[go: up one dir, main page]

Saltar ao contido

Else Lasker-Schüler

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaElse Lasker-Schüler

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(de) Elisabeth Schüler Editar o valor en Wikidata
11 de febreiro de 1869 Editar o valor en Wikidata
Elberfeld, Alemaña Editar o valor en Wikidata
Morte22 de xaneiro de 1945 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
Xerusalén Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio xudeu do Monte das Oliveiras Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Xerusalén Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpoetisa, salonnière, escritora, dramaturga Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeHerwarth Walden (1903–1912)
Berthold Lasker Editar o valor en Wikidata
ParellaGottfried Benn Editar o valor en Wikidata
ParentesRosa Zifferer, curmán Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
1933-1945Emigration from Nazi Germany 1933-1945 (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDeutsche Biographie (en) Traducir
Obálky knih,
Verbrannt, verboten, vergessen (en) Traducir, (p.109-113) >>>:Lasker-Schüler, Else Editar o valor en Wikidata
Páxina webelse-lasker-schueler-gesellschaft.de Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm1523912 BNE: XX994860 iTunes: 119217594 Musicbrainz: 059fde3c-ab18-4224-906b-a104cef3f6f7 Songkick: 2823956 Discogs: 936299 IMSLP: Category:Lasker-Schüler,_Else WikiTree: Schüler-1576 Editar o valor en Wikidata

Elisabeth Lasker-Schüler, con apelido de solteira Elisabeth Schüler, nada en Elberfeld, que hoxe en día forma parte de Wuppertal (Alemaña) o 11 de febreiro de 1869 e finada en Xerusalén o 22 de xaneiro de 1945, foi unha poeta alemá. É considerada unha referente da vangarda e do expresionismo na literatura alemá. Ademais de ser escritora, debuxaba no seu tempo libre.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixe e infancia

[editar | editar a fonte]

A Elisabeth Schüler, coñecida como Else Schüler, naceu no seo dunha familia xudía o 11 de febreiro de 1869 en Elberfeld, que hoxe en día forma parte de Wuppertal, e creceu no barrio de Brill en Elberfeld. Era a menor dos seis fillos de Jeanette Schüler, con apelido de solteira Kissing (1828-1890), unha das figuras centrais na súa poesía. O seu pai foi Aaron Schüler (1825-1869), un banqueiro privado que máis tarde se convertería no modelo do personaxe principal do drama Die Wupper (O río Wupper). Tras a morte dos seus pais, Jeanette Kissing foi acollida pola familia do editor e político Leopold Sonnemann en Frankfurt.

O pai de Else, Aaron Schüler, e o banqueiro berlinés, Julius Israel Schüler (1827-1908), eran irmáns de Rosa Sonnemann, muller de Leopold Sonnemann. Jeanette coñeceu o seu marido Aaron Schüler grazas ao seu irmán Julius.

Else foi considerada un prodixio familiar, xa que sabía ler e escribir aos catro anos. A partir de 1880 asistiu ao colexio Lyceum West an der Aue. Logo de abandonar a escola, recibiu clases particulares na casa de seus pais.

Cando tiña 13 anos, faleceu o seu irmán predilecto, Paul. A súa nai morreu o 27 de xullo de 1890, o que para ela significou a «expulsión do paraíso».[1]

Matrimonio e primeiros poemas

[editar | editar a fonte]

En 1894, Else Schüler casou e trasladouse a Berlín; o seu marido foi o médico Jonathan Berthold Lasker, o irmán máis vello de Emanuel Lasker, campión mundial de xadrez durante moitos anos.

En 1897 sofre a perda do seu pai. O 24 de agosto de 1899 naceu o seu fillo Paul (1899-1927). Este mesmo ano publicáronse os seus primeiros poemas; o seu primeiro volume de poemas, titulado Styx (Estix), publicouse en 1901.

O 11 de abril de 1903 divorciouse de Berthold Lasker[1]. O 30 de novembro dese mesmo ano casou co escritor Georg Lewin, coñecido polo pseudónimo Herwarth Walden que inventou Else Lasker-Schüler.

Outras publicacións

[editar | editar a fonte]

En 1906, Lasker-Schüler publicou a súa primeira obra en prosa, Das Peter Hille-Buch (O libro de Peter Hille), tras a morte de Hille, un dos seus mellores amigos. En 1907 publicou a súa primeira colección de prosa Die Nächte der Tino von Bagdad (As noites de Tino de Bagdad). En 1909 publicou a peza teatral Die Wupper, que non se chegou a representar ata 1919. Co libro de poemas Meine Wunder (Os meus milagres; 1911), Lasker-Schüler converteuse na principal representante do expresionismo literario alemá.

En 1910, separouse de Herwarth Walden e, dous anos máis tarde, divorciouse deste segundo matrimonio. Ese mesmo ano Walden casou en Londres coa sueca Nell Roslund. Sen ingresos propios, Else Lasker-Schüler vivía das axudas dos seus amigos, en particular de Karl Kraus, editor de Die Fackel. No verán de 1912, Else Lasker-Schüler coñeceu a Gottfried Benn, co que trazou unha intensa amizade, plasmada nun gran número de poemas de amor dedicados a este. Gottfried Benn, no seu Discurso sobre Else Lasker-Schüler en 1952, eloxiouna como «a máis grande poeta que Alemaña tivo» e loou a súa lingua como «un alemán exuberante, suntuoso e delicado [...]». Na súa lingua era capaz de expresar os seus sentimentos, pero sen descubrir «o misterio» do seu ser.[2]

A correspondencia con Franz Marc

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1912, a xilografía Versöhnung (Reconciliación), creada por Franz Marc e homónima ao poema de Else Lasker-Schüler,[3] foi portada do número dobre da revista artística Der Sturm, editada por Herwarth Walden. En decembro dese mesmo ano, Franz e Maria Marc coñeceron en Berlín a poeta, xa divorciada de Herwarth Walden[4]. Entre Marc e Lasker desenrolouse unha estreita amizade e, mesmo antes dese primeiro encontro, xa mantiñan correspondencia. O príncipe Jussuf de Tebas (Else Lasker-Schüler) e o Xinete Azul (Franz Marc)[5] carteábanse con certa intensidade ata o verán de 1914. Da totalidade de postais e cartas pintadas a man, 66 son de Else Lasker-Schüler e 28 de Franz Marc. Nelas, Lasker-Schüler conxugaba o debuxo coa escritura, mentres que Marc plasmaba na parte frontal un debuxo en acuarela ou con tinta chinesa e titulábao no dorso, onde tamén escribía.

A primeira postal de Marc, titulada de forma reveladora como O xinete azul presenta a súa Maxestade o seu cabalo azul, veu seguida da acuarela A torre dos cabalos azuis, onde lle felicita o Aninovo de 1913. Marc creou a devandita postal a partir dun esbozo a lapis. Trátase do único bosquexo coloreado que se conserva do homónimo óleo perdido.[6]

No catálogo de exposicións Else Lasker-Schüler: Die Bilder, editado pola especialista Ricarda Dick, saliéntase a maneira na que Marc adoptou os símbolos pictóricos da poeta nas súas acuarelas, enriquecendo así as súas composicións pictóricas e escritas.[7]

De acordo co historiador Peter Klaus Schuster, a singularidade desta amizade artística radicou en que Franz Marc se amosou como un «pintor poético» nas súas cartas, ás que Else Lasker-Schüler respondeu acompañando as súas palabras con debuxos.[8]

Na última postal, Marc enviou a ilustración dun escenario idílico prealpino de Baviera. A acuarela Schloss Ried (Castelo de Ried) representa unha paisaxe bucólica, na que un xinete azul, montado nun cabalo da mesma cor, caza un cervo cunha lanza. Estaba ideada para o fillo enfermo da poeta, Paul. Esta imaxe serviu como frontispicio para a súa novela Der Malik[9]. Die Briefe an den blauen Reiter Franz Marc (O malik. Serie de cartas ao xinete azul Franz Marc), a cal apareceu entre 1913 e 1915 nas revistas literarias Die Aktion e Der Brenner. En 1915, Else Lasker-Schüler revisouna e corrixiuna para publicala máis tarde, en 1919, como primeira parte da novela „Der Malik.“ Eine Kaisergeschichte mit selbstgezeichneten Bildern und Zeichnungen («O malik». A historia dun káiser con ilustracións e debuxos propios). Nela figura a dedicatoria: «Para o meu inesquecible amigo Franz Marc/ O Xinete Azul / para a posteridade».[10]

Emigración e exilio

[editar | editar a fonte]

A morte prematura do seu fillo Paul (1899-1927) debido á tuberculose precipitou a poeta nunha profunda crise. Por todo isto, publicou unha necroloxía titulada Mein Sohn (O meu fillo).[11]  

Xunto con Richard Billinger a poeta recibiu no ano 1932 o último Premio Kleist concedido antes da toma do poder do Partido Nacionalsocialista. Tras varias agresións físicas por parte dos nazis e ante o perigo que corría a súa vida, decidiu emigrar cara a Zúric o 19 de abril de 1933, pero alí prohibíronlle traballar. A policía de estranxeiría cantonal e municipal, que contaba con detectives de control, só expedía permisos de residencia temporais, polo que se viu obrigada a cambiar de domicilio constantemente.[12] En 1934 e 1937 emprendeu  desde Zúric  dúas viaxes cara a Palestina, «a súa terra hebrea».

No ano 1938, desposuírona da nacionalidade alemá e converteuse nunha «sen papeis».[13] En 1939, viaxou por terceira vez cara Palestina. Non obstante, o comezo da Segunda Guerra Mundial impediulle volver a Suíza. Alén disto, as autoridades suízas denegaron o seu visado de retorno.[14]

En Xerusalén, Lasker-Schüler viviu primeiro no hotel Vienna e, a partir de maio do ano 1940, no hotel Atlantic, ambos na concorrida rúa Ben Yehuda. O seu último fogar foi unha habitación privada para subarrendar na rúa King George en Rehavia no verán de 1941. A poeta recibiu unha pensión honorífica mensual: a metade outorgada pola Axencia Xudía para Israel e, a outra, polo editor Salman Schocken. Todo isto permitiulle levar unha vida económica razoablemente segura. Perdeu a maioría das súas amizades cando emigrou. Non obstante, mantivo un pequeno círculo de amigos con outras persoas que tamén tiveran que emigrar, no que a maioría foron escritores ou filósofos, como Werner Kraft, Martin Buber, Samuel Hugo Bergman, Salman Schocken e Ernst Simon.[15] Nos últimos anos de vida, admirou o filósofo relixioso Simon, ao que lle mandaba innumerables cartas e poemas. Entre o seu legado, atópanse 14 cartas para Simon escritas entre os anos 1940 e 1943. No seu último volume de poemas Mein blaues Klavier – Neue Gedichte (O meu piano azul – novos poemas) publicados no ano 1943 figuran 12 poemas dedicados a Simon.[16] A devoción que sentía Lasker-Schüler cara a Simon foi o tema principal da novela biográfica escrita por Christa Ludwig sobre a poeta.[17]

Lasker-Schüler sentiuse desesperada en Palestina. Imaxinouse outro tipo de vida en Xerusalén e acabou decepcionada por ese motivo. Ademais, a todo isto sumouse a dor pola perda da súa terra natal e das súas innumerables amizades de Alemaña; a situación de guerra; os asasinatos de xudeus nos campos de concentración que se foron coñecendo; os disturbios e numerosos levantamentos que se produciron entre xudeus e árabes en Palestina baixo o Mandato británico e, por último, as disposicións recollidas no Libro Branco de 1939 polas que se impuxo a drástica restrición da entrada de barcos de refuxiados xudeus nos portos marítimos. Simultaneamente, Lasker-Schüler preocupábase por conseguir un acordo pacífico entre xudeus e árabes e, segundo fontes da súa época, foi moi coñecida nas famosas rúas de Xerusalén por ser unha anciá poeta incansable.

Lasker-Schüler, con máis de 70 anos e empobrecida, sen poder volver a Europa pero aínda vestida de «príncipe Jussuf», converteuse no albo das risas dos colonos e dos intelectuais de Xerusalén. Fundou o «Kraal», un salón literario que o filósofo Martin Buber inaugurou no Centro Cultural Francés o 10 de xaneiro de 1942.[18]

Algunhas destacadas autorías xudías e poetas prometedores asistiron aos seus programas literarios, pero a Lasker-Schüler acabaron por prohibirlle as súas lecturas e conferencias, xa que as impartía en alemán. Desesperada ante a situación, pediulle ao rabino da sinagoga alemá de Xerusalén que lle permitise utilizar o seu lugar de culto unha vez máis.[19]

Nos seus últimos anos de vida, Lasker-Schüler traballou na súa obra dramática IchundIch (EueEu), inacabada, da que só quedou un fragmento. O seu volume de poemas Mein Blaues Klavier (O meu piano azul) do ano 1943 foi unha edición limitada da que se crearon 330 exemplares completos.

No ano 1944, caeu gravemente enferma. O 16 de xaneiro Else Lasker-Schüler sufriu un infarto de miocardio e, tras varios días, o 22 de xaneiro de 1945 faleceu. Foi enterrada no monte das Oliveiras en Xerusalén.

A súa despedida literaria foi un símil do seu último alento por superar a soidade do exilio. A dedicatoria estaba dirixida aos seus inesquecibles amigos de Alemaña e a todos os exiliados. Alén disto, pediu nunha das súas últimas aparicións en público que «non bombardeasen a súa cidade natal, Wuppertal, nin os seus arredores».[20]

A lápida de Lasker-Schüler, ao igual que moitas outras lápidas históricas, destruíuse como consecuencia da división de Xerusalén no ano 1948 logo de que o monte das Oliveiras estivera baixo a administración xordana. A lápida, creada por Leopold Krakauer, atopouse tras a conquista israelí de Xerusalén Este na guerra dos Seis Días. Estaba agochada xunto a unha autovía que a administración xordana construíra no ano 1960 e que atravesaba o milenario cemiterio xudeu. En 1975, erixiuse a lápida de Lasker-Schüler na súa localización actual. Está situada sobre un zócolo branco e inclúese unha placa con inscricións en hebreo e alemán que anuncia que Else Lasker é quen descansa baixo a pedra.[21]

Else Lasker-Schüler deixou un extenso traballo lírico, tres obras dramáticas, así como bosquexos curtos e relatos como traballos en prosa, ademais de cartas, documentos e numerosos debuxos. Estableceuse como a precursora da vangarda, principalmente a través da súa poesía salmódica e do seu drama poético de ambiente Die Wupper.[22]

Ao longo da súa vida os seus poemas apareceron en diferentes revistas, como por exemplo, na revista do seu segundo marido Der Sturm, na revista satírica Die Fackel de Karl Kraus ou tamén na revista anarquista Kampf. Ademais, ela mesma recompilou unha serie de volumes de poesía, dos que ilustrou parte. Entre os que se atopan:

  • Styx, primeiro libro de poemas publicado en 1902
  • Der siebente Tag (O sétimo día), segundo libro de poemas publicado en 1905
  • Meine Wunder, primeira edición 1911
  • Hebräsche Balladen (Baladas hebreas),1913
  • Gesammelte Gedichte (Poesía reunida), 1917
  • Mein blaues Klavier (1943), último volume de poemas escrito desde o exilio, homónimo a un poema seu

Na súa obra, a poesía amorosa ocupa un espazo importante, pero tamén había oracións ou poemas cunha tematica profundamente relixiosa; as transicións entre eles adoitan ser fluídas. Especialmente na obra dos seus últimos anos abundan os motivos bíblicos ou, de forma máis xeral, orientáis. Lasker-Schüler non adoitaba seguir ás regras formais da poesía, á vez lograba crear obras dunha gran concentración interior, e non tiña reparos ofrecendo expresións léxicas propias.

En 1908 escribiu Die Wupper, a súa primeira obra dramática, considerada de maior importancia. Publicouse en 1909 e estreouse o 27 de abril de 1919 no Deutsches Theater de Berlín. En 1958, despois da segunda guerra mundial, tivo lugar en Düsseldorf a representación desta peza, dirixida polo director teatral Hans Bauer e con escenografía do suízo Teo Otto.

En 1933, estaba prevista a estrea de Arthur Aronymus und seine Väter (Arthur Aronymus e os seus pais) no Schillertheater de Berlín, obra que predicía a persecución dos xudeus. Porén, os nazis retirárona de maneira inmediata do programa pouco antes de que esta se producira.[23]

A referencia á actualidade política daquel momento é aínda máis explícita en IchundIch, a última obra dramática inacabada da poeta, na que traballou no exilio en Xerusalén ata pouco antes da súa morte. É unha complexa secuela de Fausto, a obra de Goethe. Nela, Mefistófeles e Fausto observan desde o inferno como Hitler vai conquistando o mundo. Ante tales atrocidades, mesmo Mefistófeles acaba por decatarse de que non se debe apoiar a vileza e, xunto a Fausto, implóralle redención a Deus. Logo prodúcese a ascensión de ambos ao ceo, mentres o Terceiro Reich arde nun mar de chamas.

IchundIch causou controversia entre os expertos nas obras da poeta. Para algúns é unha peza case profética, ao describir antes de 1944 a caída do réxime nazi, como no caso do escritor e poeta Armin Juhre e do actor Ernst Ginsberg, mentres outros só ven nela signos de decadencia espiritual. Por todo isto, durante moitos anos só foi accesible para fins científicos. Nun principio non estaba nin publicada e en 1961 só se publicaron uns fragmentos da obra. Non foi ata 1969 cando saíu a luz unha edición crítica e completa no Jahrbuch der Deutschen Schillergesellschaft. Finalmente, a estrea mundial tivo lugar o 10 de novembro de 1979 no teatro Schauspielhaus Düsseldorf. Do mesmo modo, o 8 de decembro de 1979, representouse no Schauspielhaus Wuppertal. Con motivo do 150 aniversario do nacemento da poeta, a compañía de teatro Wuppertaler Bühnen do Schauspielhaus Wuppertal, baixo a dirección da israelí Dedi Baron, representou IchundIch nunha instalación artística nos espazos da empresa Riedel Communications.[24]

Morriña por Xerusalén

[editar | editar a fonte]

A poesía de Else Lasker-Schüler, que trataba sobre Xerusalén e a Terra Prometida, reflicte dous polos opostos: as imaxes idealizadas e as súas circunstancias políticas e persoais daquel tempo.[25] Xerusalén, a cidade á que dirixía o seu sentimento de morriña, podía estar no corazón, podía ser un soño da infancia ou podía ser un lugar dun mundo de fantasía protexido da nenez e dos contos de fadas, pero sobre todo era a imaxe prometida do máis alá. Así, a súa prosa e poesía entrelazábanse coas imaxes bíblicas, coa historia do pobo xudeu, coas experiencias persoais sobre o exilio e, ao mesmo tempo, coas vivencias no país e na cidade de Xerusalén.[26]

Recepción contemporánea

[editar | editar a fonte]

Else Lasker-Schüler foi unha persoa moi coñecida na súa época, razón pola que a poeta e as súas obras espertaron distintos sentimentos entre varias persoas contemporáneas. Algunhas autorías criticaron tanto a súa figura como a poesía pola que foi tan renomeada. Este é o caso de Franz Kafka que argumentou: «non soporto os seus poemas e non sinto máis que aburrimento polo seu baleiro e desgana polo esforzo artificial [...]». En cambio, outros como Franz Werfel ou Werner Kraft só teñen palabras de admiración e agarimo cara á poeta.

Monumentos e placas conmemorativas

[editar | editar a fonte]
  • A escultura Engel für Jerusalem (Anxo para Xerusalen), de Horst Meister no bosque Aminadav, situada xunto ó monumento a Kennedy, cerca de Xerusalén.
  • Na rúa Herzogstraße no centro de Wuppertal-Eberfeld, hai un monumento do artista Stephan Huber que recorda a poeta desde 1989. Foi unha iniciativa de Heinrich Böll e ten o título de Meinwärts (Cara a min), a última palabra (inventada) do poema Weltflucht (Fuxida do mundo). A escultura está formada por dúas estelas de mosaico de granito negro enfrontadas coa imaxe da poeta mirándose a si mesma.
  • En Berlin-Halensee, na rúa Katharinenstraße n.º 5, hai unha placa conmemorativa que recorda a artista, no lugar onde residiu de 1909 a 1911 e desde onde se editou a revista Der Sturm, xunto co seu marido Herwarth Walden.
  • En Berlín-Schöneberg, na rúa Motzstraße n.º 7, hai unha placa en conmemoración a Else Lasker-Schüler, que viviu aquí, no Hotel Sachsenhof, de 1924 a 1933.

Películas e teatro

[editar | editar a fonte]
  • 1979: Ich räume auf (Eu poño orde!), película titulada como o polémico escrito da autora. Foi dirixida por Georg Brintrup e producida pola radio e  televisión pública alemá WDR. Gisela Stein encarna o papel de Else Lasker-Schüler.
  • 1989: Berlin Jerusalem (Reino Unido, Francia, Países Baixos, Italia), película dirixida e guionizada por Amos Gitai que se basea nas biografías de Else Lasker-Schüler e Manja Schochat.
  • 2006: A peza teatral Verscheucht de Gerold Theobalt é unha homenaxe escénica a Else Lasker-Schüler. Estreouse no Schauspielhaus Zúric en 2006. A obra Stiefmutterland, do mesmo director, describe o seu camiño desde Wuppertal ata Berlín e a súa amizade co poeta vagabundo Peter Hille. A Sociedade Else Lasker-Schüler encargou ambas obras.
  • 1989: A peza teatral Fetzen Paradies é unha colaxe biográfica con textos das obras de Else Lasker-Schüler da súa época en Berlín. Está composta por sete partes que exemplifican a traxedia e a poesía das súas épocas vitais. Está dirixida por Ilona Zaripov, aínda que Isabella Mamatia foi a responsable da actuación e recompilación de textos. A produción representouse un total de 175 veces, tanto en Alemaña como no estranxeiro.
  • 2019: Estrea da ópera IchundIch, dirixida por Johannes Harneit, na Ópera Estatal de Hamburgo o 3 de novembro de 2019.
  • 2005: No álbum Ich träume so leise von dir do Proxecto Else Lasker-Schüler, cantantes coñecidas, como Katja Riemann e Suzie Kerstgens, interpretan poemas de Lasker-Schüler.
  • 2006: Gravación do CD Else Lasker-Schüler-Zyklus por Wilhelm Rettich. Contén 26 cancións para voz e piano compostas entre 1923 e 1928.
  • 2006: Estrea mundial do ciclo de cancións Tenet de David Philip Hefti en Zúric. Contén catro cancións para soprano e orquestra de cámara compostas en 2003 a partir de poemas de Else Lasker-Schüler.
  • 2019: Estrea mundial de Ich habe Dich gewählt..., poema sinfónico No. 2, Op. 82 para orador, mezzosoprano, coro e orquestra de Lutz-Werner Hesse.

Epónimos

[editar | editar a fonte]
  • Else-Lasker-Schüler-Gesellschaft, sociedade literaria e política fundada en Wuppertal en 1990, como unha sociedade literaria e política.
  • Premio de teatro Else Lasker-Schüler (desde 1993).
  • Un colexio de Wuppertal-Elberfeld leva o seu nome e pertence a unha rede de escolas pioneiras na loita contra o racismo.
  • Nas cidades alemás de Berlín (distrito de Schöneberg, 1998), Múnic (2012), Colonia, Leverkusen, Wuppertal, Haan, Solingen, Geseke, Gotinga, Wolfsburgo, Telgte, Hanau, Friburgo, Bensheim , así como en Zúric, pódese atopar unha rúa que leva o nome desta autora.
  • O asteroide (20074) ten o nome Laskerschueler.
  • O conxunto de cámara alemán-israelí chámase Else Ensemble en honor á autora.

Filatelia

[editar | editar a fonte]

Con motivo do 150 aniversario do seu nacemento, a Deutsche Post AG emitiu un selo cun valor facial de 70 céntimos. O primeiro día de emisión foi o 7 de febreiro de 2019. Foi deseñado pola berlinesa Julia Warbanow.

Exposicións

[editar | editar a fonte]
  • Debuxos no Museo Nacional de Schiller na cidade de Marbach (Neckar), do 22 de xaneiro ao 2 de abril de 1995.
  • Sieh in mein verwandertes Gesicht exposta na Galería de Arte de Barmen, do 9 de abril ao 28 de maio de 1995.
  • Else Lasker-Schülers Jerusalem na Universidade Hebrea de Xerusalén, 1995.
  • I and I. Drawings by Else Lasker-Schüler no Museo de Israel, 1997.
  • Schrift – Bild – Schrift exposta en Casa Museo August Macke de Bonn, do 29 de outubro de 2000 ao 18 de febreiro de 2001.
  • Erbittert nicht, aber traurig war ich. Exposición sobre Else Lasker-Schüler exposta na Biblioteca Central de Zúric en Suíza do 27 de novembro de 2006 ao 26 de xaneiro de 2007. Co apoio do Arquivo ELS da Biblioteca Nacional de Xerusalén.
  • Der Prinz von Theben. Else Lasker-Schüler: Dichterin, Zeichnerin, Rebellin exposta en Felix Nussbaum Haus, Osnabrück do 3 de xuño ao 9 de setembro de 2007.
  • Himmel und Hölle zwischen 1918 und 1989. Die verbrannten Dichter exposta no Museo de Arte de Solingen desde o 30 de marzo de 2008, desde entón permanece no Centro Alemán de Artes Perseguidas deste museo como exposición permanente.
  • Else Lasker-Schüler. Die Bilder. Do 8 de setembro de 2010 ao 9 de xaneiro de 2011 estivo exposta no Museo Xudeu de Frankfurt e do 21 de xaneiro de 2011 ao 1 de maio de 2011 no museo Hamburger Bahnhof Berlin.
  • Else Lasker-Schüler: Gestirne und Orient. Die Künstlerin im Kreis des Blauen Reiters exposta no Museo Franz Marc en Kochel am See do 23 de setembro de 2012 ata o 6 de xaneiro de 2013.
  • Fluxus 32: Else Lasker-Schüler und Moshe Spitzer 1943 in Jerusalem exposta no Museo de Literatura Moderna en Marbach (Neckar) do 14 de abril de 2015 ao 27 de setembro de 2015.
  • Else Lasker-Schüler. “Prinz Jussuf von Theben” und die Avantgarde exposta no Museo Von der Heydt en Wuppertal do 6 de outubro de 2019 ao 16 de febreiro do 2020.

Primeiras edicións (cronoloxicamente)

[editar | editar a fonte]
  • Styx (poemas). Juncker, Berlín 1902.
  • Der Siebente Tag (poemas). Verlag des Vereins für Kunst, Berlín-Charlottenburg, 1906. Versión dixitalizada.
  • Das Peter Hille-Buch. Juncker, Stuttgart & Berlin 1906.
  • Die Nächte der Tino von Bagdad (poemas e novelas curtas).Juncker, Berlín 1907.
  • Die Wupper. Oesterheld, Berlín 1919.
  • Meine Wunder. Dreililien, KarlsruheDreililien, Karlsruhe & Leipzig 1911.
  • Mein Herz. Ein Liebesroman mit Bildern und wirklich lebenden Menschen (novela). Bachmair, Múnic 1912.
  • Hebräische Balladen. A. R. Meyer,Berlín 1913.
  • Essays. Cassirer, Berlin 1913.
  • Gesichte. Essays und andere Geschichten (ensaios e relatos). Wolff, Leipzig 1913
  • Der Prinz von Theben. Ein Geschichtenbuch. Verlag der Weißen Bücher, Leipzig 1914.
  • Die gesammelten Gedichte.Verlag der Weißen Bücher, Leipzig 1917.
  • Der Malik. Eine Kaisergeschichte. Cassirer, Berlín 1919.
  • Gedichte. 2 partes. Berlín. Cassirer 1920. Contén:
    • Hebräische Balladen (versión estendida), dixitalizada.
    • Die Kuppel, dixitalizada
  • Der Wunderrabiner von Barcelona (relato). Cassirer, Berlín 1921.
  • Theben  (poemas e litografía). Querschnitt, Frankfurt 1923.
  • Ich räume auf! Meine Anklage gegen meinen Verleger. Lago, Zúric 1925.
  • Arthur Aronymus. Die Geschichte meines Vaters. Rowohlt, Berlín 1932. Estrea en 1936 da versión dramática Arthur Aronymus und seine Väter publicada en 1932.
  • Konzert. Essays und Gedichte. Rowohlt, Berlín 1932.
  • Das Hebräerland (prosa). Oprecht, Zúric 1937.
  • Mein blaues Klavier. Neue Gedichte. Jerusalem Press, Xerusalén 1943.
  • IchundIch. Eine theatralische Tragödie. Edición e epílogo a cargo de Margarete Kupper). Kösel, Múnic, 1980. Estrea en 1979.

Edicións de obras completas

[editar | editar a fonte]
  • Die gesammelten Gedichte.Verlag der Weißen Bücher, Leipzig 1917.
  • Werke. Lyrik, Prosa, Dramatisches. Ed. Sigrid Bauschinger. Artemis und Winkler, Múnic 1991.
  • Werke und Briefe. Kritische Ausgabe. 11 volumes. Encargado polo Centro Franz Rosenzweig da Universidade Hebrea de Xerusalén, a Universidade de Wuppertal e o Arquivo de Literatura Alemá en Marbach (Neckar). Editado por Andreas B. Kilcher [a partir do vol. 9], Norbert Oellers, Heinz Rölleke e Itta Shedletzky.
  • Sämtliche Gedichte. Editado por Karl Jürgen Skrodzki. Jüdischer Verlag, Frankfurt 2004.
  • Die Gedichte. Editado e comentado por Gabriele Sander. Reclam, Stuttgart 2016.
  • Else Lasker-Schüler. Die Bilder. (Catálogo) Editado por Ricarda Dick por encargo do Museo Xudeu de Frankfurt. Con ensaios de Ricarda Dick e Astrid Schmetterling., Jüdischer Verlag im Suhrkamp Verlag, Berlín 2010, ISBN 978-3-633-54246-8.
  • Else Lasker-Schüler, Franz Marc: Mein lieber, wundervoller blauer Reiter. Privater Briefwechsel. Editado por Ulrike Marquardt, Artemis & Winkler, Düsseldorf 1998, ISBN 3-538-06820-8.
  • Ricarda Dick (ed.): Else Lasker-Schüler – Franz Marc. Eine Freundschaft in Briefen und Bildern. Mit sämtlichen privaten und literarischen Briefen (inclúe o facsímile de Der Malik). Prestel, Múnic 2012, ISBN 978-3-7913-4668-7.
  1. 1,0 1,1 "Else Lasker-Schüler: Meine Wunder.". literaturundkunst.net. 
  2. Dieter Wellershoff (2003) Essays & Aufsätze, Reden & Vorträge, Prosa, Stücke aus dem Nachlaß. Frankfurt am Main. Gottfried Benn. Rede auf Else Lasker-Schüler , p. 1102.
  3. Else Lasker-Schüler 1869–1945. Ed. Erika Klüsener und Friedrich Pfäfflin. Marbacher Magazin 71/1975, Deutsche Schillergesellschaft, Marbach (am Neckar) 1995, ISBN 3-929146-26-6, p. 92-93.
  4. "Maria Marc in Sindelsdorf". www.literaturportal-bayern.de (en alemán). Consultado o 2022-01-28. 
  5. Michael Baumgartner, Cathrin Klingsöhr-Leroy, Katja Schneider (2010) (ed.): Franz Marc. Paul Klee. Dialog in Bildern. Nimbus. Kunst und Bücher, Wädenswil. ISBN 978-3-907142-50-9.
  6. Franz Marc – Else Lasker-Schüler, Der blaue Reiter präsentiert Eurer Hoheit sein blaues Pferd, Karten und Briefe. Editado e comentado por Peter-Klaus Schuster. Prestel, München 1987, ISBN 3-7913-0825-4.
  7. Ricarda Dick. Else Lasker-Schüler als Künstlerin. Extraído de: Else Lasker-Schüler. Die Bilder. p. 136.
  8. Franz Marc – Else Lasker-Schüler, Der blaue Reiter präsentiert Eurer Hoheit sein blaues Pferd. p. 6.
  9. Franz Marc – Else Lasker-Schüler, Der blaue Reiter präsentiert Eurer Hoheit sein blaues Pferd. p. 159.
  10. Marbacher Magazin 71/1995, p. 151.
  11. "Herbert Fritsche: Lasker-Schüler". www.kj-skrodzki.de. Consultado o 2022-01-28. 
  12. Else Lasker-Schüler 1869–1945. (1995) Ed. Erika Klüsener e Friedrich Pfäfflin. Marbacher Magazin 71/1975, Deutsche Schillergesellschaft. Marbach (am Neckar). ISBN 3-929146-26-6.
  13. Else Lasker-Schüler 1869–1945. (1995). Ed. Erika Klüsener e Friedrich Pfäfflin. Marbacher Magazin 71/1975, Deutsche Schillergesellschaft, Marbach (am Neckar). ISBN 3-929146-26-6, p. 295.
  14. Dagmar C. G. Lorenz: 1939: Else Lasker-Schüler becomes permanently exiled in Jerusalem when Swiss immigration authorities deny her reentry to Switzerland. New Haven : Yale Univ. Press, 1997, p. 563–570.
  15. Ricarda Dick. Epílogo de Mein blaues Klavier - Neue Gedichte. Jüdischer Verlag en Suhrkamp Verlag, 2006
  16. Skrodzki, Karl Jürgen. "Freundschaft mit Else Lasker-Schüler (S–Z)". www.kj-skrodzki.de (en alemán). Consultado o 2022-01-28. 
  17. Christa Ludwig (2018). Ein Bündel Wegerich. Verlag Oktaven, Stuttgart. ISBN 978-3-7725-3008-1.
  18. Henrik Eger. Ed. Martin Tucker. Greenwood Press, New York, Westport, 1991, ISBN 0-313-23870-7, p. 408–410.
  19. Sigrid Bauschinger (1980). Else Lasker-Schüler: Ihr Werk und Ihre Zeit. Stiehm, Heidelberg 1980, ISBN 978-3-7988-0038-0, p. 270.
  20. Henrik Eger. Ed. Martin Tucker. Greenwood Press, New York, Westport, CT 1991, ISBN 0-313-23870-7, p. 408–410.
  21. Sigrid Bauschinger. Else Lasker-Schüler. Biographie, Göttingen 2004, p. 447.
  22. Kiesel, Helmuth (2004). Geschichte der literarischen Moderne. C. H. Beck, Múnic ISBN 3-406-51145-7, p. 89.
  23. BITTNER, VON RALF. "Scheiterhaufen für die Literatur". Herford: Aktuelle News & Nachrichten (en alemán). Consultado o 2022-01-28. 
  24. Wuppertaler Bühnen und Sinfonie orchester: ICHUNDICH. (Xa non está dispoñible en liña.) (Páxina xa non dispoñible, buscar en [performance=2324 archivos web])
  25. Monika Lindinger (2010). Glitzernder Kies und Synagogengestein. Kindheit und Erinnerung in Else Lasker-Schülers Prosa. Peter Lang, Frankfurt, Jüdische Studien V. 8, ISBN 978-3-631-60142-6, p. 141–169.
  26. Glitzernder Kies und Synagogengestein. Kindheit und Erinnerung in Else Lasker-Schülers Prosa. Peter Lang, Frankfurt 2010, Jüdische Studien V. 8, ISBN 978-3-631-60142-6, p. 143.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Falkenberg, Betty (2003). Else Lasker-Schüler: A Life. McFarland. ISBN 978-0-7864-1460-4. OCLC 237796728.
  • Frommholz, Rüdiger (1982). Lasker-Schüler, Else. Neue Deutsche Biographie (NDB), volume 13,  páx. 652–656. Duncker & Humblot, Berlín. ISBN 3-428-00194-X, (Dixitalizado).
  • Grunfeld, Frederic V. (1976). Prophets Without Honour: A Background to Freud, Kafka, Einstein and Their World. Holt, Rinehart and Winston. ISBN 978-0-03-017871-9.
  • Gutiérrez Girardot, Rafael (1996). Moriré callando: Tres poetisas judías: Gertrud Kolmar, Else Lasker-schüler, Nelly Sachs. Montesinos. ISBN 8489354278.
  • Hessing, Jakob (1985). Else Lasker-Schüler. Biographie einer deutsch-jüdischen Dichterin. Von Loeper, Karlsruhe. ISBN 3-88652-100-1.
  • Hofmann, Markus (1994). Zum Verhältnis Gottfried Benns mit Else Lasker-Schüler, publicado en Z. Zeitschrift für Kultur- und Geisteswissenschaften, n.º 6, 2.º ano. Fösse, Hannover. ISSN 0945-0580.
  • Kettern, Bernd (1992). Lasker-Schüler, Else, publicado en Biographisch-Bibliographisches Kirchenlexikon (BBKL). Volume 4,  col. 1193–1201. Bautz, Herzberg. ISBN 3-88309-038-7.
  • Klaue, Magnus (2011). Poetischer Enthusiasmus. Else Lasker-Schülers Ästhetik der Kolportage. Colonia, Böhlau. ISBN 3-412-20680.
  • Kupper, Margarete (1986). Nachwort zu „IchundIch“. En: Else Lasker-Schüler: O Wupper e outros dramas. Dtv, Múnic.  ISBN 3-423-10647-6.
  • Lermen, Birgit & Motté, Magda (eds.) (2010). Gedichte von Else Lasker-Schüler. Interpretationen. Reclam, Stuttgart. ISBN 978-3-15-017535-4.
  • Lindinger, Monika (2010). Glitzernder Kies und Synagogengestein. Kindheit und Erinnerung in Else Lasker-Schülers. Jüdische Studien, Bd. 8. Peter Lang. ISBN 978-3-631-60142-6.
  • Lipsker, Avidov (2010). Red Poem\Blue Poem: Seven Essays on Uri Zvi Grinberg and Two Essays on Else Lasker-Schüler. Ramat Gan: Bar Ilan University Press.  ISBN 978-9652263933.
  • Schwertfeger, Ruth (1991). Else Lasker-Schüler: Inside this Deathly Solitude. Berg. ISBN 978-0-85496-177-1. OCLC 23869141.