[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Cidade do Vaticano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Vaticano»)

Modelo:Xeografía políticaCidade do Vaticano
Civitas Vaticana (la) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoInno e Marcia Pontificale Editar o valor en Wikidata

Lema«sen valor» Editar o valor en Wikidata
EpónimoOuteiro Vaticano Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 41°54′14″N 12°27′11″L / 41.904, 12.453
Enclave enRoma e Italia Editar o valor en Wikidata
Capitalsen valor Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación764 (2023) Editar o valor en Wikidata (1.559,18 hab./km²)
Lingua oficiallingua italiana
lingua francesa
lingua latina Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie0,49 km² Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoOuteiro Vaticano (77 m) Editar o valor en Wikidata
Punto máis baixoPraza de San Pedro (33 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación 11 de febreiro de 1929Estado soberano causado por Pactos Lateranenses Editar o valor en Wikidata
Día festivo
Organización política
Forma de gobernoTeocracia
monarquía electiva
monarquía absoluta
absolute theocratic monarchy (en) Traducir
monarquía constitucional Editar o valor en Wikidata
• Papa Editar o valor en WikidataFrancisco (2013–) Editar o valor en Wikidata
Órgano executivoGovernorate of Vatican City State (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Presidente da Comisión Pontificia para o Estado da Cidade Editar o valor en WikidataFernando Vérgez Alzaga (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoComisión Pontificia para o Estado da Cidade do Vaticano , (Escano: 7) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Moedaeuro Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal00120 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.va Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+39 e +379 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia112 Editar o valor en Wikidata
Código de paísVA Editar o valor en Wikidata
Patrimonio da Humanidade  
TipoPatrimonio cultural  → Europa-América do Norte
Data1984 (8ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (i), (ii), (iv) e (vi) Editar o valor en Wikidata
Identificador286
Ben cultural baixo protección especial
Data18 de xaneiro de 1960

Páxina webvaticanstate.va Editar o valor en Wikidata
Twitter: pontifex BNE: XX452469 Editar o valor en Wikidata

Cidade do Vaticano (en italiano: Città del Vaticano), é un estado soberano cuxo territorio está composto por un enclave dentro da cidade de Roma, capital de Italia. Abrangue unha superficie 0,439 km² (44 hectáreas), sendo o país independente recoñecido internacionalmente máis pequeno do mundo. A súa poboación é de pouco máis de 800 habitantes, dos cales 438 persoas gozan do dereito de cidadanía vaticana, mentres que o resto están autorizadas a residir nel sen ese dereito.

O Vaticano é unha cidade-estado, recoñecido como tal o 11 de febreiro de 1929 tralos pactos de Latrán. A Cidade do Vaticano alberga a Santa Sé, máxima institución da Igrexa católica. Aínda que os dous nomes "Cidade do Vaticano" e "Santa Sé" se utilizan a miúdo coma se fosen equivalentes, o primeiro refírese á Cidade e ao seu territorio, mentres que o segundo se refire á institución que dirixe a Igrexa e que ten personalidade xurídica propia (como suxeito de dereito internacional). En rigor, é a Santa Sé, e non o Estado do Vaticano, a que mantén relacións diplomáticas cos demais países do mundo. Doutra banda, o Vaticano é quen dá o soporte temporal e soberano para a actividade da Santa Sé. As dúas entidades aínda teñen pasaportes diferentes, aínda que en ámbolos casos son moi poucos os existentes.

A denominación oficial completa en latín desta estado é: Status Civitatis Vaticanæ, sendo en italiano a denominación completa Stato della Città del Vaticano, nome que vén do Monte Vaticano (do latín "Vaticinĭum": predición; antigamente moraba no outeiro un oráculo etrusco). A Cidade do Vaticano é unha monarquía eclesiástica ou sacerdotal, gobernada polo bispo da diocese romana, o Papa, polo que pode considerarse a única monarquía electiva de Europa, aínda cando o Sumo Pontífice delega as funcións de goberno no Secretario de Estado. Posúe ademais o exército máis pequeno do mundo, a Garda Suíza, composta tan só por 110 soldados.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Orixinariamente, Vaticano era unha figura da mitoloxía romana que abría a boca dos meniños acabados de nacer para que puidese dar o primeiro berro ou choro. Era tamén o nome dun outeiro da cidade de Roma, o Monte Vaticano, onde se erguía o circo de Nerón e onde supostamente San Pedro foi martirizado e sepultado.[1] O nome deste outeiro viña do latín "vaticinĭum" é dicir, predición ou profecía, debido a que nese outeiro moraba na antigüidade un oráculo etrusco.

Orixe e Estados Pontificios

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estados Pontificios.
Mapa dos Estados Pontificios.

Nesta zona deshabitada orixinalmente (ager vaticanus) ao lado oposto da beira do Tíber na cidade de Roma, Agripina a Maior, desbravou o outeiro e os seus arredores e construíu uns xardíns a comezos do século I, e logo o emperador Calígula, no ano 40, iniciou a construción dun circo que foi rematado finalmente por Nerón, o Circus Gaii et Neronis,[2] coñecido comunmente como o Circo de Nerón. O obelisco do Vaticano foi tomado inicialmente por Calígula de Heliópole, en Exipto, para decorar a "spina" do seu circo, sendo este o último remanente visible da construción romana. Despois do grande incendio de Roma do ano 64 esta zona converteuse en lugar do martirio de moitos cristiáns e a antiga tradición sostén que foi neste circo no que San Pedro foi crucificado boca abaixo; ademais, a parte frontal do circo foi convertida nun cemiterio, separado pola Vía Cornelia, sendo construídos numerosos monumentos funerarios, mausoleos e pequenas tumbas, así como altares a deuses pagáns de todo tipo de relixións, situación que durou até a construción da Basílica de San Pedro de Constantino na primeira metade do século IV. Restos destas de antigas necrópoles saíron á luz de forma esporádica durante as renovacións de varios papas durante os séculos aumentando en frecuencia durante a Renacemento, até que foi escavado sistematicamente por orde do papa Pío XII dende 1939 até 1941.

No ano 326 foi construída a Basílica de Constantino, a primeira igrexa, sobre o lugar en que os primeiros apoloxistas católicos romanos (onde algún arqueólogos italiano supoñen que se atopa a tumba de San Pedro) foran enterrados nun cemiterio. A partir de entón comezou un poboamento da zona, mais na súa meirande parte eran só casas relacionadas coa actividade da basílica, e xa no século V, durante o pontificado de Símaco, foi construído un pazo preto do sitio da basílica [3] A partir de aí os Papas, no seu papel secular, pouco a pouco pasaron a gobernar as rexións veciñas e, a través da Estados Pontificios, gobernaron gran parte da Península Itálica por máis dun milleiro de anos, até mediados do século XIX, cando tódolos territorios dos Estados Pontificios foron tomados polo recentemente creado e unificado Reino de Italia. Durante gran parte deste tempo, o Vaticano non foi a residencia habitual dos Papas, senón o Pazo de Latrán, e nos últimos séculos, o Pazo do Quirinal, exceptuando o período entre 1309 e 1377, cando a sé papal foi trasladada a Aviñón, Francia.

En 1870, as posesións papais foron deixadas nunha situación de incerteza cando Roma foi anexionada polas forzas do Piemonte ao resto da nova Italia, despois dunha resistencia nominal das forzas do Papa. Entre 1861 e 1929 a situación do Papa era coñecida como a "La Questione romana" (do lingua italiana: A cuestión romana). Aínda que os Papas podían estar no seu palacio e tiñan certos recoñecementos determinados pola Lei de Garantías, incluído o dereito de enviar e recibir embaixadores, non recoñeceron o dereito do Rei de Italia a gobernar en Roma, negándose a abandonar o recinto do Vaticano até que se resolveu a disputa no ano 1929. Cómpre destacar que algúns países seguiron mantendo o recoñecemento internacional da Santa Sé como unha entidade soberana e que na práctica Italia non fixo ningún intento de interferir coa Santa Sé dentro dos muros do Vaticano. Porén, foron confiscados bens da Igrexa en moitos outros lugares, sendo quizais o máis notable o Pazo do Quirinal, anterior residencia oficial do Papa. Pío IX (1846-1878), último gobernante dos Estados Pontificios, afirmou que despois da anexión de Roma era un "Prisioneiro no Vaticano".

Dos Pactos Lateranenses á actualidade

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Pactos Lateranenses.
Francisco.

Esta situación resolveuse finalmente o 11 de febreiro de 1929, nun tratado asinado por Benito Mussolini en nome do rei Vitor Manuel III e polo Secretario de Estado de Pío XI Pietro Gasparri, onde finalmente foi recoñecido o Estado independente da Cidade do Vaticano nos coñecidos como Pactos Lateranenses, dez anos despois, en 1939, estala a segunda guerra mundial, na que o estado do Vaticano se declarou neutral, aínda que segundo Werner Kaltefleiter e Hans Peter Oschwald,[4] Hitler deu a orde de entrar no Vaticano e secuestrar ao Papa Pío XII en 1944, mais o xeneral das Schutzstaffel (SS) ao mando, Karl Wolff, fixo caso omiso da orde alegando cuestións éticas e morais, sendo relevado máis tarde do mando. En 1962 foi inaugurado no país o Concilio Vaticano II por Xoán XXIII, o que supuxo grandes trocos dentro da Igrexa católica, sendo clausurado tras anos despois polo papa Paulo VI. En 1981, o xefe de estado Xoán Paulo II sofre un atentado na Praza de San Pedro do Vaticano. En 1984, un novo concordato entre a Santa Sé e Italia modificou determinadas disposicións do tratado anterior de Latrán, incluída a posición do catolicismo romano como a relixión do Estado italiano. Xa no primeiro ano do século XXI o propio Xoán Paulo II promulgou a Lei Fundamental do Estado da Cidade do Vaticano, actualmente en vigor. En 2005 Bieito XVI foi elixido como novo Xefe de Estado da Cidade do Vaticano, renunciando ao seu posto o 11 de febreiro de 2013, sendo o primeiro Papa en facelo en séculos. O seu substituto e actual Xefe de Estado é Francisco.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

A área do Vaticano é de 0,44 quilómetros cadrados, situada como un enclave dentro da capital italiana, Roma, polo que non posúe área costeira. A defensa do país é da responsabilidade da Italia, mentres que a seguridade do Papa fica a cargo da Garda Suíza. Fóra da Cidade do Vaticano, o Estado posúe 13 edificios en Roma e Castel Gandolfo (a residencia de verán do Papa), gozando de dereitos extraterritoriais. Ten unha fronteira 3,2 km coa República de Italia.

A cidade ten clima suave, con invernos chuviosos (de setembro a mediados de maio) e veráns quentes (de maio a setembro). Está situada nun outeiro baixo, o chamado Monte Vaticano, que vén do latín Mons Vaticanus, existente moito antes do cristianismo, e que se sospeita que provén da lingua etrusca. O punto máis baixo do país é un local sen nome situado a 19 metros sobre o nivel do mar, sendo o punto máis alto outro local non nomeado a 75 metros de altitude. O Vaticano non posúe ningún recurso natural.

O Vaticano é fundamentalmente urbano, sen ningunha das terras reservada para agricultura ou outro tipo de explotación de recursos naturais. A cidade-estado exhibe un impresionante grao de economía, nacida da necesidade extremamente limitada debido ao seu territorio. Así, o desenvolvemento urbano está optimizado para ocupar menos do 50% da área total, mentres que o resto está reservado a espazos aberto, incluíndo os Xardíns do Vaticano. O territorio posúe moitas estruturas que axudan a fornecer autonomía ao Estado soberano, estes inclúen: liñas ferroviarias, heliporto, correos, estación de radio, cuarteis militares, palacios e despachos gobernamentais, institucións de ensino superior, culturais e de arte, e algunhas embaixadas.

O Vaticano fai só fronteira con Italia, concretamente coa cidade de Roma, ou sexa, é un enclave independente, sendo a súa fronteira a menor do mundo, con tan só 4,07 km.[5] En xullo de 2007, o Vaticano aceptou unha oferta que vai tornalo o único estado neutro en relación ao carbono por ano, debido á doazón do Vaticano do Bosque Clima en Hungría. O bosque posúe tamaño suficiente para compensar as emisións de dióxido de carbono do Estado.[6]

Política e goberno

[editar | editar a fonte]
Palacio de Goberno do Vaticano.

O Papa, xefe de Estado electo nun colexio de cardeais denominado conclave para un cargo vitalicio, detén no Estado do Vaticano os poderes lexislativo, executivo e xudicial, desde a creación do Vaticano polo Tratado de Latrán en 1929. O conclave actualmente se fai segundo as disposicións da Constitución Apostólica Universi Dominici gregis, promulgada por Xoán Paulo II o 22 de febreiro de 1996 e modificada por Bieito XVI en xuño de 2007. Polo tanto, só o colexio cardinalicio ten dereito a voto, quedan excluídas as mulleres e o resto de homes que residen na Cidade do Vaticano.

A Garda Suíza co seu tradicional uniforme.

O electo convértese en Papa en canto manifesta a súa aceptación, sempre que tivese xa o carácter de bispo. En caso contrario, o elixido debe ser ordenado Bispo inmediatamente. En calquera dos dous casos, o Papa electo adquire desde o mesmo momento da súa aceptación, e ordenación no seu caso, a plena e suprema potestade na Igrexa católica e como Xefe de Estado da Cidade do Vaticano. Con todo, tecnicamente é unha monarquía electiva, non hereditaria e pódese considerar como unha autocracia, xa que tódolos poderes (executivo, lexislativo e xudicial) están concentrados na figura do Papa, o cal non posúe calquera órgano que fiscalize os seus actos como gobernante e, por ser considerado sucesor de San Pedro, non debe prestación de contas a ninguén, considerándoo un emisario de Deus na Terra. En consonancia con esta doutrina, o Vaticano é o único territorio europeo que explicitamente defende o seu carácter de teocracia.

O termo Cidade do Vaticano é referente ao Estado, mentres Santa Sé é referente ao goberno da Igrexa católica efectuado polo Papa e pola Curia Romana, que leva o goberno do Estado e a súa xestión administrativa, polo que o seu xefe, o Secretario de Estado, ten unhas competencias equivalentes ás dun Primeiro Ministro. Outros cargos políticos encóntranse nas diversas designacións dos órganos da Curia.

Formalmente constituído en 1929 coa configuración actual, o Estado do Vaticano administra as propiedades situadas en Roma e aforas que pertencen á Santa Sé. O Estado do Vaticano está recoñecido internacionalmente e foi admitido membro de pleno dereito das Nacións Unidas en xullo de 2004, aínda que abdicou voluntariamente do dereito de voto. Tamén é membro observador da Unión Latina.

O Estado ten os seus propios embaixadores ou representantes (que reciben o nome de nuncios), un xornal oficial (Acta Apostolicae Sedis), unha estación de radio e unha forza militar denominada Garda Suíza. Emite autonomamente moeda (desde 2002, o euro; antes a lira vaticana) e selos, a través da Oficina Filatélica e Numismática Vaticana, así como pasaportes.[7] A Santa Sé estabelece tratados internacionais con moitos Estados (concordatas), para asegurar os dereitos dos católicos ou da Igrexa católica naqueles países. Co establecemento de relacións diplomáticas coa República de Botswana, son xa 177 (ano 2008) estados de todo o mundo os que manteñen recoñecemento bilateral coa Santa Sé. Entre os países que non teñen relacións diplomáticas coa Santa Sé atópanse China, Corea do Norte, Vietnam e Arabia Saudita. O Vaticano é un dos dous países europeos (o outro é Belarús) que non asinou a Convención Europea de Dereitos Humanos.

Policía e exército

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Garda Suíza Pontificia.
Coche patrulla da Policía do Vaticano.

Aínda que os primeiros Papas recrutaban mercenarios suízos como parte dun exército, a Garda Suíza Pontificia non foi fundada até o 22 de xaneiro de 1506 polo Papa Xulio II o 22 de xaneiro de 1506 como garda persoal do Sumo Pontífice, seguindo hoxe en día a cumprir esa función. A Garda está inscrita no "Anuario Pontificio" baixo a Santa Sé e non baixo o Estado da Cidade do Vaticano. No final de 2005, a Garda Suíza tiña 134 membros. O recrutamento está organizado baixo un acordo especial entre a Santa Sé e Suíza, limitando a entrada no corpo aos cidadáns suízos católicos homes, solteiros, que midan máis de 1,74 m, con algún título profesional e con instrución no exército suízo con certificado de boa conduta. A Garda Suíza é adestrada en procedementos e manexo de armas modernas (como o fusil de asalto suízo SIG SG 550), aínda que tamén se lles ensina tamén a manexar a espada e a alabarda.

A Garda Palatina e a Garda Nobre foron disoltas polo Papa Paulo VI en 1970. Mentres que a primeira foi fundada como unha milicia ao servizo dos Estados Pontificios, as súas funcións dentro do Estado Vaticano, como os da Garda Nobre, eran soamente cerimoniais. O Corpo de Xendarmería da Cidade do Vaticano (en italiano: Corpo della Gendarmeria) actúa como unha forza de policía. O seu nome completo é "Corpo della Gendarmeria dello Stato della Città del Vaticano", aínda que ás veces é denominada Vigilanza, como unha redución dun anterior nome. A Xendarmería é responsable da orde pública, a aplicación da lei, control de multitudes e do tráfico, e as investigacións penais na Cidade do Vaticano. Segundo o Tratado de Latrán, estabeleceuse que a Policía Italiana custodie, xunto coa Garda Suíza e os Servizos Vaticanos de Seguridade, a Praza de San Pedro. A defensa da Cidade do Vaticano é proporcionada así mesmo por Italia.

Economía

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Óbolo de San Pedro.

O Vaticano non pode manterse a mercé da actividade produtiva do seu propio territorio, limitada á venda de recordos turísticos, libros, selos e entradas a museos. Pero conta cos ingresos da Igrexa católica en todo o mundo, provenientes das achegas económicas dos Estados onde conta con acordos de financiamento chamados concordatos (pola súa tradición católica), as doazóns dos católicos (a nivel persoal ou empresarial), e os beneficios das empresas, escolas, universidades e bancos propiedade da Igrexa.

A economía estaba seriamente danada en 1979, e tres anos máis tarde produciuse a quebra dun dos bancos máis ilustres de Italia, o Banco Ambrosiano, que levaba as finanzas internacionais do Vaticano, ademais do asasinato do seu director Roberto Calvi, as investigacións consecuentes revelarían que o banco se adicaba ao branqueo dos cartos da mafia.

Máis tarde, o Papa Xoán Paulo II trasladou a responsabilidade da economía vaticana, o cal, a partir de 1984, encargaríase das finanzas. Cinco anos máis tarde, o Papa leva a cabo unha reestruturación da organización económica e a dirección económica foi encargada a cinco financeiros recoñecidos internacionalmente (baixo a supervisión dunha comisión de cinco cardeais). A dependencia do Vaticano encargada destes controis é a "Administración do Patrimonio da Santa Sé".

Véxase tamén: Lira vaticana.

Por acordo con Italia, en representación da Unión Europea, a moeda vaticana é o euro. A cidade ten euros con deseño propio, que teñen aceptación en Italia e os demais países da zona euro. O réxime non ten unha casa de emisión propia, polo que se puxo de acordo con Italia para a súa cuñaxe, que non pode ser máis de 1 millón de euros anuais.

Demografía

[editar | editar a fonte]

Poboación e linguas

[editar | editar a fonte]
Sinal dunha rúa do Vaticano.

Máis de 800 cidadáns (2009)[8] viven dentro das murallas do Vaticano ou serven no servizo diplomático nas embaixadas da Santa Sé (chamadas "nunciaturas", un embaixador do Papa é un "nuncio") ao redor do mundo. A cidadanía do Vaticano componse case exclusivamente de dous grupos: os clérigos, a maioría dos cales traballan no servizo da Santa Sé, e uns poucos funcionarios do Estado e a Garda Suíza. A maioría dos 3.000 axentes non profesionais que constitúen a maioría da forza de traballo residen fóra do Vaticano e son cidadáns italianos, exceptuando uns poucos que son os cidadáns doutras nacións. Como resultado, tódolos cidadáns reais da cidade son profesan a relixión católica.

Aínda que a Cidade do Vaticano non estableceu unha lingua oficial, ao contrario da Santa Sé que utiliza a miúdo o latín para a versión autorizada de documentos oficiais da Igrexa católica, utiliza o italiano na súa lexislación e nas comunicacións oficiais,[9] sendo tamén a lingua de uso cotián pola maioría dos que traballan no estado. Con todo outros idiomas son utilizados no Vaticano, por exemplo a Garda Suíza emprega o alemán para dar ordes, aínda que os seus gardas poden tomar o seu xuramento de lealdade nos seus propios idiomas, xa sexa o propio alemán, francés, italiano ou romanche.

Cidadanía

[editar | editar a fonte]
Vista do Vaticano dende o Tíber.

Ao contrario da cidadanía doutros estados, que se basean no ius sanguinis (fillo dun cidadán, incluso fóra do territorio) ou no ius soli (nacemento no territorio do Estado), a cidadanía da Cidade do Vaticano concédese iure officii, é dicir, os motivos do seu nomeamento son posuír certa capacidade de servizo na Santa Sé, e polo xeral, remata ao cesamento do traballo. A cidadanía esténdese tamén ao cónxuxe, aos pais e aos descendentes do cidadán sempre que estean a vivir coa persoa que é cidadán.[10][11] Calquera persoa que na perda da cidadanía do Vaticano, a xulgar pola lexislación italiana, non teña outra cidadanía convértese automaticamente en cidadán italiano.[12]

A 31 de decembro de 2005, había, ademais do propio Papa, 557 persoas coa cidadanía do Vaticano, mentres que había outros 246 residentes no estado sen ela. Dos 557 cidadáns o 80% eran clérigos, dos cales:

  • 58 eran cardeais, residentes en Roma e na súa maioría fóra do Vaticano.
  • 293 clérigo, membros de misións diplomáticas residentes noutros países, que forman de máis da metade do total dos cidadáns.
  • 62 outros membros do clero, que traballaban no estado mais que non necesariamente vivían no Vaticano.

Os 101 membros da Garda Suíza Pontificia constitúen o 18% do total da poboación, habendo só outros 43 segrares coa cidadanía do Vaticano.[13]

Infraestrutura

[editar | editar a fonte]

Transportes

[editar | editar a fonte]
Estación ferroviaria do Vaticano.

A Cidade do Vaticano posúe unha rede de transportes razoabelmente ben desenvolvida considerando seu tamaño. Con 1,045 quilómetros de longo por 850 metros de ancho,[14] posúe entre outras cousas un heliporto e unha liña de ferrocarrís conectada coa rede italiana, concretamente coa estación de San Pedro de Roma por unha ferrovía de 852 metros, onde só 300 metros están dentro do territorio vaticano. O Papa Xoán XXIII foi o primeiro Papa en facer uso desta vía, sendo usada tamén por Xoán Paulo II, aínda que moi raramente. Así pois o transporte ferroviario é utilizado principalmente para o transporte de mercadorías.[15] Como a Cidade do Vaticano non ten aeroportos, sendo así un dos poucos estados independentes no mundo sen un, sérvese por medio dos aeroportos da cidade de Roma, é dicir, o Aeroporto Leonardo da Vinci-Fiumicino e, en menor medida, o Aeroporto de Roma-Ciampino, que serve como porta de entrada e partida para visitas internacionais do Papa.[15] O Vaticano outorga a través do "rexistro de vehículos vaticanos" unha patente aos automóbiles, sendo así que os vehículos do goberno levan as siglas "RVV" e os dos cidadáns particulares as siglas "SCV".

Comunicacións

[editar | editar a fonte]
Antena de Radio Vaticano dentro do territorio do Estado.

A cidade conta con multitude de servizos propios, como por exemplo un sistema de teléfonos moderno e independente,[16] a Farmacia do Vaticano ou correos. O sistema postal foi fundado o 11 de febreiro de 1929, tornándose operacional tan só dous días máis tarde. O 1 de agosto, o estado comezou a liberar os seus propios selos postais, baixo a autoridade do "Despacho Filatélico e Numismático da Cidade do Vaticano".[17] e hoxe en día o servizo de correos da Cidade está recoñecido como "o mellor do mundo",[18] chegando por exemplo ao seu destino antes que o servizo postal de Roma.[18] O Vaticano tamén ten o seu propio dominio de Internet, que está rexistrado como ".va"; ademais, o servizo de banda larga está amplamente instaurando dentro da Cidade do Vaticano. Por outro lado, ten atribuído un prefixo de radio, HV, que é ás veces usado por operadores de radio afeccionados.

Radio Vaticano, que foi organizada por Guglielmo Marconi, fai transmisións en frecuencias de onda curta, onda media e FM, ademais de Internet.[19]. Con todo, as súas principais antenas de transmisión están localizadas en territorio italiano. Os servizos de televisión son servidos a través doutra entidade, o Centro de Televisión Vaticano.[20]

En canto aos medios de papel, L'Osservatore Romano é o xornal semi-oficial multilingüe da Santa Sé, e aínda que está publicado por unha empresa privada, conta con informes oficiais vaticanos. Porén, os textos oficiais dos documentos publícanse na Acta Apostolicae Sedis, o xornal oficial da Santa Sé, que conta un apéndice para documentos da Cidade do Vaticano. "Radio Vaticano", o "Centro Televisivo Vaticano" e "L'Osservatore Romano" non son órganos do Estado do Vaticano, senón da Santa Sé, e están listados como tal no "Anuario Pontificio", que os coloca dentro da sección "Institucións ligadas coa Santa Sé". Ademais, o Vaticano posúe distintas fundacións, como Latinitas, para o estudo do latín, academias e universidades pontificias.

Santos nos laterais da Praza de San Pedro.

A cultura do Vaticano correspondente á cultura da Igrexa católica, aínda que se abre tamén á arte doutras culturas, sendo o seu maior expoñente as obras de arquitectura, como a Basílica de San Pedro, a Praza San Pedro, a Capela Sistina e os Museos Vaticanos, entre os cales se atopan, o Museo Gregoriano de arte exipcia e de arte etrusco, o Museo Pío Clementino, o museo Chiaramonti e a Pinacoteca Vaticana. Moitos artistas e arquitectos famosos como Botticelli, Miguelanxo e Bernini traballaron en importantes obras artísticas que hoxe se poden admirar nos edificios vaticanos.

A Biblioteca Vaticana e as coleccións dos Museos Vaticanos son da máxima importancia histórica, científica e cultural. En 1984, o Vaticano foi engadido pola UNESCO á lista de Patrimonio da Humanidade, sendo o único que consiste nun país enteiro. Ademais pode dicirse que é o custodio de facto da lingua latina a través da súa Fundación Latinitas, que por exemplo edita regularmente léxico cos últimos neoloxismos, o Lexicon Recentis Latinitatis.

Cociña Vaticana

[editar | editar a fonte]

En novembro de 2006 publicouse un libro que revela a cociña do Vaticano, e que realiza un percorrido pola Gastronomía Histórica dende o primeiro Papa até os nosos días, aderezado cunha colección de receitas que inclúen menús tan representativos como o da Última Cea ou os pratos favoritos de moitos dos Papas. A autora do libro comenta que a gastronomía deste país é "unha das máis complexas e ricas do mundo, moito máis que a de calquera Casa Real".

O libro contén ademais datos curiosos sobre as orixes dalgunhas das numerosas receitas que se inventaron nesta Cidade, por exemplo a "salsa verde" (tamén chamada salsa vaticana), a salsa carmelita ou a cocción ao baño maría, ademais de información sobre protocolo e numerosas referencias que mostran a indisoluble unión entre a Historia e a Gastronomía dos Papas.

O estado conta coa Selección de fútbol da Cidade do Vaticano, aínda que non esta asociada nin á NF-Board nin á FIFA. Dita selección enfrontouse contra San Marino e Mónaco, quedando 0-0 contra ambos os equipos. O equipo está composto por voluntarios da Garda Suíza, membros do Consello Papal e por gardas dos museos. En febreiro de 2007 sacerdotes e seminaristas da Cidade do Vaticano e Roma disputaron a primeira "Copa Clerical", o que foi o primeiro campionato de equipos conformados por clérigos, unha idea do Secretario de Estado, o cardeal Tarcisio Bertone.

Sitios de interese

[editar | editar a fonte]

Basílica de San Pedro

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Basílica de San Pedro.
A Basílica de San Pedro de noite.

É o maior templo cristián do mundo. A súa fachada consta de cinco portas, unha das cales (a Porta Santa) só se abre cada 25 anos polos anos xubilares romanos. Nesta basílica están soterrados a maioría dos papas.

No século XV, o papa Nicolao V encarga a reconstrución da basílica paleocristiá, que se atopaba moi deteriorada, interrompéndose as obras tres anos despois coa morte de Nicolao V. É con Xulio II en 1506 cando se reinician as obras rematándose con Paulo V en 1626.

Para a construción da basílica houbo dous proxectos iniciais, un realizado por Bramante e outro por Rafael, sendo o primeiro un proxecto de cruz grega e o segundo de cruz latina. Posteriormente, Michelangelo retomou o proxecto de cruz grega de Bramante, deseñando tamén a cúpula da basílica, onde está escrito en latín "Ti es Pedro e sobre esta pedra edificarás a miña igrexa". O último arquitecto que interveu na construción foi Gian Lorenzo Bernini.

Praza de San Pedro

[editar | editar a fonte]
Praza de San Pedro vista dende a basílica homónima.

Está praza atópase fronte a basílica e é unha gran superficie trapezoidal que se ensancha lateralmente mediante dúas pasaxes, con forma elíptica, de columnatas rematadas nunha balaustrada sobre a que se asentan as figuras de cento corenta santos de diversas épocas e lugares. No seu interior atópanse dúas fontes, unha en cada foco da elipse, e no centro da praza o obelisco exipcio de 25 metros de alto, o cal é o único resto visible do antigo circo romano que había no Monte Vaticano antes da cristiandade. Porén, a esfera de bronce da cúspide que, segundo a lenda medieval, contiña os restos de Xulio César, foi substituída por unha reliquia da cruz de Cristo. As dúas pasaxes de columnas (284 de 16 metros cada unha) ábrense a cada lado simbolizando o abrazo de acollida da Igrexa ao visitante ao que parecen convidar a entrar.

Nesta praza, o Papa adoita celebrar algunhas liturxias solemnes, especialmente aquelas que reúnen a multitudes demasiado grandes como para que entren na Basílica, e outros encontros, sobre todo audiencias públicas. A famosa Praza da Concordia en París é unha copia desta praza, xa que tanto o obelisco como as fontes e a súa distribución son idénticas ás de San Pedro.

Capela Sistina

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Capela Sistina.
Interior da Capela Sistina.

É un dos máis famosos tesouros artísticos do estado, construída entre 1471 e o 1484 na época do papa Sisto IV, de onde procede o nome polo que é coñecida, aínda que inicialmente foi chamada Capela Palatina. O seu arquitecto foi Giovanni d'Dolci seguindo os modelos das antigas plantas basilicais romanas, as cales pola súa banda se inspiraban estrutural e arquitectonicamente en antigos edificios gregos como o Concello da Ágora ateniense. É coñecida en todo o mundo tanto por ser a sala na que se celebra o conclave e outras cerimonias oficiais como as coroacións papais, como por estar decorada por Michelangelo Buonarroti (Miguelanxo).

Atópase á dereita da Basílica de San Pedro, despois da Scala Rexia ('Escaleira Real'). É de forma rectangular e mide 40,93 m de lonxitude, por 13,41 de anchura (as dimensións do Templo de Salomón segundo o Antigo Testamento) e 20,7 m de alto. Na decoración destacan a parede sobre o altar maior (cunha superficie de 13.7 m por 12.2 m), onde se atopa o "Xuízo Final" e o centro da bóveda onde se representan nove escenas rectangulares sobre a Creación e a Caída do home.

  1. Orixe do nome Vaticano
  2. Roma Cristiá e Pagá
  3. Columbia Encyclopedia
  4. Publicaron un libro titulado "Spione im Vatikan. Die Päpste im Visier der Geheimdienste", Editorial Pattloch, 2006.
  5. Fronteira Vaticano e Italia
  6. The Vatican cho go carbon neutral (en inglés)
  7. "Chi siamo". Ufficio Filatelico e Numismatico.
  8. "The World Factbook - Santa Sé (Vaticano)". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2019. Consultado o 15 de xaneiro de 2010. 
  9. De acordo co segundo parágrafo da Legge sulle fonti del diritto do 7 de xuño de 1929, tódalas leis e regulamentos do estado son publicadas en lingua italiana, como por exemplo a revista oficial vaticana Acta Apostolicae Sedis
  10. "Lei sobre a cidadanía e residencia". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2011. Consultado o 15 de xaneiro de 2010. 
  11. Cittadinanza Vaticana
  12. "Tratado entre a Santa Sé e Italia" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de agosto de 2011. Consultado o 15 de xaneiro de 2010. 
  13. Cidadanía vaticana
  14. Holy See - State of the Vatican City
  15. 15,0 15,1 Vatican City State Railway Railways of the World
  16. "On call 24/7: Vatican phone system directs thousands of call each day". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2012. Consultado o 15 de xaneiro de 2010. 
  17. "The Early Definitives". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2007. Consultado o 15 de xaneiro de 2010. 
  18. 18,0 18,1 Baker, Al (2004-06-27). "Hail Marys Not Needed: Vatican Mail Will Deliver". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2020-02-03. 
  19. Vatican Radio - Index
  20. Vatican Television Center - Index

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]