[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Phacochoerus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Phacochoerus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Suidae
Subfamilia: Phacochoerinae
Xénero: Phacochoerus
F. Cuvier, 1826
Especie tipo
Aper aethiopicus
Pallas, 1766[1]
especies

Véxase o texto.

Phacochoerus é un xénero de mamíferos artiodáctilos da familia Suidae propio de África, xeralmente chamados xabarís verrugosos ou facóqueros, cuxas especies se caracterizan por ter cabeza grande, corpo en forma de barril e características verrugas na face, o que lles deu o apelativo do seu nome común de "verrugoso" que teñen en diversos idiomas.

Phacochoerus africanus, é a especie máis estendida do xénero

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

É o único xénero da subfamilia Phacochoerinae. Recoñécense dúas especies:[1]

Estas dúas especies antes eran consideradas unha soa co nome Phacochoerus aethiopicus, pero hoxe este nome resérvase para a especie que hoxe ten unha distribución máis oriental e reducida (só en parte do corno de África), mentres que a especie máis esendida (de leste a oeste da África subsahariana) é Phacochoerus africanus.

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]

As especies Phacochoerus africanus e Phacochoerus aethiopicus habitan en África, ao sur do Sáhara. Prefiren as sabanas áridas e húmidas, evitando as zonas máis desérticas, bosques e montañas. Ao contrario que os demais súidos, os Phacochoerus toleran ben a aridez e as temperaturas elevadas. P. aethiopicus habita no norte de Kenya, Etiopía e Somalia (a subespecie que vivía en Suráfrica está extinguida). P. africanus ten unha área moito maior que abrangue a maior parte das zonas da África subsahariana nun cadro que tería como esquinas Senegal, Etiopía, Angola e Mozambique, excluíndo partes de África central e do corno de África e da costa occidental.

Ámbas as especies son bastante comúns, aínda que a distribución xeográfica de P. aethiopicus é menor, e a IUCN aígnalles o status "Pouco preocupante". Porén, unha das subespecies que se nominaran da especie P. aethiopicus, que vivía no sur de África, chamada Phacochoerus aethiopicus aethiopicus considérase extinta desde o século XIX.[2]

Características e comportamento

[editar | editar a fonte]
Cranio

Posúen unha cabeza grande con verrugas características, distribuídas por pares. Os ollos están situados no alto da cabeza para vixiar mellor os posibles depredadores, como o león ou o leopardo. O fociño é longo e del sobresaen dous pares de cairos, que se usan para escavar e para defenderse. Os cairos miden de 25,5 a 63,5 cm de longo nos machos e son menores nas femias.[3] O corpo é grande e as patas curtas. A pesar diso, é un bo corredor. Posúe un rabo razoablemente longo, que mantén en posición ergueita mentres corre. O adulto pesa entre 50 e 100 kg. A altura na cruz é duns 75 cm. Aínda que o corpo está cuberto de sedas, visto a distancia o seu corpo e cabeza parecen espidos, e só destaca unha crista de pelos no dorso e penachos na face e rabo.

Aliméntanse esencialmente de herba ou raíces, bulbos e tubérculos que escavan co fociño. Ocasionalmente tamén comen pequenos animais.[4]

Os machos loitan polas femias en combates violentos. A xestación dura 175 días, tralos cales nacen normalmente catro crías, que son destetadas aos dous meses. As crías permanecen a carón da nai ata o parto seguinte.

Como todos os porcos, usa o barro para refrescarse e protexerse de parasitos e insectos. Viven en pequenos núcleos familiares compostos por unha femia e as súas crías. Os machos viven sós. Malia que son bos cavadores, non constrúen as súas propias toqueiras: prefiren vivir nas que son abandonadas por outros animais, como o porco formigueiro.

  1. 1,0 1,1 Wilson, D.E.; Reeder, D.M., eds. (2005). Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494. 
  2. d'Huart, J.P.; Butynski, T.M.M. & De Jong, Y. (2008). "Phacochoerus aethiopicus". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2010.1. International Union for Conservation of Nature. Retrieved 20 April 2010.
  3. Novak, R. M. (editor) (1999). Walker's Mammals of the World. Vol. 2. 6th edition. Johns Hopkins University Press, Baltimore. ISBN 0-8018-5789-9
  4. Kingdon, J. (1997). The Kingdon Guide to African Mammals. Academic Press Limited, London. ISBN 0-12-408355-2

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]