: a imitación de Cristo, que viviu castamente, o que implica que o monxe non pode casar (nin, por tanto, manter relacións sexuais). A imposibilidade de ter descendencia (ou, de tela, ser bastarda ou ilexítima) sepáraos aínda máis da competencia pola herdanza doa seus irmáns, que desta forma tende á concentración e vinculación dos patrimonios dos nobres, tanto na parte que se dona aos mosteiros para a salvación eterna das súas almas e as dos seus sucesores coas oracións dos irmáns segundoxénitos (mans mortas), como á que queda na casa nobre administrada polos primoxénitos (vinculeiros).
  • Obediencia: o relixioso debe obedecer ao seu superior, quen representa a Cristo na comunidade. A obediencia imita a Xesucristo, que foi obediente ao Padre até a súa morte na cruz, o que implica a súa subordinación á autoridade eclesiástica.

No século XVI a Compañía de Xesús engadiu o chamado cuarto voto de obediencia especial ao Papa, nun momento en que a súa autoridade era cuestionada pola reforma protestante e as poderosas monarquías católicas de España e a cristiá Francia. O Defensor Fidei (defensor da fe), Henrique VIII de Inglaterra, xa se separara.

Congregacións e Carismas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Congregación relixiosa.

En relixión, particularmente en distintas confesións cristiás, denomínase carisma a un don dado polo Espírito Santo a un crente para edificar espiritualmente a unha comunidade cristiá.

Existen multitude de carismas ou formas de vida relixiosa dentro do catolicismo, que se multiplicaron desde o século XVI, en que adoitaba falarse de ordes relixiosas, mentres que as fundadas a partir de entón adoitan denominarse congregacións. A diferenza das ordes, os seus membros só emiten votos simples.

Unha das máis recentes e polémicas é o Opus Dei que, desde o pontificado de Xoán Paulo II, recibe a cualificación de prelatura persoal (pola relación directa dos seus membros en calquera parte do mundo cun bispo particular —o seu prelado—, non ligado a ningunha diocese territorial).

Por outra parte existen numerosos denominados movementos carismáticos (como o Pentecostalismo e o Neopentecostalismo).

  1. Serverat, Vicent (2007): "Sobre algunas tríadas sociales en la Hispania medieval: de Isidoro de Sevilla a Rodrigo Sánchez de Arévalo", in Revista de Literatura Medieval 19, p. 222. Cita como referencia a Yves Congar (1968): "Les laïcs et l'ecclésiologie des "ordines" chez les théologiens des XIe et XIIe siècles", in I laici nella "societas christiana" dei secoli XI et XII. Milan, pp. 83-117
  2. É asesor relixioso do presidente Barak Obama.
  3. 3,0 3,1 Cleric - Catholic Encyclopedia.
  4. Paulo VI, Carta apostólica (motu proprio) Ministeria quaedam números 2–4, 64 AAS 529 (1972).
  5. Ministeria quaedam nº 1; CIC Canon 266 § 1.
  6. CIC, siglas de Codex Iuris Canonici (Código de Dereito Canónico).
  7. CCEO Canon 327; George Nedungatt, Clerics, in A Guide to the Eastern Code 255, 260 (2002).
  8. CCEO son as siglas de Codex Canonum Ecclesiarum Orientalium (Código dos Cánons das Igrexas Orientais).
  9. Callahan, William J. (1989): Iglesia, poder y sociedade en España 1750-1874, Madrid: Nerea. ISBN 978-84-86763-12-1.
  10. Compendio do Catecismo da Igrexa Católica (CCIC), nº 182.
  11. Ibídem, nº 185.
  12. Ibídem, nº 174 e nº 176.
  13. Páxina anglicana Arquivado 15 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
  14. 'Secular' provén do latín sæculum, que ademais de século significa mundo no latín eclesiástico.
  15. "Devocionario.com". Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2012. Consultado o 26 de abril de 2012. 
  16. Catecismo da Igrexa Católica (CIC), nº 1577.
  17. Particularmente a clérigos anglicanos convertidos ao catolicismo.
  18. Por exemplo, en Le Goff, Jacques (2007): La Edad Media explicada a los jóvenes, Barcelona: Paidos Ibérica. ISBN 978-84-493-1988-4.
  19. A identificación entre clero e nobreza como privilexiados, e o papel clave dos votos, era evidente no momento da súa supresión durante a Revolución Francesa, e explicitouse claramente nos debates da Asemblea (decreto de 13 de febreiro de 1790), comentados en De la convocación a la revolución. La Constitución francesa de 1791 de Chantal López e Omar Cortés. O mesmo ocorreu no caso español: Staples, Anna (1986): "Secularización: Estado e iglesia en tiempos de Gómez Farias Arquivado 21 de agosto de 2011 en Wayback Machine., in Estudios de Historia Moderna y Contemporánea de México, Álvaro Matute (ed.), México, Universidad Nacional Autónoma de México, Instituto de Investigaciones Históricas, v. 10, pp. 109-123

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]