[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Ostrácodos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ostracoda»)
Ostrácodos
Rango fósil:
Ordovícico ao Recente, desde hai 450 millóns de anos
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Ostracoda
Latreille, 1802
Subclases e Ordes

 Myodocopa Sars, 1866

Myodocopida Sars, 1866
Halocyprida Dana, 1853

 Podocopa Sars, 1866

Platycopida Sars, 1866
Podocopida Sars, 1866

Os ostrácodos (Ostracoda), do grego όστρακον, óstrakon, 'cuncha' e ειδής, eidés, 'con aspecto de', son unha clase de crustáceos da que se identificaron unhas 70.000 especies, das cales só 13.000 existen actualmente,[1] agrupadas en varias ordes. Son crustáceos de pequeno tamaño, normalmente de 1 mm de longo, pero poden variar de 0,2 a 30 mm (no caso de Gigantocypris). Os seus corpos son aplanados lateralmente e están protexidos por unha "cuncha" quitinosa ou calcaria de dúas valvas. A bisagra entre as dúas valvas está na parte superior (dorsal) do corpo. Os ostrácodos agrúpanse para a súa clasificación segundo a súa morfoloxía básica, pero os grupos poden non ser monofiléticos,[2] e as súas filoxenias moleculares permanecen ambiguas.[3]

Ecoloxicamente os ostrácodos mariños poden formar parte do zooplancto, pero o máis común é que forman parte do bentos (animais do fondo mariño). Moitos ostrácodos, especialmente os Podocopida, tamén se encontran na auga doce, e coñécense especies terrestres de Mesocypris do solos de bosques húmidos de Suráfrica, Australia e Nova Zelandia.[4] Teñen dietas moi variadas, e o grupo inclúe carnívoros, herbívoros, preeiros e filtradores.

En 2008 coñecíanse unhas 2.000 especies e 200 xéneros de ostrácodos non mariños.[5] Porén, unha gran porción da súa diversidade aínda está por describir, localizada en puntos quentes de biodiversidade non documentados de hábitats acuáticos temporais de África e Australia.[6] Da diversidade específica e xenérica coñecida dos ostrácodos non mariños, a metade (unhas 1.000 especies e 100 xéneros) pertencen a unha familia (de entre un total de 13 familias), a dos Cyprididae.[6] Moitos Cyprididae ocoren en corpos de auga temporais e teñen ovos resistentes á seca, reprodución mixta/partenoxenética, e a capacidade de nadar. Estes atributos biolóxicos preadaptáronos para poder orixinar exitosas radiacións neses hábitats.[7]

Os grandes ostrácodos Herrmannina do Silúrico (Ludlow) no xacemento de Soeginina (Formación Paadla) no leste da illa Saaremaa de Estonia.

Os ostrácodos son "con diferenza os artrópodos máis comúns no rexistro fósil"[8] e os seus fósiles encóntranse desde o Ordovícico temperán ao presente. M. B. Hart realizou un esquema do perfil de microfauna zonal baseado nos foraminíferos e ostrácodos.[9] Atopárose ostrácodos de auga doce en ámbar do Báltico de idade eocena, que presumiblemente foi arrastrado polas augas durante inundacións.[10]

Os ostrácodos foron especialmente útiles para a biozonación de estratos mariños a escala local ou rexional, e son indicadores moi valiosos de paleoambientes a causa da súa abundancia, pequeno tamaño, facilidade de conservación, xeralmente con mudas, caparazóns bivalvos calcificados; as valvas son microfósiles frecuentes.

Un descubrimento feito e 2014 e anunciado en 2014 en Queensland, Australia na área do Riversleigh World Heritage en Australia, revelou espécimes machos e femias con tecidos brandos moi ben preservados, incluído o pene máis antigo conservado.[11] Os machos tiñan espermatozoides observables que é o máis antigo observado e, cando foi analizado, mostrou estruturas internas e foi considerado o espermatozoide máis longo (en relación co tamaño corporal) de todo o reino animal. Estimouse que a fosilización realizouse ao longo de varios días, debido ao fósforo das deposicións de morcegos nas covas onde vivían os ostrácodos.[12]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Anatomía de Cypridina mediterranea.

O corpo dos ostrácodos está encerrado en dúas valvas, que lembran superficialmente ás da cuncha dunha ameixa.

Partes brandas

[editar | editar a fonte]

O corpo consta de cabeza e tórax, separadas por unha constrición. A diferenza de moitos outros crustáceos, o corpo non está claramente dividido en segmentos. O abdome está en regresión ou ausente, mentres que as gónadas do adulto son relativamente grandes.

A cabeza é a parte máis grande do corpo, e leva a maior parte dos apéndices. Utilizan dous pares de antenas ben desenvolvidas para nadar. Ademais, teñen un par de mandíbulas e dous pares de maxilas. O tórax tipicamentre ten dous pares de apéndices, pero estes están reducidos a un só par, ou completamente ausentes en moitas especies. Os dous rami ou proxeccións, desde o extremo da cola, apuntan cara a atrás e lixeiramente cara a fóra desde a parte posterior da cuncha.[13]

Os ostrácodos non teñen branquias, xa que captan o oxíxeno por medio de placas branquiais situadas na superficie do corpo. A maioría dos ostrácodos non teñen corazón ou sistema circulatorio, e o sangue circula simplemente entre as valvas da cuncha. Os residuos nitroxenados excrétanse por medio de glándulas situadas nas maxilas, antenas, ou en ambas as dúas.[13]

O sentido principal para os ostrácodos é probablemente o tacto, xa que teñen pelos sensitivos no seu corpo e apéndices. Porén, posúen un só ollo naupliar e, nalgúns casos, tamén un par de ollos compostos.[13]

Reconstrución palaeoclimática

[editar | editar a fonte]
Valvas dun ostrácodo articulado en sección transversal do Permiano do centro de Texas; vista en sección fina típica dun ostrácodo fósil.

Estase a desenvolver un novo método que se pode usar para inferir as paleotemperaturas chamado rango de temperatura de ostrácodos mutuo (MOTR, do inglés mutual ostracod temperature range), similar ao rango climático mutuo (MCR) usado para os escaravellos.[14] A proporción de oxíxeno-18 respecto ao oxíxeno-16 (δ18O) e a proporción de magnesio respecto ao calcio (Mg/Ca) na calcita das valvas de ostrácodos poden utilizarse para inferir información sobre réximes hidrolóxicos pasados, o volume de xeo global e as temperaturas da auga.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

Os ostrácodos macho teñen dous penes, que se corresponden coas dúas aberturas xenitais ou gonóporos das femias. Os espermatozoides adoitan ser grandes e están enrolados dentro dos testículos antes do apareamento; nalgúns casos, os espermatozoides desenrolados poden ter ata seis veces a lonxitude total do corpo do macho. O apareamento ocorre tipicamente durante o enxameamento, cun gran número de femias que nadan para unirse aos machos. Algunhas especies son parcial ou totalmente partenoxenéticas.[13]

Na maioría dos ostrácodos, os ovos libéranse directamente na auga e pasan a formar parte do plancto, ou son adheridos á vexetación ou ao substrato. Porén, nalgunhas especies os ovos son incubados dentro da cuncha, o que lles dá un alto grao de protección. Os ovos eclosionan liberando unha larva nauplius, que xa ten unha cuncha dura.[13]

Predadores

[editar | editar a fonte]

Os ostrácodos son depredados por unha variedade de fauna nos ambientes acuáticos e terrestres. Un exemplo de depredación nos ambientes mariños é a que realizan certos Cuspidariidae que usan cilios que sobresaen de estruturas inhalantes para detectaren os ostrácodos, cos que arrastran a estes por medio dunha violenta succión.[15] Tamén sofre a depredación por parte de animais superiores; por exemplo, os anfibios, como o tritón Taricha granulosa aliméntanse de certos ostrácodos.[16]

Bioluminescencia

[editar | editar a fonte]

Algúns ostrácodos teñen un órgano luminoso no cal producen substancias químicas luminescentes.[17] A maioría usan a luz como defensa contra a depredación, mentres que algunhas especies caribeñas usan a luz para o apareamento. Estes ostrácodos brillan con luz azul na escuridade da noite. As súas propiedades bioluminescentes fixéronos valiosos para o exército xaponés durante a segunda guerra mundial, que os recollían e utilizaban como iluminación suficiente para ler mapas e papeis pola noite.[18]

  1. Richard C. Brusca & Gary J. Brusca (2003). Invertebrates (2nd ed.). Sinauer Associates. ISBN 978-0-87893-097-5. 
  2. Richard A. Fortey & Richard H. Thomas (1998). Arthropod Relationships. Chapman & Hall. ISBN 978-0-412-75420-3. 
  3. S. Yamaguchi & K. Endo (2003). "Molecular phylogeny of Ostracoda (Crustacea) inferred from 18S ribosomal DNA sequences: implication for its origin and diversification". Marine Biology 143 (1): 23–38. doi:10.1007/s00227-003-1062-3. 
  4. J. D. Stout (1963). "The Terrestrial Plankton". Tuatara 11 (2): 57–65. 
  5. K. Martens, I. Schon, C. Meisch & D. J. Horne (2008). "Global diversity of ostracods (Ostracoda, Crustacea) in freshwater". Hydrobiologia 595 (1): 185–193. doi:10.1007/s10750-007-9245-4. 
  6. 6,0 6,1 K. Martens, S. A. Halse & I. Schon (2012). "Nine new species of Bennelongia De Deckker & McKenzie, 1981 (Crustacea, Ostracoda) from Western Australia, with the description of a new subfamily". European Journal of Taxonomy 8: 1–56. 
  7. Horne, D. J.; Martens, Koen (1998). "An assessment of the importance of resting eggs for the evolutionary success of non-marine Ostracoda (Crustacea)". En Brendonck, L.; De Meester, L.; Hairston, N. Evolutionary and ecological aspects of crustacean diapause 52. Advances in Limnology. pp. 549–561. ISBN 9783510470549. 
  8. David J. Siveter, Derek E. G. Briggs, Derek J. Siveter & Mark D. Sutton (2010). "An exceptionally preserved myodocopid ostracod from the Silurian of Herefordshire, UK". Proceedings of the Royal Society B 277 (1687): 1539–1544. PMC 2871837. PMID 20106847. doi:10.1098/rspb.2009.2122. 
  9. Malcolm B. Hart (1972). R. Casey; P. F. Rawson, eds. "A correlation of the macrofaunal and microfaunal zonations of the Gault Clay in southeast England". Geological Journal. Special Issue 5: 267–288. 
  10. Noriyuki Ikeya, Akira Tsukagoshi & David J. Horne (2005). Noriyuki Ikeya; Akira Tsukagoshi & David J. Horne, eds. "Preface: The phylogeny, fossil record and ecological diversity of ostracod crustaceans". Hydrobiologia 538 (1–3): vii–xiii. doi:10.1007/s10750-004-4914-z. 
  11. Oldest penis:
    O pene fosilizado máis antigo descuberto ata agora data de arredor de hai 100 millóns de anos. Pertence a un crustáceo chamado ostrácodo, descuberto en Brasil que mide só 1 mm.
  12. World's oldest sperm 'preserved in bat poo', Anna Salleh, ABC Online Science, 14 May 2014, accessed 15 May 2014
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Robert D. Barnes (1982). Invertebrate Zoology. Filadelfia: Holt-Saunders International. pp. 680–683. ISBN 0-03-056747-5. 
  14. D. J. Horne (2007). "A mutual temperature range method for European Quaternary nonmarine Ostracoda" (PDF). Geophysical Research Abstracts (European Geosciences Union) 9: 00093. 
  15. John D. Gage & Paul A. Tyler. Deep-Sea Biology: A Natural History of Organisms at the Deep-Sea Floor. University of Southampton. ISBN 978-0-521-33665-9. 
  16. C. Michael Hogan (2008). "Rough-skinned Newt ("Taricha granulosa")". Globaltwitcher, ed. N. Stromberg. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2009. Consultado o 08 de outubro de 2016. 
  17. Osamu Shimomura (2006). "The ostracod Cypridina (Vargula) and other luminous crustaceans". Bioluminescence: Chemical Principles and Methods. World Scientific. pp. 47–89. ISBN 978-981-256-801-4. 
  18. Jabr, Ferris. "The Secret History of Bioluminescence". Hakai Magazine. Consultado o 6 July 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]