[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Ubuntu (GNU/Linux)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ubuntu
Logotipo de Ubuntu
Logotipo de Ubuntu
Ubuntu 23.04 "Lunar Lobster"
DesenvolvedorCanonical Ltd.
Familia de S.O.GNU/Linux
Lanzamento20 de outubro de 2004
Espazo de usuarioUnity 7
Modelo de desenvolvementoSoftware libre
NúcleoLinux
Tipo de núcleoMonolítico
LicenzaGPL e GFDL
Última versión estableUbuntu 23.04 "Lunar Lobster" 20 de abril de 2023
Estado actualEn desenvolvemento
Sitio webwww.ubuntu.com

Ubuntu (AFI: /uˈbuntu/ en inglés[1], /ùbúntú/ en zulú) é unha distribución ou distro de GNU/Linux para computadoras de escritorio, portátiles e servidores. Baséase (fork) en Debian GNU/Linux e patrocínaa Canonical Ltd., empresa privada fundada e financiada polo seu actual dono, o empresario surafricano Mark Shuttleworth. É unha das distribucións de GNU/Linux máis populares[2], con máis de 8 millóns de usuarios[3], Ubuntu pretende ser un sistema operativo actualizado, e concentra os seus esforzos na facilidade e liberdade de uso, os lanzamentos regulares (cada 6 meses) e a facilidade de instalación.

Historia abreviada

[editar | editar a fonte]

O nome desta distribución provén dunha palabra que en zulú e xosa pode ser traducida como "unha persoa é unha persoa grazas a outras persoas", "son o que son polo que todos nós somos" ou "a crenza nun lazo universal de compartir que conecta a toda a humanidade"[4], aínda que existen máis traducións do termo. O eslogan da distribución é "Linux para seres humanos" (Linux for Human Beings en inglés).

Ubuntu debe o seu nome ao movemento surafricano homónimo encabezado polo bispo Desmond Tutu e Edgar Granados, quen gañaron o Premio Nobel da Paz en 1984 polas súas loitas en contra do Apartheid en Suráfrica. O surafricano Mark Shuttleworth, o mecenas do proxecto, encontrábase moi familiarizado coa corrente. Tras ver similitudes entre os ideais dos proxectos GNU, Debian e, en xeral, co movemento polo software libre, decidiu aproveitar a ocasión para difundir os ideais de Ubuntu.

Ubuntu publica novas versións do seu sistema operativo cada seis meses aproximadamente, e sopórtaas con actualizacións de seguridade e correccións de erros diarias durante dezaoito meses. Tamén hai versións LTS (siglas de Long Term Support, inglés para soporte de longa duración), que contan con soporte de tres anos para a súa versión de escritorio, e cinco no caso da versión para servidores. Estas versións son publicadas cada dous anos. A última versión LTS é a 16.04 e terá soporte ata abril de 2021. A versión actual de Ubuntu, a 17.04 ("Zesty Zapus"), liberouse o 13 de abril de 2017 e terá soporte ata xaneiro de 2018. A partir da seguinte versión, Ubuntu 17.10, o contorno de escritorio pasará de ser Unity a ser GNOME 3.

Na actualidade Ubuntu é unha das distribucións de GNU/Linux das máis empregadas.

Ubuntu GNU/Linux, pantallazo da súa primeira versión, a 4.10
Mark Shuttleworth da Fundación Ubuntu na WSIS 2005 de Tunisia

A creación da primeira versión de Ubuntu foi anunciada por Canonical Ltd. o 8 de xullo de 2004, e contou cun financiamento inicial de 10 millóns de dólares. O proxecto naceu por iniciativa dalgúns programadores dos proxectos Debian e GNOME, decepcionados co xeito de operar do proxecto Debian, cuxa distribución de Linux sen ánimo de lucro era daquela a máis popular do mundo.

De acordo cos fundadores, Debian era un proxecto demasiado burocrático onde non existían responsabilidades definidas e onde calquera proposta interesante se afogaba nun mar de discusións. Ademais, Debian non puña énfase en estabilizar o desenvolvemento das súas versións de proba e só proporcionaba auditorías de seguridade á súa versión estábel, a cal usaba só unha minoría debido á pouca ou mesmo nula vixencia que posuía en termos da tecnoloxía Linux actual.

Tras formar un grupo multidisciplinario, os programadores decidiron buscar o apoio económico de Mark Shuttleworth, un emprendedor surafricano que vendeu a empresa Thawte a VeriSign, catro anos despois de fundala no garaxe do seu domicilio, por 575 millóns de dólares estadounidenses.

Shuttleworth viu con bos ollos o proxecto e decidiu convertelo nunha iniciativa autosostible, combinando a súa experiencia na creación de novas empresas co talento e a experiencia dos programadores da plataforma Linux. Deste xeito naceu a empresa Canonical, encargada de soster economicamente o proxecto mediante a comercialización de servizos e soporte técnico a outras empresas. Mentres que os programadores armaban o sistema, Shuttleworth aproveitou a ocasión para aplicar unha pequena campaña de mercadotecnia para espertar interese na distribución sen nome (the no-name-distro en inglés).

Tras varios meses de traballo e un período de probas lanzouse o 20 de outubro de 2004 a primeira versión de Ubuntu (Warty Warthog). Comezou como unha "desviación" (fork) temporal do proxecto Debian[5], co obxectivo de ofertar unha versión cada seis meses[6] (Debian só lanza unha versión nova "cando o código está listo"). Os lanzamentos de novas versións de Ubuntu sempre inclúen a última versión de GNOME, e planéanse de xeito que son liberadas arredor dun mes despois das de GNOME. En contraste con outras desviacións xeneralistas de Debian como MEPIS, Xandros, Linspire, Progeny e Libranet, Canonical permanece fiel á filosofía de Debian e adoita a ofrecer software libre[7] en vez doutras opcións propietarias.

O logo e maila tipografía de Ubuntu levan co mesmo aspecto desde a primeira versión deste. A fonte usada é a Ubuntu-Title e fíxoa Andy Fitzsimon[8]. A fonte distribúese baixo licenza LGPL e recoméndase encarecidamente o seu uso nos logos derivados do de Ubuntu.

Os paquetes de Ubuntu adoitan basearse nos da pola inestábel de Debian. Ubuntu fai uso, ao igual que Debian, dos ficheiros deb para a instalación, se ben non sempre son compatíbeis as súas versións coas deste último[9]. Algúns programadores de Ubuntu son tamén voluntarios de Debian e as modificacións que fan en Ubuntu envíanllas a Debian, aínda que entre os que se dedican só a Debian existe a sensación de que Ubuntu "toma máis do que dá".

Financiamento

[editar | editar a fonte]

Ubuntu recibe fondos de Mark Shuttleworth a través de Canonical Ltd. O 8 de xullo de 2005, Canonical anunciou a creación da Fundación Ubuntu co propósito de asegurar o apoio e desenvolvemento das futuras versións de Ubuntu, se ben esta fundación non ten actividade real. Mark Shuttleworth descríbea como un fondo de emerxencia para o caso de que remate a implicación de Canonical.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Colaboración con Debian

[editar | editar a fonte]

Ubuntu non só se relaciona con Debian polo uso do mesmo formato de paquetes (aínda que non sempre son compatibles os dun e doutro sistema), senón que ten tamén fortes unións con esa comunidade, contribuíndo con calquera cambio directa e inmediatamente, e non só anunciándoos. Isto ocorre nos tempos de lanzamento. Moitos dos desenvolvedores de Ubuntu son tamén responsables dos paquetes importantes dentro da distribución Debian.

Ideas da comunidade

[editar | editar a fonte]

Calquera persoa que teña coñecementos de inglés e conexión a Internet pode presentar as súas ideas para futuras versións de Ubuntu. O primeiro lugar habilitado para isto foi a wiki do proxecto[10], mais agora utilízase unicamente para arquivar propostas e non se permite a súa edición ao público. En febreiro de 2008 foi substituída pola páxina Ubuntu Brainstorm[11], que permite aos usuarios propoñer as súas ideas e votar as do resto. Infórmase ademais de cales das ideas propostas están en desenvolvemento ou están previstas.

Características

[editar | editar a fonte]

Ubuntu baséase na distribución Debian GNU/Linux, e posúe unha morea de aplicacións prácticas e sinxelas para a configuración de todo o sistema, a través dunha interface gráfica útil para os usuarios que se inician en sistemas Linux. O contorno de escritorio oficial da versión principal de Ubuntu é GNOME, e os lanzamentos de SO e escritorio están sincronizados. Porén, existen variantes de Ubuntu que levan instalados e configurados por defecto outros escritorios, tales coma KDE (Kubuntu) ou Xfce (Xubuntu), e estes e outros escritorios poden instalarse dende calquera das versións do sistema operativo unha vez instalado este na computadora.

Como case calquera distribución baseada en Linux, Ubuntu conta con repositorios de software. Isto é, cun programa (Synaptic, Adept...) pódese acceder a unha lista de software que se pode instalar e actualizar dun xeito moi doado. Cabe salientar que Ubuntu é unha das distros con maiores repositorios, e que como case todas as distribucións, é capaz de actualizar ao mesmo tempo todas as aplicacións instaladas na computadora, algo do que non poden presumir outros sistemas operativos comerciais. Esta última característica permite que se poida actualizar a unha nova versión do sistema operativo -por exemplo, de Ubuntu 16.10 a Ubuntu 17.04- cunha "simple" actualización e sen necesidade dunha instalación completa e perda de datos ou configuracións.

A última versión de Ubuntu trae instalada por defecto unha gran variedade de software, incluíndo a suite de oficina LibreoOffice, o navegador Firefox, o programa de mensaxería instantánea multiprotocolo Pidgin, o cliente de redes Bittorrent Transmission, o editor de imaxes Gimp e mailo gravador de CDs e DVDs Brasero. Tamén inclúe un gran número de xogos de cartas, de taboleiro e crebacabezas, xunto con sudoku e xadrez. Ubuntu vén con todos os portos de redes pechados por defecto para maior seguridade, aínda que o seu firewall, que ofrece un maior control das conexións entrantes e saíntes, vén instalado pero non activado. Ubuntu é capaz de realizar tarefas tales coma escanear, e mesmo inclúe software de recoñecemento óptico de caracteres para converter o escaneado en texto.

Seguridade

[editar | editar a fonte]

O sistema inclúe funcións avanzadas de seguridade e entre as súas políticas atópase a de non activar por defecto procesos latentes ao momento de instalarse. Por iso mesmo, non hai un firewall predeterminado, xa que non existen servizos que poidan atentar contra a seguridade do sistema.

Para tarefas administrativas coa terminal, Ubuntu inclúe o uso estendido da ferramenta sudo, semellante ao Mac OS X, coa que se evita o uso do usuario root (administrador).

Accesibilidade e internacionalización

[editar | editar a fonte]

Ubuntu tamén fai énfase na accesibilidade e maila internacionalización, para así chegar a tanta xente coma lle sexa posíbel. Comezando na versión 5.04, UTF-8 converteuse na codificación de caracteres predeterminada. A aparencia da interface de usuario na versión actual chámase Human («Humano») e caracterízase por sombras de marrón e laranxa.

Ubuntu está dispoñible nunha grande diversidade de linguas, entre as cales está o galego. A tradución ao galego corre a cargo do grupo Ubuntu Galician Translators («Tradutores ao galego de Ubuntu»)[12], persoas de todas partes que traducen constantemente os novos programas que se engaden á distribución e actualizan revisan as traducións dos programas xa existentes a través da rede coa ferramenta Launchpad.

A localización ao galego de Ubuntu está actualmente nos seus máximos niveis en toda a historia da distribución, sendo a número 17 das linguas cunha localización máis completa, por riba do catalán e preto do portugués. Ademais da porcentaxe traducida, nos últimos tempos tamén aumentou a calidade das traducións, dado que o equipo puxo especial énfase en tarefas de supervisión, corrección e control de coherencia terminolóxica e de estilo, ademais de coordinarse cos equipos de tradución dos contornos de escritorio e aplicacións que forman parte da distribución[13].

Requisitos do sistema

[editar | editar a fonte]

A versión de escritorio de Ubuntu soporta a día de hoxe as arquitecturas Intel x86 e AMD64. Algunhas versións para servidores soportan ademais a arquitectura SPARC. Tamén hai dispoñible soporte non oficial para as arquitecturas PowerPC, IA-64 (Itanium), Playstation 3 e HP PA-RISC.

Os requisitos mínimos do sistema para a instalación de escritorio son un procesador x86 de 300 MHz, RAM de 64 MB, 4 GB de espazo no disco duro e tarxeta de vídeo con soporte para VGA nunha resolución de 640x480. Os requisitos recomendados do sistema para unha instalación de escritorio son un procesador x86 de 700 MHz, RAM de 384 MB, 8 GB de espazo no disco duro, e tarxeta de vídeo con soporte para VGA nunha resolución de 1024x768. A instalación de servidor precisa dun procesador x86 de 300 MHz, RAM de 64 MB e tarxeta de vídeo con soporte para VGA nunha resolución de 640x480. Os sistemas que non cumpran cos requisitos mínimos recomendados poderán probar con Xubuntu, baseado en Xfce, que require da metade da memoria RAM e espazo no disco duro.

Escritorio e Portátil Servidor
Necesario Recomendado
Microprocesador 300 MHz(x86) 700 MHz(x86) 300 MHz (x86)
Memoria 64 MB 384 MB* 64 MB
Espazo no disco duro 4 GB 8 GB 500 MB
Tarxeta de vídeo VGA @ 640x480 VGA @ 1024×768 VGA @ 640×480

* Cos efectos do escritorio activados.

Todos os lanzamentos de Ubuntu proporciónanse sen custo ningún. Existe ademais unha versión DVD para evitaren a dependencia de Internet. Para conseguir unha copia de Ubuntu, pódese descargar unha imaxe ISO dos discos por descarga directa, ou por redes P2P tales coma eDonkey2000 e BitTorrent. Aconséllase descargar Ubuntu a través da rede BitTorrent, debido á súa velocidade de descarga, e a que deste xeito os clientes descargan a distribución os uns dos outros evitando a sobrecarga dos servidores.

Canonical ofrece CDs de instalación de Ubuntu completamente de balde, sen sequera gastos de envío, na maioría dos estados de todo o globo, incluído España, a través do servizo ShipIt. Unha vez completada a solicitude e tras a súa aprobación, os CDs envíanse gratuitamente por correo ao enderezo dos usuarios. Dende a aprobación da solicitude ata a entrega estímase que tarda entre seis e dez semanas, aínda que non ten por que tardar tanto. Nestes momentos, só están dispoñibles vía ShipIt Ubuntu e mais as súas variantes Kubuntu e Edubuntu. ShipIt só fornece a versión máis recente de Ubuntu.

Como curiosidade, apuntar que a versión 6.10 non se chegou distribuír de balde, aínda que si se distribuíu así a 7.04.

Soporte comercial

[editar | editar a fonte]

Ubuntu está dispoñible preinstalado en computadoras de diferentes marcas, entre as que destacan Dell, Tesco e System 76. As dúas primeiras, Dell e Tesco, levan ofertando esta opción desde 2007, mentres que System 76 o fai desde novembro de 2005. Os clientes de Dell e mais System 76 poden pedir soporte para Ubuntu de 30 días, 3 meses ou 1 ano a través da compañía Canonical. Dell aumentou máis adiante a dispoñibilidade das computadoras baseadas en Ubuntu poñéndoas á venda no Reino Unido, Francia, Alemaña, Canadá, España e Latinoamérica. As máquinas Dell seleccionadas con Ubuntu 7.10 teñen a capacidade, grazas a LinDVD, de reproducir DVDs legalmente e de balde.

Instalación

[editar | editar a fonte]
Pantalla de benvida de Ubuntu 12.10 ó arrancar para instalar ou probar.

Hai numerosos xeitos de instalar Ubuntu:

CD de escritorio

[editar | editar a fonte]

O CD de escritorio, máis comunmente coñecido como LiveCD, contén o instalador Ubiquity, que permite ao usuario probar Ubuntu sen necesidade de instalalo na computadora, e a continuación instalalo no disco duro dende o ambiente do LiveCD unha vez probado sen necesidade de reiniciar a computadora antes da instalación. Recoméndase o uso deste CD, xa que permite comprobar a compatibilidade co hardware antes de realizar a instalación. Precísanse polo menos 384 MB de RAM para instalar con este CD.

Ubuntu ofrece unha serie de aplicacións que lle fornecen un funcionamento completo desde a instalación estándar, pero non se queda nin moito menos nun sinxelo CD. O Live CD permite aos usuarios comprobar se o seu hardware é compatible antes de instalalo no disco duro. Unha vez comprobado, o Live CD úsase para instalar Ubuntu a través do instalador Ubiquity. Os CDs de Ubuntu poden pedirse gratuitamente, e tamén descargarse en imaxe de CD. Unha vez instalado no disco duro, Ubuntu precisa de 4 GB de espazo. Tamén hai a disposición do usuario un disco de instalación alternativo que se vale do instalador estándar de Debian en modo texto, aínda que este CD só pode obterse por descarga. Está pensado para a xente con computadoras de baixo rendemento, comerciantes de sistemas con Ubuntu preinstalado e para particionados complexos.

Co lanzamento de Ubuntu 7.04 en abril de 2007, o proceso de instalación de Ubuntu cambiou lixeiramente. Desde entón soporta a migración desde Microsoft Windows. A nova ferramenta de migración, coñecida como Migration Assistant, importa os datos persoais dos usuarios de Windows, o fondo de escritorio, e mailas configuracións para usalas inmediatamente na instalación de Ubuntu.

Coa ferramenta Wubi, é posible instalar Ubuntu nunha partición de Windows, sen ter que usar un ficheiro ISO. Fai uso tamén da ferramenta de migración que importa as configuracións dos usuarios de Windows. Wubi naceu coma un proxecto independente, mais desde a versión 8.04 o código introduciuse en Ubuntu pode atoparse esta ferramenta no seu Live CD.

Tamén cabe destacar que no caso de que intentemos instalar unha versión de Ubuntu de 64 bits nunha computadora de 32 que teña conexión a Internet, o instalador descargará automaticamente a versión axeitada e a instalará no lugar da versión que vén co CD.

CD de instalación alternativo

[editar | editar a fonte]

O CD de instalación alternativo está deseñado para instalacións especializadas de Ubuntu. O CD fornece un instalador en modo texto en lugar dun gráfico, e non é LiveCD. O CD foi deseñado para se usar nas seguintes situacións:

  • creación de sistemas OEM preconfigurados,
  • posta a punto de configuracións automáticas,
  • actualización a novas versións sen acceso a Internet,
  • particionamento LVM e/ou RAID,
  • instalación en sistemas con menos de 384 MB de RAM (aínda que debe terse en conta que sistemas cunha memoria inferior á sinalada poderían non correr o contorno de escritorio axeitadamente, en cuxo caso sería recomendable instalar outro sistema, coma Xubuntu),
  • instalación de Ubuntu desde unha rede local ou desde os servidores de Ubuntu.

CD de instalación en liña

[editar | editar a fonte]

O CD de instalación en liña instala Ubuntu a través dunha rede local ou mesmo directamente desde un servidor de Ubuntu. A instalación desde un servidor asegura que os paquetes instalados estarán ao día. O CD de instalación en liña contén unicamente o kernel, para dar comezo á instalación. A instalación realízase en modo texto e non se lles recomenda aos principiantes.

CD de instalación de servidor

[editar | editar a fonte]

O CD de instalación de servidor está deseñado para a instalación de servidores Ubuntu e contén os paquetes precisos para a súa instalación sen conexión de rede. A instalación de servidor Ubuntu non instala ningunha interface gráfica.

CD/DVD personalizado

[editar | editar a fonte]

Existen diversos programas que permiten crear un LiveCD ou LiveDVD personalizado. Entre outros están remastersys, que crea o novo disco a partiren dunha instalación xa existente de Ubuntu, Ubuntu Customization Kit, máis enfocado a Ubuntu e especializado no tema de soporte de linguas, ou Reconstructor.

Clasificación e soporte do software

[editar | editar a fonte]
Fontes de Software, programa no que se selecciona o tipo de software que se quere usar no sistema.

Ubuntu divide todo o software en catro campos, chamados compoñentes, para reflectir as diferenzas na súa licenza e maila prioridade coa que se atenden os problemas reportados polos usuarios[14]. Son os seguintes:

Software libre Software propietario
Con soporte
Main
Restricted
Sen soporte
Universe
Multiverse

Aquí o software libre inclúe só aquel que cumpre os requisitos de licenza de Ubuntu[15], que se corresponden cos de Debian. Aínda así, hai unha excepción para a categoría main, que contén firmware e fontes que non poden ser modificadas sen o consentimento dos seus autores. En calquera caso, a súa redistribución está permitida.

O software privativo adoita non ter soporte (multiverse), mais fanse algunhas excepcións (restricted) para software propietario moi importante. Entre o software propietario con soporte están os controladores de dispositivos precisos para arrincar Ubuntu no hardware actual, como poden ser os controladores das tarxetas gráficas. O nivel de soporte na categoría restricted é máis limitado que na main, xa que os desenvolvedores poderían non ter acceso ao código fonte. Suponse que o software de main e mailo de restricted é o necesario para un sistema GNU/Linux de uso xeral. Nas categorías universe e multiverse atópanse os programas alternativos para as mesmas tarefas e programas para aplicacións especializadas.

Ademais dos repositorios oficiais está o Ubuntu Backports,[16] que é un proxecto recoñecido oficialmente para actualizar o software desfasado de Ubuntu a versións que estean ao día. O repositorio non está completo. Está conformado por paquetes solicitados polos usuarios, que son aprobados se cumpren as normas de calidade.

Dispoñibilidade de software propietario

[editar | editar a fonte]

Ubuntu conta cun sistema de certificación de software de terceiros[17]. O software propietario certificado por Ubuntu debería funcionar correctamente sobre o sistema operativo. Así e todo, algúns programas aos que están afeitos os usuarios de sistemas operativos de código pechado, coma Microsoft Windows ou macOS, son incompatibles e non están certificados por Ubuntu. Algúns programas propietarios que non teñen limitada a súa distribución inclúense na compoñente multiverse de Ubuntu antes mencionada. O paquete ubuntu-restricted-extras contén software adicional que pode estar restrinxido legalmente, como pode ser o soporte para reproducir MP3 e DVD, fontes de letra Mycrosoft TrueType, Java runtime environment, o plugin Flash Player de Adobe, moitos codecs comúns de son e vídeo, e Unrar, un descompresor de ficheiros de tipo RAR.

Lanzamentos

[editar | editar a fonte]

As versións estables de Ubuntu libéranse cada seis meses (aínda que pode aprazarse) e mantéñense actualizadas en materia de seguridade durante 18 meses despois do seu lanzamento, salvo no caso das versións LTS (Long term support) que contan con 3 anos de soporte para a versión de escritorio e 5 para de servidor. Cada lanzamento dunha nova versión de Ubuntu conta cun nome e máis un número que a identifican. O número non obedece principalmente a unha orde de desenvolvemento, senón que se basea no díxito do ano e mailo mes da súa emisión. Por exemplo, a primeira versión de Ubuntu, a 4.10, viu a luz en outubro (10) do ano 2004 (4)[18]. Polo tanto, os nomes das futuras versións son provisionais. Se o lanzamento se atrasase e saíse nun mes distinto do planeado, o seu número cambiaría en consecuencia.

O nome das versións sempre se corresponde cun adxectivo e máis un animal. As iniciais dos nomes das versións (tanto do adxectivo coma do animal) forman unha serie que se corresponde co alfabeto inglés, con excepción das tres primeiras versións que deberían comezar respectivamente con A, B e C. Este modo de nomear as distintas versións débese a que deste xeito é máis doado, á hora de comparar varias versións, saber a orde en que estas saíron.

As versións lánzanse aproximadamente un mes despois dos lanzamentos de GNOME, que á súa vez teñen lugar arredor dun mes despois dos lanzamentos de novas versións da X.org. En consecuencia, cada nova versión de Ubuntu conta cunha nova versión de ambos GNOME e X.

Ubuntu 4.10 (Warty Warthog)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 4.10
Warty Warthog

Ubuntu 4.10 (Warty Warthog, inglés para Xabaril verrugoso), lanzado o 20 de outubro do 2004, foi o primeiro lanzamento do Ubuntu GNU/Linux de Canonical, creado coma un Debian GNU/Linux coa intención de ter unha nova versión cada seis meses e dezaoito meses de soporte de aí en adiante. O soporte desta versión rematou o 30 de abril do 2006.

A versión de escritorio ofrecía, entre outros programas, o Gaim 1.0, GIMP 2.0, GNOME 2.8, Mozilla Firefox 0.9, e OpenOffice.org 1.1. A versión para servidores contaba con MySQL 4.0, PHP 4.3, e Python 2.3. Esta versión usaba o kernel de Linux 2.6.8 con XFree86 4.3.

Nesta primeira versión de Ubuntu xa se ofreceu o servizo ShipIt, polo cal os usuarios poden solicitar completamente de balde CDs de instalación.

Ubuntu 5.04 (Hoary Hedgehog)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 5.04
Hoary Hedgehog

Ubuntu 5.04 (Hoary Hedgehog, inglés para Ourizo ancián), lanzado o 8 de abril do 2005, foi o segundo lanzamento do Ubuntu GNU/Linux de Canonical. O seu prazo de soporte rematou o 31 de outubro do ano 2006.

A instalación de escritorio de Ubuntu 5.04 incluíu, entre outros programas, o Gaim 1.1, o GIMP 2.2, GNOME 2.10, Mozilla Firefox 1.0, e OpenOffice.org 1.1. A versión para servidores incluíu MySQL 4.0, PHP 4.3 e Python 2.4. Esta versión usaba o kernel 2.6.10 e X.org 6.8.

Esta versión incorporou novas características entre as cales destacaron o Xestor de actualizacións, a notificación de actualización da versión, readahead e grepmap, modo de suspensión e hibernación, solicitude de soporte, escala dinámica de frecuencia para os procesadores, Base de datos de hardware de Ubuntu, instalación Kickstart e a autenticación predefinida do APT.

Ubuntu 5.10 (Breezy Badger)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 5.10
Breezy Badger

Ubuntu 5.10 (Breezy Badger, inglés para Teixugo despreocupado), que viu a luz o 13 de outubro do 2005, e foi a terceira versión de Ubuntu lanzada por Canonical. O seu soporte rematou o 13 de abril do 2007.

A versión para escritorio incluíu, entre outros programas, Gaim 1.5, GIMP 2.2, GNOME 2.12, Mozilla Firefox 1.0 e OpenOffice.org 1.9 (lanzamento pre-2.0). A versión para servidores incluía MySQL 4.1, PHP 5.0 e Python 2.4. Esta versión valeuse do kernel 2.6.12 e mailo X.Org 6.8.

Esta versión incorporou importantes características entre as cales destacan o cargador gráfico do sistema (Usplash), a ferramenta Engadir/Eliminar aplicacións, un editor do menú (Alacarte), un selector de lingua de uso sinxelo, soporte para administración lóxica de volume, soporte completo para as impresoras HP, soporte para o instalador OEM, e integración co Launchpad para informe de erros (bugs) e desenvolvemento de software.

Ubuntu 6.06 (Dapper Drake)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 6.06
Dapper Drake

Ubuntu 6.06 (Dapper Drake, inglés para Pato elegante), lanzado o primeiro de xuño do 2006, foi a cuarta versión lanzada por Canonical, e a primeira LTS (con soporte de longa duración). O seu soporte rematou en xuño do ano 2009 para a súa versión de escritorio, e en xuño do 2011 para a versión de servidores.

A súa versións de escritorio contou, entre outros programas, co Gaim 1.5, GIMP 2.2, GNOME 2.14, Mozilla Firefox 1.5 e OpenOffice.org 2.0. A edición de servidor incluíu MySQL 5.0, PHP 5.1 e Python 2.4, así coma a opción de instalar LAMP. Ubuntu 6.06 valeuse do kernel 2.6.15 de Linux e máis do X.Org 7.0.

Esta versión contou con moitas características novas, tales coma incluír o LiveCD e mailo CD de instalación nun mesmo CD, un instalador gráfico no LiveCD (Ubiquity), aparición do Usplash ao apagar o sistema ademais de ao inicialo, un administrador de rede para cambiar facilmente entre múltiples conexións con ou sen fíos, implementación do tema Humanlooks (baseado en Clearlooks, substituíndo o marrón polo laranxa) con Tango, e o instalador gráfico GDebi para ficheiros .deb. Esta versión de Ubuntu non permitía instalar o sistema desde un dispositivo USB (coma un pendrive), pero permitiu por primeira vez intalar Ubuntu directamente nun destes dispositivos.

Ubuntu 6.10 (Edgy Eft)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 6.10
Edgy Eft

Ubuntu 6.10 (Edgy Eft, inglés para Píntega nerviosa), que saíu o 26 de outubro do 2006, foi a 5 versión de Ubuntu GNU/Linux. O seu soporte rematou o 25 de abril do ano 2008.

A edición de escritorio incluíu, entre outros, o Gaim 2.0, GIMP 2.2, GNOME 2.16, Mozilla Firefoz 2.0 e OpenOffice.org 2.0. A de servidor contou co MySQL 5.0, PHP 5.1, e Python 2.4. Para Ubuntu 6.10 usouse o kernel 2.6.17 e o X.Org 7.1.

Esta versión engadiu un gran número de novas características tales coma un tema Human totalmente modificado, o daemon init de Upstart, reportes automáticos para os colapsos (Apport), aplicación de notas no escritorio Tomboy e administrador de fotografías F-spot. EasyUbunutu, un programa de terceiros deseñado para facer Ubuntu máis fácil de usar, incluíuse nesta versión coma un paquete meta.

Ubuntu 7.04 (Feisty Fawn)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 7.04
Feisty Fawn

Ubuntu 7.04 (Feisty Fawn, inglés para cerviño agresivo), lanzado o 19 de abril do ano 2007, foi a sexta versión de Ubuntu que Canonical lanzou. O seu soporte rematou en outubro de 2008.

A edición de escritorio incluíu Gaim 2.0, GIMP 2.2, GNOME 2.18, Mozilla Firefox 2.0 e OpenOffice.org 2.2. A edición de servidores incluíu MySQL 5.0, PHP 5.2 e Python 2.5. Ubuntu 7.04 usou Linux 2.6.20 e X.Org 7.2.

A versión 7.04 incluíu un gran número de novas características tales coma o asistente para a migración desde Windows, soporte para máquina virtual baseada no kernel, instalación asistida de códecs e controladores restrinxidos, efectos de escritorio do Compiz, soporte para acceso a redes sen fíos restrinxidas, incorporación de sudoku e xadrez, un analizador do uso de disco duro (Baobab), o Centro de control de GNOME, e soporte Zeroconf para moitos dispositivos. Ademais, incorporou soporte para arquitecturas PowerPC.

Ubuntu 7.10 (Gutsy Gibbon)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 7.10
Gutsy Gibbon

Ubuntu 7.10 (Gutsy Gibbon, inglés para Xibón valente), que viu a luz o 18 de outubro do ano 2007[19], foi a sétima versión de Ubuntu. O seu soporte rematou en abril do ano 2009.

A edición de escritorio incluíu GIMP 2.4, GNOME 2.20, Mozilla Firefox 2.0, OpenOffice.org 2.3 e Pidgin 2.2 (antigo Gaim). A edición de servidores incluíu MySQL 5.0, PHP 5.2 e Python 2.5. Ubuntu 7.04 usou Linux 2.6.22 e X.Org 7.2.

Entre as novas características desta versión destacan a framework de seguridade AppArmor, busca rápida no escritorio, un administrador de plugins do Firefox (Ubufox), unha ferramenta de configuración gráfica de X.org, soporte completo para escritura e lectura de particións NTFS grazas a NTFS-3G, e un renovado sistema de impresión coa impresión PDF predefinida. Ademais activouse Compiz Fusion de xeito predefinido, e engadiuse un intercambiador rápido de usuario.

Ubuntu 8.04 (Hardy Heron)

[editar | editar a fonte]
Ubuntu 8.04
Hardy Heron

Ubuntu 8.04 (Hardy Heron, inglés para Garza robusta), lanzado o 24 de abril do 2008, é a oitava versión de Ubuntu. É a segunda versión LTS (soporte a longo prazo). O seu soporte remata en abril de 2011 para as computadoras de escritorio e no 2013 para os servidores.

A edición de escritorio inclúe GIMP 2.4, GNOME 2.2s, Mozilla Firefox 3.0 (beta 5), OpenOffice.org 2.4 e Pidgin 2.4. A edición de servidores inclúe MySQL 5.0, PHP 5.2 e Python 2.5. Ubuntu 7.04 utiliza Linux 2.6.24 e X.Org 7.3.

A edición de escritorio inclúe unha morea de novas características, entre as que atopamos a integración da ferramenta de busca Tracker, o gravador de discos Brasero, o cliente bittorrent Transmission, o cliente VNC Vinagre, sistema de son por PulseAudio, e autenticación do Active Directory e inicio de sesión con Likewise Open. Ademais, incluíu actualizacións para Tango, diversas melloras no Compiz, integración e saída do rato automáticos ao utilizar unha máquina virtual VMWare, e un xeito máis doado de desinstalar Ubuntu. Ubuntu 8.04 é a primeira versión de Ubuntu en incorporar no LiveCD o instalador Wubi que permite instalar Ubuntu dentro dunha partición Windows coma un programa máis, sen necesidade de facer unha partición específica para el.

Ubuntu 8.10 (Intrepid Ibex)

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 8.10 (Intrepid Ibex, inglés para Cabra intrépida) viu a luz o 30 de outubro do 2008, sendo a novena versión de Ubuntu GNU/Linux lanzada por Canonical Ltd.. O seu soporte esténdese ata abril de 2010.

Esta versión chegou cunha morea de novas características entre as que destacan:

  • un deseño completamente novo do contorno de escritorio GNOME, con novos temas visuais apostando por cores máis escuras[20], así como melloras nas posibilidades da escala do escritorio,
  • aumento da flexibilidade na conectividade á Internet,
  • selector de usuario OpenGL para o GDM,
  • inclusión dun directorio "privado" encriptado no directorio persoal,
  • un creador de LiveUSB en modo gráfico,
  • nova versión do navegador de ficheiros Nautilus, agora con soporte para lingüetas, así como do kernel de Linux, de X.org, do Network Manager, do Samba[20] e de KDE[21],
  • nova sesión de convidado, unha conta cos privilexios bastante limitados[20],
  • nova entrada "última sesión con éxito" no arrinque do sistema[20],
  • DKMS, sistema para a reconstrución automática dos módulos ao haberen actualizacións do kernel[20],
  • novo plugin do Totem para ver contidos da BBC[20].

Ubuntu 9.04 (Jaunty Jackalope)

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 9.04 (Jaunty Jackalope, inglés para Jackalope alegre), que viu a luz en abril do 2009, é a décima versión de Ubuntu GNU/Linux. O seu soporte esténdese ata outubro do 2010.

Nesta versión preténdese reducir o tempo necesario para iniciar o sistema e regresar do estado de hibernación e de suspensión, e a integración de diversos servizos e aplicacións web coa interface do escritorio[22].

Ademais será a primeira vez que todo o desenvolvemento do núcleo de Ubuntu se traslade ao sistema de control de versión descentralizado Bazaar.

Ubuntu 9.10 (Karmic Koala)

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 9.10 (Karmic Koala), que viu a luz en outubro de 2009, é a undécima versión de Ubuntu GNU/Linux. O seu soporte esténdese ata abril do 2011.

Ubuntu 10.04 (Lucid Lynx)

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 10.04 (Lucid Lynx) viu a luz en abril de 2010.

Ubuntu 10.10 (Maverick Meerkat)

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 10.10 (Maverick Meerkat) lanzouse o 10 de outubro de 2010.

Ubuntu 11.04 (Natty Narwhal)

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 11.04 (Natty Narwhal) viu a luz o 28 de abril de 2011.

Ubuntu 11.10 (Oneiric Ocelot)

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 11.10 lanzouse o 13 de outubro de 2011.

Ubuntu 12.04 LTS ("Precise Pangolin")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 12.10 ("Quantal Quetzal")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 13.04 ("Raring Ringtail")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 13.10 ("Saucy Salamander")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 14.04 LTS ("Trusty Tahr")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 14.10 ("Utopic Unicorn")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 15.04 ("Vivid Vervet")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 15.10 ("Wily Werewolf")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 16.04 LTS ("Xenial Xerus")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 16.10 ("Yakkety Yak")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 17.04 ("Zesty Zapus")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 17.10 ("Artful Aardvark")

[editar | editar a fonte]

Ubuntu 18.04 LTS

[editar | editar a fonte]

Historial dos lanzamentos

[editar | editar a fonte]
Versión Nome Data de lanzamento Fin do soporte
Escritorios Servidores
4.10 Warty Warthog
Xabaril verrugoso
20 de outubro de 2004 30 de abril de 2006
5.04 Hoary Hedgehog
Ourizo ancián
8 de abril de 2005 31 de outubro de 2006
5.10 Breezy Badger
Teixugo despreocupado
13 de outubro de 2005 13 de abril de 2007
6.06 LTS Dapper Drake
Pato elegante
1 de xuño de 2006 14 de xullo de 2009 1 de xuño de 2011
6.10 Edgy Eft
Píntega nerviosa
26 de outubro de 2006 25 de abril de 2008
7.04 Feisty Fawn
Cerviño agresivo
19 de abril de 2007 19 de outubro de 2008
7.10 Gutsy Gibbon
Xibón valente
18 de outubro de 2007 18 de abril de 2009
8.04 LTS Hardy Heron
Garza robusta
24 de abril de 2008 12 de maio de 2011 9 de maio de 2013
8.10 Intrepid Ibex
Cabra intrépida
30 de outubro de 2008 30 de abril de 2010
9.04 Jaunty Jackalope
Jackalope alegre
23 de abril de 2009 23 de outubro de 2010
9.10 Karmic Koala
Koala afortunado
29 de outubro de 2009 30 de abril de 2011
10.04 LTS Lucid Lynx
Lince lúcido
29 de abril de 2010 9 de maio de 2013 Abril de 2015
10.10 Maverick Meerkat
Suricato disidente
10 de outubro de 2010 10 de abril de 2012
11.04 Natty Narwhal
Narval elegante
28 de abril de 2011 28 de outubro de 2012
11.10 Oneiric Ocelot
Ocelote onírico
13 de outubro de 2011 9 de maio de 2013
12.04 LTS Precise Pangolin
Pangolín preciso
26 de abril de 2012 Abril de 2017
12.10 Quantal Quetzal
Quetzal Cuántico
18 de outubro de 2012 Abril de 2014
13.04 Raring Ringtail
Lémur Ansioso
25 de abril de 2013 Xaneiro de 2014
13.10 Saucy Salamander
Salamandra Descarada
17 de outubro de 2013 Xullo de 2014
14.04 LTS Trusty Tahr
Tahr Leal
17 de abril de 2014 Abril de 2019
14.10 Utopic Unicorn
Unicórnio Utópico
23 de outubro de 2014 Xullo de 2015
15.04 Vivid Vervet
23 de abril de 2015 Xaneiro de 2016
15.10 Wily Werewolf
22 de outubro de 2015 Xullo de 2016
16.04 Xenial Xerus
21 de abril de 2016 Abril de 2021
16.10 Yakkety Yak
13 de outubro de 2016 Xullo de 2017
17.04 Zesty Zapus
13 de abril de 2017[23] Xaneiro de 2018
17.10 Artful Aardvark
19 de outubro de 2017 [24] Xullo de 2018
18.04 LTS (En desenvolvemento) Abril de 2018 Abril de 2023
Cor Lenda
Vermello Sen soporte
Amarelo Versión antiga aínda soportada
Verde Versión actual
Azul Lanzamento futuro

Fin do soporte

[editar | editar a fonte]

Ao rematar o soporte dunha versión de Ubuntu, os seus repositorios elimínanse dos servidores principais de Ubuntu, así coma dos seus mirrors. Aínda así, pódense atopar os repositorios de versións vellas de Ubuntu en old-releases.ubuntu.com.[25]

Variantes

[editar | editar a fonte]
Kubuntu 9.04 KDE4, na súa versión de escritorio.
Xubuntu é útil para usar con computadoras vellas e con poucos recursos.

Existen unha morea de variantes de Ubuntu, tanto oficiais -a filosofía de Ubuntu é a de crear distribucións dirixidas a públicos concretos- coma non oficiais.

O lanzamento das variantes oficiais está sincronizado cos lanzamento de Ubuntu. Das oficiais, Kubuntu e Edubuntu son as únicas que xunto coa estándar están dentro do servizo ShipIt que permite solicitar CDs de balde. As variantes oficiais de Ubuntu limítanse a instalar diferentes grupos de paquetes dos que leva o Ubuntu orixinal, pero posto que todas elas obteñen paquetes adicionais e actualizacións dende o mesmo repositorio que Ubuntu, todas teñen á súa disposición o mesmo software, e mesmo pódese instalar calquera delas dende o propio xestor de paquetes.

Canonical non controla nin xestiona as variantes non oficiais e derivadas, que adoitan ser forks con obxectivos diferentes dos da empresa. Estas versións distintas correspóndenlles a diversos grupos de persoas que se esforzan en fornecer e desenvolver diferentes funcionalidades á distribución. É frecuente ver distros que incrementan a estabilidade e/ou facilidade de uso para as diferentes necesidades do usuario final a través de diversas configuracións previas de programas e personalización das interfaces de usuario. As variantes oficiais da distribución son:

A popularidade de Ubuntu medrou constantemente dende o seu lanzamento no 2004. Ubuntu foi a distro de Linux máis vista en Distrowatch.com durante tres anos consecutivos (2005, 2006, 2007), e actualmente é a máis vista de cara ao 2008. As buscas de "Ubuntu" no buscador de Google foron en constante aumento dende a súa aparición en 2004, mentres que as doutras importantes distros de Linux descenderon ou se mantiveron nos mesmos niveis durante o mesmo período, tal é o caso de Fedora, Debian ou openSUSE. Nunha enquisa realizada en agosto de 2007 a 38.500 visitantes de DesktopLinux.com, Ubuntu resultou ser a máis popular, cun 30,3% de usuarios que afirmaban usala.

Ubuntu recibiu o premio Reader Award á mellor distribución de Linux en 2005 na linuxWorld celebrada en Londres, foi ben vista por diversas publicacións de medios dixitais e impresos, e recibiu o premio InfoWorld's 2007 Bossie Award ao Mellor Sistema Operativo de Código Aberto. Mark Shuttleworth dixo que polo menos oito millóns de persoas utilizaban Ubuntu ao rematar o ano 2006.

Mais Ubuntu tamén recibiu opinións en contra. Ars Technica botoulle unha ollada ao lanzamento inicial da versión 8.04 de Ubuntu e concluíu que aínda que era unha clara mellora con respecto da versión 7.10, algúns defectos non permitían a calidade da experiencia do usuario. En concreto, Ars Technica dixo que Transmission (un cliente BitTorrent) era simple de máis para os usuarios de BitTorrent, que o novo sistema de busca de ficheiros, o Tracker, era inferior ao anterior (Beagle), e criticou a configuración de PulseAudio, visión compartida polo creador do propio PulseAudio, Lennart Poettering, que afirmou que "Ubuntu non fixo precisamente un traballo estelar [optando por PulseAudio]. Non fixeron os deberes.". PCWorld criticou a falta dun xestor de efectos de escritorio integrado, o que non evitou que nomeasen a Ubuntu coma a "mellor distribución de Linux dispoñible a día de hoxe". ChannelWeb criticou o instalador Wubi, alegando que o Windows Vista se colgaba ao rematar a instalación, e tamén dixo que se ben era posible conectarse a un directorio activo de Microsoft, o proceso non era o axeitado. Na súa revisión de Ubuntu 8.04, InfoWorld declarou que Brasero, a aplicación para gravar CD/DVDs, deixaba moito que desexar fronte ás alternativas de pago para Mac OS X e Windows.

  1. FAQ de Ubuntu (en inglés)
  2. "DistroWatch.com" (en inglés). Consultado o 5 de maio de 2017. 
  3. Martín, David (06/09/2008). "MuyComputer.com" (en castelán). Arquivado dende o orixinal (xornal dixital) o 09/09/2009. Consultado o 05/10/2008. 
  4. "Ubuntu's African Roots". Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2016. Consultado o 2007-06-06. 
  5. The Ubuntu Story Arquivado 12 de maio de 2008 en Wayback Machine. (en inglés)
  6. Time Based Releases (en inglés)
  7. Filosofía de Ubuntu (en inglés)
  8. Ubuntu-Title (en inglés)
  9. Mark Shuttleworth on binary compatibility (en inglés)
  10. "Equipo de Ubuntu" (wiki) (en inglés). Consultado o 26/09/2008. 
  11. Ubuntu official: Brainstorm
  12. Páxina do grupo Ubuntu Galician Translators (contido en galego, outros textos en inglés).
  13. O equipo de tradución ao galego de Ubuntu sitúa o idioma galego nos postos máis altos Arquivado 26 de abril de 2010 en Wayback Machine.” ─ Mancomún.
  14. Compoñentes de Ubuntu (en inglés)
  15. Licenza de Ubuntu (en inglés)
  16. "Backports (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2016. Consultado o 14 de xullo de 2008. 
  17. Certificación de software de terceiros de Ubuntu (en inglés)
  18. Anuncio do lanzamento da primeira versión de Ubuntu, a 4.10, nunha lista de correo
  19. "Calendario de lanzamento de Ubuntu 7.10 (Gutsy Gibbon)" (en inglés). Consultado o 21/08/2008. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 20,5 "SomosLibres.org" (xornal dixital) (en castelán). 04/10/2008. 
  21. "SeguíLaFlecha.com" (en castelán). 04/10/2008. Arquivado dende o orixinal (xornal dixital) o 08/12/2008. Consultado o 06/10/2008. 
  22. "SoyGik.com" (en castelán). Arquivado dende o orixinal (blog) o 02/12/2008. Consultado o 05/10/2008. 
  23. "Zesty Release Schedule". wiki.ubuntu.com. Consultado o 7 de maio de 2017. 
  24. "Artful Release Schedule". wiki.ubuntu.com. Consultado o 28 April 2017. 
  25. old-releases.ubuntu.com/

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]